Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 29 de xuño de 2001 Páx. 8.806

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2001 pola que se convoca a décimo segunda edición do Curso Superior de Relacións Laborais.

O Consello Galego de Relacións Laborais, creado pola Lei 7/1988, do 12 de xullo, para responder á necesidade de establecer canles institucionais de encontro e participación entre as organizacións representativas de traballadores e empregadores ten, entre outras competencias atribuídas pola propia lei de creación e as súas normas de funcionamento interno, a de promover iniciativas que recollan estudios, debates e a difusión de cuestións relacionadas co dereito laboral e a cultura do traballo.

Conscientes da insistencia, pola sociedade galega, de ensinanzas do máis alto nivel no marco das relacións laborais, así como da necesidade de promover, nun mercado cada vez máis competitivo, a adaptación da xestión das empresas ó novo estilo de dirección de persoal que marca a política de recursos humanos e, en virtude das facultades conferidas na disposición derradeira primeira da Orde do 15 de febreiro de 1995 (DOG do 2-3-1995), da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, pola que se establece o prezo privado para satisfacer, en con

cepto de matrícula, polos alumnos que realicen o Curso Superior de Relacións Laborais, procédese a convoca-la décimo segunda edición do Curso Superior de Relacións Laborais, que se desenvolverá segundo as seguintes bases:

1. Obxecto.

O curso pretende ser un foro de exposición e debate sobre os profundos cambios producidos anualmente na lexislación laboral, que afectan, ademais de ó mercado de traballo (formas de contratación, organización do traballo, extinción do traballo), á negociación colectiva, á representación dos traballadores na empresa, á Seguridade Social e á seguridade e hixiene no traballo. Así mesmo, non se pode esquece-la incidencia que está tendo o dereito social comunitario sobre as lexislacións sociais dos distintos estados membros da Unión Europea.

2. Destinatarios.

Diríxese o curso a cantos están interesados en adquirir unha formación e/ou actualización nas materias laborais en xeral, facilitando a súa capacitación para resolve-las cuestións suscitadas polas relacións laborais e a xestión de recursos humanos e, en especial, ós licenciados en dereito, ciencias económicas e empresariais, ou a diplomados en relacións laborais, responsables de recursos humanos, xefes de relacións laborais, asesores e cadros das organizacións sindicais e empresariais, etc.

3. Contido e horas lectivas.

O curso contará cun total de 176 horas lectivas, distribuídas nos seguintes módulos formativos:

Módulo I. Política e xestión integrada dos recursos humanos: 32 horas.

Módulo II. Relación individual de traballo: 48 horas.

Módulo III. Relacións colectivas de traballo: 32 horas.

Módulo IV. Dereito administrativo do traballo. Saúde laboral. Dereito penal do traballo: 24 horas.

Módulo V. Seguridade social: 18 horas.

Módulo VI. Dereito social comunitario: 8 horas.

Para as sesións de inauguración e clausura, así como para as mesas redondas está previsto un total de 14 horas.

4. Calendario.

A inauguración do curso terá lugar o 21 de setembro de 2001 e rematará o 15 de marzo de 2002. Os días lectivos, normalmente 2 -excepcionalmente 3- por semana, figuran detallados no programa que se entregará ós alumnos.

As clases impartiranse nas aulas da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela, e o horario normal de actividades será en sesión de tarde, desde as 16.30 ata ás 20.30 horas.

A dirección do curso poderá modifica-lo programa de desenvolvemento por circunstancias eventuais que afecten á súa organización. Estas variacións seranlles anunciadas ós asistentes con suficiente antelación. Cada mes natural entregarase unha relación dos temas que se vaian impartir e dos seus correspondentes relatores.

5. Inscrición e solicitudes.

a) Información. Os alumnos que desexen matricularse no curso deberán poñerse en contacto coa Secretaría Técnica do curso no Consello Galego de Relacións Laborais, A Algalia de Abaixo, 24. 15704 Santiago de Compostela. Teléfono 981 541 602/604. Telefax 981 541 610. E-Mail: eva.camino.fernandez*xunta.es, que lles facilitará a información necesaria, o programa do curso e os modelos oficiais de solicitude.

b) Prezo. O prezo que os alumnos deberán satisfacer en concepto de matrícula será de duascentas quince mil (215.000) pesetas, segundo o establecido na orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, do 15 de febreiro (DOG do 2-3-1995), que poderá ser aboado en calquera das entidades bancarias que figuran no impreso de pagamento de prezos privados que se facilita co programa do curso.

O importe da matrícula poderá ser satisfeito nos prazos e contías que a continuación se dispoñen:

1. prazo: 115.000 pesetas, antes do 21 de setembro de 2001, día sinalado para a inauguración oficial do curso.

2. prazo: 100.000 pesetas, antes do 1 de decembro de 2001.

c) Número de prazas. O número de prazas que se convocan por esta resolución é de 50.

d) Forma. As solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que se facilita co programa do curso, que deberán ser remitidas ó Consello Galego de Relacións Laborais, xunto co xustificante de ter efectuado o pagamento total ou parcial do correspondente importe da matrícula.

e) Prazo. O prazo de admisión de solicitudes de matrícula comeza o 4 de xullo e rematará o 20 de setembro de 2001, ou na data en que se cubra a totalidade das prazas ofertadas.

6. Asistencia, avaliación e diploma.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas actividades do curso. A asistencia quedará reflectida no correspondente parte, asinado polo alumno ó comezo e ó remate de cada sesión.

Ó remate de cada módulo, o alumno deberá realizar un test sobre os contidos mínimos das materias impartidas naquel. O dito tests terá como finalidade de verifica-lo aproveitamento das ensinanzas recibidas e potencia-lo debate nas sesións.

A matrícula do curso, a asistencia regular ás ensinanzas programadas e a realización dos tests dá dereito á expedición do oportuno diploma pola Universidade de Santiago de Compostela e o Consello Galego de Relacións Laborais.

A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 20% das sesións académicas, privará do dereito á obtención do diploma, sen prexuízo de que poida emitirse a correspondente certificación das sesións ás que concorrese.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2001.

Teresa Pedrosa Silva

Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais