Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Xoves, 07 de xuño de 2001 Páx. 7.522

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de maio de 2001 pola que se complementa a do 26 de marzo de 2001, na que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios do persoal docente non universitario dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria durante a continuación da folga convocada de forma indefinida a partir do día 27 de marzo de 2001.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de reco

ñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O exercicio do dereito fundamental á educación, así como dos seus corolarios, non se deben ver afectados gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e diante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios; así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

A avaliación final do rendemento educativo dos alumnos é un proceso imprescindible dentro do sistema educativo, que permite a promoción do curso, nivel e grao nos estudios realizados ou posibilita o acceso á Formación Profesional ou ós centros de traballo e, en consecuencia, debe quedar amparada polo dereito á educación.

Por outra banda, para que a avaliación produza a súa eficacia debe ser realizada no momento preciso que posibilite a tódolos alumnos a mesma oportunidade para continua-los seus estudios, independentemente de circunstancias alleas a eles mesmos.

Por todo o anterior, logo do preceptivo trámite de audencia ó comité de folga, procede completar con esta orde os servicios mínimos establecidos pola Orde do 26 de marzo de 2001, e dirixidos a garanti-los servicios do persoal docente non universitario dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria durante a folga convocada de forma indefinida a partir do día 27 de marzo de 2001 e que teñen como finalidade a de salvagarda-los dereitos dos alumnos de seren avaliados nos estudios cursados.

Por todo o que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

As datas tope para que os alumnos de ensino non universitario estean avaliados serán as seguintes: curso de orientación universitaria (COU) e 2º curso de bacharelato LOXSE, o día 25 de maio de 2001; formación profesional de segundo grado e formación profesional específica, educación secundaria obrigatoria e educación primaria, antes do día 30 de xuño.

Artigo 2º

Os directores e xefes de estudios de cada centro escolar de titularidade pública elaborarán e comunicarán individualmente ó persoal docente non universitario afectado o calendario das probas de ava

liación final ou conxunta, se é o caso, para a súa realización nos prazos determinados no artigo 1º da presente orde.

Artigo 3º

Fíxanse como servicios mínimos en todos e cada un dos centros de titularidade pública, para o persoal docente non universitario e nos períodos anteditos, os seguintes:

a) O establecemento do calendario das probas de avaliación final ou conxunta, a súa comunicación individual ó persoal docente afectado e a cobertura e sinatura de actas serán realizados polos directores e xefes de estudio dos centros.

b) A elaboración por cada profesor ou equipo de profesores das probas, a aplicación delas e a asistencia ás sesións de avaliación, cobertura e sinatura de actas, nos períodos sinalados na presente orde.

c) O secretario de cada centro, con independencia das funcións que lle correspondan como profesor, terá que garanti-la comunicación da cualificación a cada alumno antes do día 30 de xuño próximo, agás as correspondentes ó curso de orientación universitaria (COU) e 2º de bacharelato LOXSE, que se levará a cabo coa antelación suficiente para permiti-la matriculación dos alumnos afectados nas probas de aptitude para o acceso ás facultades, escolas técnicas superiores e colexios universitarios.

Artigo 4º

Cando nas sesións de avaliación algún alumno non sexa cualificado nalgunha materia, os equipos de avaliación deberán establecer colexiadamente as cualificacións que corresponda outorgarlle, á vista das cualificacións parciais e demais aspectos que poidan ser considerados para o efecto.

Os directores dos centros darán conta inmediatamente á Inspección de Educación dos grupos de alumnos e materia ós que se tivera que aplica-lo disposto no punto anterior.

Artigo 5º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos, fixados anteriormente será sancionado de conformidade co disposto no Decreto 94/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1997, do 4 de marzo.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria