Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 23 de xullo de 2001 Páx. 10.002

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2001 pola que se fai público o contido das bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica para proxectos empresariais de investimento.

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión de 13 de xullo de 2001, aprobou as bases reguladoras das axudas do Igape para proxectos empresariais de investimento, segundo o texto que se xunta á presente resolución, facultando a directora xeral a súa publicación.

Polo que antecede,

RESOLVO:

Facer público o texto das bases reguladoras das axudas do Igape para proxectos empresariais de investimento, o que se xunta á presente resolución.

O crédito reservado para o financiamento das axudas que se concederán no exercicio 2001 con cargo a estas bases ascende a 21.155.626,07 euros (3.520.000.000 de pesetas).

O dito crédito financiarase con cargo ós orzamentos do Igape para 2001, podéndose establecer compromisos plurianuais dentro dos límites autorizados e coas contías e contra as partidas orzamentarias seguintes:

02.01.10.01.01.656; 12.621.254,19 euros, equivalentes a 2.100.000.000 de pesetas.

02.01.10.02.01.656; 8.414.169,46 euros, equivalentes a 1.400.000.000 de pesetas.

01.01.10.01.02.623; 120.204,42 euros, equivalentes a 20.000.000 de pesetas.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2001.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

Bases reguladoras de axudas do Igape para proxectos empresariais de investimento

Estas bases teñen por finalidade regula-lo establecemento de axudas que contribúan a fomentar e mante-la actividade económica, así como favorece-lo desenvolvemento equilibrado do territorio galego e logra-lo incremento do emprego.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 12 de xullo de 2001, aprobou o Decreto sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, norma que ten como finalidade actualiza-lo marco normativo dos incentivos á actividade empresarial nesta comunidade. Esta norma é declarada compatible co Tratado CE segundo decisión da Comisión (axuda estatal nº 498/2000).

Este programa está dirixido fundamentalmente a impulsar novos proxectos empresariais que se implanten na Comunidade Autónoma, e aqueloutros que contribúan á ampliación e modernización dos

establecementos existentes, establecendo límites mínimos de investimento e emprego, e unha discriminación positiva para proxectos de nova implantación, proxectos de alto contido tecnolóxico, así como para proxectos que se sitúen en zonas desfavorecidas. As presentes bases configúranse como un marco normativo estable para o período de vixencia do Marco de Apoio Comunitario 2000-2006, sen prexuízo da súa capacidade de adaptación ás circunstancias conxunturais e ás prioridades estratéxicas da política económica da Xunta de Galicia neste período.

A concepción do proxecto empresarial de investimento que permita enmarcalo nunha axeitada planificación integral materialízase nun plan estratéxico que se presenta como obrigatorio para os investimentos superiores a 3.000.000 de euros (499.158.000 pesetas) e baremable nos restantes. Este concepto integral do proxecto facilita o seu tratamento global, evitando a tramitación de expedientes individualizados para as diferentes categorías de gastos.

Introdúcese por vez primeira a prestación directa polo Igape dos servicios de apoio que resulten aconsellables para favorece-la implantación en Galicia de novas empresas.

Base 1ª.-Obxecto.

As presentes bases desenvolven o conxunto de actuacións destinadas a incentivar proxectos de investimento que, superando con carácter xeral os 600.000 euros (99.831.600 pesetas) de investimento subvencionable, supoñan a creación, ampliación ou modernización das empresas e favorezan o incremento do emprego. Este programa incidirá, especialmente, naqueles proxectos que supoñan un primeiro establecemento na Comunidade Autónoma de Galicia, todo iso co obxecto de favorece-la actividade económica e, en xeral, asegura-la dinamización e desenvolvemento do tecido productivo galego.

Base 2ª.-Tipos de axuda.

Poderán concederse os seguintes tipos de axuda:

a) Subvención a fondo perdido sobre o investimento subvencionable, segundo os conceptos enumerados na base 5ª.

b) Servicios de apoio ó establecemento de novos proxectos que constitúan a primeira implantación da empresa na Comunidade Autónoma.

Base 3ª.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios:

3.1. Aquelas sociedades con obxecto empresarial que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter radicado ou preve-la radicación dalgún centro de actividade de carácter permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Desenvolver no centro radicado en Galicia algunha das actividades subvencionables que se sinalan na base 4ª.

c) Presentar un proxecto no que o seu orzamento de investimento subvencionable, segundo a base 5ª, ascenda como mínimo ós 600.000 euros (99.831.600 pesetas) e que sexa considerado viable técnica, económica e financeiramente polo Igape. Aqueles proxectos con orzamento superior a 3.000.000 de euros (499.158.000 pesetas), presentaranse enmarcados nun plan estratéxico que defina as perspectivas de futuro da empresa.

d) Achegar para o proxecto de investimento un autofinanciamento de alomenos un 30% do seu importe, que non poderá ser obxecto de axuda ou subvención ningunha.

e) A creación de emprego. Para proxectos de investimento entre 600.000 e 6.000.000 de euros (99.831.600 pesetas e 998.316.000 pesetas), a súa ratio investimento/emprego a crear deberá ser inferior a 240.000 euros (39.932.640 pesetas), ou ben estar encadrado en ramas de actividade cun emprego inducido moi elevado e así o declare o Consello de Dirección do Igape. Para proxectos de investimento superior a 6.000.000 de euros (998.316.000 pesetas) o emprego que se cree deberá ser significativo con base nas características do proxecto.

f) Acreditar, para aquelas empresas con actividade no momento de presentaren a súa solicitude, alomenos, un 35% de empregos con contrato indefinido nos seus centros de traballo radicados en Galicia. Esta porcentaxe mínima reducirase ó 33% para empresas cun cadro de persoal inferior a 10 traballadores. Para o cumprimento deste requisito computarase o emprego de tódolos centros de traballo que a empresa teña en Galicia.

Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadaren como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadaren a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione, así como a mante-la estructura de emprego estable inicial.

g) Comprometerse a manter unha determinada composición do accionariado nos supostos en que esta represente un elemento substancial para garanti-la viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto e así se establecese na resolución de concesión.

3.2. Para os efectos previstos nestas bases, entenderase por novas empresas as que se constituísen ou iniciasen a actividade en data inferior a un ano natural desde a data de presentación da solicitude das axudas.

3.3. Tamén poderán ser beneficiarios os socios actuais ou futuros, persoas físicas ou xurídicas, así como traballadores actuais de sociedades, que proxecten participar en ampliacións de capital destinadas a financia-los seus proxectos de investimento.

3.4. Excepcionalmente e logo de xustificación no expediente, o Consello de Dirección do Igape poderá:

a) Autorizar niveis de creación de emprego inferiores ós establecidos con carácter xeral na alínea e) do punto 3.1 anterior ós proxectos de investimento que se encadren en sectores emerxentes ou os que, sendo de escasa implantación en Galicia, sexan significativamente demandados no consumo interno ou se consideren de alto valor engadido, e así sexan especificamente declarados polo Consello de Dirección.

b) Autorizar, nos casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a non esixencia da porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda ou o non cumprimento da porcentaxe de emprego indefinido que está obrigado a manter durante o período de vixencia da axuda.

c) Exceptuar, no caso de solicitudes presentadas por novas empresas, o requisito de investimento subvencionable mínimo superior a 600.000 euros (99.831.600 pesetas), cando a iniciativa empresarial se encadre nunha actividade considerada intensiva en emprego.

Base 4ª.-Actividades subvencionables.

4.1. Serán subvencionables ó abeiro deste programa as actividades económicas seguintes:

a) As de extracción, procesamento, transformación e comercialización das produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras e forestais.

b) A extracción, procesamento, transformación, producción e comercialización de minerais, productos enerxéticos ou os seus derivados.

c) A industria manufactureira, o turismo, servicios de apoio industrial e a artesanía.

d) A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

e) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, audiovisual, telemática, telecomunicación e calquera outra de avanzada tecnoloxía, así como os procesos de creación intelectual propios das ditas actividades.

f) A fabricación e comercialización de bens de equipo ou unidades productivas relacionadas con calquera das actividades anteriormente relacionadas.

4.2. O Igape poderá establecer convenios individual ou conxuntamente cos distintos departamentos da Xunta de Galicia e outras institucións públicas, co fin de implementar liñas de apoio sectoriais ou de proxectos que se xulguen estratéxicos. O réxime e condicións delas adecuaranse ó que se estableza nos citados convenios, que serán obxecto de publicación no DOG.

4.3. Para aquelas actividades que se atopen comprendidas dentro dos sectores regulados por normas específicas da Unión Europea sobre axudas estatais, as axudas previstas nestas bases axustaranse en cada caso ás ditas normas específicas.

4.4. Periodicamente, e con base nas estratexias da política económica que resulten aplicables, o

Consello de Dirección do Igape determinará as actividades subvencionables e as preferentes.

Base 5ª.-Conceptos subvencionables.

5.1. Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido, consideraranse conceptos subvencionables os seguintes:

A) Gastos de investimento realizados en:

a) Adquisición de terreos, necesarios para acomete-lo proxecto.

b) Traídas e conexións de servicios.

c) Urbanización e obras exteriores adecuadas ás necesidades do proxecto.

d) Obra civil en: oficinas, laboratorios, servicios sociais, e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de producción, edificios de servicios industriais, almacenamento de productos terminados e outras obras vinculadas ó proxecto.

e) Bens de equipo: maquinaria de proceso, servicios de electricidade, subministración de auga potable, elementos de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente, e outros bens de equipo ligados ó proxecto. No sector de transporte quedan excluídos os gastos destinados á adquisición de elementos de transporte (activos móbiles).

f) Outros investimentos en activos fixos materiais.

g) Traballos, estudios de planificación, enxeñería de proxecto e dirección facultativa.

h) Aplicacións informáticas, propiedade industrial e intelectual, incluíndo gastos de investigación e desenvolvemento que realice a propia empresa, e outros activos intanxibles ligados ó investimento, en contía non superior ó 25% do investimento total aprobado no proxecto.

B) Outros gastos ligados ó investimento. Dentro dos límites máximos de axuda que se establecen na base 16ª calculados sobre a base uniforme composta polos conceptos de investimento subvencionable, poderanse acoller outros gastos ligados ó investimento consistentes en:

a) Gastos financeiros vinculados ás operacións de préstamo, crédito ou arrendamento financeiro, ata un máximo do 75% do investimento subvencionable, destinadas a financia-lo proxecto investidor, á cancelación de pasivos a curto prazo que se tivesen formalizado para o financiamento destes investimentos ou as achegas de capital que o financien, e que se devenguen durante os 5 primeiros anos da dita operación. Para o cálculo dos ditos gastos financeiros observaranse as condicións que se establezan na póliza ou no contrato, e para o cálculo do tipo de xuro o que sexa aplicable no momento da disposición da operación financeira correspondente, sempre que o mesmo se entenda axustado ás condicións de mercado. O importe da subvención destinarase á amortización do préstamo subvencionado. As axudas relativas a achegas de capital non poderán excede-los límites cuantitativos establecidos no Regulamento

(CE) nº 69/2001 da Comisión da Unión Europea do 12 de xaneiro de 2001 relativo ás axudas de mínimis.

b) No caso de proxectos de primeiro establecemento dunha empresa ou centro de actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, os aprovisionamentos necesarios para o inicio da actividade. O seu importe non poderá ser superior ó 10% da facturación prevista no primeiro exercicio económico completo. Así mesmo poderán computarse, logo da súa declaración segundo o disposto no número 5.6 desta base, as asistencias técnicas para a elaboración de estudios vinculados á toma de decisión de emprende-lo proxecto inversor.

5.2. Os investimentos deberán realizarse en bens de primeiro uso, salvo no caso de que o proxecto consista no traspaso dun establecemento que pechase ou tería pechado de non procederse á súa readquisición. Neste caso, computarase como importe subvencionable máximo o valor de taxación recollido en informe elaborado por sociedade de taxación homologada.

5.3. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos ditos bens mediante fórmulas de pagamento adiado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes da finalización do prazo concedido para a execución do proxecto.

5.4. O importe do investimento subvencionable determinarase excluíndo os impostos que gravan a adquisición dos bens.

5.5. Serán subvencionables os investimentos realizados e pagados con posterioridade á presentación da solicitude de axuda.

5.6. Nos casos de proxectos de primeiro establecemento, os interesados, previamente á realización de estudios vinculados á toma de decisión de emprende-lo proxecto de investimento, poderán presentar ó Igape unha declaración do seu interese, segundo o modelo do anexo I a fin de que posteriormente os ditos gastos poidan ser computados como subvencionables segundo o establecido na alínea 5.1B)b) desta base.

Base 6ª.-Criterios preferentes de concesión.

6.1. Con carácter xeral, e ata un máximo do 15% dos gastos subvencionables, teranse en conta na concesión e na determinación da contía da axuda aqueles proxectos que cumpran os seguintes criterios:

a) A creación de emprego.

b) Primeiro establecemento. Proxectos que dean orixe á primeira implantación dunha empresa ou centro de actividade na Comunidade Autónoma.

c) As características do proxecto. Valorarase:

-O carácter dinamizador do proxecto para a economía da zona na que se implante.

-O carácter innovador do proxecto.

-O valor engadido que xere.

-A utilización de materias primas autóctonas.

-A orientación da producción cara á exportación.

-A adaptación e mellora ambiental.

-A incorporación de tecnoloxía avanzada.

-Que o proxecto, aínda sendo de contía inferior a 3.000.000 de euros (499.158.000 pesetas) de investimento subvencionable, se enmarque nun plan estratéxico que cumpra os requisitos do modelo 2 anexo III.

-As necesidades de axuda con base na rendibilidade esperada do proxecto.

d) Cando a porcentaxe de contratación indefinida sexa igual ou superior ó 45% do emprego neto a crear, incrementarase nun punto porcentual a porcentaxe de subvención resultante de aplica-los criterios de valoración anteriores.

e) A porcentaxe resultante da aplicación dos anteriores criterios poderá incrementarse nun punto porcentual con base na localización do proxecto para os beneficiarios que pretendan desenvolve-la súa actividade en:

e.1. Zonas afectadas pola crise dun sector industrial declarado en reconversión ou, en casos concretos, as afectadas polo peche de empresas da actividade das cales dependese de xeito importante a poboación desa zona.

e.2. Zonas especialmente desfavorecidas onde exista un especial abandono de poboación segundo os últimos censos oficiais de poboación, ou presenten un nivel de desenvolvemento inferior á media.

e.3. Parques empresariais.

e.4. Zonas que favorezan as agrupacións sectoriais co fin de obter sinerxias e economías a escala.

Para os efectos do previsto nos puntos anteriores, periodicamente publicaranse polo Igape publicará as zonas afectadas.

f) Así mesmo, poderase establecer un coeficiente multiplicador anticíclico cando se considere conveniente en función da evolución dos principais agregados macroeconómicos da Comunidade Autónoma.

6.2. Dentro do límite máximo de intensidade de axuda e, con base no carácter dinamizador do proxecto, o Consello de Dirección do Igape, poderá acordar supera-la porcentaxe de subvención sinalada na alínea 6.1 anterior para aqueles proxectos que, sendo de nova implantación na Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvan actividades ou elaboren productos que entre outros cumpran algunha das seguintes condicións:

a) Teñan unha demanda interna elevada.

b) Correspondan a sectores emerxentes ou de alta tecnoloxía.

c) Sexan intensivos en emprego altamente especializado.

d) Estean situadas en zonas afectadas por circunstancias excepcionais que supoñan un freo na súa actividade económica.

Base 7ª.-Servicios de apoio.

Con carácter complementario e con base no seu interese estratéxico, o Igape poderá prestar de oficio servicios de apoio previos ó establecemento de novos proxectos, a favor daquelas empresas que pretendan implantarse por primeira vez na Comunidade Autónoma. Estes servicios poderán consistir, entre outros, en:

-Información e asesoramento dos trámites que se seguirán para a implantación do proxecto.

-Estudios necesarios para sustenta-la decisión de implantación.

-Xestións de busca de ubicacións idóneas para o proxecto.

-Tramitación ante organismos públicos de autorizacións ou permisos necesarios para a súa posta en marcha.

-Facilitar contactos con outras empresas ligadas á súa actividade.

Base 8ª.-Tramitación.

8.1. Solicitude da subvención. As solicitudes das axudas previstas na base 2.a) presentaranse segundo o modelo que figura como anexo II nas oficinas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ou en calquera das formas previstas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8.2. A solicitude acompañarase de:

a) A documentación a que se refire o anexo III, que deberá presentarse en orixinal ou copia cotexada.

b) Calquera outra documentación ou información adicional que considere conveniente para unha correcta análise da solicitude.

8.3. Poderase excluír aquela documentación que se ache xa actualizada no Igape, debendo o solicitante especifica-lo número de expediente no que anteriormente foi achegada.

8.4. Nos casos nos que o solicitante xustifique que o inicio da execución do proxecto non admite demora e nembargantes non poida achegar algunha documentación por non tela expedido o órgano competente, poderase substituír pola presentación dun escrito razoado e a acreditación de ter solicitado a dita documentación ante o órgano ou persoa competente para expedila, existindo a obriga de achegala con carácter previo á proposta de resolución.

8.5. Emenda de defectos.

Sen prexuízo do establecido no punto 8.4 anterior, se coa solicitude non se achegase a documentación esixida nestas bases, requirirase o interesado para

que nun prazo de 10 días hábiles desde o seguinte á recepción do requirimento emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, en caso contrario, se considerará desistido da súa petición, dictándose a correspondente resolución de arquivo, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e cos efectos previstos no artigo 42.1º da dita lei. Este prazo, cando existan causas xustificadas, poderá ser prorrogado de oficio ou por instancia de parte por un período que non exceda a metade do inicial. O requirimento de documentación suspenderá o prazo para resolver.

8.6. Acta de presencia.

En data posterior á presentación da solicitude de subvención, o interesado deberá levantar acta notarial que reflicta de maneira faga a non iniciación dos investimentos para os que se solicita a axuda ou do estado de execución deles. Para os efectos de acreditar estes puntos, deberá presentarse ó Igape, dentro do prazo dos 15 días seguintes á presentación da solicitude, a correspondente acta notarial de presencia. Non obstante o anterior, o interesado poderá solicitar un prazo excepcional cando así o xustifique.

8.7. Estudio e avaliación da solicitude.

Unha vez completas as solicitudes, os proxectos serán estudiados polos servicios técnicos da Subdirección de Xestión de Incentivos á Dinamización Económica, e remitidos á Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos para a emisión do seu informe.

Para estes efectos o Igape poderá requirir do interesado calquera aclaración ou documentación complementaria que considere necesaria para unha adecuada avaliación do proxecto.

8.8. Instruído o procedemento pola Área de Financiamento do Igape e inmediatamente antes de dictar proposta de resolución, poñerase de manifesto ós interesados, para que no prazo de 10 días poidan alegar e presenta-los documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figure no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

8.9. Concesión.

a) Unha vez avaliadas as solicitudes, a Dirección Xeral do Igape elevará a proposta da Dirección da Área de Financiamento para a resolución do presidente do Igape.

b) O presidente do Igape resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas no prazo máximo de seis meses, descontados os de suspensión.

c) A concesión de subvencións por importe superior a 3.000.000 de euros (499.158.000 pesetas), requirirá a autorización do Consello da Xunta de Galicia.

d) Na resolución de concesión farase consta-lo importe dos investimentos subvencionables a xustificar, a contía e porcentaxe da subvención concedida, as condicións e prazos previstos no proxecto subvencionado, o prazo de vixencia para o cumprimento das condicións da subvención, así como a obriga por parte do preceptor da subvención de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análoga da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e, no seu caso, pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Ademais, xuntarase o dictame da Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos, que poderá sinalar outros apoios que polas características do proxecto puideran ser solicitados, e referencia-los aspectos e condicionantes que estimen oportunos para asegurar un óptimo desenvolvemento do proxecto.

Base 9ª.-Notificación e aceptación.

9.1. As resolucións de concesión deberán ser aceptadas por escrito polo beneficiario no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa notificación. En caso contrario, entenderase a renuncia do beneficiario, dictándose resolución neste sentido. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumpri-las condicións e obrigas establecidas na resolución, nestas bases e demais disposicións que sexan de aplicación.

9.2. Persoas xurídicas en constitución. Cando a concesión recaia sobre unha persoa xurídica en constitución, na resolución individual outorgarase un prazo máximo de 3 meses para que o beneficiario presente a documentación acreditativa da súa constitución e as circunstancias rexistrais, no caso de que non fose presentada anteriormente. O dito prazo poderá ser prorrogado de oficio ou por instancia do beneficiario por un período que non superará a metade do inicialmente acordado, sempre que existan causas xustificadas. Transcorrido o prazo sinalado no parágrafo anterior ou, se é o caso, as prórrogas concedidas ó mesmo, sen ter presentado a documentación, terase o interesado por decaído nos seus dereitos, dictándose resolución de arquivo.

Base 10ª.-Recursos.

10.1. As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nestas bases esgotarán a vía administrativa, polo que de conformidade co previsto na Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación.

10.2. Con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer no prazo dun mes computado desde o día seguinte á notificación da resolución, recurso potestativo de reposición que resolverá o Consello de Dirección do Igape.

Base 11ª.-Obrigas dos beneficiarios.

11.1. Os proxectos de investimento subvencionados deberán executarse dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución individual de concesión con cumprimento das condicións e prescricións nela establecidas, nas presentes bases ou demais normativa de aplicación. Excepcionalmente, en casos xustificados, os prazos poderán ser prorrogados de oficio ou por instancia do interesado, por un período que non exceda a metade do inicialmente concedido.

11.2. Son obrigas dos beneficiarios, as establecidas no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia, as establecidas no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e, en particular:

a) Achegar toda a documentación xustificativa da realización do proxecto nos termos da resolución de concesión.

b) Mante-lo investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos.

c) Cumpri-las demais condicións establecidas na resolución de concesión.

d) Facilita-las actividades de comprobación que o Igape considere oportuno realizar ó longo do desenvolvemento do proxecto ou en calquera fase do procedemento, que poderán ser exercidas directamente polo Igape ou polas empresas, persoas ou entidades que este designe, e presentar nos prazos concedidos para o efecto toda a documentación ou información que lle sexa solicitada en calquera momento polo Igape. Estas actividades de comprobación poderán ser entre outras:

-Visitas ás instalacións nas que se realizou o proxecto.

-Acceso a toda a documentación relacionada co proxecto.

-Acceso ós rexistros internos da empresa, nos que se baseen as xustificacións técnicas e administrativas.

e) Notificar ó Igape calquera acto administrativo (solicitude, resolución, pagamento, entre outros) recaído en calquera outro expediente de axudas destinado ó financiamento do mesmo proxecto.

11.3. O incumprimento das citadas obrigas poderá dar lugar á revogación da concesión e, se é o caso, ó reintegro do indebidamente percibido e os seus xuros de demora.

Base 12ª.-Incidencias e modificacións do proxecto.

12.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, en caso

de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

12.2. Os beneficiarios das subvencións quedan obrigados a comunicar ó Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foron concedidas as ditas axudas. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para o mesmo proxecto.

12.3. O presidente do Igape poderá acorda-la modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conducta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxeran a denegación da subvención.

12.4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será dictado polo órgano concedente unha vez instruído o correspondente expediente no que se dará audiencia ós interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figure no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

12.5. Sen necesidade de instar procedemento de modificación, o Igape poderá aceptar variacións nos diversos capítulos do orzamento aprobado, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non rebase o 20% de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o importe total aprobado nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolve-la concesión.

12.6. Cando o Consello da Xunta de Galicia autorizase a concesión inicial, deberá autorizar igualmente a súa modificación.

Base 13ª.-Xustificación.

13.1. A xustificación ante o Igape da execución do proxecto e do cumprimento de tódalas condicións será realizado polo beneficiario como máximo dentro dos catro meses seguintes ó vencemento do prazo de vixencia establecido na resolución de concesión para a execución del, mediante a presentación da documentación sinalada no anexo IV.

13.2. Cando na resolución individual de concesión se fixasen prazos parciais para que o beneficiario acredite a execución, como mínimo, dunha determinada porcentaxe dos gastos subvencionados ou o cumprimento doutras condicións, o seu incumprimento significará o inicio dun expediente que poderá finalizar coa revogación da axuda.

13.3. No caso de que existan razóns xustificadas para o atraso no cumprimento de condicións, os prazos de execución que se establecesen na resolución

de concesión poderán ser prorrogados de oficio ou a instancia do beneficiario mediante resolución expresa e motivada.

13.4. O cumprimento da condición relativa á creación e mantemento a determinada data dos postos de traballo acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

13.4.1. As empresas en actividade obrigaranse a mante-lo emprego existente. O emprego que se manterá será o resultante de dividi-la suma total de horas traballadas nos últimos doce meses anteriores á data de solicitude entre o número de horas/ano por posto de traballo regulado no correspondente convenio de aplicación, salvo no caso de que o número de postos de traballo resultante de dividi-la suma das horas traballadas no último mes inmediatamente anterior ó da data de solicitude multiplicado por doce, entre o número de horas/ano por posto de traballo regulado polo correspondente convenio, resultase superior. No dito caso, tomarase como número de emprego para manter este último, e será, pola súa vez, o número de referencia a partir do que se computará a creación de emprego neto. Ó longo de cada ano do prazo de vixencia da axuda, atendendo ó cálculo definido anteriormente, deberá cumprirse o número de postos de traballo para manter, e así mesmo, esta cifra de emprego para manter

deberá existir ó remata-lo dito prazo, ou, se é o caso, antes se estivesen cumpridas tódalas condicións da resolución individual.

13.4.2. En canto á obriga de creación de emprego, computarase a partir da cifra de emprego para manter e comprobarase á finalización do prazo de vixencia, ou antes se estivesen cumpridas tódalas condicións da resolución individual, debéndose acredita-la creación de postos de traballo con contratos indefinidos e/ou coa acreditación do efectivo mantemento dos postos de traballo durante alomenos dous anos.

13.4.3. En todo caso, alomenos o 35% do emprego creado deberá formalizarse mediante contratos de duración indefinida.

13.4.4. A cifra resultante da aplicación destas porcentaxes de emprego arredondarase ó número enteiro máis próximo.

13.5. Para os efectos de que o órgano xestor competente expida informe positivo do cumprimento das condicións, será necesario ter obtido as autorizacións administrativas que, para a instalación e ampliación das industrias, esixan as ordenanzas municipais e demais disposicións legais vixentes. Este informe entenderase emitido con carácter provisional ata transcorrido o prazo de 5 anos a partir da finalización do prazo de vixencia, prazo durante o que o Igape poderá realiza-las actuacións de comprobación que considere oportunas para verifica-la correcta aplicación das subvencions.

13.6. Excepcionalmente, cando a xustificación documental resulte insuficiente para acredita-lo importe e a realización de determinados gastos, o

Igape poderá solicitar, ademais, que se achegue informe de auditoría independente.

Base 14ª.-Aboamento das subvencións.

14.1. O aboamento das subvencións realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total ou parcial do proxecto de investimento e o cumprimento das condicións, de acordo coa seguinte regulación:

14.2. Para o cobramento da subvención, o beneficiario deberá presentar ó Igape unha solicitude de cobramento axustada ó modelo e coa documentación que se xunta como anexo IV, acompañada, se é o caso, do comprobante de constitución da garantía correspondente antes do pagamento efectivo dela.

14.3. Poderase solicita-lo cobramento:

a) Como liquidación única da subvención. Unha vez finalizado o prazo de vixencia e dentro do prazo máximo de catro meses, deberá acreditarse a execución da totalidade do proxecto de investimento e o cumprimento total de condicións establecidas na resolución individual.

Así mesmo, poderase efectuar un pagamento único da subvención, dentro do prazo de vixencia, aínda cando quede pendente de acreditar algunha condición, unha vez xustificada a execución da totalidade do proxecto subvencionado e o cumprimento daquelas condicións das que o prazo vencese con anterioridade á presentación da solicitude de cobro. Neste caso, o cobramento da subvención estará condicionado á previa presentación das oportunas garantías esixidas polo Igape nos termos indicados no letra E) da alínea b) desta base. Cando o beneficiario acredite que foron cumpridas tódalas condicións da resolución individual, autorizarase o levantamento do aval.

b) Mediante liquidacións parciais. Dentro do prazo de vixencia, e a medida que se vaia xustificando a realización do gasto subvencionado e o cumprimento de condicións, poderán efectuarse pagamentos parciais á conta da liquidación sempre que concorran os requisitos e circunstancias seguintes:

A) Que o interesado o solicite.

B) Que se xustifiquen non só os gastos en que se incorreu senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto á subvención concedida ata ese momento con cargo ó proxecto de investimento aprobado.

C) O importe que se pode satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso a anualidade prevista para cada exercicio orzamentario, de acordo co calendario anexo á resolución de concesión, nin excede-lo 80% do total da subvención concedida, nin solicitarse por un importe inferior a 30.050,61 euros (5.000.000 de pesetas).

D) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ó resultado da liquidación definitiva da subvención.

E) Deberase presentar garantía constituída mediante aval solidario de entidade financeira ou

outra garantía suficiente, depositada na Caixa Xeral de Depósitos que cubra o importe do pagamento parcial e dos seus xuros calculados ó tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da súa concesión e polo prazo que medie entre a data de solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran seis meses do fin do prazo de xustificación previsto na resolución de concesión.

Base 15ª.-Incumprimento.

15.1. Non se poderá esixi-lo pagamento da subvención concedida e procederá a revogación da axuda e, se é o caso, o reintegro total ou parcial da contía percibida e os xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

d) Incumprimento das condicións impostas ós beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

15.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas, supere a porcentaxe máxima de axuda establecida na base 16ª.

15.3. O procedemento de incumprimento será iniciado de oficio polo órgano do Igape que dictou a resolución de concesión, ben a iniciativa propia como consecuencia das actuacións de control da intervención xeral, por petición razoada doutros órganos que teñan atribuídas facultades de comprobación na materia, ou por denuncia.

15.4. O procedemento iniciarase mediante a comunicación ó beneficiario das presuntas causas determinantes do incumprimento e as súas posibles consecuencias. Os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ó trámite de audiencia, aducir alegacións ou achegar documentos e outros elementos de xuízo.

15.5. Incumprimento parcial. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións mínimas esixidas na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance e a obriga, se é o caso, de reintegro do percibido e os seus xuros de demora, de acordo cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos de gasto subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ó gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Se o incumprimento superara o 50% do investimento a que se obrigase o beneficiario, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse tódalas cantidades percibidas e os seus xuros de demora. Excepcionalmente, o Consello de Dirección do Igape poderá autorizar un incumpri

mento parcial cando as súas causas quedasen suficientemente xustificadas e non se desvirtuase a finalidade da subvención.

b) Tratándose de condicións referentes á creación e mantemento de postos de traballo, o alcance do incumprimento determinarase na proporción en que a dita condición quedase incumprida relacionando os postos non creados ou non mantidos cos que o beneficiario quedara obrigado ou que comprometese na resolución correspondente. Salvo que a resolución individual estableza outras condicións, o incumprimento será total cando non se cree e manteña no prazo de vixencia establecido, o 50% do emprego comprometido ou tivese como resultado a destrucción do emprego para manter. Excepcionalmente o Consello de Dirección do Igape poderá autorizar un incumprimento parcial cando as súas causas quedasen suficientemente xustificadas e non se desvirtuase a finalidade da subvención.

c) En caso de que o incumprimento se refira á obtención da subvención por unha contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, exceda os topes máximos legalmente permitidos, procederá o reintegro do exceso obtido sobre os ditos topes máximos.

d) Se o incumprimento derivara da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos previstos nos puntos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

e) A concorrencia de distintas causas de incumprimento ou incidencias dará lugar á aplicación a cada unha delas das regras previstas neste punto.

f) Procederá declara-la revogación total da axuda cando o incumprimento se refira ós requisitos que se establecen na base 3ª.

15.6. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución, poñerase de manifesto ós interesados, que disporán dun prazo de quince días para alegaren e presentaren os documentos e xustificacións que estimen pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

15.7. Presentadas as alegacións ou transcorrido o prazo de quince días sen contestación por parte do beneficiario, o Igape dictará a resolución que proceda, pronunciándose sobre o alcance do incumprimento e, se é o caso, a obriga de reintegro das cantidades percibidas.

15.8. Cando se acredite que o incumprimento non resulte de grande entidade, non desvirtúe a finalidade da axuda, non sexa imputable á empresa beneficiaria ou, quedando suficientemente xustificadas as causas, non se ocasionasen prexuízos a terceiros, o Igape poderá optar por incoar procedemento de modificación do proxecto inicial.

15.9. O prazo máximo para resolve-los procedementos sobre incumprimento será de seis meses computados desde o acordo de iniciación. Se pasado o dito prazo non se dictase resolución, entenderase

caducado o procedemento sen prexuízo de que se notifique a resolución declarando a caducidade e ordenando o arquivo das actuacións.

15.10. O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que se dicte resolución pola que se declare a dita circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que motivaron o procedemento de reintegro puideran ser constitutivos de infracción administrativa.

15.11. Será competencia dos órganos de recadación a xestión recadatoria en período voluntario e en período executivo nos expedientes de reintegro, en virtude do disposto pola Consellería de Economía e Facenda. As contías que se reintegren terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación o previsto nos artigos 19 e 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Base 16º.-Incompatibilidade.

16.1. As axudas previstas nestas bases serán incompatibles con calquera outra das reguladas polo Igape.

16.2. Polo demais, estas axudas serán compatibles con calquera outra das establecidas por calquera administración pública, institución ou ente público sempre e cando non se exceda, en termos de subvención neta equivalente, a porcentaxe do 40% sobre o investimento subvencionable, salvo nos casos de Pemes, nos que poderá acadarse ata o 55%.

Base 17ª.-Publicación de concesións.

Trimestralmente serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas ó abeiro das presentes bases para aqueles proxectos que superen os 300.000 euros, (49.915.800 pesetas) de gasto subvencionable, expresando beneficiario, finalidade, contía, emprego creado e aplicación orzamentaria.

Base 18ª.-Informes.

Para os efectos de configurar unha base de datos autonómica sobre axudas e subvencións públicas, segundo o establecido na disposición adicional terceira do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o Igape remitirá á Consellería de Economía e Facenda a información sobre a xestión das axudas establecidas nestas bases.

Base 19ª.-Restriccións do dereito de acceso a arquivos e rexistros.

En virtude do establecido no artigo 37 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, e a fin da necesaria protección do segredo comercial ou industrial dos solicitantes das axudas reguladas nestas bases, entenderase excluído o dereito de acceso a arquivos e rexistros administrativos respecto do plan estratéxico empresarial que, se é o caso, forme parte do expediente, así como daqueles outros documentos

que, polo seu contido, deban ter este mesmo tratamento.

Base 20ª.-Control e comprobación das axudas.

20.1. Sen prexuízo da comprobación material previa ó pagamento da realidade dos gastos subvencionados que proceda, o Igape, anualmente, elaborará un plan de comprobación de axudas e subvencións, cos criterios que estableza o seu Consello de Dirección e que, en todo caso, deberá garanti-la obxectividade da mostra sinalada. Todo iso sen prexuízo das competencias doutros organismos e entidades respecto vixilancia e control de axudas e subvencións.

20.2. Así mesmo, as empresas beneficiarias sométense ás actuacións de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como as que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento das axudas con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos ditos organismos.

Base 21ª.-Interpretación.

21.1. En todo o non disposto polas presentes bases, será de aplicación o disposto para axudas e subvencións na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

21.2. Corresponde ó presidente do Igape a facultade de dicta-las disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nestas bases, así como para resolve-las dúbidas concretas que se susciten en aplicación delas.

Base 22ª.-Vixencia.

22.1. As presentes bases entrarán en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terán vixencia indefinida mentres non se publique a súa derrogación expresa. Anualmente e unha vez aprobado o seu orzamento, o Igape publicará a reserva de crédito dispoñible con cargo a elas para cada exercicio orzamentario, limitándose a concesión ás dispoñibilidades orzamentarias.

22.2. No caso dos expedientes que non puideran ser resoltos favorablemente por falta de crédito, e unha vez habilitado no exercicio seguinte, os solicitantes poderán reitera-la súa solicitude, computándose a data da primeira solicitude para os efectos de realización das actuacións subvencionables.

Base 23ª.-Silencio administrativo.

As solicitudes que non fosen resoltas nos prazos que para cada caso se establecen nas presentes bases poderán considerarse desestimadas.