Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 08 de xuño de 2001 Páx. 7.601

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de maio de 2001 pola que se convocan axudas económicas para a realización de actividades de formación dirixidas ó profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2001 e organizadas polos movementos de renovación pedagóxica ou por asociacións e fundacións con fins pedagóxicos, legalmente constituídas.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolvan.

A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, dispón que as administracións educativas planificarán as actividades necesarias de formación permanente do profesorado e garantirán unha oferta diversificada e gratuíta destas actividades (artigo 56.3º).

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, consciente da importancia que ten a formación permanente do profesorado de cara á mellora da calidade do ensino e á potenciación no uso do galego e a renovación da metodoloxía e das técnicas didácticas que se aplican nos centros docentes, e consciente da repercusión e incidencia real que teñen os movementos de renovación pedagóxica e asociacións e fundacións pedagóxicas, en canto a que contribúen ó desenvolvemento deste proceso e potencian a realización de actividades de perfeccionamento e a formación de grupos de traballo xurdidos da propia iniciativa do profesorado, pretende facilita-lo logro destes obxectivos a través da concesión de axudas económicas.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

1. Convócanse axudas económicas para a organización durante o ano 2001 de actividades de formación do profesorado dirixidas a profesores que imparten a súa docencia en niveis non universitarios e que dinamicen o ensino en galego.

2. O importe máximo total das axudas que se concedan é de 15.000.000 de pesetas, con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322I.480.0.

3. Poderán ser beneficiarios destas axudas os movementos de renovación pedagóxica e asociacións e fundacións pedagóxicas legalmente constituídos e recoñecidos cando nos seus estatutos figure como fin preferente a formación do profesorado e desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que teñan xustificadas as axudas concedidas en anteriores convocatorias.

4. Os movementos de renovación e asociacións e fundacións pedagóxicas interesados deberán dirixi-las súas solicitudes, conforme o modelo que figura no anexo I, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, edificio San Lázaro-107, 15771 Santiago de Compostela.

As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañadas da seguinte documentación:

A. Programa das actividades desenvolvidas ou que van desenvolver, conforme o modelo que figura no anexo II.

B. Orzamento, conforme o anexo IV, tendo en conta os módulos económicos que figuran no anexo III.

C. Copia compulsada dos documentos que acreditan a súa constitución legal.

D. Fotocopia compulsada dos estatutos da entidade.

E. Fotocopia do CIF.

F. Documentación acreditativa da representación que exerce o solicitante.

G. Certificación bancaria da conta corrente.

H. Declaración xurada asinada polo representante legal do movemento de renovación pedagóxica, da asociación ou da fundación indicando se recibe outras axudas para o desenvolvemento da actividade. En caso afirmativo, especifica-la contia e a entidade que a concede.

A documentación dos puntos C, D, E, F e G non terá que ser achegada polos movementos de renovación nin polas asociacións e fundacións pedagóxicas que xa recibiran axudas económicas en anos anteriores, sempre e cando non tiveran variación nos seus datos.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou remita os documentos preceptivos; de non facelo considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

5. O prazo para a presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

6. As actividades (deseño, convocatoria, publicidade, desenvolvemento, certificacións, etc.) faranse en galego e de acordo co Decreto 173/1982, sobre normativización da lingua galega, e coa disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística, e irán dirixidas fundamentalmente a profesores en activo na Comunidade Autónoma.

7. Financiaranse prioritariamente aquelas actividades que fomenten o ensino en galego e que coincidan basicamente cos obxectivos xerais da política educativa establecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, especialmente os definidos no Plan Galego de Formación Continuada do Profesorado de Niveis non Universitarios e que versen sobre os seguintes temas considerados como prioritarios:

7.1. Actualización pedagóxico-didáctica:

-Orientacións teórico-prácticas para a elaboración de proxectos de centro.

-Deseño e desenvolvemento curricular. Proxectos curriculares.

-Introducción de novos elementos culturais -saúde, ambiente, educación para a paz, coeducación- nas distintas áreas do currículo.

-Desenvolvemento de adaptacións curriculares para alumnos con necesidades educativas especiais.

-Educación de adultos.

7.2. Actualización científico-técnica:

-En tódolas áreas do currículo.

-Do profesorado de formación tecnolóxica, de cara á implantación das ensinanzas técnico-profesionais, nos contidos da educación tecnolóxica e das distintas familias profesionais.

7.3. Modalidades, técnicas e instrumentos de avaliación.

7.4. Xestión e organización de centros educativos.

7.5. A orientación e a titoría.

8. A contía das axudas establecerase en función do número de solicitudes e a adecuación dos proxectos ó establecido no artigo 7 da presente convocatoria e da dispoñibilidade orzamentaria, tendo en conta ademais que, sumadas a outros recursos que se obteñan, non excedan dos gastos orzados para as actividades programadas, e a súa distribución farase en función dunha programación anual de actividades, tendo en conta criterios como: actividades homologadas, calidade, número de horas de docencia acumulada, número de relatores, número de asistentes, etc.

9. Comisión de selección. Constituirase unha comisión de selección integrada:

-Pola directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional ou persoa en quen delegue.

-Polo subdirector xeral de Ordenación Educativa.

-Polo xefe do Servicio de Formación do Profesorado.

-Polo xefe do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Por un funcionario do Servicio de Formación do Profesorado

-Por un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

-Por cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente poderá nomear un representante para asistir ás sesións da comisión con voz e sen voto. Coa debida antelación, o nome do representante sindical seralle comunicado ó presidente da comisión de selección.

10. Resolución da convocatoria. Unha vez rematado o proceso de selección, formularáselle a proposta de concesión de axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, determinando en cada caso a contía das axudas. A orde de concesión de axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de catro meses desde a súa publicación, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse desestimadas.

11. O pagamento das axudas económicas concedidas farase nun só libramento, unha vez feita a debida xustificación de gastos e da realización da actividade, que se deberá realizar antes do 10 de outubro de 2001 para as actividades celebradas ata o 30 de setembro e antes do 5 de decembro de 2001 para as actividades de outubro a decembro do mesmo ano. A devandita xustificación farase de acordo coas instruccións que figuran no anexo V. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá completar estas instruccións poñéndoas en coñecemento dos interesados cando se lles comunique a contía da axuda concedida.

12. O importe da axuda, tendo en conta os recursos que xere a actividade e outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, poderá reducirse no suposto de que, á hora de presenta-la xustificación da axuda, houbese unha diminución dos gastos realizados. Esta reducción será proporcional á diminución dos gastos orzados.

13. Obrigas dos beneficiarios. Son obrigas dos beneficiarios das axudas, segundo o artigo 6º da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que realice a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ó Consello de Contas.

b) Comunicarlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a obtención de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade, procedente de calquera Administración ou ente público.

14. O incumprimento das condicións establecidas na presente orde constituirá obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda percibida, consonte cos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o apartado 7 do artigo 61 da citada Lei 8/1999.

15. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as inspeccións oportunas orientadas a comproba-la veracidade dos datos facilitados, así como a utilización dos fondos concedidos.

16. Autorízase á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

17. Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO V

1. Xustificación de gastos: enviarase orixinal e dúas copias.

a) Gastos de ensino:

Achegaranse:

1. Recibíns orixinais de tódolos perceptores de contías por este concepto. Especificarase a retención do IRPF.

2. Relación nominal de tódolos perceptores por gastos de ensino.

b) Gastos de material:

Achegaranse:

1. Facturas orixinais xustificativas do gasto.

2. Relación de facturas de gastos de material.

-Para a xustificación dos gastos de material deberán presenta-las facturas orixinais a nome do MRP ou da asociación, figurando o NIF ou CIF correspondente e o IVE.

-Non se admitirán as facturas que non estean debidamente cubertas ou con sinais de corrección.

-A data das facturas debe corresponder ó período que se xustifica.

-Só se poderá xustificar por este concepto o 25% do total dos gastos da docencia, como máximo.

c) Resumo total de ingresos e gastos:

Achegarase:

1. Folla resumo de ingresos e gastos.

2. Xustificación da realización da actividade: enviarase 1 orixinal ou copia compulsada.

1. Acta de avaliación final, con nome, apelidos e DNI, que incluirá relación pechada, asinada e selada de:

*Asistentes con dereito a certificación.

*Asistentes que non superaron a actividade, especificando o motivo.

*Outros participantes con dereito a certificación: directores, coordinadores e relatores.

2. Documentos elaborados, cando os haxa.

3. Difusión da actividade, xuntando exemplar do cartel anunciador, folletos, etc...