Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 02 de xullo de 2001 Páx. 8.862

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 22 de xuño de 2001 pola que se establecen axudas para o desenvolvemento de cursos e seminarios de formación e capacitación de agricultores e das súas familias, para impartir por asociacións, organizacións ou entidades sen ánimo de lucro asentadas no medio rural da Comunidade Autónoma.

A achega do sector agrario á actividade económica e á dinámica social en Galicia ten unha gran magnitude e importancia dentro da sociedade, polo que é preciso atende-las súas demandas en canto á mellora das condicións de traballo, sobre todo nunha época como a actual, de profundas transformacións na estructura da agricultura.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ten como un dos seus fins promover e orienta-las accións dos agricultores e as súas familias para a mellor utilización dos seus recursos, actuando permanentemente sobre os membros das familias rurais para activar neles cambios de actitude, melloras no seu medio social, a introducción

de produccións alternativas e a difusión de coñecementos e técnicas que contribúan ó logro deste obxectivo. Así mesmo, e dentro das medidas para o crecemento e o emprego da Xunta de Galicia, considérase conveniente promover accións encamiñadas á introducción de novas tecnoloxías para o fomento dunha economía sustentable, atendendo así á demanda da mellora da calidade de vida no medio rural.

Para conseguir este fin é necesario instituír axudas que permitan realizar cursos de formación agraria dirixidos a aquelas persoas que desexen capacitarse e mellora-las técnicas que van aplicar nas súas explotacións.

Por todo isto, e en virtude das competencias que me outorga a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá no ámbito da Comunidade Autónoma a execución das accións formativas citadas no artigo 2º e o acceso ás axudas recollidas nesta orde para o seu desenvolvemento.

Artigo 2º.-Accións formativas.

As accións formativas que se van desenvolver ó amparo desta normativa serán as seguintes:

1. Cursos de formación continua de actualización profesional e introducción de novos coñecementos, dirixidos a agricultores, ás súas familias e membros das comunidades rurais. A duración mínima destes cursos será de 10 días e 30 horas lectivas.

2. Cursos orientados ó fomento e estabilización do emprego, de actividades productivas e complementarias para a diversificación das produccións agrarias e encamiñadas á consecución dunha economía sustentable nas familias rurais; dirixidas a agricultores, ás súas familias e membros das comunidades rurais. A duración mínima destes cursos será de 15 días e 50 horas lectivas.

Ámbolos dous tipos de cursos desenvolveranse de forma continua no tempo.

Artigo 3º.-Colectivos beneficiarios.

Poderán acceder ás axudas para o desenvolvemento das accións formativas que se recollen nesta orde aquelas asociacións, organizacións ou entidades sen ánimo de lucro asentadas no medio rural da Comunidade Autónoma de Galicia e que cumpran os requisitos citados nesta orde.

Artigo 4º.-Axudas.

Ó abeiro desta orde, as accións formativas recollidas no artigo 2º serán obxecto de axuda, para compensa-los custos derivados da súa execución, de acordo cos módulos que se determinan.

1. Contía das axudas:

As cantidades estipuladas da axuda establécense en función da duración do curso e do número de alumnos, que se cifran nun mínimo de 15 e un máximo de 30; así mesmo, estipúlase a cantidade de 4.500 ptas./hora lectiva para o profesorado.

a) Cursos de 30 horas:

Gastos de profesorado: 135.000 ptas.

Gastos de coordinación: 10.000 ptas.

Gastos xerais: máximo por alumno: 6.000 ptas.

b) Cursos de 50 horas:

Gastos de profesorado: 225.000 ptas.

Gastos de coordinación: 15.000 ptas.

Gastos xerais: máximo por alumno: 7.500 ptas.

2. Os custos correspondentes a cada tipo de curso desagregaranse en:

-Grupo A: referidos ós custos de profesorado e coordinación.

-Grupo B: referidos ó resto dos custos aboables do curso.

3. Estas axudas serán incompatibles con calquera outra, concedida por outro organismo oficial, destinada para os mesmos fins.

Artigo 5º.-Custos susceptibles de axuda.

-Serán obxecto de axuda os custos correspondentes ó grupo A seguintes:

a) Gastos de profesorado, que serán calculados para cada profesor en función das horas lectivas impartidas de acordo coa cantidade estipulada, na que se incluirá a elaboración de medios e materiais didácticos.

b) Gastos das actividades de coordinación, que deberán ser realizadas por persoa física distinta da encargada de imparti-la acción formativa, de acordo coas cantidades estipuladas para cada tipo de curso.

-Serán obxecto de axuda os custos correspondentes ó grupo B seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes dos alumnos e, de se-lo caso, importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens ou persoas poidan derivarse da realización das actividades do curso.

b) Gastos de medios e material didáctico, como textos e materiais dun só uso polos alumnos, así como os materiais de traballo funxible utilizados durante as actividades do curso.

c) Gastos de enerxía eléctrica, combustible, mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

d) Outros gastos xerais que teñan a súa orixe na impartición do curso, que comprenderán os seguintes:

-Gastos de transporte motivados pola realización de viaxes didácticas previstas no programa de actividade formativa; no caso de que a visita didáctica orixinase gastos de entradas, o seu custo poderá incluírse.

-Gastos de limpeza do lugar ou lugares da realización das actividades formativas: aulas, talleres e elementos comúns.

-Gastos de publicidade da actividade formativa.

-Gastos de alugamentos de instalacións e de maquinaria.

Non serán xustificables os gastos de mantenza.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas deberán cumpri-las seguintes obrigas:

A) 1. Facer constar en tódolos documentos e publicidade da actividade formativa os anagramas da Xunta de Galicia e da Comunidade Europea, facendo referencia a que a axuda está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE).

2. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

B) Antes do inicio da acción formativa:

Remitirlle á Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria, dez días antes do inicio da actividade formativa, a seguinte documentación:

1. As datas exactas do seu inicio e remate, así como o horario previsto para a súa impartición.

2. A planificación temporal e horaria do programa da acción formativa e daquelas actividades complementarias que se vaian realizar nela.

3. O enderezo completo do lugar de impartición, indicando se é propio ou alugado.

4. Relación de profesorado que vai imparti-lo curso, currículum vitae que acredite a súa formación e experiencia.

5. Datos persoais e enderezo da persoa responsable da coordinación.

6. Relación dos alumnos cos seus datos persoais e enderezo e formación académica segundo o modelo que se xunta no anexo.

C) Ó longo da realización da actividade formativa:

Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acorda-los servicios competentes da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, tanto no relativo ó desenvolvemento da acción formativa como á súa xestión e tramitación administrativa.

2. Comunicar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afecta-lo desenvolvemento da actividade formativa.

D) Ó finaliza-la actividade formativa:

Remitirlle á Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria:

-Xustificantes do gasto orixinado polo curso impartido.

-Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo curso, ás distintas administracións públicas.

Artigo 7º.-Incumprimento de obrigas e reintegro.

1. O incumprimento das obrigas sinaladas no artigo anterior ou de calquera das condicións establecidas para a concesión das axudas reguladas nesta orde dará lugar ó reintegro total ou parcial daquelas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 8º.-Seguimento e control das actividades formativas.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, a través do persoal dos servicios competentes, verificará o cumprimento do disposto nesta orde mediante visitas de supervisión ós cursos que sexan aprobados.

Cando nun caso se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puidesen ser emendadas no prazo concedido pola Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria e que incidan negativamente na súa calidade docente, procederase á súa cancelación coa obriga de reintegro da axuda concedida, nos termos e coas condicións establecidas no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento.

Xustificación:

Con carácter xeral, a xustificación da axuda farase efectiva da maneira seguinte:

A certificación e xustificación de cada un dos cursos aprobados realizarase dentro dos 15 días seguintes ó da súa finalización, de acordo coas seguintes normas:

-Gastos do grupo A:

a) Relación de recibos e os seus orixinais correspondentes ó profesorado, xunto coa da certificación das horas impartidas. Ó confecciona-lo recibo terase en conta a retención do IRPF segundo modelo adxunto no anexo III.

b) Recibo correspondente ós gastos de coordinación coa certificación correspondente. Terase igualmente en conta a retención do IRPF segundo modelo que se achega no anexo III.

-Gastos do grupo B:

Facturas orixinais xustificativas, xunto cunha relación delas na que figure o nome do provedor, así como a certificación correspondente de que os gastos relacionados foron os reais do curso.

As certificacións ás que se fai referencia serán emitidas polo responsable da asociación, organización ou entidade beneficiaria da axuda da actividade formativa.

Pagamento:

O pagamento das axudas realizarase nun só pagamento unha vez que a xustificación presentada sexa aprobada polo seu organismo xestor.

Artigo 10º.-Remate das accións formativas.

O remate e a xustificación das accións formativas producirase, necesariamente, como data límite o 30 de novembro de 2001.

Artigo 11º.-Dereitos e deberes dos alumnos.

a) A formación que reciban os alumnos participantes nas accións formativas será gratuíta.

b) Os alumnos terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento os cursos, así como facilita-la documentación que lles sexa solicitada pola entidade impartidora.

Artigo 12º.-Especialidades formativas.

A) As especialidades formativas que se impartirán con carácter prioritario dentro da programación serán aquelas referidas a:

1. Temas referentes á diversificación de cultivos e actividades productivas.

2. Temas referentes ó fomento e mantemento do emprego.

3. Temas relacionados coa formación dos mozos.

4. Temas que afecten a mellora das explotacións agrogandeiras e forestais.

5. Temas referentes á familia e ó seu contorno.

6. Temas de formación cooperativa.

7. Temas de mantemento e mellora do medio natural.

8. Temas referentes á comunidade.

9. As boas prácticas agrarias.

10. Temas de seguridade e hixiene no traballo.

11. Outros temas de interese.

B) Comprenderán as especificacións técnico-docentes e o contido formativo axeitado, de acordo co seu nivel e grao de dificultade.

C) O programa que se impartirá en cada curso será previamente aprobado pola Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria e será necesariamente presentado coa solicitude da axuda.

Capítulo III

Da convocatoria pública

Artigo 13º.-Solicitudes de cursos, prazo e resolución.

1. As asociacións, organismos ou entidades sen ánimo de lucro que desexen realizar accións formativas das recollidas nesta orde deberán formaliza-la correspondente solicitude para cada curso no modelo normalizado que se publica como anexo I e que estará á disposición dos interesados nas unidades de Extensión e Capacitación Agraria. A dita solicitude será subscrita polo titular ou o seu representante legal e deberá ir xunto coa seguinte documentación:

-Documentación xustificativa de te-lo carácter de asociación, organización ou entidade sen ánimo de lucro.

-Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asina-la solicitude.

-Fotocopia do DNI do representante.

-Ficha de cada curso solicitado, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, debidamente cuberta.

-Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo curso, ás distintas administracións públicas.

-Programa completo do curso para a súa aprobación, se procede segundo anexo.

-Relación detallada de dotacións, equipamentos e medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento e unha descrición dos locais no que se vai desenvolve-lo curso.

-Certificación da entidade bancaria que acredite a existencia da conta a nome da asociación, organización ou entidade solicitante.

-Acreditación formal do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

-Acreditación expedida pola Dirección Xeral do Tesouro de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade galega.

2. As solicitudes presentaranse na Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, en calquera das súas dependencias provinciais e locais ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días hábiles, contados desde o seguinte ó da publicación desta orde.

4. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que no prazo de 10 días proceda a emenda-la deficiencia detectada, mediante a presentación da documentación requirida; se non o fixese, considerarase desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. O procedemento que se vai seguir para a resolución das solicitudes é o seguinte:

a) As solicitudes presentadas coa documentación correspondente serán remitidas en prazo á Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria.

b) Para a análise e valoración das solicitudes constituirase unha comisión de valoración, que será a encargada de realiza-lo informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente.

c) A comisión de valoración estará composta por:

Presidente: subdirector xeral de Extensión e Capacitación Agraria.

Vocais:

-O xefe de Servicio de Capacitación Agraria.

-O xefe de Servicio de Extensión Agraria.

-Un director dun Centro de Capacitación Agraria, nomeado polo director xeral de Desenvolvemento Rural.

Secretario: o xefe de Sección de Capacitación Agraria.

O director xeral de Desenvolvemento Rural poderá designar, en caso de necesidade, por imposibilidade de asistencia ás sesións de valoración das persoas nomeadas, a persoa que os substitúa.

d) A comisión de valoración, á hora de analiza-las solicitudes, terá en conta os seguintes aspectos:

-Condicións xeográficas, económicas e sociais de acordo cos datos que figuran nas solicitudes.

-As especialidades formativas e a súa priorización en función das que figuran no artigo 12 e das condicións citadas neste punto.

e) A resolución de aprobación ou denegación das solicitudes, logo de informe da comisión de valoración, e por proposta do director xeral de Desenvolvemento Rural, correspóndelle ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, resolución que lles será notificada ós solicitantes.

f) A resolución dos expedientes deberán producirse no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ó da publicación da orde.

Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

g) As resolucións dictadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou directamente recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 14º

As axudas económicas recollidas no artigo 4º desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.322 S.480.0, dotada para o ano 2001 cun importe de 30.000.000 de pesetas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Desenvolvemento Rural para dictar cantas normas complementarias se consideren de interese para a correcta interpretación e aplicación das que aquí se sinalan.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2001.

Juan Miguel Diz Guedez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria