Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 28 de xuño de 2001 Páx. 8.713

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 6 de xuño de 2001 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Plácido Castro.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Plácido Castro, con domicilio en Baiona (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. Xulio Ríos Paredes, na súa calidade de secretario da fundación, en escrito do vintesete de abril de 2001, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vilagarcía de Arousa o día cinco de abril de dous mil un, ante o notario José Antonio Cortizo Nieto co número seiscentos setenta e un do seu protocolo, por Joaquín Javier Gago López, Rosa Oubiña Solla, Xulián Moure Rivas e Xulio Ríos Paredes; interveñen Joaquín Javier Gago López como alcalde presidente do Concello de Vilagarcía de Arousa, Rosa Oubiña Solla como primeira tenente alcalde do Concello de Cambados, Xulián Maure Rivas como presidente da asociación denominada Asociación de Traductores Galegos e Xulio Ríos Paredes como director da asociación denominada Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADE).

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é reivindica-la figura, a obra e o pensamento de Plácido Ramón Castro del Río, atendendo á conservación e divulgación do seu fondo compromiso con Galicia e cunha visión universitaria do mundo. A fundación dedicará especial atención á difusión da súa obra artística e literaria, especialmente no campo da traducción, do pensamento e do xornalismo.

4. O padroado da fundación estará constituído por Jesusa Hermitas Castro Sineiro como presidenta, Joaquín Javier Gago López e José Manuel Cores Tourís como vicepresidentes, Xulio Ríos Paredes como secretario e Xulián Maure Rivas como tesoureiro.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Plácido Castro, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 5 de xuño de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Plácido Castro e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública