Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 06 de xullo de 2001 Páx. 9.129

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2001 pola que se procede á publicación da addenda ó convenio subscrito o 5 de xullo de 1999 entre o Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galicia para colaborar na xestión e inspección da prestación social dos obxectores de conciencia.

Subscrita unha addenda ó convenio entre o Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galicia para colaborar na xestión e inspección da prestación social dos obxectores de conciencia, e en cumprimento do disposto no artigo 8 punto 2º da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, efectos dos convenios, resolvo proceder á publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da devandita addenda, que para tal efecto figura como anexo a esta resolución.

O que se fai público para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2001.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

Addenda ó convenio subscrito o 5 de xullo de 1999 entre o Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galicia para colaborar na xestión e inspección da prestación social dos obxectores de conciencia.

En Santiago de Compostela o catorce de xuño de dous mil un.

Reunidos, dunha parte Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia e en virtude da competencia que lle outorga a Lei 1/1983, do 22 de febreiro reguladora da Xunta e do seu presidente e doutra parte o Ángel Acebes Paniagua, ministro de Xustiza, en virtude da competencia que lle outorga o artigo 13.3º da Lei 6/1997, do 14 de abril,

de organización e funcionamento da Administración Xeral do Estado.

EXPOÑEN:

I. Que ó Ministerio de Xustiza lle compete a xestión e inspección da prestación social substitutoria de acordo co disposto no número 1 do artigo 12 da Lei 22/1998, do 6 de xullo, reguladora da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria.

II. Que a Xunta de Galicia colabora na xestión e inspección da prestación social dos obxectores de conciencia de conformidade co establecido no artigo 12 da Lei 22/1998, do 6 de xullo, e en virtude do convenio subscrito co Ministerio de Xustiza o 5 de xullo de 1999 (BOE do 28 de xullo de 1999).

III. Que, de acordo coa cláusula décima do citado convenio, a Xunta de Galicia queda habilitada como centro pagador da asignación do haber en man, de acordo co disposto no artigo 81.4º do Regulamento da obxección de conciencia e da prestación social substitutoria.

O Ministerio de Xustiza transferirá, coa suficiente antelación e cunha periodicidade polo menos trimestral, os fondos necesarios para o pagamento do haber en man, así como para sufraga-los gastos de aloxamento e manutención a que, chegado o caso, houbera lugar.

Anualmente, actualizaranse os citados importes de acordo coas previsións de incorporación e coas dispoñibilidades de cada exercicio orzamentario.

Mediante addenda ó convenio, en cada exercicio orzamentario acordarase a transferencia dos fondos necesarios para o pagamento da formación e vestiario dos obxectores de conciencia.

IV. A Dirección Xeral de Obxección de Conciencia facilitará por vía telemática canta información precise a Xunta de Galicia para unha axeitada xestión da prestación social nos termos previstos no convenio de colaboración de 5 de xullo de 1999.

V. Pola súa parte, a Xunta de Galicia comprométese a remata-lo desenvolvemento do seu sistema de información de xeito que permita a transmisión periódica e puntual á Dirección Xeral de Obxección de Conciencia da información sobre obxectores, programas, incorporacións e baixas e en xeral a realización de todas aquelas actuacións que para a axeitada xestión dos programas vixentes sexan necesarias, de forma que ó remate da prestación social substitutoria toda a información dispoñible se atope integrada nas bases de datos e aplicacións informáticas da Dirección Xeral da Obxección de Conciencia.

Por todo o que,

ACORDAN:

Primeiro.-Confirma-la vixencia para o ano 2001 do convenio subscrito o 5 de xullo de 1999.

Segundo.-Actualiza-las cláusulas décima e duodécima do mencionado convenio nos termos expresados na addenda seguinte.

Texto da addenda.

1. O Ministerio de Xustiza destinará no exercicio orzamentario do ano 2001 a cantidade de 20.088.900 pesetas en concepto de gastos de xestión ordinaria e funcionamento e 8.000.000 de pesetas, para o remate do desenvolvemento do sistema de información á que se refire o punto V anterior, todo iso para a execución do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia de 5 de xullo de 1999 e con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313F.451.

Os restantes custos correspondentes ó exercicio orzamentario do ano 2001 estímanse en:

ConceptoImporte en pesetas

Haber en man106.866.000

Aloxamento e manutención61.837.020

Formación13.200.000

Vestiario36.280.302

Total218.191.322

2. Os remanentes de fondos resultantes desde a entrada en vigor do convenio, que se atopen en poder da Comunidade Autónoma de Galicia seguirán mantendo o destino específico para o que foron transferidos e utilizaranse no exercicio 2001, como situación de Tesourería na orixe, para a concesión de novas subvencións tal como establece a regra sétima do artigo 153 da Lei xeral orzamentaria.

3. O Ministerio de Xustiza transferirá cunha periodicidade trimestral as cantidades resultantes unha vez realizada a compensación á que se refire o parágrafo anterior, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313F.451. Os trámites necesarios para o pagamento da citada cantidade iniciaranse de forma inmediata á entrada en vigor do convenio.

4. Cunha periodicidade tamén trimestral, a Xunta de Galicia informará puntualmente sobre os gastos realizados nos ditos conceptos, debendo presentar anualmente a liquidación destes, coas xustificacións que para tal efecto se determinen.

5. Esta addenda entrará en vigor ó día seguinte da súa sinatura e rematará a súa vixencia o 31 de decembro do ano 2001.

De conformidade con canto antecede, no exercicio das atribucións das que son titulares os asinantes, subscriben, por duplicado exemplar, a addenda en Santiago de Compostela o catorce de xuño de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Ángel Acebes Paniagua

Ministro de Xustiza