Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 18 de xullo de 2001 Páx. 9.766

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 11 de xullo de 2001 pola que se declara de interese galego a Fundación Náutico-Deportiva Rías do Sur e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Con data do 10 de xullo de 2001 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 4 de xullo de 2001, pola que se clasifica como mixta a Fundación Náutico-Deportiva Rías do Sur adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Pontevedra, o día 14 de xuño de 2001, ante o notario Luís Darrieux de Ben, co número 582 do seu protocolo, por María Nieves Gil Miguel, que intervén en nome e representación do Club Natación Rías Baixas; Alberto Rodríguez González, que intervén en nome e representación da entidade Amigos Fundadores da Piscina Olímpica; e José Ramón Meiriño González, que intervén en nome e representación do Club Natación Galaico.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 6 dos estatutos, ten por obxecto a realización de actividades deportivas e recreativas encamiñadas á promoción e ó fomento dos recursos deportivos de Galicia, especificamente de Pontevedra e a súa área de influencia, para o que:

A. Participará activamente na creación da infraestructura necesaria para a práctica dos deportes de natación e outros deportes náuticos, nas súas facetas de ocio, rehabilitación e competición.

B. Promoverá, facilitará e divulgará actividades de competición dos deportes de natación e outros deportes náuticos.

C. Terá plena liberdade para determina-las súas actividades, podendo selecciona-los obxectivos que coide máis adecuados ás circunstancias de cada momento.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba

o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Náutico-Deportiva Rías do Sur ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Náutico-Deportiva Rías do Sur no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública