Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 29 de xuño de 2001 Páx. 8.811

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2001 pola que se convoca un curso de verán sobre aspectos urbanísticos do turismo.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Revista de Derecho Urbanístico y Medio Ambiente e co Concello de Sada, un curso de verán sobre aspectos urbanísticos do turismo, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

As tendencias e preferencias tradicionais do turista cambiaron nestes últimos anos. Agora van encamiñadas cara a outros tipos, como o turismo rural, o deportivo, tanto costeiro coma de interior, o cultural, de puro ocio (de aí a aparición dos parques temáticos), simplemente gastronómico, invernal, etc. Estas novas tendencias deben ser tidas en conta á hora de planifica-las necesidades formativas, económicas, industriais, pero tamén deben terse presentes as dotacións e infraestructuras que equilibren a demanda á oferta coa calidade necesaria. E é aquí onde o urbanismo, no seu máis amplo sentido, está chamado a xoga-lo esencial e determinante papel que imos estudiar. É imprescindible a conxunción de turismo e urbanismo á hora de lograr un turismo lóxico, respectuoso co medio e de calidade, e son as administracións xestoras do urbanismo as que deben coñece-las súas necesidades e busca-la mellor solución e a forma de aplicalas mellor.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A Lei de ordenación e promoción do turismo de Galicia e o seu desenvolvemento regulamentario. Empresas e actividades turísticas.

-A construcción de instalacións turísticas e o territorio: réxime xurídico dos usos urbanísticos e construccións permitidas en solo non urbanizable.

-O réxime xurídico das costas e a súa influencia no urbanismo turístico.

-Réxime xurídico dos portos deportivos.

-Implicacións urbanísticas da lexislación turística.

-Reflexións sobre o futuro turístico e a necesidade de adecuación das normas urbanísticas para o cumprimento dos devanditos fins.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: o curso convocado desenvolverase no auditorio da Casa da Cultura de Sada (A Coruña), sita en avda. do Porto, s/n, da citada localidade, os días 18 e 19 de xullo de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 16 de xullo de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 - 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 17 de xullo, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como o de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate deste curso, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública