Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 08 de xuño de 2001 Páx. 7.609

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 5 de xuño de 2001 de fomento dos investimentos e da mellora da calidade na comercialización de productos silvícolas.

O Regulamento (CE)1257/1999 do Consello, do 17 de maio, establece no seu artigo 30 a posibilidade de outorgar axudas para a transformación e comercialización de productos forestais, e no artigo 33 para a diversificación de actividades relacionadas co sector primario no contorno rural.

O Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006 foi aprobado por Decisión da Comisión de 7-3-2001, recollendo na medida 1.2 as melloras na transformación e comercialización de productos agarios e forestais.

A conveniencia de repercutir no sector primario forestal os beneficios dun mercado dinámico e non intervido dos productos da madeira, precisa non só

dispor de empresas competitivas de aproveitamentos, senón que tamén sexan capaces de transmitir ó sector forestal os valores que a sociedade demanda á madeira a través do mercado.

A competencia internacional e a crecente demanda de novos requisitos cualitativos nos productos de consumo fai prioritario o desenvolvemento e implantación de melloras nas condicións laborais, adaptacións ambientais e innovacións na xestión empresarial que permitan dinamiza-la cadea comercializadora, reducir ineficiencias e adaptarse a futuros criterios esixibles á cadea de custodia. Por iso, considérase conveniente incentivar non só melloras na competitividade, senón tamén, e con maior prioridade, melloras na calidade empresarial.

A base reguladora de axudas trata de aproximarse á dinámica empresarial dos suxeitos de axuda, pero sempre dentro do marco normativo establecido polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Así, considérase a plurianualización das axudas para asegura-la calidade dos investimentos que se subvencionan.

Coa finalidade de lograr unha boa execución dos recursos dispoñibles, considéranse penalizacións por non execución de investimentos aprobados, así como a adaptación das resolucións de axuda a modificacións dos proxectos investidores, todo iso garantindo os criterios de concorrencia competitiva aplicados na concesión das axudas.

En virtude do anterior, ó abeiro do Decreto 287/2000 citado anteriormente, de acordo co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas e beneficiarios.

Poderán ser subvencionables os investimentos en activos fixos productivos e investimentos en activos inmateriais e activos materiais non productivos, relativos ás operacións anteriores á serradura industrial da madeira, realizados por empresas e empresarios autónomos de aproveitamentos forestais radicados en Galicia.

As actuacións subvencionables detállanse no anexo I.

Os beneficiarios deberán ter, polo menos, o 35% do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación abondará o compromiso de acadar, como mínimo, o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo concedido para xustifica-lo investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas subvencións inferiores a 10 millóns de pesetas. No caso de empresas con menos de 10 traballadores, a porcentaxe de estabilidade laboral mínima esixida reducirase ó 33%.

As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acada-la mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

De xeito excepcional e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autoriza-la non esixencia da porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración da axuda, do que se dará coñecemento á Comisión de Seguimento dos Acordos de Apoio á Promoción.

Artigo 2º.-Exclusións.

Non será subvencionable:

a) A adquisición de terreos e mobiliario.

b) Os vehículos de transporte por estrada.

c) A maquinaria usada.

d) Os tributos recuperables polo beneficiario, como o IVE.

e) A renovación de maquinaria que non implique melloras tecnolóxicas, productivas ou de seguridade.

f) Os gastos de reparación e mantemento.

g) Os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro ou calquera outra figura análoga.

h) Os investimentos destinados á manipulación ou comercialización de productos de países terceiros.

i) Os investimentos iniciados con anterioridade ó 1-1-2000.

Artigo 3º.-Prazo de presentación de solicitudes e convocatorias.

As solicitudes poderanse presentar a partir do día seguinte ó da publicación da orde.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará ó mes da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes que se presenten con posterioridade a esta data quedarán excluídas, podendo consideraranse na primeira convocatoria do ano seguinte a instancias do interesado.

Os expedientes que non completen axeitadamente a documentación requirida no artigo 6º no prazo establecido, poderán considerarse nunha convocatoria posterior por instancia do solicitante.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

Os investimentos en activos inmateriais e activos materiais non productivos recollidos no anexo I-B subvencionaranse cunha axuda dun 35%.

Os investimentos en bens de equipo, recollidos no anexo I-A, terán unha subvención básica dun 25%, que podera incrementarse ata o 35% segundo os criterios indicados no anexo II.

Artigo 5º.-Criterios de selección.

A concesión de axudas efectuarase baixo o réxime de concorrencia competitiva.

A dispoñibilidade orzamentaria asignada a cada convocatoria limitará o número de expedientes que se vaian aprobar, que serán elixidos por orde de puntuación de maior a menor, de acordo co criterio e baremo indicados no anexo III.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. Os interesados deberán presentar, perante os servicios de montes e industrias forestais ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, a seguinte documentación por duplicado:

a) Instancia-solicitude, dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente, segundo modelo que figura no anexo IV desta orde.

b) Ficha cos datos da empresa solicitante, segundo o anexo VI da orde.

c) Memoria onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo V da presente orde.

d) Copia dos seguintes documentos:

-Último imposto de sociedades ou, no seu defecto, do IRPF.

-Declaración de operacións con terceiros (modelo 347).

-NIF ou CIF (cotexada).

-Informe oficial da Seguridade Social coa relación de traballadores adscritos á empresa, na que consten categorías contractuais e datas de alta e baixa.

-Recibo en vigor do IAE, nos epígrafes 617.3, 461 ou 912.

e) Declaración xurada do beneficiario sobre axudas solicitadas, concedidas e/ou obtidas para os mesmos investimentos.

f) Xustificación de que os productores de base participarán nas vantaxes económicas da realización do investimento. Pódense presentar copias de contratos, compromisos de adquisición, declaracións de interese ou documentación equivalente.

g) No caso de obra civil: licencia municipal ou informe urbanístico favorable.

2. Recibidas as solicitudes examinaranse os documentos presentados. No caso de que sexan detectadas faltas ou omisións, requirirase o interesado para emendar os erros ou xunta-la documentación preceptiva no prazo de dez días hábiles.

Artigo 7º.-Distribución do orzamento.

O aboamento das axudas fixadas na presente orde financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.

731A.770.1, con 28.794.098 pesetas (173.056,01

euros) para o ano 2001, con 70.000.000 de pesetas

(420.708,47 euros) para o ano 2002, e 60.000.000

de pesetas. (360.607,26 euros) para o ano 2003.

Estas cantidades poderanse incrementar con fondos

propios, estatais, ou con fondos comunitarios.

A distribución das anualidades nas axudas individuais realizarase consonte as previsións de execución comunicadas polos beneficiarios, as dispoñibilidades orzamentarias, os condicionantes impostos na resolución das axudas e os prazos precisos para a execución dos investimentos.

Artigo 8º.-Tramitación e concesión de axudas.

No caso de que o investimento non se poida executar no exercicio orzamentario, a subvención poderá plurianualizarse, dentro do período de vixencia do Programa Operativo, sen prexuízo das disposicións que para este efecto considera a lexislación orzamentaria e demais normativa de aplicación.

O conselleiro de Medio Ambiente resolverá os expedientes de cada convocatoria por proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural. A resolución individual e motivada notificaráselle ó interesado.

As solicitudes denegadas por exclusión no proceso de selección poderanse considerar na seguinte convocatoria de axudas por instancia do solicitante.

Contra a resolución da axuda o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo na forma e prazo establecido na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

As solicitudes que, unha vez transcorridos catro meses desde a convocatoria a que se acolleron, non tiveran unha comunicación coa correspondente aprobación provisional ou definitiva, poderán entenderse desestimadas, aplicándose para a eficacia do acto presunto o establecido no artigo 43 da Lei 30/1992, de RXAP e PAC, modificado pola Lei 4/1999.

Artigo 9º.-Posibilidade de modificación da resolución e reintegros da axuda.

1. Se no transcurso da tramitación do expediente de axudas o solicitante precisara introducir modificacións a este, solicitará autorización da Consellería de Medio Ambiente, xustificando as razóns do cambio e acompañando a oportuna actualización do expediente que considere as variacións do proxecto orixinal. A autorización dará lugar a unha nova resolución de axuda, para o que se terán en conta os mesmos criterios de selección e requisitos procedementais aplicables ós expedientes que se aproben na convocatoria vixente de axudas. En todo caso, non se incrementará o importe total nin a porcentaxe de axuda.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais,

poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. No caso de incumprimento das condicións establecidas nesta orde e as indicadas na resolución de subvención, procederase á revogación parcial ou total da axuda.

Se o beneficiario percibise pagamentos parciais ou anticipos e a execución parcial non cumprira os obxectivos iniciais previstos, así como as condicións da resolución, procederase á tramitación do expediente de reintegro da subvención percibida máis os xuros de demora.

4. No caso de que se reducisen os investimentos mantendo os obxectivos iniciais, a subvención concedida veríase diminuída na contía proporcional correspondente, sempre que o conxunto do investimento cumpra os fins previstos inicialmente.

5. Penalización por non execución: establécese unha penalización equivalente a un 5% da axuda concedida non xustificada en prazo nunha anualidade. Esta penalización recaerá sobre a axuda que corresponda ós investimentos xustificados. Non se penalizará se o beneficiario comunica a imposibilidade de executa-los investimentos cunha antelación superior a dous meses do remate do prazo de xustificación da anualidade. Non será preciso resolución modificatoria da axuda para a execución da penalización.

6. Poderanse modificar as resolución individuais de axuda, con carácter discrecional, unicamente no relativo á distribución das anualidades. Non se incrementará o importe global nin porcentual da axuda, nin se modificará o obxecto do investimento nin calquera outra condición ou requisito da axuda concedida previamente. A modificación realizarase mediante resolución do conselleiro de Medio Ambiente, logo de proposta motivada do director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, aplicando criterios obxectivos.

Artigo 10º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

1. Para a percepción dos pagamentos, sexan parciais ou totais, deberá presentarse antes do 30 de outubro de cada ano (salvo o que se especifique na resolución da axuda para a primeira anualidade) a seguinte documentación por duplicado:

a) Solicitude de cobramento da subvención.

b) Xustificación dos investimentos realizados mediante:

-Relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados (anexo VII).

-Copias cotexadas das facturas orixinais sobre as que se realizará a toma de razón, así como copias dos documentos bancarios de pagamento.

c) Certificacións do cumprimento formal das obrigas fiscais, de Seguridade Social e de non ter débedas pendentes de liquidación coa Comunidade Autónoma.

d) Copia do certificado bancario de conta corriente e ficha bancaria.

e) Declaración xurada do beneficiario sobre axudas solicitadas, concedidas e/ou obtidas para os mesmos investimentos.

f) Ademais, no último pagamento achegaranse os seguintes documentos:

f-1. Memoria (anexo VIII), indicando as actuacións executadas, as medidas correctoras implantadas e a importancia delas na actividade futura da empresa.

f-2. Actualización da ficha cos datos da empresa, segundo o anexo VI da orde.

f-3. Xustificantes das accións consideradas no anexo II para incrementa-la porcentaxe de axuda.

f-4. Copia dos seguintes documentos:

-Último imposto de sociedades ou, no seu defecto, do IRPF.

-Declaración de operacións con terceiros (modelo 347).

-Informe oficial da Seguridade Social coa relación de traballadores adscritos á empresa, na que consten categorías contractuais e datas de alta e baixa.

g) Específicas dos investimentos obxecto de subvención:

g-1. Activos inmateriais: para o pagamento parcial ou anticipo da primeira anualidade, deberase presenta-lo contrato asinado. Para o pagamento final presentarase a seguinte documentación: análise da situación inicial, plan de actuacións, e informe de seguimento do plan con detalle das accións correctoras.

g-2. Maquinaria móbil: ficha técnica do vehículo, permiso de circulación do vehículo (se procede), seguro do vehículo ou de responsabilidade civil da empresa con expresión explícita do vehículo.

Ademais, deberán presentar a mesma documentación dos equipos subvencionados anteriormente ou dos que os substituíron. A non xustificación dos equipos anteriores suporá a reducción no investimento subvencionable do importe do investimento subvencionado anteriormente.

g-3. Naves: para o pagamento da última anualidade, planos de planta, licencia municipal de obra ou documentación xustificativa da súa tramitación.

2. Unha vez comprobada a documentación presentada e realizada a inspección comprobatoria de execución dos investimentos subvencionados, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emitirá a correspondente proposta de pagamento.

3. De acordo coa Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, poderanse realizar anticipos e pagamentos parciais. Os anticipos aprobaranse con carácter excepcional, mediante resolución motivada do conselleiro de Medio Ambiente, sempre que se xustifique a necesidade de realizar pagamentos inmediatos, o que se documentará mediante facturas e/ou xustificantes de pagamentos.

4. Os pagamentos parciais e anticipos serán garantidos mediante aval bancario ou de entidade aseguradora suficiente, que se depositará por tempo indefinido ó dispor da Consellería de Medio Ambiente na Tesourería Xeral da Xunta de Galicia. O referido aval garantirá a cantidade anticipada máis os xuros, calculados ó xuro legal do diñeiro para o ano en curso e por un prazo que medie entre a data de solicitude do anticipo e o último día en que este ten que ser xustificado. O certificado de depósito de aval bancario devolveráselle ó interesado unha vez se comprobe, mediante inspección in situ, a realización material do obxecto da subvención, así como as restantes condicións da subvención.

5. O pagamento da porcentaxe adicional ós investimentos en activos productivos, recollido no artigo 4º, queda condicionado á xustificación dos investimentos non productivos. Estas accións serán comprobadas na inspección final. A porcentaxe de axuda incrementada pagarase na última anualidade da subvención, e estará condicionada, no seu caso, non só á elaboración do plan, senón tamén ó seguimento do mesmo por parte da empresa.

Artigo 11º.-Disposicións comúns.

1. As axudas serán compatibles con calquera outra destinada ós mesmos fins procedente de administracións públicas, salvo fondos comunitarios distintos do FEOGA, ata un límite de subvención neta equivalente do 40%, 55% para as Pemes, de acordo coa Decisión da Comisión Europea nº 773/99, do 17-5-2000, na que se establece o mapa de axudas de finalidade rexional para España no período 2000-2006.

2. En calquera fase do proceso de tramitación, o órgano xestor da Dirección Xeral de Montes e MAN poderá solicitar ó interesado as aclaracións ou xustificacións oportunas con respecto ós datos da documentación esixible.

3. O beneficiario comprométese a mante-lo investimento subvencionado, e o emprego ligado a este, durante un período mínimo de 5 anos.

4. O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería de Medio Ambiente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar cantas disposicións complementarias estime oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

Investimentos subvencionables

A) Investimentos en activos fixos productivos, consideraranse con carácter exclusivo os seguintes:

-Equipos persoais de seguridade para o traballo no monte, en número inferior ó de empregados que figuren no TC2, sen supera-lo 30% do total dos investimentos.

-Procesadoras, autocargadores, tractores arrastradores.

-Equipos tractocargadores completos (tractores con cabinas reforzadas homologadas e proteccións forestais nas rodas e baixos, asento xiratorio, guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción). Consideraranse tamén os equipos orientados á recolleita de biomasa.

-Apeiros forestais e rozadoras que vaian formar parte dun equipo tractocargador completo.

-Implementos forestais que permitan un primeiro tratamento dos productos forestais no monte: peladoras móbiles, esteladoras, empacadoras, e outras para fins similares.

-No caso de plataformas para o transporte da madeira, só serán subvencionables as adaptacións forestais das mesmas e os guindastres que se instalen nelas.

-Instrumentos de medición de masas forestais.

-Básculas, pas cargadoras de rolla, peladoras e instalacións de clasificado de rolla.

-Obra civil relacionada co movemento de rolla. (Deberán presentar licencia municipal ou informe favorable do concello):

-Preparación do patio de amoreamento e cargadoiros de rolla (máximo auxiliable 18 euros/m).

-Alpendres para almacenamento de rolla (máximo auxiliable 120 euros/m).

-Instalacións de parque húmido de rolla.

B) Investimentos en activos inmateriais e activos materiais non productivos, consideraranse os seguintes plans, proxectos, estudios e programas, así como o seu seguimento e execución das medidas correctoras:

a) Seguridade laboral:

-Plans de seguridade laboral.

-Plans e proxectos de adaptación á normativa de seguridade industrial.

b) Adaptacións ambientais:

-Establecemento de medidas e plans de control ambiental.

-Accións correctoras e preventivas de riscos ambientais.

-Implantación de códigos ou normas de boas prácticas ambientais.

c) Mellora da calidade comercial e empresarial:

-Implantación na empresa de ferramentas de xestión empresarial específicas da actividade, incluso aplicacións informáticas e equipamento. Non se considerarán as aplicacións informáticas xenéricas (software básico nin aplicacións contables).

-Preparación do proceso productivo para unha futura adaptación á cadea de custodia de madeira certificada, e/ou normativa ISO.

d) Iniciativas comerciais conxuntas:

-Establecemento de medidas orientadas á venda conxunta a clientes.

-Establecemento de contratos a medio e longo prazo con provedores e propietarios forestais.

ANEXO II

Accións e porcentaxe de incremento da axuda

Accións que incrementan a axuda

Incremento

da axuda

Por cada asistente a curso de formación de persoal, cunha duración mínima de 30 horas1%

Por plan empresarial de melloras na seguridade laboral e/ou industrial2%

Por externalización de plan de pensións ou aseguramento das garantías dos traballadores2%

Por dispor dun seguro de responsabilidade civil para os aproveitamentos forestais2%

Por pertencer a asociación profesional do sector1%

Por plan ambiental e/ou de minimización e xestión de residuos5%

Por participación activa en iniciativa comercial conxunta5%

Por plan de adaptación da empresa á cadea de custodia5%

Por plan de control da calidade e/ou mellora da xestión para a adaptación ás normas ISO5%

Por posto de traballo xerado por incorporación dun enxeñeiro técnico ou superior4%

Por posto de traballo creado ou reconvertido de eventual a fixo3%

Consideraranse as accións desenvolvidas desde o 1-1-2000.

Os cursos de formación deberán estar relacionados coa actividade obxecto da orde de axudas e ter un recoñecemento oficial. O incremento acumulado neste concepto limitarase ó 3%.

Para xustificar estas accións na solicitude deberase presentar contrato ou no seu defecto, orzamento comercial da acción e declaración xurada comprometéndose á súa execución.

Os plans de seguridade, ambientais e de mellora da xestión empresarial, para ser considerados deberán prever, e posteriormente xustificar, os seguinte documentos:

-Estudio de avaliación da situación inicial da empresa.

-Plan de actuacións que se van realizar na empresa.

-Documentos de seguimento con indicación dos obxectivos acadados e acción realizadas.

Estas accións serán comprobadas na inspección final, analizando se efectivamente foron incorpora

das ó funcionamento normal da empresa. A non execución será penalizada de acordo co indicado no artigo 9º.5.

ANEXO III

Baremo para a priorización das solicitudes

A) Baremación dos investimentos:

A.1. Segundo o obxecto de investimento:

-Equipos de protección individual: 100 puntos.

-Procesadoras forestais, autocargadores, arrastradores: 80 puntos.

-Equipos tractocargadores completos, equipos completos de colleita de biomasa: 80 puntos.

-Implementos forestais de maquinaria de desembosque: 60 puntos.

-Instrumentos de medición de masas forestais: 60 puntos.

-Instalacións de parque húmido, peladoras, instalacións de clasificado de rolla: 40 puntos.

-Implementos forestais de transporte por estrada, pas cargadoras, básculas: 20 puntos.

-Parque de rolla e obra civil relacionada: 10 puntos.

A.2. Segundo as características da empresa:

a) Por cada punto porcentual de incremento de axuda, segundo o anexo II: 5 puntos.

b) Grao de execución en anteriores expedientes, por cada punto porcentual de non execución sobre o aprobado: 1 punto negativo.

c) Se dispón de crédito para o investimento: 30 puntos.

e) Se fora unha empresa nova (só contará un dos seguintes):

* Se ten aprobado un programa Lanza do Igape: 50 puntos.

* Se ten concedido crédito bancario para o investimento: 30 puntos.

* Se o empresario ten formación ou experiencia profesional no sector (acreditable): 30 puntos.

B) Criterios para establece-la prioridade das solicitudes:

B.1. Os investimentos en activos inmateriais e materiais non productivos considerados no anexo I B) terán prioridade sobre os investimentos en activos productivos. Así mesmo, os investimentos en obra civil consideraranse na última orde de prioridade.

B.2. Calcularase a puntuación de cada investimento solicitado, que será a suma da aplicación dos criterios indicados nos puntos A.1 e A.2.

B.3. En función da dispoñibilidade orzamentaria asignada aprobaranse os investimentos de acordo cos criterios de priorización indicados en B.1 e dentro deles coa baremación calculada segundo o punto B.2.