Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 02 de xullo de 2001 Páx. 8.869

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa La Artística Productos Químicos, S.A. Unipersonal.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa La Artística Productos Químicos, S.A. Unipersonal, con nº de código 3602982, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-5-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 5-1-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 18 de maio de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa La Artística Productos Químicos, S.A. (sociedade unipersoal) para o ano 2001

Artigo 1º.-Partes asinantes e ámbito.

Son partes asinantes deste convenio colectivo, pola parte económica, a representación da empresa La

Artística Productos Químicos, S.A. (sociedade unipersoal), pola parte social, os delegados de persoal de La Artística Productos Químicos S.A. (sociedade unipersoal).

Este convenio, que se concerta entre a representación económica e social da empresa referenciada, será de aplicación a todo o persoal dela.

Artigo 2º.-Vixencia.

Este convenio terá vixencia desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2001. Calquera que sexa a data do seu asinamento ou publicación no Diario Oficial de Galicia, os efectos económicos para o ano 2001 retrotraeranse en todo caso ó 1 de xaneiro do dito ano. A revisión salarial terá efectos desde o primeiro de xaneiro do dito ano.

Este convenio prorrogarase por un ano máis, salvo denuncia dalgunha das partes cun mes de antelación ó final da súa vixencia. Denunciado o convenio subsistirán os seus preceptos ata a entrada en vigor do que o substitúa.

Artigo 3º.-Normas supletorias.

Serán as de carácter xeral.

Artigo 4º.-Dereitos adquiridos.

Este convenio garante como mínimo as condicións existentes, aplicándose sobre eles os seus beneficios.

Respectaranse os dereitos adquiridos e condicións máis beneficiosas que están establecidas na empresa á entrada en vigor deste convenio.

Artigo 5º.-Xornada e vacacións.

A xornada anual será de 1.768 horas de traballo efectivo e as vacacións anuais en 30 días ininterrompidos. A xornada diaria efectiva será de 8 horas de traballo.

Neste ano 2001, La Artística Productos Químicos, S.A. (sociedade unipersoal) terá as vacacións en dous períodos, polo que sufrirá unha reducción de oito horas sobre as 1.768 horas, quedando a súa xornada anual efectiva en 1.760 horas de traballo.

Os días establecidos como descanso ou vacacións serán retribuídos como tempo efectivo de traballo.

Artigo 6º.-Xornada nocturna.

Establécese un complemento de nocturnidade como complemento de posto de traballo para os traballadores que presten os seus servicios na quenda de noite, consistente nun 10% sobre o salario base que corresponda en cada caso e por noite efectivamente traballada.

Non obstante o anterior, recoñécese o dereito adquirido de maneira expresa e a prol dos traballadores fixos no cadro de persoal á entrada en vigor do convenio para 1997 de que a referida porcentaxe sexa un 25% no canto do 10%. Tamén se recoñece o dereito adquirido ós mesmos traballadores que, estando normalmente prestando os seus servicios en quenda de día e temporalmente pasen, por requirimento da empresa, á quenda de noite, a percibir, ademais do complemento mencionado, os seguintes

complementos por noite efectivamente traballada: para dúas semanas consecutivas ou menos de traballo en quenda de noite: 2.889 pesetas/noite traballada. Para máis de dúas semanas consecutivas de traballo en quenda de noite: 2.614 pesetas/noite traballada. Nestas circunstancias, o pase a quenda de noite será voluntario.

O pase dun destes traballadores fixos de quenda de día, co dereito adquirido descrito, a fixos da quenda de noite, esixirá o previo acordo do interesado coa empresa respecto das condicións de remuneración do seu traballo como fixo da quenda de noite.

Artigo 7º.-Salario.

O importe do salario base, para o ano 2001, será o que figura nas táboas anexas.

Artigo 8º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal percibirá dúas pagas extraordinarias, unha no mes de xullo pagadeira na primeira quincena e outra en decembro pagadeira do 15 ó 18; o seu importe será o de 30 días de salario base, máis de se-lo caso, a antigüidade que corresponda.

Artigo 9º.-Beneficios.

Todo o persoal percibirá unha gratificación anual que se devengará semestralmente, do 15 ó 20 dos meses de xaneiro e xullo. En xaneiro a correspondente ó segundo semestre do ano anterior e en xullo a do primeiro semestre do ano en curso. Consistirá no 10% sobre o salario base, sobre a antigüidade e sobre as dúas pagas extras, efectivamente percibidas.

Artigo 10º.-Accidente laboral.

As baixas por accidente laboral non darán lugar á perda da paga de beneficios, a cal se percibirá como se se traballase.

Ademais para os accidentes que dean lugar a IT, ocorridos dentro do recinto da empresa ou durante as horas en que estea prestando servicio ás empresas, completarase a prestación da Seguridade Social por accidente laboral ata o cen por cento da base reguladora a partir do primeiro día de baixa inclusive. Para este complemento a cargo da empresa, establécese un límite de duración de 18 meses desde o inicio da baixa, coincidindo co período máximo de IT establecido na lei.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Acordan as partes que a partir do día de entrada en vigor do convenio para 1997, desaparecerá o concepto retributivo de antigüidade, salvo para as persoas a prol das que se recoñece a seguir o seguinte dereito adquirido: recoñécese de maneira expresa e formal a prol de tódolos traballadores fixos no cadro de persoal á entrada en vigor do convenio de 1997 e que estean prestando os seus servicios para a empresa, o dereito adquirido ás percepcións polo extinguido concepto de antigüidade.

Este dereito adquirido esténdese no só a seguir devengando no futuro as cantidades que ata a data se viñan percibindo por este concepto, senón a que sigan xerando quinquenios. O réxime destas percepcións por antigüidade, para os que teñan o dereito

adquirido a elas, seguirá sendo o mesmo que existía ata agora, e sobre estas percepcións seguiranse aplicando os incrementos que se pacten nos futuros convenios colectivos. Os traballadores e a empresa poderán pactar individualmente a absorción deste concepto, entendendo que esta absorción se poderá realizar unicamente co acordo expreso do traballador.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Tenderase á supresión das horas extras que non veñan impostas por causas de forza maior ou que teñan o carácter de estructurais. Enténdese por horas extras estructurais:

a) As que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes.

b) As necesarias por pedidos imprevistos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade de que se trate. As de mantemento, sempre que non poidan ser substituídas pola utilización das distintas modalidades de contratación previstas legalmente.

Terán a consideración de horas extra festivas aquelas que se realicen en sábado ou nos días festivos declarados legalmente, e retribuiranse na contía establecida na táboa anexa a este convenio.

En tódalas horas extras retribuídas que se realicen cada día, o traballador percibirá, ademais do valor da hora extra pactado en convenio e co obxecto de axudar a tódolos gastos en que puidese incorre-lo traballador como consecuencia da realización das ditas horas, os seguintes complementos:

-Ata 4 horas: 409 pesetas/hora.

-Máis de 4 horas: 1.637 pesetas/día.

Se as horas extras se realizan entre as 22 horas e as 6 horas do día seguinte, ademais do complemento anterior, o traballador percibirá o valor da hora extra pactado na táboa incrementado nun 25% en concepto de nocturnidade.

O importe das horas extraordinarias será o que figura na táboa anexa.

Artigo 13º.-Falecemento do traballador.

En caso de falecemento do traballador, a empresa aboaralle ó cónxuxe, no seu defecto ós fillos e no seu defecto ós pais, nesa orde e sempre que dependan economicamente do traballador falecido, as cantidades que se relacionan segundo as seguintes causas:

a) Se o falecemento é debido a enfermidade ou accidente non laboral: 572.000 pesetas.

b) Se o falecemento é debido a accidente laboral: 979.000 pesetas.

Artigo 14º.-Categorías profesionais.

Substitúese a categoría de aprendiz menor de 18 anos pola de aprendiz, cos salarios que figuran na táboa anexa.

Os especialistas de 2ª serán promovidos á categoría de especialistas de 1ª como máximo ós seis meses de antigüidade na empresa.

Os porteiros e serenos equipáranse como mínimo a especialistas de 1ª en categoría e retribución.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

A empresa proverá os seus traballadores das pezas de roupa necesarias para o exercicio do seu labor, e non poderán ser menos de dúas ó ano.

Artigo 16º.-Complemento de asistencia e puntualidade.

Satisfarase co incremento do 3,25% para o ano 2001, sobre o que estivo en vigor en 2000. Computarase por períodos semanais e terá dereito a el o persoal que non cometese máis dunha falta de asistencia ou puntualidade durante o dito período e alcanzará os días traballados máis domingos e festivos.

Non obstante o exposto no parágrafo anterior, este complemento percibirase igualmente nos seguintes supostos:

a) Cando o traballador se ausente para cumprir funciones de carácter sindical.

b) Durante os períodos regulamentarios de vacacións.

c) Cando o traballador se ausente por causas de citacións xudiciais ou gobernativas ou para asistir a algún exame por estudios oficiais, incluso o obrigatorio para obte-lo permiso de conducir e para a obtención ou renovación do DNI.

d) Durante os días traballados na semana na que se produza a baixa ou a alta, orixinados por causa de accidente laboral.

e) Por asistencia á consulta médica.

f) Durante os días en que o traballador estea ausente con permiso por causa de morte dos pais, cónxuxe, fillos, avós, netos e irmáns. En caso de convivencia co traballador, calquera persoa.

g) Durante o permiso motivado por parto de esposa, intervención cirúrxica ou enfermidade grave dos familiares comprendidos na letra f).

Artigo 17º.-Traballos tóxicos, penosos e perigosos.

Os traballadores que viñesen prestando servicios para as empresas o 1 de xaneiro de 1996 e que, conforme o artigo 60 da ordenanza laboral para a industria metalgráfica, viñan percibindo o complemento de traballos tóxicos, penosos e perigosos na contía establecida no anterior convenio, conservarán o dito dereito a pesar da derrogación da ordenanza, percibindo o complemento na contía do ano anterior, incrementada coa mesma porcentaxe pactada para a táboa salarial do convenio.

Artigo 18º.-Incapacidade permanente parcial.

Cando ó traballador lle sexa declarada unha incapacidade permanente parcial para a súa profesión habitual, a empresa terá a obriga de o admitir e lle proporcionar traballo que non lle supoña diminución da súa remuneración, a cal se terá que manter na contía íntegra que lle corresponda, segundo a súa categoría profesional.

Artigo 19º.-Axuda escolar.

Tódolos traballadores terán dereito a percibir por cada fillo escolarizado a cantidade de 2.956 pesetas mensuais para o ano 2001, durante os doce meses do ano, e na idade de 3 a 23 anos, logo de xustificación.

Artigo 20º.-Axuda a minusválidos.

Os traballadores con fillos beneficiarios da prestación de minusvalidez da Seguridade Social percibirán por parte da empresa unha axuda de 20.760 pesetas mensuais, para o ano 2001.

Artigo 21º.-Xubilacións.

Os traballadores que se xubilen entre os 60 e os 65 anos percibirán da empresa as cantidades segundo se detallan na seguinte escala:

Para 2001.

Ós 60 anos: 1.036.300 pesetas.

Ós 61 anos: 908.709 pesetas.

Ós 62 anos: 799.436 pesetas.

Ós 63 anos: 690.159 pesetas.

Ós 64 anos: 603.889 pesetas.

Ós 65 anos: 529.122 pesetas.

Artigo 22º.-Baixas por incapacidade permanente absoluta.

Os traballadores que causen baixas por incapacidade permanente, no grao de absoluta, por proposta da comisión técnica cualificadora provincial ou central da Seguridade Social, percibirán por parte da empresa 603.000 pesetas por unha soa vez, calquera que sexa a súa idade.

Artigo 23º.-Ausencias retribuídas.

O traballador, avisando coa posible antelación e xustificándoo, poderá faltar ou ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e durante o tempo que a seguir se expón:

a) Durante tres días, que se poderán ampliar ata dous máis, cando o traballador necesite realizar un desprazamento para efectos de:

-Nos casos de parto de esposa, enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe, fillos, pai ou nai, netos, avós e irmáns. En caso de convivencia co traballador, calquera persoa.

b) Durante un día por traslado do seu domicilio habitual.

c) Un día natural en caso de matrimonio de fillos, irmáns ou pais.

d) O tempo necesario para o cumprimento de funcións de carácter sindical, nos casos representativos e non excedendo de 40 horas laborais ó mes.

e) As nais con fillos menores de nove meses terán unha reducción dunha hora na xornada laboral, a cal será retribuída pola empresa.

f) A empresa aboará un permiso retribuído en 15 días naturais, en caso de matrimonio.

Nos parentescos enténdese tanto nos graos de consanguinidade como de afinidade.

Artigo 24º.-Complemento de transporte.

Incrementarase, para o ano 2001, no 3,25% sobre o que estivo en vigor o ano anterior.

Artigo 25º.-Maternidade.

As traballadoras en período de xestación poderán solicita-lo cambio parcial ou temporal de posto de traballo, sempre que a xuízo do médico de empresa e do seu xinecólogo, o posto que desempeña lle proporcione dificultades anormais.

A empresa complementará a traballadora desde a súa baixa por maternidade o 100% da base reguladora durante 16 semanas.

Artigo 26º.-Funcións do comité de empresa.

De acordo co convido nas leis, os comités terán facultades para intervir en materia de:

a) Negociación colectiva.

b) Seguridade e hixiene.

c) Expedientes de regulación de emprego.

d) Folga.

e) Ser informados trimestralmente pola empresa acerca da situación e marcha xeral dela.

E serán informados do mesmo xeito, en materia de:

a) Mobilidade do persoal.

b) Imposición de sancións e despedimentos.

c) Evolución do emprego e horas extras.

As empresas facilitarán un local para o funcionamento dos comités, dotado de arquivos para a súa documentación e máquina de escribir. Para a reproducción de circulares ó persoal, procurarán facilitárlle-lo seu servicio de multicopista compatibilizándoo co traballo normal das oficinas.

Artigo 27º.-Asembleas.

Poderán ter lugar dentro dos locais de ámbalas firmas, fóra de horas de traballo, cando o soliciten da empresa o comité ou o 20% dos traballadores, polo menos con 48 horas de anticipación á súa celebración.

Mentres non se destine a outro fin, o local que cederá a empresa será o mesmo utilizado ata agora.

Artigo 28º.-Cota sindical.

As empresas descontarán ós traballadores afiliados ós sindicatos con representación do 10% de delegados no comité e pertenzan a centrais de ámbito nacional, de nacionalidade ou rexión, a cota sindical logo de conformidade do interesado por escrito.

Os mencionados escritos dos traballadores terán unha vixencia mínima dun ano, salvo comunicación en contrario do interesado.

Artigo 29º.-Seccións sindicais.

Terán as seguintes garantías:

a) No suposto de medidas disciplinarias contra calquera afiliado, as empresas xunto o escrito de

sanción ó interesado entregarán copia para a súa sección sindical.

b) Poderán difundir libremente as publicacións da súa central, cobrar cotas e afiliar, sen máis limitacións que a non obstaculización da producción.

c) As seccións sindicais coa representación mencionada neste artigo poderán realizar asembleas, fóra de horas de traballo, nos locais da empresa, despois de lla solicitar a esta.

d) As seccións sindicais de empresa que cumpran o 10% disporán para o conxunto dos seus afiliados de ata un máximo de 7 días anuais de licencia non retribuída para asistencia a cursos, congresos, etc., dunha central.

A licencia requirirá notificación á empresa cunha semana de antelación.

e) A empresa estará obrigada a concede-la excedencia polo tempo necesario para os traballadores que ocupen un cargo sindical con carácter polo menos provincial.

Artigo 30º.-Revisión salarial.

No caso de que o Índice de Prezos ó Consumo (IPC) establecido polo Instituto Nacional de Estatística rexistrase o 30 de setembro de 2001 un incremento respecto ó 31 de decembro de 2000 superior ó 3%, efectuarase unha revisión salarial así que se

constate oficialmente a dita circunstancia. Esta revisión, no suposto de que a haxa que facer efectiva, serao sobre os meses de outubro, novembro e decembro de 2001 e consistirá na aplicación do exceso sobre o citado tanto por cento ás retribucións vixentes o 31 de decembro de 2000.

Artigo 31º.-Comisión paritaria.

Crearase unha comisión paritaria integrada por tres representantes dos traballadores e tres representantes da empresa. Será presidida pola persoa que a mesma comisión designe por ámbalas partes, podendo actua-la comisión sen presidente, se así se acordase.

Será función principal da comisión paritaria interpreta-las cláusulas do convenio pronunciando unha arbitraxe nas cuestións controvertidas que se lle presenten.

Artigo 32º.-Retribución de persoal feminino.

Rexerá o establecido no artigo 28 do Estatuto dos traballadores.

Vigo, 12 de xaneiro de 2001.

R. patronal:

Teresa Ramos Barbosa.

R. traballadores:

J. Carlos Goberna Pérez.

José París Lago.