Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 02 de xullo de 2001 Páx. 8.860

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 153/2001, do 29 de xuño, polo que se regula a dotación de medios persoais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural foi creada como un ente de dereito público pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo.

O Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o regulamento da axencia, vén a dar cumprimento ó establecido no número sete da citada disposición adicional sexta da Lei 5/2000, regulando os extremos expresamente previstos nel, é dicir, todo o referente ós órganos de goberno e ó réxime económico, patrimonial e de persoal da axencia, ademais de todos aqueles que resultan necesarios para o seu funcionamento e a xestión do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural que lle corresponde.

Tendo en conta o disposto na disposición adicional primeira do Decreto 79/2001, que establece un prazo de dous meses para a constitución dos seus órganos, cómpre adopta-las medidas necesarias para que a axencia conte cos medios adecuados para desenvolve-las súas actividades. Para estes efectos, o persoal que presta servicios no Servicio de Infraestructura Rural da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, poderá integrarse na axencia no marco das regras que se establecen no presente decreto.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xuño de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O presente decreto ten por obxecto regula-la dotación de medios persoais que prestarán servicio no ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Artigo 2º

O presente decreto afecta o seguinte persoal:

a) Funcionarios de carreira que presten servicios actualmente no Servicio de Infraestructura Rural da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

b) Calquera outro persoal funcionario de carreira con destino actual noutros departamentos, organismos ou centros dependentes da Xunta de Galicia que pase a prestar servicios na axencia.

c) Persoal interino ou contratado administrativo que preste servicios actualmente no Servicio de Infraestructura Rural.

d) Persoal laboral destinado en departamentos, organismos ou centros dependentes da Xunta de Galicia, que pase a prestar servicios na axencia.

e) Persoal contratado en réxime de dereito laboral pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Artigo 3º

1. O persoal ó que se refire a alínea a) do artigo anterior poderá optar, no prazo de dous meses desde a entrada en vigor deste decreto, por:

a) Quedar integrado no cadro de persoal laboral da axencia.

1.-Este persoal, unha vez integrado, trala resolución da Dirección Xeral da Función Pública, quedará no seu corpo de orixe na situación de excedencia voluntaria prevista no artigo 55.1º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificado pola Lei 3/1995, do 10 de abril, e pola disposición adicional décima da Lei 11/1996, do 31 de decembro. A devandita situación persistirá mentres se manteña a relación de servicios que lle deu orixe e ese tempo seralle recoñecido ó persoal funcionario para os efectos de antigüidade e dereitos pasivos no caso de que reingrese na Administración autonómica.

2. A retribución que se estableza para este tipo de persoal será igual, cando menos, á suma das retribucións básicas e dos complementos de destino e específico que como funcionario viñese percibindo no momento da integración na axencia. Así mesmo, seralle recoñecida para tódolos efectos a antigüidade que lle corresponda.

b) Quedar adscrito ó servicio da axencia.

Ó persoal que efectúe esta opción seranlle respectadas as seguintes situacións:

1. As condicións retributivas que tivese no posto de orixe.

2. Os servicios que preste na axencia computaranse para os efectos de antigüidade, trienios e promoción interna.

3. O posto ó que resulte adscrito na axencia equipararase, para os efectos de consolidación de grao,

ó nivel de complemento de destino que corrresponda ó posto suprimido.

4. Os demais dereitos que correspondan á condición de funcionario.

2.-No caso de que algún funcionario non optara en prazo por algunha das situacións descritas, quedará na situación e condicións previstas no artigo 20 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

Artigo 4º

O persoal sinalado na alínea b) do artigo 2º poderá ocupar un posto vacante na axencia nos termos establecidos na disposición adicional décimo primeira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, e pola Lei 11/1996, do 30 de decembro.

Artigo 5º

O persoal interino e o contratado administrativo que á entrada en vigor do presente decreto preste servicios no Servicio de Infraestructura Rural poderá, así mesmo, integrarse co mesmo carácter na axencia mediante solicitude, que deberá presentar no prazo de 2 meses desde aquela data.

Artigo 6º

O persoal laboral fixo que preste servicios noutros departamentos, organismos ou centros dependentes da Xunta de Galicia poderá prestar servicios na axencia, nos termos que establece o artigo 26.4º do III Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Este persoal conservará, en calquera caso, os dereitos consolidados e deberes que viña tendo consonte a súa regulación xurídico-laboral concreta.

Artigo 7º

As solicitudes de integración previstas no presente decreto faranse mediante escrito dirixido ó presidente da axencia.

O presidente do ente público, unha vez vistas as solicitudes presentadas e as necesidades de persoal do ente, resolverá sobre aquelas nun prazo non superior a 2 meses desde o remate do prazo de presentación das solicitudes.

Transcorrido o dito prazo sen resolve-las solicitudes, entenderase que o silencio administrativo ten carácter positivo.

Artigo 8º

A axencia poderá contratar persoal laboral propio, fixo ou temporal, de acordo co previsto na lexislación vixente.

Disposición adicional

O III Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, ou outro que o substitúa, será aplicado na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en canto esta, despois da negociación

cos representantes dos traballadores, non opte por aplicar un convenio colectivo distinto ou non dispoña de convenio propio.

Disposicións transitorias

Primeira.-A opción prevista no artigo 3º do presente decreto poderá ser exercida polo persoal funcionario de carreira que actualmente estea en comisión de servicios e o seu posto de orixe pertenza ó Servicio de Infraestructura Rural.

Segunda.-Unha vez constituídos os órganos da axencia, celebraranse as oportunas probas de selección para o persoal de réxime de dereito laboral, respectando os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para que dicte tódalas disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de xuño de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda