Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 18 de xullo de 2001 Páx. 9.726

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 8 de xuño de 2001, conxunta das consellerías de Sanidade e Servicios Sociais, de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e de Medio Ambiente, pola que se crea o Comité Galego de Expertos en Encefalites Esponxiformes Transmisibles (EET).

A situación xerada pola aparición da Encefalopatía Esponxiforme Bovina (en diante, EEB), asociada á posibilidade de aparición de novos casos de animais afectados, e a consideración de que as encefalites esponxiformes transmisibles, especialmente a EEB, supoñen un risco en relación co que existe unha grande incerteza sobre a súas bases científicas, obriga a contar co mellor asesoramento posible para a toma de decisións por parte das autoridades responsables.

A prioridade esencial é a adopción de medidas baseadas na aplicación do principio de precaución, é dicir, a aplicación das medidas que se cosideren proporcionais para evitar que o problema acade dimensións incontrolables e tamén o mantemento e a mellora dos sistemas de vixilancia a nivel local, nacional e internacional.

Neste sentido, o mantemento dun nivel de coñecementos expertos actualizados supón un medio imprescindible para avalia-la eficacia dos esforzos de control do problema.

Feitas as consideracións citadas, considérase necesaria a creación dun mecanismo de asesoramento permanente ás autoridades responsables do control destas enfermidades de maneira altamente eficaz para evitarlle á poboación riscos innecesarios por calquera das vías polas que estas enfermidades sexan susceptibles de transmitirse.

En consecuencia, e no uso das facultades conferidas polos artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase o Comité Galego de Expertos en Encefalites Esponxiformes Transmisibles (EET), en diante o comité, para o asesoramento e avaliación da xestión destas enfermidades polas autoridades responsables da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Funcións.

Son funcións do comité:

Facer recomendacións de actuacións xenéricas derivadas do coñecemento da situación epidemiolóxica das EET en Galicia.

Manter unha revisión permanente da evidencia científica que se estea a producir en materia de EET.

Asesorar en todo momento a Xunta de Galicia en todas aquelas cuestións que sobre EET se lle soliciten.

Asisti-la Xunta de Galicia na comunicación de riscos das EET á poboación.

Analiza-los recursos necesarios para o correcto desenvolvemento das actividades de prevención e control das EET en Galicia.

Propoñer e facilita-la incorporación de especialistas dos que a participación no comité se considere necesaria para casos concretos, coordinando e avaliando as actividades levadas a cabo.

Artigo 3º.-Composición.

1. O comité estará composto por un máximo de sete profesionais da Comunidade Autónoma, con demostrada experiencia en aspectos relacionados coas EET, dos cales:

Tres membros serán nomeados por proposta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Tres membros serán nomeados por proposta da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Un membro será nomeado por proposta da Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 4º.-Constitución.

O comité deberá reunirse, por primeira vez, no prazo dunha semana contada desde o día seguinte ó da publicación dos nomeamentos no Diario Oficial de Galicia.

Na sesión de constitución procederase por parte dos membros a nomear un voceiro que desempeñará, para tódolos efectos, a representación do comité.

Así mesmo, designarase un secretario que se encargará da elaboración das actas e informes.

Artigo 5º.-Funcionamento.

O comité reunirase por petición da Administración ou por decisión da metade dos seus membros.

De cada reunión o secretario levantará acta na que especificarán os membros asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo nas que tivo lugar, os puntos principais das deli

beracións, así como o contido dos acordos adoptados. As actas serán remitidas ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública para a súa difusión ás consellerías afectadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Saúde Pública, o director xeral de Producción Agropecuaria e o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para adoptar, no ámbito das súas respectivas competencias, as medidas adecuadas en relación coa execución o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2001.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente