Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 08 de xuño de 2001 Páx. 7.606

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 5 de xuño de 2001 pola que se establece o procedemento para a tramitación das axudas por vaca nutriz e por xovenca.

O sector gandeiro está a pasar por unha difícil situación económica debido á crise da encefalopatía esponxiforme bovina (EEB) dado que dela se derivou unha diminución do consumo, o que, pola súa vez, ocasionou a diminución substancial dos ingresos dos gandeiros.

Para palia-la antedita situación o Goberno da Nación estableceu unha serie de medidas no Real decreto lei 9/2001, do 6 de abril, entre elas as relativas ás medidas de apoio ós productores de vacas nutrices e de carne de xovenca, artigos 5 e 6 respectivamente, da precitada norma, establecéndose, na súa disposición derradeira primeira, que se faculta os ministros competentes para desenvolve-las medidas establecidas no dito real decreto lei.

De acordo co anterior, por orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 30 de maio de 2001, efectuouse a convocatoria para as anteditas axudas, dispóndose que os productores presentarán as solicitudes ante o órgano competente das respectivas CC.AA., as relativas á axuda ós productores de carne de xovenca xunto coas solicitudes da prima por sacrificio e a de apoio ós productores de vacas nutrices nunha solicitude independente, dentro do prazo establecido na dita orde.

A Lei 7/1994, do 29 de decembro, dispón que lle corresponde ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe en día de Agricultura, Gandería e Política Agroalimen

taria, en relación co sector lácteo e gandeiro, para o cal poderá adoptar todo tipo de accións que contribúan á mellora do sistema productivo agrario. En consecuencia correspóndelle ó Ilgga, dentro desta Comunidade Autónoma, a xestión das anteditas axudas ós gandeiros, consonte a citada lei, así como tamén o disposto no Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve e segundo a normativa orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do propio Ilgga, establecida no Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro.

Segundo o anterior, nesta orde defínense, consonte a normativa estatal precitada, as condicións e requisitos que han de cumpri-los solicitantes para poderen acceder ás axudas, así como a forma de presentación e a tramitación delas, ó mesmo tempo que se convocan estas e se determina a súa imputación económica con cargo ó orzamento de gastos do Ilgga para o presente exercicio.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto da presente orde o establecemento de requisitos para a tramitación das axudas para os productores de vacas nutrices e de xovencas en aplicación do disposto no Real decreto lei 9/2001, do 6 de abril, e da orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que o desenvolve, do 30 de maio de 2001.

Artigo 2º.-Definicións.

1. Para os efectos das axudas establecidas nesta orde entenderanse por:

a) Vaca nutriz: a vaca de, alomenos, 24 meses de idade, á data do 31 de marzo de 2001, que pertenza a unha raza cárnica ou que proceda do cruzamento con algunha desas razas e que forme parte dun rabaño que estea destinado á cría de xatos para a producción de carne. Non se considerarán vacas pertencentes a razas cárnica as vacas que pertenzan ás razas de vacún enumeradas no anexo I do Regulamento (CE) 2342/1999, da Comisión, que establece disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1254/1999, do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector da carne de vacún, no relativo ós réximes de prima. Poderán considerarse tamén vacas nutrices as que, cumprindo tódalas condicións establecidas no punto anterior, teñan menos de 24 meses de idade, sempre que o productor probe que, no 31 de marzo de 2001, o animal alcanzara a condición de vaca antes da dita idade.

b) Xovenca: o bovino femia de idade comprendida entre os 8 e 20 meses no momento do sacrificio.

2. A definición de productor será a recollida no punto 2 a) do artigo 2 do Real decreto 1973/1999, do 23 de decembro, sobre determinadas axudas en gandería.

Artigo 3º.-Requisitos para a obtención.

1. Serán beneficiarios da axuda que establece o número 1 do artigo 4 os productores que o soliciten e manteñan un rabaño de vacas nutrices, que respondan á definición establecida no artigo anterior e que, no 31 de marzo de 2001, estiveran rexistradas na base de datos establecida no artigo 12 do Real decreto 1980/1998, do 18 de setembro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie bovina.

2. Serán beneficiarios da prima que establece o número 2 do artigo 4º, os productores que se beneficien da prima polo sacrificio de bovinos adultos establecida no artigo 12 do Real decreto 1973/1999, polas xovencas sacrificadas entre o 1 de abril e o 30 de xuño de 2001.

Artigo 4º.-Importe.

1. O importe da axuda por vaca nutriz será de 31 euros (5.158 pesetas).

2. O importe máximo por xovenca será de 78,13 euros (13.000 pesetas).

3. Non obstante, o importe unitario e definitivo das axudas fixarase polo MAPA, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias e co previsto nos números 4º e 5º do artigo 6 da Orde ministerial de 30 de maio de 2001.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. Os productores de vacas nutrices poderán solicita-la axuda establecida no número 1 do artigo 4º, no modelo que se establece como anexo á presente orde, ata o nove de xullo do ano en curso.

Para tal efecto, as solicitudes para acceder a estas axudas presentaranse, debidamente asinadas, nas oficinas agrarias comarcais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, ou nos servicios provinciais do Ilgga. Así mesmo, poderán presentarse nos demais lugares e formas previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O Ilgga poderalles facilitar ós interesados solicitudes preimpresas coa información necesaria dispoñible na base de datos da consellería, coa finalidade de que, se é o caso, se actualice. Os novos datos incluídos na solicitude xustificaranse da seguinte forma:

a) Os datos do titular ou representante. coa copia do CIF, DNI ou NIF.

b) Os datos da conta bancaria cunha certificación da entidade financeira ou un selo desta na solicitude.

c) Os datos dos animais engadidos, cunha copia dos documentos de identificación de bovinos.

2. Ademais, tamén poderán presenta-las solicitudes das anteditas auxdas nas oficinas das entidades financeiras colaboradoras que, para tal efecto, asinasen o oportuno convenio co Ilgga.

3. A solicitude de prima polo sacrificio de xovencas presentarase dentro dos prazos establecidos no número 3º do artigo 22 do Real decreto 1973/1999 e no artigo 3.2º b) da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 29 de decembro de 2000, nos lugares especificados no punto 1 do presente artigo.

Artigo 6º.-Tramitación, resolución e pagamento.

1. As oficinas agrarias comarcais e, se é o caso, as entidades financeiras colaboradoras, remitiranlle ó respectivo servicio provincial do Ilgga as solicitudes de axuda e prima, procedendo estes á súa revisión e a efectua-los oportunos cruzamentos e controis, segundo a normativa vixente.

Consonte ó anterior, os servicios provinciais elevarán proposta de resolución, co visto e prace do delegado provincial, en función da cal o director do Ilgga resolverá, antes do 15 de novembro de 2001. No caso de non dictarse resolución expresa no citado prazo, poderanse considerar denegadas as solicitudes.

Artigo 7º.-Anticipos e pagamentos definitivos.

1. Poderáselle conceder un anticipo, a conta do importe definitivo da axuda por vaca nutriz, de ata 25 euros por vaca, ós gandeiros que solicitasen a prima por vaca nutriz correspondente ó ano 2000, na convocatoria efectuada pola orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 4 de xaneiro de 2000.

Para a determinación do número de animais polos que se poderá paga-lo anticipo establecido terase en conta o número de vacas nutrices rexistradas o 31 de marzo de 2001, na base de datos establecida no artigo 12 do Real decreto 1980/1998.

2. Se o importe do anticipo fose maior có da axuda definitiva, o Illga esixirá a devolución do percibido en exceso.

3. O número definitivo de animais con dereito a axuda ós productores de vacas nutrices, que se establecerá por resolución do director do Ilgga, será o menor das dúas cantidades seguintes:

-O número das vacas nutrices rexistradas na base de datos establecida no artigo 12 do Real decreto 1980/1998, o 31 de marzo de 2001, dentro dos prazos que establece esta disposición, ou

-O número de vacas nutrices incluídas na solicitude.

Artigo 8º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou primas previstas nesta orde, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Reintegro.

Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda ou prima concedida e procederá o reintegro, total ou parcial, do seu importe e mailos xuros devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, conforme o procedemento previsto no seu artigo 20.

Artigo 10º.-Obriga de facilita-la información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos correspondentes do Ilgga, o beneficiario da axuda ou prima ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos dependentes do Ilgga, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.

Artigo 11º.-Recursos.

As resolucións que, en aplicación da presente orde, dicte o director do Ilgga, non esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor recurso de alzada ante o presidente do dito instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para a concesión das axudas e primas previstas nesta orde, existe crédito, na aplicación orzamentaria 09.60.712A.774. do orzamento de gastos do Ilgga, para 2001, por importe de 1.395.628.455 pesetas, contía que poderá incrementarse con achegas de fondos adicionais.

Segunda.-Seralles de aplicación ós beneficiarios das axudas e primas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, de acordo co procedemento previsto no capítulo VII do Decreto 287/2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria