Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 08 de xuño de 2001 Páx. 7.598

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de maio de 2001 pola que se establecen axudas para financia-las actividades das asociacións, federacións e confederacións de alumnos de centros docentes de niveis non universitarios.

O Decreto 466/1987, do 17 de decembro (DOG do 4 de xaneiro), regula as asociacións de alumnos establecidas no artigo 7 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación.

Coa finalidade de apoiar e potencia-la realización das actividades que as asociacións, federacións e confederacións de alumnos teñen de seu para fomenta-la participación do alumnado naquelas que dean impulso ó labor educativo e faciliten o exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.

1. Establécense axudas destinadas a fomenta-la realización de actividades por parte de asociacións, federacións e confederacións de alumnos que figuren inscritas no correspondente rexistro de asociacións desta consellería, con cargo ó crédito consignado para o efecto no orzamento de gastos da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, baixo a aplicación 07.03.323A.480.1, para o ano 2001, por un importe máximo de 1.000.000 (un millón) de pesetas.

2. As axudas concederanse para a realización de actividades que contribúan á consecución das finalidades establecidas no Decreto 466/1987, do 17 de decembro, e que se leven a cabo durante o ano 2001.

Segundo.-As instancias para solicita-las axudas cubriranse segundo o modelo que se acompaña como anexo e irán acompañadas dos documentos que se relacionan:

a) Descrición do proxecto de actividades para as que se solicita a axuda.

b) Orzamento desagregado de gastos.

c) Importe das axudas recibidas ou por recibir para cofinancia-las actividades para as que se solicita a axuda con cargo a orzamentos de organismos públicos distintos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

d) Memoria doutras actividades levadas a cabo.

e) Copia certificada do acordo dos órganos competentes polo que se decide solicita-la axuda.

Terceiro.-O prazo de presentación das instancias é de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.-As solicitudes, xunto coa documentación, presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dentro do ámbito da que estea domiciliada a sede social da asociación, federación ou confederación, ben directamente ou ben da forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinto.-As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria enviarán as solicitudes, xunto coa documentación, á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, no prazo de 5 días naturais contados a partir do seguinte ó da finalización do prazo de presentación de solicitudes, establecéndose o prazo de emenda de erros ou de completa-la documentación, de se-lo caso, de dez días a partir da notificación correspondente, de acordo co establecido no artigo 76 da Lei 30/1992.

Sexto.-Para a valoración das solicitudes das axudas constituirase unha comisión presidida polo director xeral de Centros e Inspección Educativa, ou persoa en quen delegue, e integrada polo subdirector xeral de Centros, xefe do Servicio de Programación, xefe do Servicio de Centros e o xefe do Servicio de Xestión de Programas Educativos. Actuará como secretario un funcionario da consellería, con voz e sen voto.

Sétimo.-A comisión aplicará os seguintes criterios preferentes:

a) Colaborar no labor educativo dos centros e nas súas actividades complementarias e extraescolares.

b) Promove-la participación dos alumnos nos órganos colexiados do centro.

c) Realizar actividades culturais, deportivas e de fomento da acción cooperativa e de traballo en equipos.

d) Facilita-la representación e a participación dos alumnos nos consellos escolares dos centros públicos e concertados e noutros órganos colexiados, se é o caso.

Oitavo.-Valoradas as solicitudes, a comisión elevará a proposta de adxudicación das axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a resolución que proceda, que será publicada no Diario Oficial de Galicia. No caso de resultar denegada será motivada y notificaráselles ós interesados no prazo máximo de catro meses, contados a partir da publicación desta convocatoria. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben

directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Noveno.-As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de catro meses a partir da data de publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria.

Décimo.-O pagamento realizarase de conformidade co disposto nos artigos 15 e 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro).

O beneficiario presentará antes do 15 de novembro de 2001 a xustificación completa, para o que fará chegar á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa unha memoria na que consten necesariamente os seguintes extremos:

a) Descrición das actividades realizadas, explicando os obxectivos logrados e o número de alumnos que participaron nas devanditas actividades.

b) Resumo económico explicativo dos gastos realizados imputables á axuda concedida e que se referirán ó ano 2001, para o que deberán xunta-los orixinais das facturas ou dos documentos xustificativos (ou fotocopia compulsada de facturas, contratos, nóminas, seguridade social, etc.).

c) Certificación do órgano competente da entidade beneficiaria na que se faga constar que o importe da axuda foi destinado na súa totalidade ás actividades para as que foi concedida.

d) Fotocopia do CIF.

e) Certificación bancaria (orixinal) a nome do solicitante na que conste a c/c na que se ingresará o importe da axuda, se é o caso.

f) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Décimo primeiro.-Procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida, xunto cos xuros percibidos desde o seu pagamento, nos casos indicados no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro).

Décimo segundo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria