Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 11 de xuño de 2001 Páx. 7.743

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 20 de abril de 2001, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación dos montes Leixo e Calle, pertencentes á parroquia de Armenteira do concello de Meis.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co diposto no artigo 60.1º da

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra dictou a seguinte resolucióon:

Asistentes.

Presidente.

José Luis Díez Yáñez.

(Delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

Vocais.

Luis Mª Muíños Vidueira.

(Letrado da Asesoría Xurídica da Xunta).

Isabel Catoira Lamela.

(Avogada polo Colexio da provincia).

Teodoro Arribas Serrano.

(Xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

Vocais representantes da parroquia de Armenteira do Concello de Meis.

Julio Serén Casal.

Gonzalo Otero Villanueva.

Secretaria.

Mª José León Gómez.

(Xefa do Servicio Técnico-Xurídico da Delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día catro de abril de 2001, coa asistencia das persoas á marxe sinaladas, reúnese na 4ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre a clasificación dos montes Leixo e Calle da parroquia de Armenteira do concello de Meis.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O presidente da Comunidade de Montes Chan da Fonte e outros solicitou, con data do 5-9-1997, a clasificación como veciñais en man común dos montes Leixo e Calle da parroquia de Armenteira do concello de Meis.

Segundo.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais, na súa reunión do 24-2-1999, acordou inicia-los trámites para a clasificación dos referidos montes, así como a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais da entonces Delegación Provincial de Agricultura, Gandería e Montes de Pontevedra para o seu estudio e informe, nomeándose instructor do expediente a Juan José Barreiro Prado.

Terceiro.-Iniciados os trámites oportunos, compróbase a existencia de erro na planimetría presentada no que afecta á representación de límites municipais, polo que unha vez realizadas as comprobacións que se estimaron necesarias e replanteada sobre o terreo a mencionada liña, da que se solicita a clasificación da súa superfie, vese afectada nunha diminución de 1,080 ha quedando determinada a cabida dos montes Leixo e Calle en 5,25 ha aproximadamente.

Cuarto.-Así mesmo, e de conformidade co artigo 21 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, solicitouse a certificación de cargas ó correspondente Rexistro da Propiedade, a cal foi recibida con data do 13-4-2000 facendo consta-la inexistencia de inmatriculación.

Quinto.-Así mesmo, e con estricta observancia dos trámites previstos no artigo 23 do citado Decreto 260/1992, procedeuse á apertura do trámite de audiencia e non se formularon alegacións.

Sexto.-Por acordo do xurado na reunión do 19-10-2000, e como consecuencia da sentencia do Pleno do Tribunal Constitucional dictada no recurso nº 175/1990, noméase instructor do expediente a Luis Mª Muíños Vidueira.

Fundamentos de dereito.

1. En relación cos montes Leixo e Calle delimítase de acordo coa seguinte descrición:

Cabida: 5,25 ha aproximadamente.

Lindes:

Norte: propiedades particulares de Alfonso Rey, Rosalinda Balboa Domingos e outros.

Sur: liña municipal segundo deslinde do IXN no concello de Poio.

Leste: pista forestal e propiedades particulares de Manuel Filgueira, Ana Rosales Carballa, Manuel Salgueiro, Ramón Rodino Portas, Joaquín García Quiñónez, Celso Pérez Gómez e outros.

Oeste: propiedades particulares de Jesusa Blanco Sueiro, Daniel Pazos Padin e outros, e límite municipal co concello de Meaño.

Descrición do perímetro: o perímetro do monte descríbese comezando no norte, onde limita cunha pista e o predio de Alfonso Rey, seguindo dirección noroeste situándose ó seu extremo no Alto de Leixo, onde limita co predio propiedade de Rosalinda Balboa Domingos, continuando en dirección sur ó perímetro onde está definido pola diagonal formada polos predios particulares pertencentes a Jesusa Blanco Sueiro, Daniel Pazos Padín e outros, ata chegar ó límite municipal con Meaño, desde onde continúa en liña recta seguindo pola de vasa ata chegar á monteira M3t, identificado segundo o deslinde do Instituto Xeográfico Nacional como o punto onde converxen os termos municipais de Meaño, Poio e Meis. A partir de aquí o perímetro toma dirección sueste, sempre seguindo a liña municipal segundo o deslinde do Instituto Xeográfico Nacional, limitando cos montes denominados Vacariza e Alén, clasificados a favor da Comunidade de Montes de

Samieira, concello de Poio, ata cruzar coa pista forestal chegando ó extremo sueste, onde limita cos predios particulares propiedade de Manuel Filgueira, Ana Rosales Carballa, Manuel Salgueiro e outros. Continuando polo leste vai seguindo unha pista forestal en dirección ó norte limitando en todo o seu percorrido con predios particulares propiedade de Ramón Rodino Portas, Joaquín García Quiñónez, Celso Pérez Gómez e outros ata chegar á encrucillada de camiños.

Próponse a súa clasificación por reuni-los requisitos establecidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. En consideración ó exposto, e de conformidade co sinalado no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, así como no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa cualidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cuotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

En consecuencia, vistos os preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación ó caso examinado, o instructor propón e de maneira unánime o xurado acorda:

Clasificar como veciñais en man común a favor da comunidade veciñal de Chan da Fonte e outros dos veciños dos lugares de Busto, Valboa e Vilar da parroquia de Armenteira do concello de Meis os montes Leixo e Calle por reuni-los requisitos establecidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, correspondéndose coa planimetría elaborada para o efecto polo Servicio de Montes e Industrias Forestais que forma parte inseparable da presente resolución, e de acordo coa descrición sinalada no fundamento de dereito primeiro.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 20 de abril do 2001.

José Luis Díez Yáñez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra