Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 23 de xullo de 2001 Páx. 9.981

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 171/2001, do 5 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Centros e Institucións de Investigación e Investigadores de Galicia.

O artigo 148.1º 17 da Constitución española establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias en materia de fomento da cultura, da investigación e, se é o caso, do ensino da lingua da Comunidade Autónoma. Neste sentido o Estatuto de autonomía de Galicia dispón no seu artigo 27.19º que lle corresponde a Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia.

En virtud desa atribución de competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 12/1993, do 29 de xullo, de fomento de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia. A dita lei ten por obxecto o fomento da investigación científica, a innovación tecnolóxica, a normalización e homologación necesarias para acelera-la integración de Galicia no mercado europeo e a súa presencia efectiva nos mercados internacionais. Así mesmo, por medio da devandita lei, a Comunidade galega pretende promove-las relacións entre os centros de investigación e os sectores sociais integrados no desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia.

No artigo 23.1º da devandita lei créase o Rexistro de Centros e Institucións de Investigación e de Investigadores de Galicia, o cal ten por obxectivos identifica-las ditas institucións e persoas e coñece-los centros na súa estructura, organización e preparación para calquera acción concertada ou de fortalecemento deles.

Como consecuencia da configuración dos departamentos que integran a Xunta de Galicia, establecida polo Decreto 347/1997, do 9 de decembro, e polo Decreto 350/1997, do 10 de decembro, polo que se determinan os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, creouse, entre estes, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que asumiu polo Decreto 374/1998, do 29 de decembro, as competencias en materia de fomento da investigación.

Polo que antecede, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/ 1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de xullo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Rexistro de Centros e Institucións de Investigación e de Investigadores de Galicia, creado pola

Lei 12/1993, do 29 de xullo, de fomento de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no artigo 23.1º, terá por finalidade, como base de datos informatizada, a xestión automatizada dos currículum vitae profesionais dos investigadores, dos organismos e as empresas públicas que formen parte da Administración autonómica e desenvolvan función de investigación, así como das institucións, as empresas e os organismos dos sectores públicos e privados que perciban algún dos beneficios que a Comunidade Autonóma de Galicia estableza para os fins da Lei 12/1993, do 29 de xullo.

Artigo 2º

1. A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento será a encargada da administración, planificación, programación e xestión da incorporación progresiva ó Rexistro de Centros e Institucións de Investigación e de Investigadores de Galicia tanto dos investigadores do sistema público e privado de investigación de Galicia como das institucións, organismos e empresas dos sectores público e privado que formen parte da Administración autonómica e que desenvolvan funcións de investigación.

2. Perante a devandita secretaría, como órgano responsable do rexistro, exercerase, de se-lo caso, calquera dereito de acceso, rectificación, cancelación ou oposición ós datos que figuren nel.

Artigo 3º

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento determinará, mediante resolución no Diario Oficial de Galicia, a data a partir da cal será de obrigado cumprimento estar inscritas no rexistro, para as seguintes persoas físicas e xurídicas:

a) Os investigadores que realicen a súa función en institucións públicas ou privadas e que desenvolvan a súa actividade investigadora de acordo con algún dos programas incluídos no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

b) Institucións, organismos e empresas públicas que formen parte da Administración autonómica e que desenvolvan funcións de investigación.

c) Institucións, empresas e organismos dos sectores público e privado que perciban algúns dos beneficios que a comunidade institúa para os fins do previsto na Lei 12/1993, do 29 de xullo, de fomento de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

Artigo 4º

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento velará polo cumprimento estricto do establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e en toda aquela lexislación que no futuro poida desenvolverse e se refira ó correcto uso da información contida en rexistros informatizados, quedando expresamente prohibida a cesión a terceiros da información, total

ou parcial, que exista no Rexistro de Centros e Institucións de Investigación e de Investigadores de Galicia, salvo consentimento explícito do interesado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o cumprimento e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e

Administración Pública