Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 23 de xullo de 2001 Páx. 9.990

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2001 pola que se fai público o contido das bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica de salvamento e reestructuración a empresas en crise.

O Consello de Dirección do Igape na súa reunión do 13 de xullo de 2001 aprobou as bases reguladoras das axudas do Igape de salvamento e reestructuración a empresas en crise, segundo o texto que se xunta a esta resolución, facultando a directora xeral para súa publicación.

Polo que antecede,

RESOLVO:

Facer público o texto das bases reguladoras das axudas do Igape para os programas de salvamento e reestructuración a empresas en crise, que se xunta a esta resolución.

O crédito reservado para o financiamento das axudas que se van conceder no exercicio 2001 con cargo a estas bases ascende a 300.506,05 euros, equivalentes a 50.000.000 de pesetas.

O dito crédito financiarase con cargo á partida 02.01.13.02.01.656 dos orzamentos do Igape para 2001, podendo establecer compromisos plurianuais dentro dos límites autorizados.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2001.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras da concesión polo Igape de axudas de salvamento e reestructuración a empresas en crise

A normativa da Unión Europea permite soamente en determinadas circunstancias, axudas públicas destinadas a salvar da quebra ás empresas en crise e a contribuír á súa reestructuración. A excepción vén normalmente unida a consideracións de política

social ou rexional, tendo en conta a función beneficiosa que desempeña o sector das Pemes para a economía, e a conveniencia de manter unha estructura de mercado competitiva no caso de que a desaparición de empresas puidera levar á creación dun monopolio ou dun oligopolio restrinxido. En calquera caso, as empresas soamente poderán beneficiarse das axudas de reestructuración no caso de que se comprobe realmente a súa incapacidade para reestructurarse cos seus propios recursos ou con fondos obtidos dos seus accionistas ou acredores.

Diferéncianse dous tipos de axuda: axudas de salvamento, que son de natureza transitoria e tenden a mante-la empresa en funcionamento o tempo necesario para a elaboración dun plan de reestructuración que ben sinale as medidas que se van adoptar para a volta a viabilidade da empresa, ou ben determine a súa inviabilidade e polo tanto aconselle o peche, e as axudas de reestructuración que deben formar parte dun plan realista, coherente e de amplo alcance destinado a reestablece-la viabilidade a longo prazo da empresa.

Os dous tipos de axuda deberán concederse con respecto ó principio de axuda única, non sendo posible a concesión de sucesivas axudas de salvamento ou reestructuración que se limiten a mante-lo statu quo da empresa afectada pola crise.

Base 1ª.-Obxectivos.

Estas bases diríxense a favorece-la volta á viabilidade técnica e económica das empresas galegas que se atopen nunha situación de crise, mediante a concesión de axudas de salvamento e/ou de reestructuración.

Base 2ª.-Tipos de apoio.

2.1. As axudas de salvamento coas condicións que se establecen nestas bases poderán consistir na concesión de garantías sobre préstamos ou créditos a curto prazo que sexan necesarios para o mantemento operativo da actividade da empresa mentres se elabora o seu plan de reestructuración.

2.2. As axudas de reestructuración baseadas no plan de reestructuración poderán consistir en:

a) Garantías sobre préstamos ou créditos.

b) Subvencións a fondo perdido dos gastos financeiros de préstamos destinados á cancelación de pasivos a curto ou á ampliación de capital que sexan necesarios con base no citado plan de reestructuración.

c) Subvencións a fondo perdido dos gastos de consultoría ou contratación dunha xerencia profesionalizada, que sexan necesarios para o desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellora-la súa capacidade competitiva e cando así estiveran recollidos no plan de reestructuración.

2.3. As axudas que se concedan ó abeiro destas bases estarán supeditadas ó establecido na normativa comunitaria, especialmente nas directrices sobre axudas estatais de salvamento e reestructuración de empresas en crise (Comunicación 1999/C 288/02).

Base 3ª.-Requisitos dos beneficiarios.

3.1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nestas bases as empresas galegas que, atopándose en situación de dificultade e sendo incapaces de reestructurarse cos seus propios recursos ou con fondos obtidos dos seus accionistas ou acredores, pretendan acometer un plan de reestructuración que asegure a súa viabilidade futura.

Entenderase por empresa galega aquela que teña situada a sede efectiva da súa actividade ou algún centro de traballo principal na Comunidade Autónoma de Galicia.

3.2. Para estes efectos, considerarase empresa en dificultades aquela que cumpra alomenos un dos seguintes requisitos:

a) Tratándose dunha sociedade na que os seus socios teñan unha responsabilidade limitada, que teña desaparecido máis da metade do seu capital subscrito e se teña perdido máis dunha cuarta parte deste nos derradeiros doce meses.

b) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade ilimitada, que teñan desaparecido máis da metade dos seus fondos propios, de acordo coa súa contabilidade, e que se teñan perdido máis dunha cuarta parte destes nos derradeiros doce meses.

c) Para tódalas formas de empresa, que reúnan as condicións establecidas no ordenamento xurídico para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia.

3.3. Con carácter xeral, as empresas beneficiarias deberán te-la condición de Peme segundo a definición comunitaria recollida no anexo IV a estas bases.

3.4. As pequenas e medianas empresas integradas nun grupo de empresas poderán ser beneficiarias das axudas, sempre que se acredite que as dificultades polas que atravesa a Peme sonlle propias e non a resultas da asignación arbitraria de custos dentro do grupo, así como demasiado complexas para ser resoltas polo propio grupo.

3.5. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas físicas que teñan a condición de socio actual ou futuro e pretendan tomar ou amplia-la súa participación no capital social da Peme en reestructuración.

3.6. Non poderán acollerse ás axudas reguladas nestas bases as empresas de nova creación, nin as que xurdan da liquidación ou da absorción de activos doutra empresa distinta. Enténdese por empresas de nova creación aquelas nas que a súa data de constitución ou de inicio de actividades sexa inferior ó ano natural, respecto á data de presentación da solicitude das axudas.

3.7. No caso de que a empresa beneficiaria non teña a consideración de Peme, a concesión da axuda deberá contar coa autorización individual da Comisión Europea.

Base 4ª.-Actividades subvencionables.

4.1. Con carácter xeral, e sen prexuízo das especificacións que se establezan para determinadas

actuacións, serán subvencionables ó abeiro destas bases as actividades económicas seguintes:

a) A extracción, procesamento, transformación ou comercialización das produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras e forestais.

b) A extracción, procesamento, transformación, producción ou comercialización de minerais, productos enerxéticos e os seus derivados.

c) A industria manufactureira, o comercio, o turismo, a construcción, a artesanía ou os servicios.

d) A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

e) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, audiovisual, telemática, telecomunicación, e calquera outra de avanzada tecnoloxía, así como os procesos de creación intelectual propios das ditas actividades.

f) A fabricación ou comercialización de bens de equipo ou unidades productivas relacionadas con calquera das actividades sinaladas anteriormente.

4.2. Naquelas actividades que se atopen comprendidas dentro dos sectores regulados por normas específicas da Unión Europea sobre axudas estatais, o previsto nestas bases axustarase en cada caso ás ditas normas específicas.

Base 5ª.-Axudas de salvamento.

5.1. Cando por motivos sociais graves se xustifique o nivel de risco que se asume, o Igape poderá conceder garantías en cobertura de operacións de crédito ou préstamo nas condicións establecidas no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulación de avais do Igape. O destino do préstamo ou crédito será o financiamento dos gastos de funcionamento e o seu importe restrinxirase ó estrictamente necesario para mante-la empresa en funcionamento ata a presentación dun plan de reestructuración ou de liquidación. O prazo de amortización dos préstamos garantidos non poderá superar 12 meses desde a última disposición e quedará supeditado ás condicións específicas que se establezan na resolución de concesión.

5.2. A vixencia das axudas de salvamento non poderá supera-los seis meses. Con anterioridade ó vencemento de tal prazo, a beneficiaria deberá analiza-la súa situación e presentarlle ó Igape un plan de reestructuración co contido establecido na base 6ª, ou de liquidación da empresa. En caso contrario, procederase á cancelación das garantías que se tivesen prestado. Cando a beneficiaria tivese remitido en prazo o plan de reestructuración, xunto coa solicitude de axudas á súa implantación, se é o caso, a garantía concedida poderá prorrogarse mentres o Igape non se pronuncie.

5.3. Non se poderán conceder repetidas axudas de salvamento.

Base 6ª.-Axudas de reestructuración.

6.1. Estas axudas teñen por obxecto restablece-la viabilidade a longo prazo da empresa con base nun plan de reestructuración elaborado para tal efecto, que teña en conta as circunstancias determinantes das dificultades e que propoña aquelas medidas que

permitan a empresa garanti-la súa viabilidade futura. O dito plan, que deberá presentarse seguindo o modelo I establecido no anexo III a estas bases, deberá contempla-la reorganización e racionalización das actividades deficitarias da empresa para facelas máis rendibles, intenta-la súa diversificación e encara-la reestructuración financeira da empresa mediante achegas ó capital ou amortizacións de débeda, e deberá contempla-las seguintes condicións:

a) Deberá ser un programa viable de reestructuración, que incida nas medidas internas que se van aplicar na empresa, teña en conta as circunstancias que xeraron as dificultades, e propoña as medidas que permitan á empresa cubrir tódolos seus custos, incluídas amortizacións e cargas financeiras.

b) Durante a execución do plan de reestructuración, a empresa no poderá incrementa-la súa capacidade de producción.

c) Deberá prever unha contribución importante do beneficiario ó financiamento co seus propios recursos das medidas de reestructuración propostas, incluída a venda de activos non productivos ou financiamento externo en condicións de mercado.

6.2. Será requisito indispensable para a concesión de axudas de reestructuración a validación polo Igape do plan de reestructuración presentado pola empresa.

6.3. O importe das axudas de reestructuración restrinxirase ó estrictamente necesario para permiti-la reestructuración en función das dispoñibilidades financeiras da empresa.

6.4. As axudas de reestructuración concederanse unha soa vez. As excepcións motivadas en circunstancias excepcionais, imprevisibles e non imputables ó beneficiario, así como os casos de absorción dos activos doutra empresa que recibise unha axuda de salvamento ou reestructuración deberán ser previamente autorizadas pola Comisión Europea.

Base 7ª.-Modalidades de axudas de reestructuración.

As axudas de reestructuración que en tódolos casos estarán condicionadas ó contido do plan de reestructuración poderán consistir en:

7.1. Garantías sobre préstamos: o Igape poderá conceder garantías en cobertura de operacións de crédito ou préstamo nas condicións establecidas no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulación de avais do Igape. O importe máximo de cobertura do aval do Igape en ningún caso excederá o 70% do importe do préstamo garantido e quedará sometido ás condicións establecidas na resolución de concesión.

7.2. Dentro dos límites da base 17ª, poderanse concede-las seguintes subvencións.

7.2.1. Subvencións a fondo perdido dos gastos financeiros seguintes:

a) Préstamos ó longo prazo destinados á cancelación de pasivos a curto prazo. A contía da operación financeira subsidiable determinarase de forma obxectiva en función da correlación entre inmobi

lizado neto da empresa e os recursos permanentes dela.

b) Préstamos ó longo prazo concertados por persoas físicas ou xurídicas destinados á ampliación de capital destas sociedades. En ningún caso estas axudas excederán os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (CE) n? 69/2001 da Comisión da Unión Europea do 12 de xaneiro de 2001 relativo ás axudas de mínimis.

Computaranse os gastos financeiros que se devenguen durante os 5 primeiros anos de vixencia das operacións de préstamo. Para o cálculo dos ditos gastos financeiros haberá que aterse ás condicións que se establezan na póliza ou contrato e para o cálculo do tipo de xuro, o que sexa aplicable no momento da disposición da operación financeira correspondente, sempre que este se poida entender axustado a condicións de mercado. O importe da subvención destinarase á amortización do préstamo.

7.2.2. Subvencións a fondo perdido sobre os gastos de consultoría ou de contratación dunha xerencia profesionalizada polo tempo estrictamente necesario para aborda-lo plan de reestructuración e ata un máximo de 2 anos, sempre e cando do plan de reestructuración se desprenda a necesidade de acometer actuacións concretas dirixidas a restablece-la súa capacidade competitiva.

Base 8ª.-Criterios preferentes de concesión.

A contía das axudas de reestructuración avaliarase baixo os seguintes criterios:

a) Localización da empresa.

b) Sector de actividade.

c) Impacto estimado do peche da empresa sobre a actividade económica e o emprego da súa zona de influencia.

d) Necesidade de apoio para asegura-la súa viabilidade en relación cos recursos propios achegados pola solicitante.

Base 9ª.-Tramitación.

9.1. A concesión de garantías seguirá os trámites establecidos no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulación de avais do Igape.

9.2. Para a concesión de subvencións, os interesados deberán presentarlle ó Igape a súa instancia de solicitude, segundo modelo que figura no anexo II, nas oficinas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ou en calquera das formas previstas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracions públicas e do procedemento administrativo común.

9.3. Á solicitude xuntaráselle a documentación enumerada no anexo III, que deberá presentarse en orixinal ou en copia cotexada ou compulsada, podendo solicitarlle ó Igape en calquera momento durante a tramitación do expediente, calquera outra documentación que considere relevante para os efectos de analiza-la solicitude.

9.4. Presentada a solicitude, se esta non reunise os requisitos esixidos nestas bases, requirirase do interesado que, nun prazo de 10 días hábiles desde

o seguinte á recepción do requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa indicación de que en caso contrario teráselle por desistido da súa petición e dictarase a correspondente resolución de arquivo, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e cos efectos previstos no artigo 42.1º da dita lei. Este prazo, cando existan causas xustificadas, poderá ser prorrogado de oficio ou a instancia de parte por un período que non exceda a metade do inicial. O requirimento de documentación suspenderá o prazo para resolver.

9.5. Unha vez completas, as solicitudes serán estudiadas polos servicios técnicos da Subdirección de Xestión de Incentivos á Dinamización Económica. No caso de solicitude de axudas de reestructuración, o expediente será remitido para o seu informe á Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos. O informe emitido será xuntado á proposta de resolución.

9.6. Unha vez avaliadas as solicitudes, a Dirección Xeral elevará a proposta da Dirección da Área de Financiamento para a resolución polo Consello de Dirección do Igape no caso das garantías ou do presidente do Igape, nos demais casos.

9.7. As axudas de salvamento resolveranse nun prazo de dous meses desde a súa solicitude, descontados os períodos de suspensión na tramitación do expediente. As axudas de reestructuración serán resoltas nun prazo máximo de tres meses desde a súa solicitude, descontados os períodos de suspensión na tramitación do expediente, salvo que pola súa complexidade fosen requiridos informes técnicos complementarios, o que será obxecto de comunicación expresa ó beneficiario. Neste último caso o prazo máximo de resolución será de seis meses.

9.8. No caso de subvencións, a resolución de concesión conterá o importe dos gastos subvencionables que se van xustificar, a contía e porcentaxe da subvención concedida, as condicións e prazos previstos e, o prazo de vixencia para o cumprimento das condicións da subvención. Ademais, xuntarase o dictame da Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos que poderá sinalar outros apoios que polas características do proxecto puideran ser solicitados e referencia-los aspectos e condicionantes que consideren oportunos para asegurar un óptimo desenvolvemento do proxecto.

Base 10ª.-Notificación e aceptación.

As resolucións de concesión deberán ser aceptadas por escrito polo beneficiario no prazo de quince días hábiles a partir do seguinte ó da súa notificación. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia a ela, dictándose resolución neste sentido. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumpri-las condicións establecidas na resolución, nestas bases e demais disposicións que sexan de aplicación.

Base 11ª.-Recursos.

11.1. As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nestas bases esgotarán a vía

administrativa, polo que de conformidade co previsto na Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o seguinte ó da súa notificación.

11.2. Potestativamente, e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer no prazo dun mes computado desde o día seguinte á notificación da resolución, recurso potestativo de reposición que resolverá o Consello de Dirección do Igape.

Base 12ª.-Obrigas dos beneficiarios.

12.1. Os proxectos subvencionados deberán executarse dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución individual de concesión, con cumprimento das condicións e prescricións establecidas na dita resolución, nestas bases ou demais normativa de aplicación. Excepcionalmente, en casos xustificados, os prazos poderán ser prorrogados de oficio ou por instancia do interesado, por un período que non exceda da metade do inicialmente concedido.

12.2. Son obrigas dos beneficiarios, as establecidas no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, as establecidas no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e en particular:

a) Achegar toda a documentación xustificativa da realización do proxecto nos termos da resolución de concesión.

b) Cumpri-las demais condicións establecidas na resolución de concesión.

c) Facilita-las actividades de comprobación que o Igape considere oportuno realizar ó longo do desenvolvemento do proxecto ou en calquera fase do procedemento, que poderán ser exercidas directamente polo Igape ou polas empresas, persoas ou entidades que este designe e presentar nos prazos concedidos para o efecto toda a documentación ou información que lle sexa solicitada en calquera momento polo Igape. Estas actividades de comprobación poderán ser entre outras:

-Visitas ás instalacións nas que se realizou o proxecto.

-Acceso a toda a documentación relacionada co proxecto.

-Acceso ós rexistros internos da empresa, nos que se baseen as xustificacións técnicas e administrativas.

d) Notificarlle ó Igape calquera acto administrativo recaído en calquera outro expediente de axudas destinado ó financiamento do mesmo proxecto.

12.3. O incumprimento das citadas obrigas poderá dar lugar á revogación da concesión e, se é o caso, ó reintegro do indebidamente percibido e os seus xuros de demora.

Base 13ª.-Incidencias e modificacións do proxecto.

13.1. Toda alteración de condicións tidas en conta para a concesión da subvención e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou á súa revogación en caso de considerarse que a modificación afecta a un aspecto substancial da concesión.

13.2. Os beneficiarios das subvencións quedan obrigados a comunicarlle ó Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución dos fins para os que estas foron concedidas. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para o mesmo proxecto.

13.3. O órgano concedente do Igape poderá acorda-la modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conducta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

13.4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será dictado polo órgano concedente unha vez instruído o correspondente expediente no que se lles dará audiencia ós interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figure no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

13.5. Sen necesidade de instar procedemento de modificación, o Igape poderá aceptar variacións nos diversos capítulos do orzamento aprobado, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20% de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o importe total aprobado, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolve-la concesión.

Base 14ª.-Xustificación.

14.1. A xustificación ante o Igape da execución do proxecto e do cumprimento de tódalas condicións será realizada polo beneficiario como máximo dentro dos catro meses seguintes ó vencemento do prazo de vixencia establecido na resolución de concesión para a execución deste, mediante a presentación da documentación indicada no anexo V.

14.2. Cando na resolución individual de concesión se fixaran prazos parciais para que o beneficiario acredite a execución, como mínimo, dunha determinada porcentaxe dos gastos subvencionados ou o cumprimento doutras condicións, o seu incumprimento significará o inicio dun expediente que poderá finalizar coa revogación da axuda.

14.3. No caso de que existan razóns xustificadas para o atraso no cumprimento de condicións, os prazos de execución que se establecesen na resolución de concesión poderán ser prorrogados de oficio ou por instancia do beneficiario mediante resolución expresa e motivada.

14.4. Excepcionalmente, cando a xustificación documental resulte insuficiente para acredita-lo importe e a realización de determinados gastos, o Igape poderá solicitar, ademais, que se achegue informe de auditoría independente.

Base 15ª.-Aboamento das subvencións.

15.1. O aboamento das subvencións realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total ou parcial do proxecto e o cumprimento das condicións, de acordo coa seguinte regulación:

15.2. Para o cobramento da subvención o beneficiario deberá presentarlle ó Igape unha solicitude de cobramento axustada ó modelo e coa documentación que se xunta como anexo V, acompañada, se é o caso, do xustificante de constitución da garantía correspondente antes do seu pagamento efectivo.

15.3. Poderase solicita-lo cobramento:

a) Como liquidación única da subvención. Unha vez finalizado o prazo de vixencia e dentro do prazo máximo de catro meses, deberá acreditarse a execución da totalidade do proxecto e o cumprimento total de condicións establecidas na resolución individual.

Así mesmo, poderase efectuar un pagamento único da subvención, dentro do prazo de vixencia, aínda cando quede pendente de acreditar algunha condición, unha vez xustificada a execución da totalidade do proxecto subvencionado e o cumprimento daquelas condicións que o seu prazo vencese con anterioridade á presentación da solicitude de cobramento. Neste caso, o cobramento da subvención estará condicionado á previa presentación das oportunas garantías esixidas polo Igape nos termos indicados no punto 15.3b)E) desta base. Antes de remata-lo prazo de vixencia, o beneficiario deberá acreditar que foron cumpridas toda as condicións da resolución individual, autorizándose, neste momento, o levantamento do aval.

b) Mediante liquidacións parciais. Dentro do prazo de vixencia e a medida que se vaia xustificando a realización do gasto subvencionado e o cumprimento de condicións, poderán efectuarse pagamentos parciais a conta da liquidación sempre que concorran os requisitos e circunstancias seguintes:

A) Que o interesado o solicite.

B) Que se xustifiquen non só o gasto incorrido senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto á subvención concedida ata ese momento con cargo ó proxecto de investimento aprobado.

C) O importe que se pode satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso a anualidade prevista para cada exercicio orzamentario de acordo co calendario anexo á resolución de concesión, nin excede-lo 80% do total da sub

vención concedida, nin solicitarse por un importe inferior a 30.050,61 euros (5.000.000 de pesetas).

D) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ó resultado da liquidación definitiva da subvención.

E) Deberase presentar garantía constituída mediante aval solidario de entidade financeira ou outra garantía suficiente, depositada na Caixa Xeral de Depósitos que cubra o importe do pagamento parcial e dos seus xuros calculados ó tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da súa concesión e polo prazo que medie entre a data de solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran seis meses do fin do prazo de xustificación previsto na resolución de concesión.

Base 16ª.-Incumprimento.

16.1. Non se poderá esixi-lo pagamento da subvención concedida e procederá a revogación da axuda e, se é o caso, o reintegro total ou parcial da contía percibida e os xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

d) Incumprimento das condicións impostas ós beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

16.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia coas subvencions ou axudas doutras administracions ou doutras entidades públicas, supere o límite establecido na base 17ª.

16.3. O procedemento de incumprimento iniciarase de oficio polo órgano do Igape que dictou a resolución de concesión, ben a iniciativa propia, ou como consecuencia das actuacións de control da Intervención Xeral, por petición razoada doutros órganos que teñan atribuídas facultades de comprobación na materia, ou por denuncia.

16.4. O procedemento iniciarase mediante a comunicación ó beneficiario das presuntas causas determinantes do incumprimento e as posibles consecuencias deste. Os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ó trámite de audiencia, aducir alegacións ou achegar documentos e outros elementos de xuízo.

16.5. Incumprimento parcial. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións mínimas esixidas na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o alcance deste e a obriga, se é o caso, de reintegro do percibido e os seus xuros de demora, de acordo cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos de gasto subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ó gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, deben

do reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superara o 50% do gasto subvencionable ó que se obrigase o beneficiario, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse tódalas cantidades percibidas e os seus xuros de demora. Excepcionalmente o Consello de Dirección do Igape poderá autorizar un incumprimento parcial cando as súas causas quedasen suficientemente xustificadas e non se desvirtuase a finalidade da subvención.

b) En caso de que o incumprimento se refira á obtención da subvención por unha contía que o seu importe, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas supere os topes máximos legalmente permitidos, procederá o reintegro do exceso obtido sobre os ditos topes máximos.

c) Se o incumprimento derivara da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos previstos nos puntos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

d) A concorrencia de distintas causas de incumprimento ou incidencias dará lugar á aplicación a cada unha delas das regras previstas neste punto.

e) Procederá declara-la revogación total da axuda cando o incumprimento se refira ós requisitos da base 6ª.

16.6. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución, poñeráselles de manifesto ós interesados, que disporán dun prazo de quince días para alegar e presenta-los documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

16.7. Presentadas as alegacións ou transcorrido o prazo de quince días sen contestación por parte do beneficiario, o Igape dictará a resolución que proceda, pronunciándose sobre o alcance do incumprimento e, se é o caso, a obriga de reintegro das cantidades percibidas.

16.8. Cando se acredite que o incumprimento non resulte de grande entidade, non desvirtúe a finalidade da axuda, non sexa imputable á empresa beneficiaria ou, quedando suficientemente xustificadas as causas non se ocasionasen prexuízos a terceiros, o Igape poderá optar por incoar procedemento de modificación do proxecto inicial.

16.9. O prazo máximo para resolve-los procedementos sobre incumprimento será de seis meses computados desde o acordo de iniciación. Se pasado o dito prazo non se dictase resolución, entenderase caducado o procedemento sen prexuízo de que se notifique a resolución declarando a caducidade e ordenando o arquivo das actuacións.

16.10. O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que se dicte resolución pola que se declare a dita circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que moti

varon o procedemento de reintegro puideran ser constitutivos de infracción administrativa.

16.11. Será competencia dos órganos de recadación a xestión recadatoria en período voluntario e en período executivo nos expedientes de reintegro, en virtude do disposto pola Consellería de Economía e Facenda. As contías que se van reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación o previsto nos artigos 19 e 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Base 17ª.-Incompatibilidade.

17.1. As axudas de salvamento e de reestructuración previstas nestas bases serán incompatibles con calquera outra das reguladas polo Igape. Non obstante, cando o Plan de Reestructuración conteña actuacións dirixidas a recupera-la capacidade competitiva da Peme, e unha vez acometido o proceso de reestructuración, o dito plan poderá servir de base para a solicitude de axudas do Igape reguladas nas bases de apoio ós proxectos empresariais de investimento ou de apoio á continuidade e mellora competitiva da Peme galega.

17.2. Polo demais, estas axudas serán compatibles con calquera outra das establecidas por calquera Administración pública, institución ou ente público sempre e cando non se superen, en termos de subvención neta equivalente, os límites máximos de axuda previstos na normativa comunitaria para as empresas en crise (Comunicación 1999/C 288/02).

Base 18ª.-Publicación de concesións.

Trimestralmente, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas ó abeiro destas bases para aqueles proxectos que superen os 300.000 euros, (49.915.800 pesetas) de gasto subvencionable, expresando beneficiario, finalidade, contía e aplicación orzamentaria.

Base 19ª.-Informes.

Para os efectos de configurar unha base de datos autonómica sobre axudas e subvencións públicas, segundo o establecido na disposición adicional terceira do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o Igape remitiralle á Consellería de Economía e Facenda a información sobre a xestión das axudas establecidas nestas bases.

Base 20ª.-Rrestriccións ó dereito de acceso a arquivos e rexistros.

En virtude do establecido no artigo 37 da Lei de réxime xurídico das administracións publicas e procedemento administrativo común, e en prol da necesaria protección do segredo comercial ou industrial dos solicitantes das axudas reguladas nestas bases, entenderase excluído o dereito de acceso a arquivos e rexistros administrativos respecto do plan de reestructuración empresarial que, se é o caso, forme parte do expediente, así como daqueles outros documentos que polo seu contido deban ter este mesmo tratamento.

Base 21ª.-Control e comprobación das axudas.

21.1. Sen prexuízo da comprobación material previa ó pagamento da realidade dos gastos subvencionados que proceda, o Igape, anualmente, elaborará un plan de comprobación de axudas e subvencións, cos criterios que estableza o seu Consello de Dirección e que en todo caso deberá garanti-la obxectividade da mostra sinalada. Todo iso sen prexuízo das competencias doutros organismos e entidades respecto vixilancia e control de axudas e subvencións.

21.2. Así mesmo, as empresas beneficiarias sométense ás actuacións de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como as que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento das axudas con fondos europeos. Neste sentido os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos ditos organismos.

Base 22ª.-Interpretación.

22.1. En tódolo non disposto nestas bases, será de aplicación o disposto para axudas e subvencións na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

22.2. Correspóndelle ó presidente do Igape a facultade de dicta-las disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nestas bases, así como para resolve-las dúbidas concretas que se susciten na súa aplicación.

Base 23ª.-Vixencia.

23.1. Estas bases entrarán en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terán vixencia indefinida ata que non se publique a súa derrogación expresa. Anualmente e unha vez aprobado o seu orzamento, o Igape publicará a reserva de crédito dispoñible con cargo as estas para cada exercicio orzamentario, limitándose a concesión ás dispoñibilidades orzamentarias.

23.2. No caso dos expedientes que non puideran ser resoltos favorablemente por falta de crédito, e unha vez habilitado no exercicio seguinte, os solicitantes poderán reitera-la súa solicitude, computándose a data da primeira solicitude para os efectos de realización das actuacións subvencionables.

Base 24ª.-Silencio administrativo.

As solicitudes que non fosen resoltas nos prazos que para cada caso se establecen nestas bases poderán considerarse desestimadas.