Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 02 de xullo de 2001 Páx. 8.859

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de xuño de 2001 pola que se convocan o Premio José Varela de Montes de Investigación Sanitaria e o Premio para Investigadores Mozos (área sanitaria), correspondentes ós Premios Galicia de Investigación 2001.

O Decreto 202/1998, do 25 de xuño, modificado polo Decreto 138/1999, do 7 de maio, crea os Premios Galicia de Investigación para recompensa-lo traballo de investigadores prestixiosos realizado desde Galicia, por galegos a prol de Galicia, para estimula-los investigadores mozos e para favorece-lo recoñecemento social do seu labor, así como o papel da investigación como promotora do desenvolvemento a través da innovación empresarial. Cómpre agora ordena-la convocatoria dos devanditos premios correspondentes ó ano 2001, de acordo coas bases establecidas no decreto. Por iso, por proposta da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convócase o Premio José Varela de Montes de Investigación Sanitaria correspondente ó ano 2001, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-O premio estará dotado con 6.000.000 de pesetas que se aboarán con cargo á partida orzamentaria 04.07.432A.480.0 do orzamento de gastos da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para o ano 2001, así como un diploma acreditativo e un medallón esculpido en bronce, coa efixie e o nome de José Varela de Montes no anverso

e coa inscrición Premio Galicia de Investigación Sanitaria 2001. Xunta de Galicia e o nome do galardoado no reverso.

Segunda.-Poderán optar ó premio José Varela de Montes de Investigación Sanitaria aquelas persoas que veñan realizando investigación, polo menos, desde hai quince anos na área sanitaria e que se encadren nalgún dos seguintes puntos:

a) Os investigadores adscritos a centros públicos ou privados de investigación situados en Galicia.

b) Os investigadores galegos non vinculados a centros situados en Galicia.

c) Os investigadores que, non estando incluídos en ningún dos puntos anteriores, abordasen temas directamente relacionados con Galicia.

Terceira.-Para concorreren ó premio, os candidatos serán propostos por algunha institución académico-científica, pública ou privada, con personalidade xurídica propia, ou estarán avalados, alomenos, por dez investigadores da área, no caso de que concorran por iniciativa propia.

Cuarta.-As candidaturas, formalizadas no modelo oficial que se publica como anexo I a esta orde (e tamén á disposición dos interesados na Internet, nos enderezos: http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm http://www.cesga.es/sxid, irán xunto coa seguinte documentación:

a) Currículum vitae completo do candidato (por septuplicado).

b) Breve memoria na que se xustifica que o traballo do candidato o fai acredor ó premio (por septuplicado).

c) Copia dalgunhas publicacións máis relevantes, ata un máximo de dez.

d) Calquera outra documentación que se considere oportuna.

Quinta.-As solicitudes presentaranse ata o 6 de setembro de 2001, na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, Xunta de Galicia, situada na rúa dos Feáns, 7 local C, 15706 Santiago de Compostela, ou por calquera dos procedementos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta.-O xurado será nomeado polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública e estará formado por sete expertos na área, dos cales un actuará como presidente. Tres deles poderán ser propostos polas universidades do sistema universitario de Galicia, un por cada unha. Outro polas outras institucións académico-científicas galegas competentes na área. Os restantes pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que tamén propoñerá un funcionario que exercerá as funcións de secretario sen dereito a voto. O xurado elaborará a súa proposta tendo en conta a relevancia das contribucións realizadas na área polos candidatos presentados. As decisións adoptadas polo xurado serán inapelables.

Artigo 2º.-Convócase o Premio de Investigación Sanitaria para investigadores mozos correspondente á convocatoria de 2001, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-O premio estará dotado con 1.000.000 de pesetas, con cargo á partida orzamentaria 04.07.432A.480.0 do orzamento de gastos da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para o ano 2001, así como un diploma acreditativo.

Segunda.-Poderán concorrer a este premio os investigadores que poidan encadrarse nalgún dos puntos da base segunda do artigo 1º desta orde, sempre que non transcorresen máis de seis anos desde a presentación da súa tese de doutoramento.

Terceira.-As solicitudes dos candidatos, formalizadas no modelo oficial que se publica como anexo II á esta orde (e tamén á disposición dos interesados na Internet nos enderezos: http://www.cesga.es/sxid e http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm, irán xunto coa seguinte documentación:

a) Curriculum vitae completo (por septuplicado).

b) Breve memoria xustificativa de que o traballo do candidato o fai acredor ó premio (por septuplicado).

c) Copia das publicacións máis relevantes, ata un máximo de cinco.

d) Calquera outra documentación que se considere oportuna.

Cuarta.-O prazo e lugar de presentación das solicitudes serán os establecidos na base quinta do artigo 1º desta orde.

Quinta.-Actuará como xurado o establecido na base sexta do artigo 1º desta orde, que elaborará a súa proposta en atención ó esforzo e á creatividade dos candidatos presentados. As decisións adoptadas polo xurado serán inapelables.

Artigo 3º.-Os premios poderán ser declarados desertos. Os xurados adoptarán os seus acordos por maioría simple, dirimindo o voto de calidade do presidente no caso de empate. Os xurados trasladarán as súas propostas á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que, pola súa vez, as elevará ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública para a súa resolución definitiva. A resolución, que porá fin á vía administrativa, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Os premios obxecto desta convocatoria, unha vez resoltos, serán entregados en acto público que se anunciará oportunamente.

Artigo 5º.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 43.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento

administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes será de 6 meses, contados desde a data de publicación desta convocatoria, dictándose resolución expresa con respecto á antedita liña de axudas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública