Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Mércores, 06 de xuño de 2001 Páx. 7.483

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 28 de maio de 2001 pola que se desenvolven programas para promover iniciativas de emprego e desenvolvemento para a mellora dos sistemas productivos no marco dunha agricultura sustentable.

Dentro da política agrícola común, a Unión Europea propón, entre outros, a activación das zonas rurais instrumentando medidas agroambientais que fomenten o desenvolvemento do sector agrario, respondendo así á crecente demanda por parte da sociedade, de productos de calidade con garantía de salubridade referenciada.

Por outra banda, e de acordo co Tratado da Unión Europea : «A Unión Europea ten a misión de promover un progreso económico e social equilibrado e sustentado, un alto nivel de emprego e de protección social, a elevación do nivel e calidade de vida, a cohesión económica e social e la solidaridade entre os Estados membros».

Neste sentido, preténdese buscar produccións agrícolas alternativas ou complementarias interesantes, baseadas nunha imaxe de producto de calidade organoléptica e sanitaria diferenciada e tipificada a través de técnicas normativizadas na súa producción. Estas técnicas serán identificadas baixo a denominación «producción integrada» (P.I), ou ben «agricultura ecolóxica».

Por outra banda, preténdese potencia-los ciclos integrais propios dos cultivos e das produccións alternativas e complementarias, mellorando a estabilidade e as rendas, fomenta-la creación de liñas de promoción de servicios e a dotación de técnicas cualificadas e especializadas na xestión dos cultivos.

Estas accións levarán consigo a adquisición dun valor subsidiario de incremento das rendas das explotacións agrarias, favorecendo así un aumento da economía e consecuentemente unha estabilización ou aumento do emprego no sector rural.

Esta convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó establecido na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30º1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Beneficiarios.

Entidades agrarias calquera que sexa a súa forma xurídica, sempre e cando estea vinculada ó sector agrario galego e xustifique dentro dos seus cometidos, algún ou tódolos obxectivos e finalidades, establecidos no artigo 2º da presente orde.

Artigo 2º.-Obxecto e finalidade.

Esta orde ten por obxecto establece-las bases das axudas dirixidas ás entidades agrarias co obxecto de promover iniciativas de desenvolvemento fomentando a cultura emprendedora de creación de emprego a través de actividades privadas dinamizadoras do sector agrario, sempre e cando teñan como cometido algún dos seguintes fins:

a) Creación e afianzamento do emprego agrícola.

b) Busca de actividades agrícolas complementarias das rendas das explotacións baseadas en produccións vexetais con comercialización garantida.

c) Creación de sistemas productivos de réxime asociativo que persigan a reducción de custos e/ou a mellora da calidade.

d) Asenta-las bases estructurais para o establecemento de sistemas de producción respectuosos co

ambiente e a saúde de consumidores e concretamente para a producción integrada.

e) A dotación tecnolóxica e de asistencia técnica para levar a cabo os programas, e actividades encamiñadas a incrementa-lo nivel de formación dos asociados e traballadores.

Artigo 3.-Ámbito de acción.

As iniciativas de desenvolvemento levaranse a cabo dentro de programas relacionados coas produccións agrícolas en distinto ámbito: local, comarcal e autonómico.

Artigo 4º.-Clase e contía das axudas.

1. Asistencia técnica.

Para a realización dos distintos programas productivos obxecto da actividade da entidade agraria de que se trate e, en especial, novos programas de desenvolvemento sustentable ou producción integrada, fomentarase a asistencia técnica polas siguintes vías:

a) Contratación de persoal técnico con carácter exclusivo e por un período mínimo de tres anos.

A contía da subvención, que poderá defender ata o 70% do custo do contrato, modularase en función da importancia do programa que se vai desenvolver.

b) Contratación de persoal técnico e auxiliar por un período de tempo inferior a 3 anos ou ben con carácter eventual ou de tempada. Nese caso a subvención poderá chegar ata o 50% do custo do contrato.

c) Sinatura de contratos homologados con empresas de servicios de garantía suficiente para responsabilizarse do seguimento e asistencia en programas agrarios e concretamente a P.I.

A subvención modularase en función do volume de explotacións en programa, chegando como máximo ó 50% do custo do contrato.

d) Creación e mellora das empresas de servicios agrarios.

Poderá subvencionarse a contratación de persoal técnico nos mesmos termos que nas letras a) e b) anteriores. Ademais será posible atender aqueles investimentos necesarios para o establecemento da empresa e, sobre todo, para a dotación tecnolóxica necesaria para atender aqueles programas agrarios promovidos pola Consellería de Agricultura Gandería e Política Agroalimentaria. A porcentaxe máxima de subvención será do 50%.

2. Investimentos en bens e servicios necesarios para a correcta execución do programa.

As axudas contribuirán a mellora-la renda do sector, así como á mellora da producción e das condicións de vida do traballador.

Os investimentos deben perseguir un ou máis dos seguintes obxectivos: reducción dos custos de pro

ducción, mellora da producción ou reorientación dela, promoción da calidade, conservación e mellora do contorno natural, mellora das condicións de hixiene e sanidade vexetal e a diversificación das actividades agrícolas.

As axudas a investimentos que teñan como obxectivo aumenta-la producción, deberán ter unha xustificación da garantía de comercialización. Estes investimentos non poderán estar afectados por restriccións de producción ou limitacións de apoio comunitario impostas por organizacións comúns de mercado.

Tamén se poderán conceder axudas para a primeira transformación e a comercialización de productos agrícolas, asociadas ás propias explotacións na procura de valor engadido e/ou da garantía de comercialización. Para a concesión destas axudas requirirase un informe favorable da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación.

O nivel máximo de axuda será do 50% do investimento subvencionable.

Cando os investimentos supoñan un aumento de custos derivados da protección e mellora do ambiente, as axudas poderán ascender ata un máximo do 75%.

3. Producción de productos agrícolas de calidade.

Poderán concederse axudas para gastos de asesoría, estudios técnicos, estudios de viabilidade, se o seu obxectivo é apoiar actividades de fomento da calidade dos productos agrícolas.

A contía total da axuda non poderá supera-lo 50% dos custos subvencionables ou os 2 millóns de pesetas, segundo cal sexa a cifra máis favorable.

4. Apoio técnico ó sector.

As actividades de divulgación de novas técnicas, realización de ensaios, proxectos de demostración e calquera outro estudio de campo ou de laboratorio dirixido á mellora do sistema productivo das produccións agrícolas poderán subvencionarse ata o 75% do custo da súa realización.

Os investimentos en instalacións e bens necesarios para levar a cabo estes traballos, subvencionaranse ata o 50%.

5. Programas de formación.

Tamén poderá subvencionarse ata o 100% a realización de congresos, cursos, viaxes ou conferencias destinados a incrementa-lo nivel de formación do persoal técnico ou dos productores e que se enmarquen dentro dun programa agrario que se considere de interese para o sector.

Os datos concretos para cada un dos tipos de axuda solicitada terán que ser cubertos polo interesado de acordo co modelo do anexo IV desta orde.

Artigo 5º.-Accións prioritarias.

Tendo en conta que as axudas reguladas na presente orde se outorgan con cargo a un orzamento

limitado, baixo o principio de concorrencia competitiva, establécense os seguintes criterios de méritos para a súa adxudicación, os datos dos cales terán que ser cubertos polo interesado de acordo co modelo do anexo III da presente orde:

-Nº de empregos que se xeran.

-Nº de empregos de mantemento.

-Tipo de programa.

-Modalidade do programa

-Afección do programa ó desenvolvemento de ciclos integrais (producción-transformacióncomercialización), asociados ás propias explotacións productoras.

-Implicación dos programas na posta en funcionamento de sistemas de producción integrada.

-Grao de garantía de comercialización das produccións que se establecen como alternativas ou complementarias.

-Entidades agrarias con explotacións situadas maioritariamente en zonas desfavorecidas ou de montaña.

-Entidades agrarias con explotacións maioritariamente consideradas prioritarias segundo a Lei 19/1995, do 4 de xullo e Orde do 16 de xuño de 1998 (DOG nº121, do 25 de xuño).

Os datos necesarios para valorar estes méritos deberán reflectirse de acordo co modelo do anexo III da presente orde.

Artigo 6º.-Solicitudes.

Tódalas solicitudes se presentarán, preferentemente, nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e de acordo cos modelos dos anexo I e II.

Ás solicitudes xuntaráselle-la seguinte documentación:

1. Acta de constitución da entidade.

2. Relación nominal dos socios titulares das explotacións que participen no programa.

3. Código de identificación fiscal e certificado orixinal da conta bancaria da entidade.

4. Programa de actuación que se pretende desenvolver, obxectivos, e orzamento pormenorizado do programa e prazo de execución.

5. Relación dos técnicos responsables da súa execución, se é o caso, así como do persoal contratado pola entidade vinculado á existencia do programa.

6. Xustificación dos empregos que consolida e xera o programa que se pretende levar a cabo.

7. Factura pro-forma dos equipos a adquirir, se é o caso.

8. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

A resolución do expediente correspóndelle ó conselleiro, por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria, debendo ser notificada ós interesados nun prazo máximo de seis meses contados a partir da data na que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorridos os seis meses sen que se notificase a resolución, esta entenderase desestimada.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá recorrerse potestativamente en reposición perante o mesmo órgano que a dictase nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/99, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo no prazo establecido no artigo 46 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 7º.-Outras obrigas dos beneficiarios.

O beneficiario terá a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

As accións subvencionables deberán iniciarse, en todo caso, con posterioridade á entrada en vigor desta orde.

Artigo 8º.-Xustificacións.

1. As actuacións previstas nos programas aprobados finalizaranse antes do 1 de novembro de 2001.

A agrupación beneficiaria comunicaralle a finalización da execución do programa preferentemente á delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e xuntará os xustificantes do investimento e, en todo caso, unha memoria explicativa sobre a súa realización, antes da data indicada no parágrafo anterior, aclarando o grao de cumprimento do especificado no anexo III da presente orde.

2. A contía total das axudas satisfarase de acordo co nivel de execución do programa subvencionado, logo da comprobación por parte dos servicios correspondentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. O incumprimento dos programas propostos supoñerá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituí-las cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorre-los beneficiarios.

4. Para poder percibi-la axuda, a entidade beneficiaria terá que acreditar que se atopa ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente débeda ningunha, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

5. No momento da xustificación da execución total do proxecto o peticionario deberá presentar declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para este mesmo proxecto, das distintas administracións públicas

Artigo 9º.-Compatibilidade.

As agrupacións con programas agrarios presentados e aprobados no marco do establecido na presente orde e que esixan para a súa execución a contratación de persoal técnico especializado con dedicación exclusiva a eles, poderán acollerse ás axudas previstas no Real decreto 204/1996 sobre mellora das estructuras das explotacións agrarias para as agrupacións de xestión de explotacións no relativo á contratación de persoal técnico. Neste caso a axuda concedida no marco do citado real decreto poderá complementarse coa prevista nesta orde, sen superar entre ambas a contía establecida no artigo 4º.

Artigo 10º.-Financiamento.

O pagamento das axudas efectuarase con cargo ós seguintes conceptos orzamentarios dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, figurando para cada un a dotación orzamentaria dispoñible: 09.03.614-A 773.0 80.000.000 de pesetas, 09.03.614-A 780.0 34.100.000 pesetas, 09.03. 614-A 780.1 81.687.000 pesetas, 09.03.711-B770.0 342.617.672 pesetas

Poderán comprometerse subvencións con carácter plurianual para o ano 2002 pola seguinte contía máxima para cada aplicación orzamentaria: 09.03.614-A 773.0 25.000.000 de pesetas 09.03.614-A 780.0 10.000.000 de pesetas, 09.03.614-A 780.1 10.000.000 de pesetas, 09.03.711-B 770.0 25.000.000 de pesetas

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria