Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Luns, 16 de xullo de 2001 Páx. 9.618

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2001 pola que se publica a normativa de permanencia na Universidade de Vigo.

Aprobada a normativa de permanencia na Universidade de Vigo pola Xunta de Goberno do 9 de novembro de 2000 e polo Consello Social do 13 de xuño de 2001, este rectorado resolveu publica-la devandita normativa, que figura no anexo desta resolución.

Vigo, 25 de xuño de 2001.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO

Preámbulo.

Sendo a educación universitaria un dereito cidadán, é obriga da Universidade de Vigo proporcionarlles ós estudiantes, na medida que lle permitan as súas vías de financiamento, os medios materiais e humanos para que poidan recibir unha formación actualizada e de calidade. Pola súa vez o estudiante

ten a responsabilidade de tirar proveito dos medios que a sociedade pon á súa disposición sendo, en definitiva, misión de todos garantir un nivel satisfactorio na cualificación académica dos titulados/as e coidar da utilización eficiente dos recursos proporcionados polo conxunto da sociedade.

Para cumprir eficazmente esa misión recoñécese a importancia de acadar un rendemento mínimo, accesible para calquera estudiante consciente das súas obrigas, sen caer no rigorismo de considerar que uns resultados malos nun curso académico supoñen impedimento para continua-los estudios, posibilitando, ademais, vías para aqueles estudiantes que, por diferentes circunstancias persoais, non consigan o mínimo requirido. Considérase, así mesmo, a importancia de segui-los estudios de xeito ordenado e progresivo tratando de evitar un avance académico inconexo ou caótico.

Non se pode ignorar que na actividade de moitos estudiantes a superación dalgunha materia supón un esforzo desproporcionado en relación a outras do mesmo ou similar carácter e carga lectiva, converténdose nun freo difícil de superar de cara ó seu avance académico dentro da titulación. Enténdese

que un mal rendemento concreto non debe estraga-lo esforzo global no conxunto da titulación e que non debería ser unha causa de abandono de estudios ou de atraso excesivo na finalización destes nun tempo razoable. Por outra banda, para salvagarda-los contidos formativos globais dos diferentes plans de estudios, élles esixible ós estudiantes un esforzo na superación de tódalas materias evitando o abandono a priori daquelas polas que teñan unha menor preferencia ou lles supoña maior dificultade.

Estas normas, baseadas na responsabilidade e flexibilidade, constitúen o medio que permite tratar en conxunto os aspectos anteriormente comentados. Para a súa aplicación é preciso que cada estudiante coñeza o contido destas normas e a súa situación académica, sendo misión da Universidade de Vigo facilita-los medios para ese fin.

Artigo 1º.-Requisitos de matriculación no primeiro curso de acceso ou de reinicio de estudios.

De acordo co establecido na lexislación vixente, os estudiantes que se matriculen por primeira vez nunha titulación da Universidade de Vigo deberán facelo do 1º curso completo (ben sexa de titulación de 1º ciclo, ou de 1º e 2º ciclo).

Artigo 2º.-Convocatorias.

1. Para supera-las materias incluídas no plan de estudios, cada estudiante disporá das seguintes convocatorias:

* Seis con carácter xeral.

* Unha de gracia (7ª) solicitada ó rector que resolverá, por delegación, o director/a ou decano/a do centro.

As probas correspondentes á 5ª, 6ª e 7ª convocatoria e á de fin de carreira serán valoradas por un tribunal nomeado para o efecto segundo o establecido na lexislación vixente.

Nos casos de materias de plans de estudio dispensados por máis dunha das universidades galegas, o estudiante poderá, no caso de ter esgotadas tódalas convocatorias, solicitar render exame noutra universidade galega mentres teña vixencia o convenio establecido para este fin. A cualificación acadada terá os mesmos efectos que se fose emitida pola Universidade de Vigo.

A non superación de calquera materia no número de convocatorias establecido producirá os efectos indicados no artigo 7º.

2.2. O estudiante só poderá facer uso de dúas convocatorias de exame por curso académico.

2.3. A non comparecencia a exame terá a consideración de convocatoria non consumida e non precisa de solicitude previa, agás no caso de alumnos/as matriculados por primeira vez nunha titulación, que terán que facer renuncia expresa á correspondente convocatoria de exame, en alomenos unha materia.

Artigo 3º.-Rendemento académico mínimo.

Os estudiantes da Universidade de Vigo que, matriculándose de máis de 36 créditos en materias troncais, obrigatorias da universidade e optativas en cada un de dous cursos sucesivos, non consigan en cada curso superar un mínimo do 20% dos créditos matriculados, estarán suxeitos ó indicado no artigo 7º.

Enténdense por cursos sucesivos aqueles en que o estudiante formalizou matrícula, aínda que non se correspondan con cursos académicos consecutivos.

Para que teña efecto este artigo téñense que da-las seguintes condicións:

* Matricularse nun curso en materias de calquera carácter, sen conta-las de libre elección, de máis de 36 créditos e superar menos do 20% dos créditos matriculados por curso.

* Recaer na seguinte matrícula en idéntica situación.

Non entrarán no cómputo dos créditos superados os obtidos por adaptación ou validación, nin dos créditos matriculados aqueles que fosen obxecto de anulación ou renuncia (no caso de alumnos/as de 1º por primeira vez) nos prazos establecidos para tal fin nas normas de xestión académica.

Para o cálculo do mínimo non terán efecto os coeficientes multiplicadores indicados no punto 5º.2.

Este artigo non será de aplicación cando a comisión de permanencia considere que concorreron causas de forza maior que impediron acada-lo mínimo requirido segundo a doutrina xurisprudencial.

Artigo 4º.-Comisión de permanencia.

Para trata-las posibles reclamacións e peticións dos estudiantes afectados polo disposto no artigo 3º, constitúese como Comisión de Permanencia a Comisión Permanente do Consello Social, garantindo se é preciso para estes efectos a presencia con voz e voto dun representante estudiantil.

Esta comisión resolverá no prazo máximo de dous meses no período lectivo a partir de ser recibida a petición.

Artigo 5º.-Requisitos de matrícula.

Os estudiantes da Universidade de Vigo estarán sometidos ós seguintes requisitos de matrícula.

1. O máximo de créditos de materias de calquera carácter dos que se pode matricular nun curso académico será de 135. Os créditos adaptados, validados ou superados na convocatoria extraordinaria non serán tidos en conta para ese cómputo de xeito que, se se produce adaptación, validación ou superación de materias unha vez iniciado o curso, poderá amplia-la matrícula ata o límite de 135.

2. Para o cómputo do límite máximo terase en conta o número de veces que o estudiante formalizou matrícula en cada materia, de xeito que na 4ª matrí

cula e seguintes o número de créditos virá multiplicado por un coeficiente co valor indicado a seguir:

Matrícula 4 5ª 6 7ª 8ª 9ª e máis.

Coeficiente 3 5 7 9 11 14.

Estes coeficientes non son de aplicación nas taxas de matrícula.

En calquera caso, o estudiante terá dereito a matricularse dun mínimo de tres materias por curso académico, respectando o indicado no punto 5º.3.

A universidade disporá os medios para que o estudiante teña toda a información precisa á hora de formaliza-la matrícula.

3. Antes de matricularse noutra(s) materia(s) por primeira vez, o estudiante ten que matricularse das materias troncais, obrigatorias de universidade e/ou de orientación, se as houbese, que teña sen superar e que figuren no plan de estudios en cursos inferiores ó de calquera das materias nas que se solicita matrícula. Se o límite de 135 créditos non deixa que o estudiante se matricule de tódalas materias que pretende, deberá comezar polas anteditas dos cursos inferiores antes de facelo doutras novas (de calquera carácter) de cursos ou cuadrimestres superiores.

4. O estudiante que se teña matriculado dunha materia optativa ou de libre elección e non a superase poderá deixar de matricularse nesta e matricularse noutra nova co límite do 150% dos créditos previstos para materias dese carácter no plan de estudios.

Artigo 6º.-Avaliación curricular.

Os estudiantes da Universidade de Vigo poderán solicitar, ademais do procedemento previsto no artigo 234.2º dos estatutos, unha valoración complementaria do seu rendemento académico, segundo o establecido a continuación:

1. Unha vez consumida a 5ª convocatoria sen superar unha materia, o estudiante poderá solicitar, nun prazo máximo dun mes, unha vez que a súa cualificación sexa definitiva, perante a da comisión permanente do centro onde cursa estudios, acollerse ó procedemento de avaliación curricular. Para as materias do último curso da titulación poderá solicitalo unha vez consumida a 4ª convocatoria.

Para tal efecto débense manter baixo custodia, ata a súa superación, as probas que sustenten a cualificación de suspenso na materia alomenos tres cursos académicos.

2. No transcurso da titulación, cada estudiante poderá solicita-la avaliación curricular en dúas materias en titulacións de só primeiro ciclo ou só segundo ciclo e en tres nas titulacións de primeiro e segundo ciclo. A solicitude presentada non contará como tal se durante a tramitación e resolución desta o estudiante supera a materia obxecto da solicitude nunha nova convocatoria.

3. A decisión de admitir ou non a trámite unha solicitude de avaliación curricular correspóndelle á comisión permanente do centro onde cursa estudios o solicitante, que lla comunicará no prazo máximo dun mes a partir da presentación desta.

Non será admitida a trámite cando, a xuízo da comisión, a cualificación da materia sexa unha consecuencia directa do incumprimento de requisitos previamente coñecidos para a súa superación, resultado de accións ilegais inaceptables na comunidade universitaria e mesmo obxecto de sanción académica, ou resultado de probas ou exames claramente deficientes. A comisión poderá solicita-la información que precise para fundamenta-la súa decisión, incluída a comparecencia dos interesados/as.

A decisión da comisión permanente poderá ser recorrida perante da xunta do centro no prazo máximo dun mes desde a notificación.

4. A avaliación curricular consistirá na valoración global do seu expediente académico ata o momento da presentación da solicitude, por medio dunha comisión de avaliación de doce membros composta por:

* Decano/a-director/a, ou profesor/a no que delegase, que actuará como presidente/a.

* Cinco profesores/as, por proposta de cada unha das cinco áreas con maior carga docente en materias troncais, obrigatorias de universidade, optativas de orientación e optativas xerais dispensadas na titulación cursada polo solicitante, excluíndo, de se-lo caso, a área afectada. Se a docencia na titulación está encomendada a menos de seis áreas, as de maior docencia poderán contar con dous representantes como máximo.

* Tres profesores/as propostos pola área afectada. En caso de existir un tribunal encargado de avalia-la materia obxecto da solicitude, os membros da área serán os do tribunal. O número de profesores/as pertencentes á área afectada non poderá ser superior a tres.

* Tres estudiantes propostos polo solicitante entre os da mesma titulación e orientación que teñan superada a materia e estean matriculados (se é posible) nun curso superior. No caso de non presentar proposta, o presidente/a determinará o procedemento de selección.

5. A comisión de avaliación deberá constituírse e resolver no prazo máximo de 45 días desde que a solicitude sexa admitida a trámite. A non resolución en prazo suporá a concesión da solicitude presentada.

Para a constitución válida da comisión de avaliación requirirase a presencia de alomenos 9 dos seus membros.

As xestións para a constitución da Comisión de Avaliación serán levadas a cabo polo presidente/a.

6. A comisión de avaliación valorará o expediente global do estudiante segundo os criterios empregados nos artigos 4 e 5 do anexo I do R.D. 1267/1994. Para que na materia sexa considerado como apto requirirase a maioría de 2/3 dos presentes.

Os efectos académicos en caso de ser considerado apto/a terán plena vixencia e no seu expediente figurará a materia como apto por compensación, que para os efectos de valoración terá a equivalencia de validado, con valor numérico de 1.

A decisión da comisión de avaliación será elevada ó rector, quen dictará resolución ó respecto.

Artigo 7º.-Reinicio de estudios.

Os estudiantes que se atopen nunha das situacións que remiten a este punto desta normativa non poderán continua-los estudios na mesma titulación.

1. Por unha vez poderán solicitar praza para reiniciar estudios noutra titulación das dispensadas na Universidade de Vigo, someténdose ós mesmos requisitos de admisión cós restantes aspirantes en libre concorrencia.

2. No caso de que na nova titulación recaia nunha das situacións aludidas, non poderá continuar estudios na Universidade de Vigo.

Artigo 8º.-Entrada en vigor.

Esta normativa será de aplicación a partir do curso 2001/2002 para os alumnos/as de novo ingreso, e a partir do curso 2006/2007 para tódolos estudiantes da Universidade de Vigo. Tamén será de aplicación para aqueles estudiantes que se cambien a plans de estudios revisados nos cursos 1999/2000 e posteriores procedentes de plans de estudios en extinción, a partir do momento do cambio.

Artigo 9º.-Revisión.

Estas normas serán revisadas, referendadas ou modificadas, nun prazo máximo de tres anos despois da súa entrada en vigor.

Disposición transitoria

Malia a entrada en vigor gradual a partir do curso 2001/2002, o punto 6 desta normativa, unha vez aprobada polo Consello Social, poderá ser aplicado no curso 2000/2001 e posteriores nos seguintes casos:

1. Ós estudiantes de titulacións non estructuradas por créditos no curso 1999/2000 cando lles resten, como máximo, 3 materias anuais ou 6 cuadrimestrais sen teren esgotadas as convocatorias para remata-la titulación polo plan de estudios orixinal, ou unha única materia mesmo no caso de que tivesen esgotadas as convocatorias establecidas nesta universidade segundo a normativa anterior á aprobación desta.

2. Ós estudiantes de titulacións xa estructuradas en créditos no curso 1999/2000 ós que lles restan, como máximo, 3 materias anuais ou 6 cuadrimestrais sen teren esgotadas as convocatorias para finaliza-la súa titulación polo plan de estudios que están a seguir.

3. Ós estudiantes que se matricularon por primeira vez no curso 2000/2001, tanto por acceso á universidade coma por cambio de plan de estudios, en plans renovados no curso 1999/2000.

Nos casos 2 e 3 anteriores, no cómputo de convocatorias consumidas na materia, teranse en conta as que teña no plan de estudios orixinal e na materia equivalente no plan de estudios renovado.

Disposición adicional

Co fin de mante-la coherencia normativa, os estudiantes das titulacións beneficiadas pola medida extraordinaria aprobada en Xunta de Goberno o 8-11-1999 (pola que se permite a matriculación nun plan de estudios revisado mantendo o expediente no plan anterior), e para aqueles cursos nos que a posibilidade de facer uso da dita medida se prolongue mais alá do curso 2000/2001, terase que decidir entre acollerse ós beneficios do acordo do 8-11-1999 ou ó indicado no caso 2 da disposición transitoria anterior, entendendo que unha vez presentada unha solicitude de avaliación curricular non se poderá volver facer uso do acordo do 8-11-1999.