Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Venres, 22 de xuño de 2001 Páx. 8.445

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 143/2001, do 7 de xuño, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun predio de 24 áreas e 15 centiáreas, propiedade do Concello de Foz, con destino á construcción dun centro de saúde.

O Pleno do Concello de Foz en sesións celebradas o 27 de outubro e 22 de decembro de 2000 acordou ceder gratuitamente ó Servicio Galego de Saúde, o predio O Cantel, sito na vila de Foz e propiedade do concello, con destino á construcción dun novo centro de saúde.

Conforme ó artigo 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, requírese decreto do Consello da Xunta de Galicia para a adquisición de bens a título gratuíto. Por outra banda, o artigo 23.1º da mesma lei establece que non poderán adquirirse bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor global dos gravames, cargas e afectacións impostas sobre os mesmos supera o seu valor intrínseco. Non se considerarán carga, gra

vame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente.

En cumprimento do disposto na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, de conformidade coa proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e presidente do Servicio Galego de Saúde e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xuño de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Acéptase a cesión a título gratuíto feita polo Concello de Foz a favor do Servicio Galego de Saúde, con destino á construcción dun novo centro de saúde.

2. O predio cedido, denomínase O Cantel, está sito na Vila de Foz, e ten unha superficie de 24 áreas e 15 centiáreas, sendo as súas extremas as seguintes:

-Norte: herdeiros de Ángel López Leitón.

-Sur: rúa Pintor Laxeiro.

-Leste: Carmen Fernández.

-Oeste: José García Ben.

Artigo 2º

O inmoble acéptase segundo o establecido nos artigos 23.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, e 38 do seu regulamento, e destinarase á construcción dun novo centro de saúde na Vila de Foz.

Artigo 3º

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, procederá á formalización da aceptación no correspondente documento público integrándose no seu patrimonio propio.

Disposición derradeira

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, levará a cabo os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, sete de xuño de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais