Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 28 de xuño de 2001 Páx. 8.714

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 19 de xuño de 2001 pola que se declara de interese galego a Fundación Deporte Galego e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Con data do 18 de xuño de 2001 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 6 de xuño de 2001 pola que se clasifica como mixta a Fundación Deporte Galego, adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día cinco de maio de 2001, ante o notario José Antonio Montero Pardo, co número oitocentos vintecinco do seu protocolo, por Eduardo Lamas Sánchez, Ramón Brigos Fernández, Crisanto Jesús Lamela Rozas, Luis Pena Neira e Óscar Estanislao Caheiro Rocha; interveñen Eduardo Lamas Sánchez en nome propio e, no exercicio do seu cargo, en nome e representación da Xunta de Galicia, os restantes comparecentes interveñen en nome propio.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 7 dos seus estatutos, ten por obxecto a afección do seu patrimonio á realización de fins deportivos de interese galego, no ámbito sectorial e territorial a que a súa denominación e fins se contraen, a promoción da práctica deportiva de interese galego na Comunidade Autónoma de Galicia e a xestión de instalacións deportivas.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Deporte Galego ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Deporte Galego no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública