Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 06 de xullo de 2001 Páx. 9.131

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2001 pola que se dá publicidade ó acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, que aproba as bases reguladoras da convocatoria de 20 bolsas de promoción exterior.

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en liña coas funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsa-lo desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego, vén levando a cabo unha serie de accións no ámbito exterior desde o apoio á formación de capital humano especialista no eido internacional, o apoio ás empresas galegas no seu proceso de expansión exterior, a captación de investimentos estranxeiros cara a Galicia ata o apoio a outros activos intanxibles como son a transferencia tecnolóxica. Para iso o Igape conta con presencia permanente en varios países a través dos centros de Promoción de Negocios do Igape no exterior e mediante acordos de representación.

Esta presencia internacional refórzase co programa de bolsas de promoción exterior a través do cal mozos titulados universitarios adquiren unha formación teórica e práctica no ámbito internacional á vez que desde os seus destinos prestan apoio ás empresas galegas na súa busca de novos mercados e ó establecemento de acordos con empresas estranxeiras.

Por todo o que, o Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, na súa reunión do 31 de maio de 2001, aprobou as bases reguladoras da convocatoria de 20 bolsas de promoción exterior cunha dotación presupostaria de cen millóns de pesetas.

Por todo o que antecede,

RESOLVO:

1. Dar publicidade ó acordo do Consello de Dirección do Igape do 31 de maio de 2001 polo que se aproban as bases reguladoras da convocatoria de 20 bolsas de promoción exterior do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que se xuntan como anexo a esta resolución.

2. A dotación orzamentaria para estas bolsas ascende ó importe de cen millóns de pesetas con cargo a partida 01.01.03/01/02-651800 do orzamento do Igape, distribuído en 39.500.000 pesetas para o exercicio 2001 e 60.500.000 pesetas para o exercicio 2002.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2001.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Bases reguladoras da convocatoria de 20 bolsas de promoción exterior do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)

Base 1ª.-Obxectivo.

O obxecto destas axudas diríxese a formar especialistas no ámbito internacional á vez que realizar traballos e estudios encamiñados á expansión exterior da empresa galega, tales como a busca de oportunidades de negocio, investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras e a detección de potenciais investidores estranxeiros cara a Galicia.

Base 2ª.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:

2.1. O cumprimento dalgunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia cunha antigüidade superior a 24 meses.

-Ser natural de Galicia.

-Ser fillo ou descendente en liña directa ata o terceiro grao, de emigrantes galegos no exterior.

2.2. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias (superior ou media) na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: arquitectura, bioloxía, ciencias económicas e empresariais, dereito, física, enxeñería e química.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación e Cultura español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

2.3. Dominio dun dos seguintes idiomas (falado e escrito): alemán, chinés, francés, inglés, italiano, xaponés, portugués ou ruso.

Os candidatos poderán examinarse como máximo de dous dos idiomas anteriores, para o que deberán indica-lo primeiro e o segundo idioma obxecto de exame na solicitude.

2.4. Non ter concedida mediante resolución ou non ter desfrutado con anterioridade de ningunha outra bolsa do Igape.

2.5. Non ter desfrutado doutra bolsa no estranxeiro concedida por outros organismos. Exceptúanse as bolsas de estudios desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.

2.6. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro.

Base 3ª.-Duración e destino.

3.1. A duración inicial da bolsa establécese en doce meses contados desde a data de comezo que para tal efecto fixe a resolución de concesión, poden

do ser prorrogada polo Igape por un período de seis meses adicionais en consideración á programación de actividades do Igape e ós resultados acreditados polo bolseiro.

3.2. A duración das bolsas que se concedan para cubrir posibles incidencias ou renuncias cubrirá unicamente o tempo que reste desde a aceptación polo bolseiro substituto ata a data establecida de finalización da bolsa inicial.

3.3. As bolsas desfrutaranse preferentemente nos centros de Promoción de Negocios do Igape no exterior (CPN) e nas oficinas económicas e comerciais de España no estranxeiro (Ofcomes), ou outros destinos, incluíndo os de carácter privado.

Base 4ª.-Contía.

4.1. As bolsas estarán dotadas cunha cantidade anual que oscilará entre 3.327.720 pesetas (20.000 euros) brutas e 7.986.528 pesetas (48.000 euros) brutas segundo o país e cidade de destino. En caso de prórroga da bolsa, a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a duración da prórroga. Previamente á adxudicación das bolsas, o Igape publicará os países de destino así como a contía económica da bolsa asignada a cada un deles.

O Igape correrá con gastos de desprazamento do bolseiro ó país ou cidade de destino proporcionando un billete de ida ó país de destino e outro de volta a España, que lle serán proporcionados con antelación á data de inicio e finalización da bolsa ou da prórroga concedida.

4.2. Considéranse incluídas dentro da dotación da bolsa os impostos de carácter persoal, así como tódolos gastos en que teña que incorre-lo bolseiro para o seu desenvolvemento, e, en concreto, os seguintes:

-A obtención e/ou renovación do visado ou permiso de residencia esixidos polas autoridades do país de destino.

-Gastos de estadía no país de destino.

-A contratación dun seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa.

-Vacinas ou tratamentos preventivos necesarios para o país de destino.

-Os de traslado do bolseiro de cidade e/ou de país, temporal ou definitivamente durante o desfrute da bolsa, por causas alleas ó Igape.

-A obtención dun certificado médico oficial de boa saúde.

4.3. O Igape correrá cos gastos de desprazamento, aloxamento e manutención no país de destino ocasionados pola asistencia a feiras ou acompañamento de empresarios galegos. Para estes efectos o bolseiro solicitará ó Igape con alomenos 15 días de antelación a realización do desprazamento, mediante o oportuno formulario de orde de servicios que lle será proporcionado, e deberá obte-la preceptiva autorización do Igape. A liquidación dos ditos gastos efectuarase de acordo co establecido no Consello de Dirección

do Igape polo que se fixan as contías por indemnización por razón de servicio.

4.4. O Igape poderá financiar cursos do idioma oficial do país de destino, logo de autorización do Igape, sempre que non coincida co primeiro idioma elixido de acordo coa base 2.3 desta convocatoria e que o coñecemento del sexa necesario para o correcto desenvolvemento da bolsa. Unicamente se admitirán aqueles cursos que se realicen nun centro de ensino de idiomas. A liquidación deste gasto realizarase contra presentación do/s orixinal/is ou fotocopia/s da factura/s pagadas polo bolseiro, así como dun informe emitido polo centro en cuestión no que se indicará o grao acadado.

4.5. Asimesmo, o Igape poderá aboar ó bolseiro calquera outro gasto que non estea regulado nas presentes bases, sempre e cando sexa directamente imputable á actividade por el desenvolvida, como poden se-los gastos de envío dos informes realizados, e o bolseiro deba sufragalos persoalmente logo de aprobación do gasto polo Igape. Para a súa liquidación deberá presenta-la documentación xustificativa correspondente.

4.6. No caso das actividades de formación que o Igape organice previamente á incorporación dos bolseiros e as reservas ó destino asignado, este período terá a consideración de non computable no período da bolsa, e percibirán por este concepto unha cantidade de 44.924 pesetas (270 euros) brutas quincenais ou a parte proporcional que corresponda ó período de formación efectivamente realizado. A non asistencia ó curso entenderase como renuncia á bolsa. As faltas xustificadas non poderán supoñer máis dun 25% da duración total do curso. Os pagamentos efectuaranse logo de certificación de asistencia emitida polo profesor do curso.

Base 5ª.-Libramento.

5.1. A dotación da bolsa aboarase ó bolseiro en cinco pagamentos parciais segundo o seguinte detalle:

-Un 10% da dotación a partir do momento de aceptación da bolsa e sinatura do correspondente compromiso de cumprimento das normas e obrigas que se establezan.

-Un 25% da dotación unha vez recibida a notificación de incorporación ó destino asignado.

-Un 25% da dotación ó termo do segundo trimestre.

-Un 25% da dotación ó termo do terceiro trimestre.

-Un 15% da dotación ó termo do cuarto trimestre. Este pagamento final non se realizará ata a presentación no Igape dunha memoria final dos traballos realizados.

5.2. A dotación correspondente á prórroga da bolsa que, se é o caso, se conceda aboarase segundo o seguinte detalle:

-60% da dotación a partir do momento da recepción no Igape da aceptación da prórroga da bolsa e sina

tura do correspondente compromiso de cumprimento das normas e obrigas que se establezan.

-O 30% da dotación ó inicio do segundo trimestre.

-O 10% restante unha vez finalizado o segundo trimestre. Este pagamento final non se realizará ata a presentación no Igape duna memoria final dos traballos realizados.

Base 6º.-Residencia, mobilidade xeográfica e dependencia funcional.

6.1. Durante a duración da bolsa o bolseiro terá o obriga de residir na cidade de destino que se lle asignase. Non obstante, durante o prazo de desfrute da bolsa, en caso de concorrer causa xustificada, o bolseiro poderá ser trasladado de cidade e/ou do país de destino temporal ou definitivamente, sendo por conta do Igape os gastos de traslado que, se é o caso, se produzan.

6.2. O bolseiro poderá dispor de catorce días laborables para a realización de actividades de carácter persoal. Para o desfrute deles deberase solicita-la aceptación e conformidade do Igape e do organismo de destino, polo menos, con 10 días de antelación. No caso de prórroga da bolsa e se estes non foran desfrutados con anterioridade, poderán acumularse ós que correspondan proporcionalmente ó período de prórroga, non tendo, en modo ningún, a consideración de gratificables economicamente.

6.3. Para a realización do seu cometido, o bolseiro dependerá en todo momento do Igape, estando sometido ás instruccións e criterios fixados ou transmitidos por este, ou ós que, se é o caso, este organismo acorde coa institución ou empresa que o acolla.

Base 7º.-Procedemento de selección.

7.1. As solicitudes presentaranse no modelo oficial que se publica como anexo III xunto coa documentación que se publica como anexo II no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación presentada non lle será devolta ó solicitante. A documentación redactada nunha lingua non oficial en Galicia deberá presentarse acompañada de traducción realizada por intérprete xuramentado.

7.2. O prazo de presentación de solicitudes establécese nun mes natural a partir do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia do presente acordo.

7.3. A valoración das solicitudes e das probas selectivas será realizada por un comité de selección que estará presidido polo director da Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial e integrado por outros dous membros da dita área, actuando un deles como secretario.

7.4. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado documentalmente o cumprimento dos requisitos de admisión, o comité de selección confeccionará unha lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión. Esta lista será exposta no taboleiro de anuncios do Igape e abrirase un prazo de dez días hábiles para os interesados poderen emenda-la súa solicitude, achegando,se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen producirse a emenda, procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite. En calquera momento, o Igape poderá pedirlle ó solicitante a información e a documentación complementarias que considere necesarias para a resolución do expediente.

Finalizado o prazo de emendas, o Igape publicará nas súas dependencias unha lista definitiva de solicitudes admitidas á selección.

7.5. Preselección segundo o expediente.

De entre os solicitantes admitidos, farase unha preselección eliminatoria de acordo coa nota media do expediente académico do título universitario, seleccionándose ata un máximo de cento cincuenta candidatos. Para estes efectos, establécese o seguinte baremo de puntuacións:

Matrícula de honra: 10 puntos.

Sobresaliente: 9 puntos.

Notable: 7 puntos.

Aprobado: 5 puntos.

7.6. Proba de idiomas.

Os aspirantes preseleccionados segundo o disposto no punto anterior serán convocados a unha proba do idioma/s elixido/s entre os sinalados na base 2.3. As probas constarán duna parte escrita e outra oral. A proba do primeiro idioma elixido terá carácter eliminatorio e a do segundo idioma terá a consideración de mérito sempre e cando o candidato superase a dita proba.

7.7. Entrevista persoal.

Os aspirantes que superasen a proba do idioma elixido como primeiro idioma someteranse a unha entrevista persoal eliminatoria tendente a avalia-la adecuación do perfil do candidato ás funcións que van desempeñar durante o período de desfrute da bolsa.

7.8. Baremación.

Os candidatos serán finalmente baremados tendo en conta as puntuacións acadadas ó longo do proceso selectivo e será a suma das puntuacións acadadas nas alíneas a), b) e c) seguintes:

a) O resultado de valorar conxuntamente as puntuacións que se acadasen no proceso selectivo (nunha escala de 1 a 10) ponderadas da seguinte maneira:

-O 30% da puntuación obtida na proba do primeiro idioma elixido.

-O 10% da puntuación obtida na proba do segundo idioma elixido.

-O 20% da puntuación do expediente académico.

-O 20% da puntuación obtida na entrevista persoal.

A suma total destas puntuacións será como máximo de 8 puntos.

b) Aqueles candidatos que acrediten unha experiencia laboral de polo menos un ano nunha empresa segundo o establecido no anexo II número 11 obterán como máximo un punto nesta alínea.

c) Avaliarase especialmente a formación en comercio exterior, polo que os candidatos que acrediten a realización de acordo co establecido no anexo II número 13 dun curso nesta materia de máis de 200 horas ou 20 créditos obterán, como máximo, un punto adicional.

7.9. Listas definitivas.

Unha vez rematadas as probas de selección, a comisión de avaliación exporá nos taboleiros de anuncios das oficinas do Igape as listas de solicitantes que teñan superado as probas, clasificados segundo a puntuación final obtida ó longo do proceso selectivo, o primeiro e segundo idioma elixido e abrirase un prazo de dez días naturais para os interesados poderen presentar alegacións respecto do baremo obtido.

7.10. Publicacións e recursos.

Os actos da comisión de selección dictados no proceso de selección serán obxecto de publicación no taboleiro de anuncios do Igape e non serán notificados individualmente ós interesados. Contra os ditos actos caberán nos supostos do artigo 107.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso de alzada ante o Consello de Dirección do Igape no prazo dun mes desde a súa publicación.

7.11. Adxudicación das bolsas.

a) O Igape fará publica a relación de países de destino, a contía da súa dotación económica e o idioma ou idiomas o coñecemento das cales será tido en conta para acceder a cada un deles.

b) De entre os candidatos que superasen as probas selecionaranse o 20 primeiros que obtivesen unha maior puntuación final segundo o baremo do punto 7.8. anterior e serán convocados para a elección dos destinos seguindo a orde da puntuación obtida. Poderán elixir de entre os destinos dispoñibles, sempre e cando cumpran co requisito de coñecemento do idioma/s do país de destino, o que quedará acreditado se o candidato superou a proba dese idioma/s nas probas realizadas no proceso selectivo (agás para os países de fala hispana). Se para algún dos destinos ofertados non houbese candidatos que superasen a proba de coñecemento do idioma do destino en cuestión, prevalecerá como criterio o coñecemento do idioma inglés.

c) Unha vez seleccionados os 20 bolseiros polo procedemento descrito, o resto dos candidatos que superasen as probas, ata un máximo de 10, pasarán a integra-las listas de reservas que servirán para resolve-las posibles renuncias ou incidencias, cunha vixencia para estes únicos efectos de 12 meses desde a súa publicación.

d) A Dirección da Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial do Igape remitirá proposta de adxudicación para a súa resolución pola dirección xeral. A resolución conterá o nome do adxudicatario, a data de comezo da bolsa, o destino, a dotación económica, a lista de reservas e cantas cuestións se consideren convenientes para o correcto desenvolvemento das actividades que realizarán os bolseiros.

e) Para os efectos establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás bolsas especificadas nesta orde será de 6 meses desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Cumprido o dito prazo entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa. No caso de que por disposición legal variase o sentido do silencio, o procedemento adaptarase ó disposto nela.

f) As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nestas bases esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto na Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, se poderá interpor contra elas recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpor no prazo dun mes desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución recurso de reposición, que resolverá o Consello de Dirección do Igape.

Base 8ª.-Aceptación da bolsa.

O Igape notificará a cada adxudicatario a concesión da bolsa, quen, no prazo de dez días hábiles desde a súa notificación, deberá aceptala nos seus termos e comprometerse a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases e na resolución de concesión. Se no dito prazo non constase a súa aceptación expresa, entenderase que renuncia ós seus dereitos, arquivándose o seu expediente sen máis trámite.

Base 9ª.-Obrigas dos bolseiros.

Sen prexuízo doutras obrigas conforme esta convocatoria e demais disposicións aplicables, os beneficiarios das bolsas quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:

9.1. Participaren nas actividades de formación teórica e práctica que o Igape organice para os bolseiros

antes de ocuparen o seu destino, o que deberán superar satisfactoriamente, dando lugar, no caso contrario, á revogación da bolsa concedida.

9.2. Incorporárense ó seu destino dentro do prazo fixado na resolución de concesión.

9.3. Cumpriren as instruccións fixadas ou que lle sexan transmitidas polo Igape para o desenvolvemento do obxecto da bolsa.

9.4. Cumpriren as normas de conducta da oficina ou entidade onde os bolseiros estean instalados.

9.5. Elaboraren e presentárenlle ó Igape os estudios, informes ou traballos prácticos que lles sexan encomendados durante a duración da bolsa e ó remate desta presentaren unha memoria final sobre os traballos realizados.

9.6. Xestionaren, tramitaren e obteren os visados, permisos ou autorizacións esixidos polas autoridades do país ou cidade de destino e presentaren unha copia no Igape antes de ocupa-lo seu destino.

9.7. Vacinárense e recibiren os tratamentos preventivos necesarios para o país ou cidade de destino.

9.8. Contrataren un seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa e as súas posibles prórrogas e presentaren unha copia no Igape antes de ocupa-lo seu destino.

Base 10ª.-Incumprimento.

10.1. Procederá á revogación da bolsa e, se é o caso, ó reintegro das cantidades anticipadas e os seus xuros de demora producidos desde o seu pagamento, cando o bolseiro incumpra calquera das bases da convocatoria ou os compromisos contraídos na resolución de concesión, así como nos casos previstos no artigo 78.5º do texto refundido da Lei de réxime financiero e presupostario de Galicia.

En calquera momento o Igape poderá comprobar, mediante os mecanismos de inspección e de control que considere convenientes, as actividades dos beneficiarios relativas á bolsa concedida.

10.2. Constituirá causa de incumprimento a non realización dos estudios, informes ou traballos prácticos que lle sexan encomendados durante a duración da bolsa, así como a non presentación dunha memoria final no prazo de 10 días contados a partir da data de finalización da bolsa.

Ó termo do primero semestre, o Igape revisará o cumprimento do programa de traballo asignado e reserva para si a facultade de revoga-la bolsa se o bolseiro incumpre, sen que sexa por alguna causa xusitificada ou motivo de forza maior.

10.3. No caso de que o bolseiro renuncie á bolsa concedida, deberá comunicalo ó Igape por escrito con, polo menos, 15 días de antelación á data na que abandone o seu posto no organismo de destino.

10.4. En tódolos casos, a cantidade anticipada que se devolverá obterase pola diferencia entre a dota

ción percibida ata o momento da renuncia e a que lle corresponde polos días efectivamente desfrutados.

10.5. O procedemento de incumprimento será iniciado polo Igape, de oficio, ben por iniciativa do órgano concedente, ou como consecuencia das actuacións de control da Intervención Xeral, por petición razoada doutros órganos que teñan atribuídas facultades de comprobación na materia ou por denuncia.

10.6. O órgano competente para iniciar, tramitar e resolve-lo expediente será aquel que dictou a resolución de concesión.

10.7. O procedemento iniciarase mediante a comunicación ó beneficiario das presuntas causas determinantes do incumprimento e as posibles consecuencias del. Os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ó trámite de audiencia, aducir alegacións ou achegar documentos e outros elementos de xuízo.

10.8. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución, poñerase de manifesto ós interesados, que disporán dun prazo de quince días para alegaren e presentaren os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

10.9. Presentadas as alegacións ou transcorrido o prazo de quince días sen contestación por parte do beneficiario, o Igape dictará resolución que proceda, pronunciándose sobre o alcance do incumprimento e, se é o caso, a obriga de reintegro das cantidades percibidas.

10.10. O prazo máximo para resolve-los procedementos sobre incumprimento será de seis meses, computados desde o acordo de iniciación. Se, pasado o dito prazo, non se dictase resolución, entenderase caducado o procedemento sen prexuízo de que se notifique a resolución declarando a caducidade e ordenando o arquivo das actuacións.

10.11. O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que se dicte resolución pola que se declare a dita circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que motivaron o procedemento de reintegro puideran ser constitutivos de infracción administrativa.

10.12. Todo o anterior faise, sen prexuízo, se é o caso, da incoación dos procedementos sancionadores que procedan.

Base 11ª.-Certificado da bolsa.

No prazo dun mes desde a data de finalización da bolsa e trala presentación no Igape da memoria final das actividades realizadas, o bolseiro que así

o desexe deberá solicitar ó Igape un certificado de beneficiario da bolsa concedida.

Base 12ª.-Incidencias.

Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio pola Dirección Xeral do Igape.

As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral do Igape, de acordo coa lista de reserva.

Base 13ª.-Propiedade dos traballos.

Coa aceptación da bolsa, tódolos dereitos de explotación dos estudios, informes e outros traballos que realice o bolseiro no desenvolvemento das prácticas realizadas, cédenselle ó Igape, que poderá facer uso deles e explotalos como crea conveniente directamente ou mediante a súa cesión a terceiros.

Base 14ª.-Natureza e incompatibilidade da bolsa.

A concesión ou desfrute destas bolsas non implica ninguna vinculación laboral entre o beneficiario e o Igape, nin supoñen ningún compromiso ou dereito de incorporación ó seu cadro de persoal, non exercendo o bolseiro en ningún caso, salvo mando expreso, a representación do Igape.

As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servicios remunerada do bolseiro.

Base 15ª.-Control.

Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe o Igape e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento de axudas con fondos europeos.

Neste senso, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que sexa requirida polos ditos organismos.

Base 16ª.-Interpretación.

Correspóndelle á directora xeral do Igape a facultade de dicta-las disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nestas bases, así como para resolve-las dúbidas concretas que se susciten na aplicación delas.

Disposición derradeira

As presentes bases entrarán en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.