Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Luns, 16 de xullo de 2001 Páx. 9.617

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2001 pola que se convocan dous cursos sobre primeiros auxilios e excarceración.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de dous cursos sobre primeiros auxilios e excarceración, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dota-lo colectivo voluntario de Protección Civil de Galicia dos coñecementos e destrezas necesarios en primeiros auxilios e excarceración, co fin de que cando teñan que intervir en situacións de emerxencia o fagan con total seguridade.

Segunda.-Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente superasen o curso básico de protección civil e o curso de 2º nivel de accidentes na estrada. Teñen prioridade os membros das AVPC que teñan equipos de excarceración.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso será de 27.

2. Duración e datas:

Os cursos terán lugar durante o ano 2001 e cunha duración de 40 horas lectivas.

O primeiro curso realizarase nas datas 2, 3, 4, 9 e 10 de outubro.

O segundo nas datas 6, 7, 8, 13 e 14 de novembro.

O horario será das 9.30 ás 14 horas e das 16 ás 19.30 horas.

3. Lugar: os cursos realizaranse na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, na Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de presentación:

1. A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta en tódolos seus recadros á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da

publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias serán enviadas por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nel trataranse, entre outros, os seguintes temas:

a) O accidente de tráfico. Sinalización, regulación e avaliación de riscos.

b) Primeiros auxilios. Queimaduras. Traumatismos cranioencefálicos, da columna e torácico-abdominais. Fracturas, escordaduras e contusións.

c) A asistencia de emerxencias na nosa comunidade. Transporte do lesionado.

d) Excarceración de víctimas atrapadas no interior de vehículos accidentados.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 20 de setembro de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, amais dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 29 de xuño de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade