Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Mércores, 13 de xuño de 2001 Páx. 7.869

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 31 de maio de 2001 pola que se establecen as axudas para o desenvolvemento de programas de defensa sanitaria dos cultivos.

As pragas e enfermidades dos cultivos ocasionan anualmente importantes diminucións de producción, coa conseguinte reducción da renda do agricultor se este non utiliza os medios de loita adecuados.

O uso incorrecto dos productos químicos contra eses organismos nocivos incidirá negativamente no ecosistema, podendo afecta-las plantas, os animais e incluso o home.

No aspecto da economía da explotación agraria, o incremento das doses, por riba das recomendadas, ocasiona un aumento dos gastos da explotación.

A defensa sanitaria dos cultivos esixe un coñecemento adecuado dos patóxenos e o emprego de labores culturais, medios de loita biolóxica e medios de loita química idóneos en cada momento.

O agricultor individual, en xeral, ten dificultades para facer un seguimento da evolución das poboacións de patóxenos e de organismos beneficiosos, buscando o momento óptimo do emprego dos medios de loita. Tamén carece, con frecuencia, da maquinaria adecuada para a realización de tratamentos fitosanitarios e a economía da súa explotación, moitas veces, non lle permite a contratación dun técnico capacitado que lle asesore nos aspectos fitosanitarios.

As cooperativas, sociedades agrarias de transformación e as agrupacións de agricultores, especialmente as de tratamentos integrados na agricultura (Atrias), poden desenvolver un papel decisivo no establecemento, execución e seguimento de programas de defensa sanitaria dos cultivos, poñendo á disposición dos agricultores os medios necesarios para a loita, de forma que se mellore a renda das explotacións agrarias e se respecte o medio natural.

A presente convocatoria axustarase ó disposto no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e, en concreto, no relativo de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións e ó establecido na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos previstos da Comunidade Autónoma para o ano 2001.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, modificada pola Lei 11/1988 reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxectivo e finalidade.

Establécese un sistema de axudas para potencia-lo control fitopatolóxico dos cultivos agrícolas, a través de agrupacións de carácter agrario formalmente

constituídas, mediante programas técnicos ben definidos, coas seguintes condicións:

1. Periodicidade no uso de métodos de control de loita biolóxica.

2. Emprego racional de productos químicos, usándoos só naqueles casos que sexa a única forma eficaz de erradicar ou mante-los axentes nocivos dentro dos límites tolerables, empregando métodos de control integrado de pragas.

3. Que conten cos servicios dun técnico ou empresa de servicios agrarios contratada pola agrupación para o desenvolvemento do programa e o control fitosanitario. O técnico deberá estar en posesión do título de enxeñeiro agrónomo ou enxeñeiro técnico agrícola. No caso de programas de cultivos forestais admitirase a titulación de enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal.

Artigo 2º.-Prioridades.

Terán prioridade para a concesión de axudas para os programas de actuación de control fitosanitario aquelas agrupacións que cumpran as seguintes condicións:

1. Que estean constituídas como agrupacións de tratamentos integrados en agricultura (Atrias).

2. Que conten cos servicios dun técnico contratado para o control fitosanitario a tempo total.

3. Aquelas agrupacións que presenten un programa que se realice nunha área xeográfica no que as súas características técnicas favorezan a aplicación coherente do dito programa.

Artigo 3º.-Condicións.

Nas actuacións recollidas no programa deberán participar, como mínimo, o 80% dos socios afectados polo dito programa e que pertenzan á entidade solicitante.

Se un socio pertence a máis dunha entidade, non poderá beneficiarse máis que dun programa. Nese caso, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria solicitaralles ás entidades implicadas que presenten a conformidade, por escrito, do dito socio que vai participar no programa previsto. Se o socio dá a conformidade por escrito a máis dunha entidade excluirase de tódolos programas deste tipo.

Na proposta de aprobación da subvención terase en conta o grao de cumprimento dos programas realizados pola agrupación en anos anteriores.

Artigo 4º.-Clase e contía das axudas.

Poderán ser obxecto de axuda as seguintes actuacións:

1. Contratación de servicios técnicos encargados da redacción e seguimento dun programa anual fitopatolóxico.

A contía da subvención poderá chegar ata 1.250.000 pesetas por asociación para ámbolos dous

servicios, dependendo das características técnicas do programa, duración, dificultades para o seu seguimento e grao de cumprimento deste.

2. Fomento dos medios culturais e biolóxicos de control dos organismos nocivos dos cultivos consistentes en:

2.1. Adquisición de trampas e feromonas para o seguimento e confección de curvas de voos de insectos que permitan preve-lo posible grao de ataque e o momento óptimo de control con productos fitosanitarios, se son necesarios.

Nos programas deberán indicarse os lugares de instalación das trampas para o seguimento por parte dos técnicos da Administración. Rematadas as actuacións, a agrupación presentará no Servicio Provincial de Sanidade e Producción Vexetal, un informe completo dos resultados obtidos.

2.2. Adquisición de equipamento para a mellora de técnicas que favorezan a prevención da propagación dos axentes nocivos e reducción de tratamentos fitosanitarios. No caso de maquinaria de aplicación de tratamentos, só será subvencionable cando vaia ser utilizada en común pola agrupación e supoña unha innovación tecnolóxica.

2.3. Adquisición de equipamento de protección humana para a realización de tratamentos fitosanitarios.

2.4. Adquisición de organismos vivos, dos seus subproductos e productos biorracionais para a aplicación de técnicas de control biotecnolóxico.

As actuacións reflectidas nos puntos 2.1 poderán subvencionarse ata o 70% do investimento.

As actuacións reflectidas nos puntos 2.2, e 2.4 poderán subvencionarse ata o 70% do investimento feito, agás para a maquinaria de tratamentos do punto 2.2 que non excederá o 40% do custo desta. As subvencións do punto 2.3 limitaranse ó 35% do investimento. Todo isto conforme o establecido no Regulamento (CE) nº 1257/1999 do consello e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (2000/C, 28/02).

3. Desenvolvemento de programas piloto de técnicas innovadoras de control fitopatolóxico para a reducción de tratamentos fitosanitarios en interese xeral do sector, para combate-los organismos nocivos os resultados remitiranse á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para poñelos á disposición dos operadores do sector.

A axuda correspondente á execución destes programas non poderá supera-lo 70% do custo adicional orixinado por estes en relación ós programas tradicionais de defensa sanitaria para combate-los mesmos patóxenos.

A contía da axuda por este concepto poderá chegar a un máximo de 15.000 ptas/ha que poderán incrementarse ata 30.000 ptas/ha no caso de cultivos baixo cuberta.

A Administración poderá establecer uns módulos máximos de axuda por cultivos e zonas segundo as

condicións meteorolóxicas, incidencia de axentes nocivos, custo de tratamentos e valoración das produccións tradicionais, por unha parte, e pola outra, o custo da técnica que se vai implantar no seguimento desta e valoración das produccións no programa piloto. Así mesmo, poderá determina-la documentación complementaria que permita a avaliación dos programas pilotos en cada caso.

Artigo 5º.-Documentación.

Para ter acceso a esta liña de axudas, as agrupacións deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Solicitude de acordo co anexo I.

b) Un programa técnico, que conterá como mínimo:

1. Unha memoria na que se recollan os datos xerais da entidade agraria.

2. Un mapa de situación e ámbito de actuación do programa.

3. Cultivos ós que afecta o programa, hectáreas totais, superficie por socio e fitopatóxenos que inciden nos cultivos.

4. Tipos de actuacións que se van levar a cabo para o control dos organismos nocivos, dos cultivos do programa, indicando o equipo que se vai adquirir para o seguimento e evolución dos fitopatóxenos.

5. Actividades que se van desenvolver, co obxectivo de capacitar e asesora-los asociados participantes no programa:

* Reunións de grupo e cursiños que se van impartir: calendario e número de asistentes.

* Visitas de asesoramento a explotacións: número e calendario.

* Demostracións de novas técnicas e métodos: calendario.

* Programas fitosanitarios experimentais de investigación de interese xeral: obxectivos.

* Publicacións e material divulgativo: títulos e número.

* Actividades que se van desenvolver en colaboración coas estacións de avisos de detección de risco de pragas e enfermidades da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

* Outras actividades de interese: descrición e número.

6. Cando a orografía do terreo, extensión ou outra circunstancia así o aconsellen, dentro do programa deberán de facerse zonas de actuación independentes con subprogramas para estas.

c) Certificación do secretario da agrupación que recolla a totalidade de socios dela, o número de socios os que poida afecta-lo programa, así como cántos deles van participar neste. A este certificado acompañarase unha relación nominal dos socios do programa fitosanitario.

d) Copia das normas de funcionamento da agrupación para os efectos de desenvolve-lo programa sanitario.

e) Contrato de servicio técnico para a redacción e o seguimento do programa.

f) Copia do CIF da agrupación e último recibo do imposto de actividades económicas.

g) Certificado de titularidade da conta bancaria da agrupación.

h) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

i) Outra documentación que a xuízo da Administración poida ser requirida para o cumprimento dos obxectivos desta orde.

O programa técnico, ó que fai referencia a letra b) deste artigo, presentarase en papel e soporte informático en aplicación Microsoft Word en disquette de 3 œ polgadas de alta densidade.

A relación nominal de socios, da letra c) deste artigo, presentarase en papel e soporte informático nun ficheiro de base de datos coa estructura que se indica no anexo II.

O programa técnico e a relación de socios deberán presentarse, se é posible, no mesmo disquete.

Terán prioridade aquelas agrupacións de defensa dos vexetais, do primeiro ano e as de segundo ou máis anos que cumpriran o ano anterior tódolos compromisos aprobados no programa técnico respectivo e, se é o caso, xustificaran debidamente as causas do seu incumprimento.

Os demais criterios de valoración do programa serán definidos de acordo cos puntos 3, 4, 5 e 6 do punto b), do artigo 5º.

Artigo 6º.-Obriga do servicio técnico.

O servicio técnico poderá levar a cabo por un técnico ou a través dunha empresa de servicios agrarios, dada de alta no imposto de actividades económicas (IAE) dentro do grupo 911(R.D.L. 1175/1990 e 1259/1991).

O técnico encargado do desenvolvemento do programa de defensa sanitaria cumprirá as seguintes condicións:

1. Deberá colaborar cos servicios da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, na recollida dos datos necesarios para a optimización da aplicación dos programas de detección do risco de pragas e enfermidades, a través da Rede de Avisos que a consellería puxo en funcionamento en toda Galicia para tal fin.

2. Poderá ser requirido pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para informar, visita-las explotacións participantes, comprobar actuacións ou resultados en calquera fase de execución do programa. O informe da visita será asinado conxuntamente polos técnicos da entidade

agraria e do Servicio Provincial de Sanidade e Producción Vexetal ó remate dela.

3. Será responsable dun só programa. Excepcionalmente e no caso de proximidade xeográfica das entidades solicitantes e capacidade técnica e operativa do técnico que segue o programa, poderá levar dous programas, sempre que a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria considere que estes se poderán desenvolver integramente de acordo coas memorias presentadas, neste caso, a suma das subvencións previstas nos programas redactados e dirixidos por un só técnico, relativas á contratación do servicio considerado no artigo 4º, punto 1, non poderá supera-la cantidade de 1.750.000 pesetas.

4. A aceptación do seguimento do programa fitosanitario por parte do técnico será incompatible co desenvolvemento doutras actividades económicas relacionadas directamente cos equipos ou medios subvencionables por esta orde.

5. Manterá informado o Servicio de Sanidade e Producción Vexetal das variacións do calendario de actividades que vaia desenvolver e doutras variacións que poidan xurdir respecto do programa inicialmente aprobado.

Artigo 7º.-Outras obrigacións dos beneficiarios.

O beneficiario/s terán a obrigación de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

No suposto de incumprimento, por parte do beneficiario, das condicións establecidas para a concesión de axudas prevista nesta orde, procederá o reintegro total ou parcial da cantidade percibida.

Artigo 8º.-Tramitación.

A documentación presentarase, preferentemente, nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, podendo, non obstante, presentarse en calquera das formas establecidas no artigo 38, aliña 4ª da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Prazos.

O prazo de presentación de solicitudes rematará ós 20 días hábiles, contados desde o seguinte ó da publicación desta orde, que serán resoltas polo con

selleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria, nun prazo máximo de 3 meses. De non recaer resolución expresa no devandito prazo, entenderase desestimada a solicitude.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderá recorrerse potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que a dictase nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo no prazo establecido no artigo 46 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Xustificación.

Os programas aprobados poderanse xustificar unha vez feitos e, en todo caso, antes do 31 de outubro de 2001. Nembargantes, a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, tendo en conta o programa e tipo de cultivo, poderá ampliar ese prazo.

Os beneficiarios deberán comunicar, antes do 31 de outubro de 2001, a realización do programa á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, xuntando a seguinte documentación:

1. Informe do técnico da agrupación responsable do seguimento do programa co visto e prace do seu presidente, no que se cuantificarán tódolos datos de interese: numéricos, datas, lugar, etc., para que por parte da Administración poida facerse unha avaliación obxectiva do programa desenvolvido nas actividades que se relacionan.

* Reunións do grupo e cursiños impartidos: calendario e número de asistentes.

* Visitas de asesoramento a explotacións: número e calendario.

* Demostracións de novas técnicas e métodos: calendario, número de participantes.

* Programas fitosanitarios experimentais de investigación de interese xeral: obxectivos e resultados obtidos.

* Publicacións e material divulgativo: títulos e número.

* Actividades en colaboración coas estacións de avisos detección de risco de pragas e enfermidades da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

* Outras actividades de interese: descrición e número.

2. Certificados de estar ó corrente das obrigas fiscais e da Seguridade Social.

3. Certificación do organismo oficial responsable, de que a agrupación non ten pendente de pago ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

4. Facturas orixinais ou fotocopias compulsadas xustificativas dos investimentos. No caso de productos para o control fitosanitario subvencionables, só se admitirán os adquiridos en establecementos dados de alta no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas.

5. Factura definitiva do servicio técnico contratado para o desenvolvemento do programa.

6. Certificado bancario do ingreso na conta a nome do técnico responsable do programa.

7. Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para este mesmo programa, das distintas administracións públicas.

O informe técnico ó que fai referencia o punto 1 do artigo 10 presentarase en papel e soporte informático en aplicación Microsoft Word en disquette de 3œ polgadas de alta densidade.

Artigo 11º.-Financiamento.

Este programa financiarase con cargo ó concepto orzamentario 09-03-614.A-778.0 «Programas de defensa dos vexetais», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 dotado con 46.500.000 pesetas para esta finalidade.

As solicitudes formuladas ó abeiro da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 5 de febreiro de 2000, na que se establecen as axudas para o desenvolvemento de programas de defensa sanitaria dos cultivos para 2000, ás que lles foi aprobada a subvención solicitada, e que non puideron ser efectivas por causas alleas ó solicitante, poderán ser tidas en conta na presente convocatoria, agás indicación do interesado en sentido contrario dirixida ós servicios provinciais de Sanidade e Producción Vexetal. A tramitación dos expedientes continuará desde o trámite no que se encontraban ó remate do exercicio anterior.

Disposición adicional

O incumprimento por parte do interesado dalgún dos requisitos especificados nesta orde suporá a perda total ou parcial da axuda aprobada, sen prexuízo das accións xudiciais que poidan devengar.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las normas precisas para a aplicación da presente orde.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria