Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 08 de xuño de 2001 Páx. 7.597

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 23 de maio de 2001 pola que se clasifica como de interese benéfico-asistencial a Fundación Costa de Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Costa de Galicia, con domicilio en Vigo, rúa Salamanca, nº 6, 3º E (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. Leopoldo Cabanelas González, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 26 de febreiro de 2001, formulou solicitude de clasificación para efectos da sua inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 15 de febreiro de 2001, ante o notario José-Luis Lorenzo Areán, co número 353 do seu protocolo, por Leopoldo Cabanelas González, Eliseo Juncal Vilas, José-Manuel Cid Cid, Edilberto Álvarez-Soto Mosquera, José Cardama Ba-

rrientos e Jesús-Alejandro Bamba Vázquez, emenda-

da e rectificada por outra do 25 de abril de 2001 pe-

rante o mesmo notario e co número 968 do seu pro-

tocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a formación profesional, apoio psicoterapeútico, educación para o ocio e tempo libre e prevención de drogodependencias de colectivos desfavorecidos, con especial atención a

extoxicómanos, co fin de logra-la súa reinserción laboral, familiar e social.

4. O padroado da fundación estará constituído por Leopoldo Cabanelas González como presidente vitalicio, Edilberto Álvarez-Soto Mosquera como vicepresidente, José Cardama Barrientos como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese benéfico-asistencial da Fundación Costa de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese benéfico-asistencial e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 22 de maio de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese benéfico-asistencial a Fundación Costa de Galicia e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública