Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 02 de xullo de 2001 Páx. 8.857

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de xuño de 2001 pola que se convoca o Premio Galicia á Innovación Empresarial correspondente ós Premios Galicia de Investigación 2001.

O Decreto 202/1998, do 25 de xuño, modificado polo Decreto 138/1999, crea, ademais dos Premios Galicia de Investigación, o Premio Galicia á Innovación Empresarial, destinado a recoñecer e estimula-lo esforzo innovador por parte das pequenas e medianas empresas (Pemes). A innovación tecnolóxica é un elemento clave para aumenta-la productividade das empresas e, sobre todo, a súa competitividade, convertíndose así nun instrumento de primeira orde para logra-lo desenvolvemento económico de Galicia. Por esta razón, e tendo en conta as súas competencias, tanto a Consellería de Industria e Comercio como o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) decidiron, como continuación da colaboración iniciada no ano 1999, apoiar economicamente a convocatoria do Premio á Innovación Empresarial 2001, creado polos devanditos decretos, achegando cada un deles tres millóns de pesetas. Por outra banda, o Plan Galego de Inves

tigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT) aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 18 de decembro de 1998, defínese como un plan para a innovación, polo que a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento acordou tamén participar no financiamento do Premio á Innovación Empresarial 2001, achegando dous millóns de pesetas, ó considerar que constitúe un elemento de apoio a innovación a través do estímulo e que tamén pode contribuir á mentalización social.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócase o Premio Galicia de Innovación Empresarial destinado ó recoñecemento das pequenas e medianas empresas que teñan feito un notable esforzo innovador contribuíndo á transferencia e á explotación dos resultados da investigación, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-O premio estará dotado con 8.000.000 de pesetas que se aboarán con cargo á partida orzamentaria 04.07.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001. Esta partida dotouse con fondos procedentes da Consellería de Industria e Comercio (3.000.000 de pesetas), o Igape (3.000.000 de pesetas) e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento (2.000.000 de pesetas). O premio vai xunto cun diploma acreditativo e unha placa conmemorativa.

Segunda.-Poderán concorrer ó Premio as Pemes galegas situadas ou non en Galicia, que teñan feito un notable esforzo innovador nos últimos catro anos e non recibisen o premio no dito período. Poderán ser obxecto de premio outras Pemes non galegas con algún tipo de vinculación acreditada con Galicia, que teñan realizada unha innovación tecnolóxica salientable nos últimos catro anos.

Terceira.-As candidaturas serán presentadas polas propias empresas ou pola Confederación de Empresarios de Galicia, utilizando o modelo oficial que se publica como anexo a esta orde e dispoñible na Internet nos enderezos:

http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm.

http://www.cesga.es/sxid.

As solicitudes irán xunto cos seguintes documentos:

1. Copia cotexada da tarxeta de persoas xurídicas ou tarxeta de identificación fiscal.

2. Poderes suficientes do solicitante e copia compulsada da escritura de constitución e modificación, se é o caso, da persoa xurídica á que representa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.

3. Certificación acreditativa de encontrarse ó día das obrigas tributarias coas facendas estatal e autonómica, expedidas pola Axencia Tributaria e pola Consellería de Economía e Facenda, respectivamen

te así como certificación de encontrarse ó corrente nos pagamentos das cotas de Seguridade Social.

4. Fotocopia compulsada do imposto sobre sociedades correspondente ó último ano.

5. Memoria descritiva na que se expoñan as razóns polas que a actividade realizada pola empresa a fai merecedora do premio.

6. Documentación que acredite á innovación realizada pola empresa e descrita na memoria do punto anterior.

7. Outra documentación adicional que poida contribuír á mellor avaliación da proposta.

8. No caso de que a empresa recibise, nos últimos catro anos, algunha subvención para realizar innovación, deberá achegar copia do proxecto subvencionado e o importe da subvención recibida.

Os documentos 5, 6 e 7 presentaranse por sextuplicado.

Cuarta.-As solicitudes presentaranse desde o día seguinte ó da publicación no DOG desta orde ata o 6 de setembro de 2001 na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, Xunta de Galicia, situada na rúa Os Feáns, 7, local C. 15706 Santiago de Compostela, ou por calquera dos procedementos previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-A selección será realizada por un xurado constituido por:

Presidente:

-O secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento ou persoa en quen delegue.

Vocais:

Unha persoa proposta por cada unha das seguintes entidades:

-Consellería de Industria e Comercio.

-Instituto Galego de Promoción Económica.

-Confederación de Empresarios de Galicia.

-Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga).

Secretario:

Un funcionario da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que actuará con voz pero sen voto.

Sexta.-O premio poderá ser declarado deserto. O xurado adoptará os seus acordos por maioría simple, dirimindo o voto de calidade do presidente en caso de empate. A decisión do xurado será inapelable.

O xurado trasladará a súa proposta á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que a elevará ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública para que resolva. A resolución, que porá fin á vía administrativa, publicarase no DOG.

Artigo 2º

O premio obxecto desta convocatoria, unha vez resolto, será obxecto de entrega en acto público que se anunciará oportunamente.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 43.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes será de 6 meses, contados desde a data de publicación desta convocatoria, dictándose resolución expresa con respecto á antedita liña de axudas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública