Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 29 de xuño de 2001 Páx. 8.808

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2001 pola que se convoca un curso sobre expropiación forzosa.

Dentro do Plan de actividades da EGAP para o 2001, e conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso sobre expropiación forzosa que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Analizar e estudia-lo procedemento expropiatorio nas súas diversas partes, coa finalidade de facilitarlles ós participantes a súa xestión, con carácter eminentemente práctico.

Segunda.-Destinatarios.

Funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional e técnicos de corporacións locais pertencentes ós grupos A e B ou asimilados.

Terceira.-Desenvolvemento.

3.1. Duración: 20 horas.

3.2. Lugar: Santiago de Compostela, Escola Galega de Administración Pública.

3.3. Datas: segunda quincena de setembro e primeira de outubro de 2001.

3.3. Horarios: das 17 ás 20 horas.

3.4. Prazas: 25.

Cuarta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo modelo oficial figura como anexo I desta resolución, e cubrila en tódolos seus epígrafes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no Rexistro da Escola Galega de

Administración Pública, r/ Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 3 de setembro de 2001.

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos e publicarase na páxina Web: www.egap.xunta.es.

Quinta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3-8-1994).

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade no curso, e é obrigatoria a asistencia a tódalas sesións. Toda inasistencia deberá ser xustificada convenientemente, sen que poida exceder en ningún caso do 15% das horas lectivas programadas.

Unha inasistencia superior ó 15% das horas lectivas programadas, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do correspondente certificado.

Oitava.-Valoración.

Para os efectos do establecido na resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8 de abril e correción de erros, BOE nº 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local, en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administración Públicas do 10 de agosto de 1994, ó presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,20 puntos.

Novena.-Contido.

Actos administrativos previos á expropiación. Prezo xusto. Xurado provincial de expropiación. Pagamento e ocupación dos bens. Inscrición rexistral. Declaración de urxente ocupación.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública