Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 08 de xuño de 2001 Páx. 7.605

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 128/2001, do 25 de maio, polo que se establece un período transitorio para a indicación de prezos por unidade de medida dos productos ofrecidos ós consumidores e usuarios.

A Constitución española, no seu artigo 51, encomenda ós poderes públicos a defensa dos consu

midores e usuarios. No cumprimento de tal mandato constitucional e no exercicio das competencias exclusivas que no artigo 30.1.cuarto, do Estatuto de autonomía de Galicia, atribúe a esta Comunidade Autónoma e de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado nos termos dispostos nos artigos 38, 131 e 149.1.11 e 13 da Constitución, aprobouse, por medio da Lei 12/1984, do 28 de decembro, o Estatuto galego do consumidor e usuario.

O dito Estatuto galego do consumidor e usuario prevé no seus artigos 15 e seguintes o dereito dos consumidores e usuarios á protección dos seus lexítimos intereses económicos, constituíndose a indicación de prezos nun elemento relevante para a consecución de tales obxectivos.

No ámbito da Unión Europea, a Directiva 98/6/CE, do Parlamento Europeo e do consello, relativa á protección dos consumidores en materia de indicación de prezos, deroga as directivas 79/581/CEE e 88/314/CEE e establece a obriga de indicación do prezo de venda e o prezo de unidade de medida, contribuíndo desta forma a optimiza-las posibilidades de comparación do prezo dos productos e, en consecuencia, maior racionalidade nas opcións de compra.

A dita norma comunitaria foi incorporada ó ordenamento xurídico interno polo Real decreto 3423/2000, do 15 de decembro, polo que se regula a indicación de prezos dos productos ofrecidos ós consumidores e usuarios.

Nembargantes, a disposición transitoria única desta norma, tratando de acada-lo necesario equilibrio entre os lexítimos intereses afectados polo texto e considerando as necesidades de adaptación dos pequenos comercios e que a atención individualizada dispensada por estes garante suficientemente a información do consumidor, prevé a posibilidade de que as comunidades autónomas establezan un período transitorio a partir da entrada en vigor para a indicación do prezo por unidade de medida ós productos envasados previamente en cantidades preestablecidas comercializados por pequenos comercios polo miúdo onde a venda se realice con vendedor que atenda persoalmente o cliente e que sirva os productos, así coma na venda ambulante.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vintecinco de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Establécese, de acordo coa disposición transitoria única do Real decreto 3423/2000, do 15 de decembro, un período transitorio de adaptación para a indicación do prezo por unidade de medida ós productos envasados previamente en cantidades preestablecidas comercializados por pequenos comercios polo miúdo onde a venda se realice con vendedor que atenda persoalmente o cliente e

que sirva os productos, así coma na venda ambulante, que rematará o 30 de xuño de 2002.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Industria e Comercio para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de maio de 2001.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio