Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 23 de xullo de 2001 Páx. 9.982

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A aprobación do novo escenario orzamentario da Comunidade Europea para o período 2000-2006 e a modificación dos regulamentos dos fondos estructurais, así como a recente aprobación pola Comisión Europa dun Mapa Rexional de Axudas español, esixen a modificación do marco substantivo xeral das axudas de carácter productivo e empresarial concedidas polas diversas consellerías, entes e demais organismos dependentes da Administración autonómica de Galicia.

Con este decreto o Consello da Xunta de Galicia pretende fixa-los criterios básicos da política de fomento da Administración autonómica, de acordo coa previsión xenérica do artigo 78.6º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa e conforme o réxime xenérico que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta regulación, que pretende ter un alcance xeral, ten como antecedente directo o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento das actividades empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 233, do 5 de decembro), e márcase como obxectivos a mellora daqueles programas e modalidades de axuda que se mostraron máis eficaces no período de aplicación do devandito decreto, así como a inclusión daqueloutros programas de axuda que se estiman necesarios para avanzar no fomento da actividade económica da Comunidade Autónoma.

A iniciativa normativa da Consellería de Economía e Facenda xustifícase por unha dobre razón. Por unha parte, pola súa competencia sobre a coordinación das actuacións autonómicas nas que se utilicen fondos de procedencia comunitaria, cos que se levan a cabo en boa parte as medidas de fomento da actividade económica de Galicia. Por outra parte, porque o Igape, instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para o impulso do desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego, está adscrito á Consellería de Economía e Facenda, de acordo co artigo 2 da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do citado ente de dereito público.

Debido á incidencia socioeconómica para Galicia das medidas previstas neste decreto, solicitouse o dictame do Consello Económico e Social, emitido con data do 22 de febreiro de 2001.

De acordo con estes antecedentes, a Xunta de Galicia notificoulle á Unión Europea o proxecto de disposición normativa. Tralo procedemento de avaliación realizado pola Comisión Europea sobre a súa adecuación ó dereito comunitario, o resultado é este decreto, compatible co Mercado Común segundo a decisión da comisión (axuda estatal nº 489/2000).

O alcance xeneralista desta norma e o seu carácter plurianual fai necesaria a súa actualización anual a través das convocatorias das diferentes axudas nel previstas. As devanditas bases reguladoras de cada modalidade de axuda poderán adquiri-la forma de ordes de consellería ou de resolucións doutros órganos convocantes, respectarán a regulación contida no decreto e limitaranse basicamente a fixa-los seguintes aspectos: os créditos orzamentarios que en cada caso se reserven para cada tipo de axuda, as condicións e os requisitos específicos que, dentro dos límites fixados no decreto resulten aplicables a cada caso, os posibles incumprimentos e os procedementos de reintegro da axuda. Tendo en conta que estas futuras bases regularán aspectos adxectivos, sen modifica-las características básicas e a finalidade das axudas recollidas no decreto, estas enténdense autorizadas ó abeiro del, unha vez este decreto sexa validado pola Comisión Europea.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación

do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xullo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto ten por finalidade regula-lo réxime xeral dos incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo doutras liñas de axuda que, en uso das súas competencias, teñan ou poidan establece-las diversas consellerías da Xunta de Galicia e outros entes dependentes ou vinculados a ela.

Artigo 2º.-Obxectivos.

Os incentivos económicos previstos neste decreto teñen por obxecto manter, fomentar e potencia-la actividade económica, coa finalidade de favorece-la creación de emprego e de incrementa-lo nivel de renda da poboación, así como de potencia-lo desenvolvemento equilibrado do territorio.

Artigo 3º.-Actividades incentivables.

1. Son incentivables ó abeiro deste decreto as actividades económicas seguintes:

a) A extracción, procesamento, transformación e comercialización das produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras e forestais.

b) A extracción, procesamento, transformación, producción e comercialización de minerais, productos enerxéticos ou os seus derivados.

c) A industria manufactureira, o comercio, o turismo, a construcción, a artesanía e os servicios.

d) A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

e) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, audiovisual, telemática, telecomunicación e calquera outra de avanzada tecnoloxía, así como os procesos de creación intelectual que sexan inherentes ás devanditas actividades.

f) A investigación básica e aplicada, innovación e desenvolvemento tecnolóxico, normalización, homologación, certificación, xestión, control e mellora da calidade levadas a cabo por calquera ente público ou privado.

g) A formación de empresarios, cadros directivos e traballadores.

h) A fabricación ou comercialización de bens de equipo ou unidades productivas relacionadas con calquera das actividades anteriormente sinaladas.

i) A xestión do coñecemento mediante, entre outras, a difusión, fomento e promoción do saber facer.

2. Este réxime de axudas sométese expresamente ós límites e condicións establecidos na normativa comunitaria horizontal e sectorial que en cada caso lle sexan aplicables.

Artigo 4º.-Criterios preferentes.

Poderán ser preferentes na concesión de axudas e na determinación da súa contía, os seguintes criterios:

1. Localización da actividade en:

a) Zonas afectadas pola crise dun sector industrial declarado en reconversión ou, en casos concretos, as afectadas polo peche de empresas da actividade das cales dependese de forma importante o emprego desa zona.

b) Zonas desfavorecidas onde exista un especial abandono de poboación.

c) As provincias de menor renda per cápita de Galicia.

d) Parques empresariais.

e) Zonas onde existan produccións de materias primas, bens de equipo ou industrias complementarias ou similares e exista unha tradición de fabricación sobre a actividade de que se trate.

f) Zonas nas que a localización ten un interese estratéxico como consecuencia da explotación e do aproveitamento das infraestructuras e/ou factores de producción.

g) Núcleos enclavados en espacios de economía tradicionalmente rural que constitúan un centro de actividade para o seu contorno.

2. As características dos proxectos:

a) Primeiro establecemento, ampliación ou traslado.

b) O valor engadido que xere.

c) Orientación da producción á exportación.

d) Adaptación e mellora ambiental.

e) Incorporación de tecnoloxía avanzada.

f) Creación e mantemento de emprego en relación co investimento proxectado.

g) Utilización de materias primas autóctonas.

h) O carácter dinamizador do proxecto para a economía da zona en que se implante.

3. A cooperación empresarial, referida a proxectos promovidos en cooperación por dúas ou máis empresas do mesmo sector de actividade ou complementario.

4. O carácter innovador ou emprendedor do proxecto ou a capacidade de arrastre da iniciativa empresarial no seu contorno.

5. A colaboración ou participación de universidades ou centros tecnolóxicos públicos.

6. A incardinación do proxecto nun plan estratéxico empresarial a medio ou longo prazo, dirixido á mellora da competitividade, ou a súa incidencia nun sector de actividade considerado estratéxico polo Plan Estratéxico de Desenvolvemento Económico de Galicia.

7. En función das dispoñibilidades orzamentarias poderase establece-la prioridade dos proxectos que mellor respondan ós criterios establecidos nos puntos anteriores.

8. As convocatorias das axudas estableceran a ponderación circunstanciada dos criterios preferentes establecidos neste artigo.

Artigo 5º.-Modalidades de axuda.

1. Os incentivos económicos poderán consistir nos seguintes tipos de axudas:

a) Subvencións a fondo perdido.

b) Subsidiación do tipo de xuro de operacións financeiras.

c) Participación no capital de sociedades.

d) Operacións financeiras e de garantía.

e) Prestación de servicios.

f) Habilitación de infraestructuras e realización de actividades en materia de apoio á actividade económica.

2. A xestión de axudas mediante a subsidiación do tipo de xuro de operacións destinadas ó financiamento de actividades consideradas incentivables poderá levarse a cabo directamente co beneficiario ou mediante convenios que a Administración autonómica poida subscribir con entidades financeiras ou con sociedades patrimoniais de fondos de desenvolvemento.

O importe máximo da operación financeira subsidiable e en concorrencia con outras axudas, se fose o caso, non poderá excede-lo 75% da contía do proxecto subvencionable.

O tipo de xuro fixarase na forma que regulamentariamente se estableza e a subsidiación poderá acadar ata 5 puntos porcentuais, sen que en ningún caso o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario despois de descontada a subsidiación resulte inferior a 2 puntos. Excepcionalmente a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá establecer outros límites en atención ó carácter estratéxico ou social do proxecto.

3. A participación no capital de sociedades non poderá exceder do 45% do capital social delas.

4. As operacións de garantía que posibiliten o acceso ó crédito poderán instrumentarse directamente ou a través de organismos intermedios de afianzamento. Así mesmo poderán establecerse subvencións ós gastos de comisión de apertura e de aval relativos a operacións de garantía destes organismos intermedios.

5. Cando a concesión de axudas estea fortemente condicionada por unha determinada composición do capital social da empresa ou grupo beneficiario, a súa alteración, sen a previa conformidade do órgano concedente, poderá determina-la devolución total ou parcial das axudas concedidas. Nestes casos, as reso

lucións de concesión de axudas deberán recoller expresamente esta circunstancia.

Artigo 6º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios dos incentivos económicos, sempre e cando reúnan os requisitos sinalados neste decreto, os empresarios individuais, sociedades, agrupacións de empresarios, asociacións ou outras institucións sen ánimo de lucro e organismos intermedios de afianzamento que realicen ou vaian realizar actividades cualificadas como incentivables e que contribúan a acada-los obxectivos sinalados no artigo 2º deste decreto.

Tamén poderán ser beneficiarios de axudas os traballadores e os socios actuais ou futuros de sociedades mercantís ou de base laboral ou cooperativa, así como as persoas físicas que pretendan individual ou colectivamente poñer en marcha unha iniciativa empresarial ou de formación.

Os beneficiarios das axudas deberán ter ou insta-la sede efectiva da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia. Nos casos de axudas ás actividades de comercialización, distribución, acordos tecnolóxicos e de cooperación ou expansión empresarial non será necesario que a actividade se desenvolva en Galicia sempre que exista unha vinculación directa ou unha complementariedade destas actividades coas que se veñen desenvolvendo en Galicia e contribúan á súa consolidación.

En calquera caso, a consideración dos proxectos como incentivables estará supeditada ás necesidades de apoio que se desprendan das súas condicións económico-financeiras e do seu impacto na actividade económica da Comunidade Autónoma.

Artigo 7º.-Programas de incentivos.

1. En consideración ó seu destino, os incentivos económicos poderán comprender apoios:

a) Ó investimento en creación, ampliación e modernización de empresas.

b) Á toma de participación no capital de sociedades.

c) A medidas de carácter temporal e de reestructuración de empresas.

d) Á investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I).

e) Á formación, divulgación, asistencia técnica e á contratación de persoal especializado.

f) Á promoción e cooperación empresarial.

g) A iniciativas emprendedoras.

2. As axudas destinadas a estes programas de incentivos poderán tramitarse a través de contratos-programa que conterán a natureza, contía e datas de desembolso das axudas así como as obrigas por parte da empresa beneficiaria.

3. Os órganos da Administración autonómica poderán prestar servicios, habilitar infraestructuras e realizar actividades de apoio a estes programas.

Artigo 8º.-Axudas ó investimento en creación, ampliación e modernización de empresas.

1. Con carácter xeral, serán de aplicación ós investimentos en creación, ampliación e modernización de empresas, as modalidades de axudas previstas no artigo 5º deste decreto.

2. Entre outras, poderanse considerar incentivables os investimentos realizados en:

a) Adquisición dos terreos necesarios para a implantación do proxecto.

b) Urbanización, acometidas e obras exteriores necesarias para o proxecto.

c) Obra civil.

d) Bens de equipo e unidades funcionais de explotación independente.

e) Traballos e estudios de planificación, enxeñería de proxecto e dirección facultativa dos traballos.

f) Outros investimentos en activos materiais.

g) Investimentos en capital fixo consistentes no traspaso dun establecemento pechado ou que pechase de non procederse á súa readquisición. Neste suposto, tomaranse exclusivamente en consideración os custos de readquisición dos devanditos activos, coa condición de que a transacción teña lugar en condicións de mercado. En todo caso deduciranse os activos para os que xa se recibise, antes do traspaso, unha axuda para a súa adquisición.

h) Activos inmateriais ligados ó investimento en contía non superior ó 25% do investimento total aprobado do proxecto.

i) Gastos de arrendamento financeiro con opción de compra de equipamento e de naves industriais e comerciais.

3. Non serán subvencionables os investimentos de substitución.

4. As solicitudes de axuda deberán presentarse antes de comeza-la execución dos proxectos de investimento.

5. Os investimentos subvencionados deberán manterse cando menos durante cinco anos.

6. Co fin de garanti-la viabilidade dos proxectos, a iniciativa privada deberá financiar, alomenos, o 25% do custo total do proxecto de investimento.

7. Así mesmo, e dentro dos límites máximos de intensidade de axuda rexional aplicados á base de cálculo uniforme composta polos conceptos de investimento subvencionable, poderán atenderse outros gastos, tales como os stocks iniciais e os gastos financeiros ligados ó investimento.

8. As axudas a favor de grandes proxectos de investimento concederanse conforme o regulado nas directrices comunitarias multisectoriais sobre axudas

rexionais a grandes proxectos de investimento (98/C 107/05) ou o que en cada momento regule a comisión.

Artigo 9º.-Axudas á toma de participación no capital de pequenas e medianas empresas.

Á toma de participación en capital de pequenas e medianas empresas con forma societaria poderán concederse as seguintes axudas que, en calquera caso, non favorecerán prácticas restrictivas da competencia:

a) Subvención a fondo perdido de ata un 25% do seu investimento, ós traballadores de sociedades, para a toma de participación minoritaria no capital social delas. En ningún caso estas axudas excederán os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (CE) nº 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro de 2001, relativo ás axudas de mínimis.

b) Subsidiación ó tipo de xuro de préstamos que financien:

b.1) A toma de participación minoritaria dos traballadores en sociedades en procesos de reestructuración ou de privatización. En ningún caso estas axudas excederán os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (CE) nº 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro de 2001, relativo ás axudas de mínimis.

b.2) A toma de participación maioritaria no capital polo persoal da sociedade, dentro dun plan de reorganización da estructura accionarial da empresa. En ningún caso estas axudas excederán os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (CE) nº 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro de 2001, relativo ás axudas de mínimis.

b.3) A toma de participación por pequenas e medianas empresas de alomenos o 5% do capital social de sociedades pertencentes ó seu mesmo sector ou complementario co obxecto de obter vantaxes competitivas.

b.4) A toma de participación dun socio ou socios, sempre que sexa unha pequena e mediana empresa, que lles outorgue maioría dos dereitos de voto coa finalidade de fortalece-la súa estructura accionarial, favorece-la administración efectiva dela, en xeral, e, en especial, nos supostos de sucesión de empresa.

Artigo 10º.-Axudas temporais e de reestructuración de empresas.

1. Axudas temporais.

Son axudas temporais ou de salvamento aquelas que, xustificadas por motivos sociais graves, están destinadas a manter empresas con dificultades durante o tempo necesario, non superior a seis meses, para elabora-lo correspondente plan de recuperación.

O tipo de axudas poderá consistir en préstamos directos e garantías para préstamos dos que o prazo de amortización tralo último pagamento á empresa das cantidades prestadas non sexa superior a doce

meses. As devanditas axudas non poderán distorsiona-la situación do sector e limitaranse ó importe dos gastos de explotación necesarios para mante-la empresa en funcionamento.

2. Axudas de reestructuración de empresas.

Considéranse axudas de reestructuración as destinadas á reorganización das actividades incluídas nun plan estratéxico co obxecto de facer viables as empresas. As axudas de reestructuración concederanse unha única vez e a súa contía fixarase en función das necesidades determinadas no plan estratéxico e limitaranse ó estrictamente necesario para o restablecemento do equilibrio financeiro da empresa. A concesión da axuda supeditarase á execución do plan estratéxico de reestructuración aprobado.

O tipo de axudas poderá consistir en:

a) Subsidiación ó tipo de xuro:

a.1) De préstamos a longo prazo destinados á cancelación de pasivos a curto prazo con custo financeiro. A contía da operación financeira subsidiable determinarase de forma obxectiva en función da correlación entre o inmobilizado neto da empresa e os recursos permanentes dela.

a.2) De préstamos a longo prazo concertados por persoas físicas ou xurídicas, destinados á ampliación de capital destas sociedades.

A contía da operación financeira subsidiable determinarase en función da correlación entre os recursos propios e o pasivo alleo, establecéndose o teito máximo ó final da ampliación de capital na proporción 55/45.

b) Participación no capital de sociedades, a través dunha sociedade de capital-risco en condicións de mercado.

c) Operacións financeiras e de garantía.

3. O importe máximo de axuda de salvamento ou reestructuración que poderá concederse a unha mesma empresa non superará os 10 millóns de euros.

4. Estas modalidades de axuda respectarán en todo caso as directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestructuración de empresas en crise (1999/C 288/02, publicadas no DOCE do 9 de outubro de 1999).

5. Os beneficiarios destas axudas presentarán un plan do que, a xuízo da entidade concedente, se deduza a viabilidade técnica, económica e financeira a longo prazo da empresa sobre a base dunhas perspectivas obxectivas en canto ás súas futuras condicións de funcionamento, sen prexuízo das análises e estudios que se realicen directamente polos órganos da Comunidade Autónoma.

A concesión resolverase tendo en conta se se trata de empresas viables con dificultades transitorias, caracterizadas por situacións de insuficiencia de liquidez a curto prazo, ou ben se se trata de empresas con deficiencias estructurais que precisen para res

tablece-la súa viabilidade dun plan conxunto e intensivo a longo prazo.

6. No caso de que os beneficiarios das axudas previstas neste artigo non teñan a consideración de pequenas e medianas empresas segundo a normativa comunitaria, a concesión delas deberá notificarse á Comisión Europea individualmente, e quedará supeditada á súa autorización.

Artigo 11º.-Axudas á investigación, desenvolvemento e innovación.

1. Dentro das axudas para investigación, desenvolvemento e innovación terán a consideración de gastos ou investimentos incentivables os realizados nos seguintes conceptos:

a) Estudios previos de viabilidade dos proxectos de investigación.

b) Gastos necesarios para a realización e posta en marcha do proxecto, vinculados en todo caso ó seu desenvolvemento e non á súa comercialización no mercado.

c) Terreos, edificios, instrumentos, equipos e software, na medida en que tales bens se destinen con carácter exclusivo ó proxecto.

d) Asistencias técnicas e adquisición e protección legal de coñecementos técnicos, propiedade intelectual e industrial.

e) Promoción e divulgación dos resultados e aplicacións do proxecto, unicamente nos casos en que a beneficiaria sexa unha Peme.

Con cargo a estas axudas poderase axudar tanto a investigación industrial como as actividades de desenvolvemento precompetitivas, segundo as definicións contidas no encadramento comunitario sobre axudas de estado de investigación e desenvolvemento (96/C 45/06) publicado no DOCE do 17 de febreiro de 1996.

2. Poderán concederse as seguintes axudas dentro dos límites e coas condicións que se sinalan en cada caso:

a) Subvención a fondo perdido sobre o custo do proxecto.

b) Subsidiación ó tipo de xuro das operacións financeiras destinadas ó financiamento destes proxectos.

c) Operacións financeiras e de garantía.

3. Para a determinación da contía da axuda, ademais dos criterios establecidos no artigo 4º, poderán terse en conta os seguintes factores:

a) O carácter innovador nas vertentes técnica e comercial.

b) A coherencia do proxecto coa estratexia sectorial.

c) A súa inclusión en plans de cooperación empresarial.

d) A colaboración ou participación de universidades ou centros tecnolóxicos públicos.

4. Estas axudas non poderán supera-los seguintes límites de intensidade de axuda:

a) Para os proxectos de investigación industrial: 60% dos custos subvencionables. As axudas para estudios de viabilidade técnica previos poderán acada-lo 75% do seu custo.

b) Para as actividades de desenvolvemento precompetitivo: 35% dos custos subvencionables. As axudas para estudios de viabilidade técnica previos poderán acada-lo 50% do seu custo.

c) Nos casos a) e b) anteriores,

I) Se a axuda vai destinada a Pemes, poderase acadar un incremento de intensidade de axuda de ata 10 puntos porcentuais.

II) Cando o proxecto de investigación se inscriba nos obxectivos do programa marco comunitario de investigación e desenvolvemento, poderase acadar un incremento de ata 15 puntos porcentuais. Ese incremento chegará ata 25 puntos cando o proxecto supoña unha colaboración transfronteiriza.

III) Cando o proxecto, sen inscribirse nos obxectivos do programa marco comunitario, supoña unha colaboración transfronteiriza entre cando menos dous socios independentes de dous estados membros, unha colaboración efectiva entre empresas e organismos públicos de investigación, ou permita unha ampla difusión e publicación dos seus resultados ou a concesión de licencias sobre patentes, poderase acadar un incremento de ata 10 puntos porcentuais.

d) No caso de acumulación dos incrementos previstos neste punto, a intensidade da axuda non poderá supera-lo 75% nos proxectos de investigación industrial e o 50% no caso de proxectos de investigación aplicada e de desenvolvemento.

Artigo 12º.-Axudas á formación, divulgación, asistencia técnica e á contratación de persoal especializado.

Poderán concederse subvencións a fondo perdido sobre os seguintes proxectos:

1. Formación especializada de persoal. Para a cualificación destes proxectos como incentivables e a determinación da contía da axuda poderase ter en conta a existencia ou non en Galicia de persoas xa formadas na materia obxecto do programa, a calidade da formación que se vai impartir e a modalidade de contratación. A contía destas axudas non poderá supera-lo 45% do custo do programa de formación aprobado.

2. Organización de eventos orientados á sensibilización e dinamización da actividade socioeconómica e de interese xeral, sempre que non impliquen un beneficio directo para unha empresa en particular.

3. Participación en feiras, contratación de estudios ou asesoramento necesarios para o lanzamento dun novo producto ou un producto existente nun novo mercado xeográfico. As axudas nunca se vincularán ó volume de vendas en exportación. Esta axuda soamente se aplicará á primeira participación dunha empresa nunha determinada feira ou exposición.

4. Contratación de asistencias técnicas especializadas que resulten necesarias para a posta en marcha e viabilidade dun proxecto empresarial. A contía destas axudas non poderá supera-lo 75% do custo da contratación.

5. Contratación de profesionais, persoal directivo ou técnico altamente cualificado que polos seus coñecementos ou experiencia resulten necesarios para a posta en marcha e viabilidade dun proxecto empresarial. Para a cualificación destes proxectos como incentivables e a determinación en tal caso da contía da axuda poderanse ter en conta os seguintes factores: a experiencia dos candidatos, a achega de coñecementos ou habilidades, a súa aplicación práctica na actividade da empresa e a retribución ou prezo pactado. A axuda non poderá exceder do 75% do custo da contratación para os dous primeiros anos e a contratación deberá supoñer un incremento neto de emprego.

6. Así mesmo, poderán concederse bolsas para a formación co fin de favorece-la incorporación de persoal titulado á empresa e contribuír á formación práctica destes.

Artigo 13º.-Axudas á promoción e cooperación empresarial nas pequenas e medianas empresas.

1. No ámbito da promoción empresarial poderán ser obxecto de axuda as actividades de lanzamento de novos productos ou de productos existentes nun novo mercado, sen que poida concederse a axuda máis dunha vez para un mesmo producto ou para un mesmo mercado.

2. Serán incentivables aquelas fórmulas de cooperación empresarial que se materialicen a través da creación de consorcios, agrupacións ou empresas conxuntas ou outras fórmulas de colaboración empresarial, nos ámbitos productivo, comercial, tecnolóxico ou financeiro, que formen parte dos sectores de actividade recollidos neste decreto. As actuacións consideradas, que non deberán conducir a prácticas restrictivas da competencia, ofrecerán garantías de permanencia e estabilidade.

3. Terán a consideración de gastos incentivables os realizados nos seguintes conceptos:

a) Gastos externos de consultoría e asistencia técnica.

b) Os gastos notariais e rexistrais para a formalización do acordo.

c) Os gastos externos en materiais, mostras e ensaios con fins demostrativos.

d) Outros gastos externos directamente vinculados ó proxecto.

4. Os proxectos que resulten incentivables poderán dispoñer de axudas a fondo perdido de ata o 75% dos custos subvencionables do proxecto.

5. Para a determinación, se é o caso, da contía da axuda, ademais dos criterios establecidos no artigo 4º, poderán terse en conta os seguintes factores:

a) O grao de maduración e definición do proxecto.

b) As vantaxes competitivas que se xeren.

c) O sector de actividade de que se trate.

d) O grao de integración horizontal ou vertical que supoña a cooperación.

e) A transferencia de tecnoloxía existente e as posibilidades de exportación da que se desenvolva como consecuencia da cooperación.

Artigo 14º.-Apoio a iniciativas emprendedoras.

Poderán concederse axudas á formación e implantación de novas iniciativas empresariais de acordo co sinalado nos puntos seguintes:

1. Axudas á formación de emprendedores.

Ademais das actuacións directas que nesta materia desenvolva a Administración autonómica, poderán concederse subvencións a fondo perdido para sufraga-los custos dos programas formativos aplicados á elaboración dun plan de empresa que se realicen por entidades públicas ou privadas e outras actuacións dirixidas ó fomento da cultura emprendedora e á consolidación de novas iniciativas empresariais.

2. Axudas á implantación de novas iniciativas empresariais.

Poderán concederse os seguintes tipos de axudas:

a) Subvención a fondo perdido e subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos destinados a sufraga-los custos de implantación e posta en marcha da nova iniciativa empresarial.

b) Operacións financeiras e de garantía.

c) Habilitación de infraestructuras e servicios de apoio para a implementación de iniciativas emprendedoras.

3. A participación pública no capital das sociedades requirirá a dimensión mínima que regulamentariamente se estableza.

4. Terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes:

a) Asistencias técnicas para a elaboración de prototipos e o contraste da viabilidade da idea empresarial.

b) Os gastos de investimento recollidos no número 2 do artigo 8º deste decreto.

c) Outros gastos necesarios para a implantación e posta en marcha da nova iniciativa empresarial, tales como os gastos financeiros, stocks e outros gas

tos externos directamente vinculados coa posta en marcha do proxecto, dentro dos límites establecidos no número 7 do artigo 8º deste decreto.

5. Poderán acollerse ás axudas deste programa aquelas iniciativas que resulten cualificadas como emprendedoras de acordo coas bases que regulamentariamente se establezan. Para esta cualificación poderán utilizarse, entre outros, os seguintes criterios:

a) Grao de innovación da idea empresarial.

b) Capacidades persoais do promotor.

c) Complementariedade coas actividades económicas predominantes no territorio de implantación da nova empresa.

d) Nivel de viabilidade económica, técnica e financeira da idea empresarial.

e) Potencialidade de xeración de novos empregos.

Artigo 15º.-Compatibilidade dos incentivos económicos.

1. Os incentivos económicos establecidos neste decreto serán complementarios e compatibles entre si e con calquera outras axudas da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan supera-los límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Os beneficiarios das axudas terán a obriga de presentar ante o órgano concedente unha declaración complementaria do conxunto das axudas socilitadas para un mesmo proxecto, nos termos establecidos no artigo 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Para estes efectos os incentivos concendidos conforme o establecido neste decreto estarán sometidos ó disposto na disposición adicional terceira do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, no relativo á base de datos autonómica sobre axudas e subvencións públicas.

4. O límite xeral de intensidade de axuda na Comunidade Autónoma será do 40% en termos de subvención neta equivalente (ESN), sen prexuízo doutros límites se é o caso previstos na normativa comunitaria en concordancia co establecido no punto 2 do artigo 3 deste decreto. Cando os gastos subvencionables mediante axudas rexionais poidan acollerse total ou parcialmente a axudas con distintas finalidades, a parte común quedará suxeita ó límite máis favorable dos réximes de que se trate.

Artigo 16º.-Competencia na xestión e concesión dos incentivos económicos.

A tramitación das axudas convocadas ó abeiro deste decreto, así como a concesión delas, realizaraas cada consellería, organismo autónomo ou ente público da Xunta de Galicia, conforme ó previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, dentro do ámbito das súas competencias e conforme as dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 17º.-Seguimento das axudas.

De acordo coa orde competencial establecida no artigo anterior realizarase, de acordo coa normativa comunitaria, un informe anual sobre a aplicación deste decreto.

Disposición adicional

Para os efectos da determinación dos grandes proxectos de investimento a que se refire o parágrafo oitavo do artigo 8º, seguiranse ós criterios establecidos pola Comisión Europea nas directrices comunitarias multisectoriais sobre axudas rexionais a grandes proxectos de investimento (98/C 107/105).

Disposición transitoria

As solicitudes de incentivos que se presentasen con anterioridade á entrada en vigor deste decreto serán tramitadas e resoltas conforme a normativa vixente no momento da súa presentación.

Disposición derrogatoria

Sen prexuízo do establecido na disposición transitoria, á entrada en vigor deste decreto quedarán derrogados o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, de incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 255/1996, do 14 de xuño, polo que se establece un réxime de axudas para a toma de participación no capital social de sociedades, o Decreto 454/1996, do 26 de decembro, polo que se establece un réxime de axudas á internacionalización da empresa galega, a súa normativa de desenvolvemento, así como a que regulase programas de incentivos coincidentes por razón de materia cos previstos neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Sen prexuízo das competencias das consellerías, organismos e entes públicos para realiza-las convocatorias específicas de axudas de conformidade co artigo 16 deste decreto, facúltase á Consellería de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para a súa aplicación e o seu desenvolvemento.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda