Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 18 de xullo de 2001 Páx. 9.727

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 14 de maio de 2001 pola que se aproban os modelos D650 e 650 do imposto sobre sucesións e doazóns.

A orde do Ministerio de Economía e Facenda do 7 do abril de 2000 aproba os novos modelos do imposto sobre sucesións e doazóns. No seu punto quinto establece que «Os modelos de declaración-liquidación, documentos de ingresos e sobres, aprobados por esta orde, que sexan utilizados polas administracións tributarias das comunidades autónomas para a xestión dos tributos cedidos, poderán ser obxecto de adaptación para axeitalos ás súas peculiaridades organizativas, xestoras e normativas, de acordo coas súas competencias na materia».

Esta disposición enmárcase na condición de tributo cedido que a Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas e a Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos ás comunidades autónomas e medidas fiscais complementarias outorgan a este

imposto, o que leva cconsigo que a Comunidade Autónoma de Galicia teña a capacidade normativa que estas leis establecen e que exerza, por delegación do Estado, competencias en materia de xestión, recadación e inspección, sendo o modelo de presentación do imposto un instrumento esencial dos citados aspectos xestores.

Tendo en conta o anterior, a Comunidade Autónoma de Galicia adapta o novo modelo do imposto sobre sucesións e doazóns ás características propias da súa organización administrativa e ás peculiaridades que a presentación deste imposto presenta nesta Comunidade Autónoma. As principais modificacións son as seguintes:

-Establécese un modelo D650 de relación de bens de sucesións que será válido tanto para a presentación para liquidar como para a presentación por autoliquidación, fronte ó modelo estatal, que só é válido para a autoliquidación. A modelación da relación de bens ten como obxectivo facilitar ó contribuínte unha guía para describi-los bens da herdanza e instruccións para súa formalización, evitando así tanto o inconveniente que supoña a elaboración dun escrito propio que axustase o seu contido ó esixido no regulamento do imposto, como os requirimentos por parte da Administración que dilataban o procedemento e causaban molestias ós contribuíntes, sobre todo tendo en conta o gran número de presentacións para liquidar que se producen nesta Comunidade Autónoma.

-Mantense o anterior modelo 650 de autoliquidación individual pola súa sinxeleza, que se acentúa ó ir xunto coa relación de bens e ó enlazarse directamente o contido dos recadros dun e outro modelo.

-Mantense o anterior modelo 651 de doazóns debido a que na maioría dos casos as doazóns comprenden un só ben.

-Establécese unha única modalidade de presentación fronte ás modalidades ordinaria e simplificada establecidas polo Estado, xa que o modelo simplificado sería de pouco uso nesta Comunidade Autónoma e se producirían dificultades na diferenciación da utilización.

A relación de bens presenta algunhas diferencias en relación coa estatal, entre as que cómpre sinalar:

-O aumento do número de espacios para bens rústicos así como a introducción de claves para indica-los cultivos, usos e situacións.

-A creación de dous novos epígrafes para os bens inmobles rústicos e urbanos nas actividades empresariais.

-A acomodación do modelo á figura da apartación como pacto sucesorio da Lei de dereito civil de Galicia.

En consecuencia, en virtude das autorizacións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro.-Aprobación do modelo D650 de declaración e 650 de autoliquidación do imposto sobre sucesións e doazóns.

Apróbanse os seguintes modelos de declaración e autoliquidación do imposto de sucesións e doazóns que figuran no anexo I:

a) D650: imposto sobre sucesións e doazóns: adquisicións mortis causa. Declaración de bens.

Este modelo utilizarase para a declaración e para a autoliquidación (neste último caso xunto co modelo 650) das adquisicións mortis causa, incluídas as de beneficiarios de contratos de seguros sobre a vida, cando o contratante sexa persoa distinta do beneficiario, agás os supostos expresamente regulados no artigo 16.2º a) da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e outras normas tributarias, así como para as declaracións e autoliquidacións parciais ás que se refiren os artigos 78 e 89 do Regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns, aprobado mediante Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro.

O modelo componse da relación de bens que integran a masa hereditario e presentarase un por causante, aínda que sexan varios os suxeitos pasivos. Inclúese un anexo para a relación de adquirentes interesados na sucesión ou o seguro. Ademais, o modelo consta dun exemplar para a Administración e outro para o interesado.

b) 650: imposto sobre sucesións e doazóns: autoliquidación-sucesións.

Este modelo utilizarase para a participación individual e autoliquidación das adquisicións mortis causa, incluídas as de beneficiarios de contratos de seguros sobre a vida, cando o contratante sexa persoa distinta do beneficiario, agás os supostos expresamente regulados no artigo 16.2º a) da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e outras normas tributarias, así como para as autoliquidacións parciais a que se refiren os artigos 89 do Regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns. Irá sempre xunto co modelo D650 e presentaranse tantos modelos 650 como interesados na sucesión, un por suxeito pasivo. Ademais, o modelo consta dun exemplar para a Administración, outro para o interesado e outro para o sobre individual.

Segundo.-Presentación e ingreso dos modelos D650 e 650.

Cando o rendemento corresponda á Comunidade Autónoma de Galicia, os suxeitos pasivos deberán

presentar na oficina competente a seguinte documentación:

-Se realizan a presentación para liquidar, un modelo D650 único para cada sucesión xunto coa restante documentación a que se refire o artigo 66 do Regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns, aprobado mediante Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro, que se introducirá no sobre principal segundo modelo que figura no anexo II, que se aproba por esta orde.

-No caso de que opte pola autoliquidación tantos modelos 650 como suxeitos pasivos, que se introducirán cada un nun sobre individual segundo modelo que figura no anexo II, que se aproba por esta orde, así como un modelo D650 único para cada sucesión que, xunto coa documentación a que se refire o artigo 66 do Regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns e os sobres individuais, se introducirán no sobre principal.

A presentación de autoliquidacións implicará, de se-lo caso, o ingreso na oficina competente das cantidades que resulten da aplicación das normas do imposto.

Terceiro.-Lugar e prazo de presentación dos modelos D650 e 650.

En canto á determinación da Comunidade Autónoma competente para a xestión e os prazos de presentación do imposto de sucesións e doazóns, haberá que aterse ó disposto na Orde do 7 de abril de 2000, do Ministerio de Economía e Facenda, polo que aproba os modelos 650, 652 e 651 de declaración-liquidación, e determina o lugar, forma e prazos de presentación.

Cuarta.-Modelo 651 de autoliquidación de doazóns.

Mantense o anterior modelo 651 de autoliquidación de doazóns que se publica como anexo III.

Disposición adicional

Modifícase a Orde do 20 de xuño de 1995, da Consellería de Economía e Facenda, sobre os modelos de impresos para utilizar na declaración-liquidación dos tributos cedidos e impostos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, introducindo no seu anexo o seguinte modelo:

Modelo D650: imposto sobre sucesións e doazóns. Adquisicións mortis causa. Declaración de bens.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ós 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2001.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda