Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Martes, 29 de maio de 2001 Páx. 7.161

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 15 de maio de 2001 pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen estes.

O Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación establece que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións de xestión que, en materia de traballo, emprego e formación vén realizando o Instituto Nacional de Emprego (Inem) e, en consecuencia, a Comunidade Autónoma asume, dentro do seu ámbito territorial, as funcións e servicios correspondentes á dita xestión.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, establece que a Dirección Xeral de Formación e Colocación, a través da Subdirección Xeral de Colocación, asumirá as funcións de intermediación no mercado de traballo e, en concreto, as relativas á inscrición e rexistro de demandantes de emprego e das ofertas de traballo, rexistro de contratos, autorización de axencias de colocación e Rede Eures.

Estas funcións propias do Servicio Público de Emprego desenvólvense de cara ó público baixo a denominación Servicio Galego de Colocación, marca rexistrada propiedade da Xunta de Galicia. Como queira que o Servicio Galego de Colocación presta parte dos seus servicios apoiándose nunha rede de centros asociados que complementan e reforzan as funcións das súas propias oficinas públicas de emprego, faise necesaria a regulación destes centros asociados, así como a regulación das axudas que percibirán pola realización dos servicios encomendados.

Dada a actual situación do mercado laboral en Galicia, a rede de centros asociados ó Servicio Galego de Colocación existente na Comunidade Autónoma, unida á rede de centros colaboradores en orientación laboral para o emprego, faise necesaria unha redefinición da tipoloxía de accións que deben realiza-los centros asociados ó Servicio Galego de Colocación. Por isto, dentro desta orde de convocatoria deberán solicita-la súa homologación como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación, ademais dos novos centros que desexen integrarse nesta rede, tódolos centros asociados que tivesen recoñecida a dita condición a través de ordes anteriores.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, recolle os principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas públicas, principios ós que se axustan as bases reguladoras do procedemento para a concesión das compensacións económicas das accións que realizarán os centros asociados ó Servicio Galego de Colocación.

O Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma, establece o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, así como os demais requisitos esixidos na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001. Así, o financiamento das compensacións económicas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo ós créditos dos programas 14.03.241B.461, 14.03.241B.471 e 14.03.241B.481.

Dado que se lles deu audiencia ós axentes sociais representados no seo do Consello Galego de Relacións Laborais, co informe previo dos servicios xurídicos da consellería, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento, a regulación e a ordenación das actividades dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación na súa tarefa de apoio á intermediación no mercado de traballo que corresponde ó Servicio Público de Emprego, así como a regulación das compensacións económicas realizadas por estes centros asociados no ámbito da intermediación laboral en colaboración co Servicio Galego de Colocación.

Artigo 2º.-Accións.

Os centros asociados ó Servicio Galego de Colocación poderán levar a cabo as seguintes accións:

1. Información.

2. Tratamento de demandas de emprego.

3. Captación e tratamento de ofertas de traballo.

4. Accións complementarias ó tratamento de demandas de emprego e ofertas de traballo.

Todas estas accións desenvolveranse por conta do Servicio Público de Emprego, de acordo coas súas directrices.

Artigo 3º.-Información.

A información consistirá en proporcionarlle ó oferente de traballo así como ó demandante de emprego datos relativos ás accións que realiza o Servicio Galego de Colocación, así como sobre calquera outra acción que leve a cabo a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 4º.-Tratamento das demandas de emprego.

O tratamento de demandas de emprego implica a realización das seguintes accións:

1. Introducción do currículum vitae. Esta acción comporta a realización dunha entrevista individual e personalizada, a comprobación e validez dos datos que contén o currículo e dos documentos acreditativos achegados polo usuario do servicio e a posterior codificación destes datos. A entrevista ten por finalidade comproba-la adecuación dos datos do currículo coa relación de ocupacións á que opta o demandante de emprego e asesoralo sobre esta ocupación ou outras alternativas.

Esta acción deberá facerse efectiva polos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación nun prazo máximo de dous días desde a realización da entrevista ocupacional ó demandante de emprego.

2. Renovación do currículo cando o solicite o demandante de emprego. Enténdese por renovación o mantemento do currículo dispoñible para o seu emparellamento.

3. Modificación do currículo. Independentemente do establecido no artigo anterior, o demandante de emprego poderalle solicitar en calquera momento ó centro que introduciu o seu currículo ou fixo a última modificación nel, a rectificación, modificación ou cancelación dos datos contidos no seu currículo. O centro deberá facer efectiva a rectificación, modificación ou cancelación no prazo de dous días. A notificación á que fai referencia o artigo 16.4º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, producirase por parte do centro asociado ó Servicio Galego de Colocación, de xeito automático por medio da rede informática conectada.

Artigo 5º.-Captación e tratamento de ofertas.

A captación e o tratamento de ofertas por parte dos centros asociados, das ofertas de traballo que presenten as diferentes empresas ou entidades consistirá en:

A captación de ofertas de traballo.

A axuda ás empresas para a definición dos postos de traballo ofertados e dos perfís profesionais necesarios para cubrir esa oferta de traballo.

A axuda ás empresas na elaboración do documento de oferta.

A introducción na rede informática do Servicio Galego de Colocación do documento de oferta.

Darlle información ó oferente de emprego dos candidatos máis axeitados de acordo cos criterios especificados na oferta de traballo.

O seguimento e peche do resultado da oferta.

Estas accións faranse de acordo coas instruccións, manuais e programas facilitados pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 6º.-Accións complementarias ó tratamento de demandas de emprego e ofertas de traballo.

Consiste na comprobación da dispoñibilidade das precandidaturas que resulten do emparellamento realizado a través do Servicio Galego de Colocación entre o perfil do/s posto/s de traballo ofertado/s e a base de datos de demandantes e informa-lo ofertante de traballo dos candidatos máis axeitados de acordo cos criterios especificados na oferta por parte das diferentes empresas ou entidades.

Artigo 7º.-Usuarios dos centros asociados.

1. Poden ser usuarios dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación tanto as persoas demandantes como os ofertantes de emprego, sexan citados polo Servicio Galego de Colocación, a través dos seus servicios centrais ou das súas oficinas de emprego, ou por propia iniciativa.

2. Tendo en conta o punto anterior:

a) Considéranse demandantes de emprego tanto as persoas en situación de desemprego como as ocupadas que busquen cambiar de emprego e formalicen a súa inscrición no Servicio Público de Emprego.

b) Considéranse ofertantes as entidades públicas ou privadas que teñan a necesidade de cubrir un ou máis postos de traballo.

TÍTULO II

Dos centros asociados

Artigo 8º.-Definición.

Poderá ser recoñecido como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación calquera entidade pública ou privada constituída baixo calquera forma xurídica, cun ámbito de actuación relacionado co mercado laboral e que reúna, dentro do prazo de solicitude, os seguintes requisitos:

a) Contar, como mínimo, cun profesional suficientemente capacitado para realiza-las tarefas de entrevista e asesoramento ós demandantes de emprego e/ou para o asesoramento ás entidades introductoras de ofertas.

b) Dispoñer dun local con despacho para atención individual ós demandantes de emprego e/ou oferentes de traballo.

c) Dispoñer dun fax con numeración autónoma, independentemente do tipo de acceso utilizado (liña analóxica, acceso básico RDSI ou outros), co fin de dispor dun servicio de fax garantido entre os servicios centrais do Servicio Galego de Colocación e o centro asociado.

d) Dispoñer dunha liña ADSL, ou doutra de calidade equivalente ou superior, con conexión dedicada á Rede Corporativa da Xunta de Galicia ou dun acceso básico RDSI.

e) Dispoñer dun hardware de comunicación que posibilite a conexión de ordenadores persoais á Rede Corporativa da Xunta de Galicia de acordo cos estándares definidos.

f) Dispoñer dun ordenador persoal con protocolo de comunicacións TCP/IP.

A conexión do ordenador á Rede Corporativa da Xunta deberá ser exclusiva. Unha vez establecida esta, non se poderá acceder a el, a través doutras canles de comunicación, por elementos situados en redes alleas á propia entidade.

Tanto o software de base instalado como as características do hardware do ordenador deberán posibilita-lo correcto funcionamento do aplicativo cliente do Servicio Galego de Colocación.

g) Acreditar experiencia en tarefas de intermediación no mercado laboral e xestión de bolsas de traballo.

Os centros que colaboren coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no desenvolvemento das accións do Servicio Galego de Colocación poden levar a cabo unha ou varias das accións mencionadas no artigo 2º.

Artigo 9º.-Solicitude.

1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obte-lo recoñecemento como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación deberán formaliza-la correspondente solicitude segundo o modelo oficial que se xunta como anexo a esta orde, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e dirixida ó director xeral de Formación e Colocación.

2. As solicitudes irán xunto coa seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa de representatividade suficiente para asina-la solicitude.

b) Título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes.

c) Relación da persoa ou persoas que vaian realiza-las tarefas de entrevista e asesoramento ós demandantes e ofertantes de emprego e currículum vitae delas.

A entidade colaboradora deberá acredita-la experiencia do/s técnico/s seleccionados en materia de orientación profesional, recursos humanos, motivación cara ó emprego, xestión de bolsas de traballo ou outras disciplinas que garden relación directa co mercado laboral.

No caso de que a dita experiencia non poida ser acreditada, a selección realizarase en función das titulacións preferentes seguintes: diplomado ou licenciado universitario en psicoloxía, psicopedagoxía, pedagoxía, socioloxía ou educación social.

d) Licencia municipal de apertura.

e) Tarxeta de identificación fiscal.

f) Copia compulsada dos estatutos ou normas de funcionamento da entidade.

g) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 8º.

-Planos do local, con indicación expresa do despacho que se dedicará á realización de accións do Servicio Galego de Colocación.

-Facturas conformadas ou documentos acreditativos da existencia dun fax con liña dedicada, conexión RDSI, ADSL ou equivalente, e protocolo de comunicación TCP/IP.

h) Proxecto-memoria das accións realizadas na área da intermediación no mercado laboral e xestión de bolsas de traballo, debéndose detalla-lo tipo de accións realizadas, a metodoloxía empregada e o número de usuarios atendidos.

3. As entidades recoñecidas como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación en virtude da Orde do 19 de maio de 1997, pola que se regula o funcionamento do Servicio Galego de Colocación; da Orde do 27 de abril de 1998, da Orde do 15 de febreiro de 1999 e da Orde do 24 de febreiro de 2000, polas que se regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación, deberán presenta-la instancia de solicitude de recoñecemento como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación que figura como anexo así como a documentación das letras c) e h) do punto anterior.

4. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Criterios de adxudicación.

O recoñecemento da condición de centro asociado ó Servicio Galego de Colocación realizarase consonte o disposto no artigo 8º e as avaliacións efectuadas na Dirección Xeral de Formación e Colocación conforme os seguintes criterios de prioridade:

-Cobertura existente dentro do Servicio Público de Emprego segundo a área funcional na que se sitúe a entidade, en relación co número de demandantes de emprego de cada área funcional.

-Homologación ou non da dita dita entidade como centro de formación ocupacional e as familias de especialidade.

-Experiencia da entidade solicitante no desenvolvemento das accións.

-No caso de que a entidade solicitante fose recoñecida como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación segundo as ordes de funcionamento destes centros en anos anteriores, valoración do traballo desenvolvido. Esta valoración realizarase atendendo ós seguintes criterios: captación de demandantes de emprego, captación de ofertas de traballo, accións

de divulgación e difusión do Servicio Galego de Colocación, calidade na xestión de ofertas de traballo, xestión de currículum vitae, etc.

-Cualificación da persoa ou persoas que a entidade presente como técnicos para a realización das tarefas de entrevista e asesoramento ós demandantes e ofertantes de emprego.

Artigo 12º.-Tramitación.

1. A tramitación e instrucción dos expedientes será realizada na Dirección Xeral de Formación e Colocación conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O director xeral de Formación e Colocación dictará resolución motivada, e seralles notificada ós interesados.

3. Contra a resolución do director xeral de Formación e Colocación poderase interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A resolución dos expedientes deberá producirse nun prazo de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

Artículo 13º.-Ámbito de actuación.

Os centros asociados introducirán no Servicio Galego de Colocación os currículos dos demandantes de emprego citados, coa súa conformidade, sempre e cando se trate dun centro colaborador da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude neste ámbito. Igualmente, poderán introducir no Servicio Galego de Colocación a tódolos usuarios doutras actividades que se estean desenvolvendo no centro asociado e que voluntariamente manifesten a súa decisión de que se lles introduza o seu currículo no servicio; así mesmo, a calquera outra persoa que desexe, por propia instancia, introduci-lo seu currículo no servicio.

Artigo 14º.-Obrigas dos centros asociados.

Calquera centro asociado ó Servicio Galego de Colocación estará obrigado a:

a) Mante-las condicións relativas á instalación e estructura de medios necesarios para a realización das accións acordadas.

b) Utiliza-las metodoloxías, documentos, táboas de axuda, programas informáticos, etc., que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

c) Utilizar axeitadamente as identificacións do Servicio Galego de Colocación segundo as instruccións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

d) Colocar na parte exterior do centro en un lugar visible a placa identificativa do Servicio Galego de Colocación.

e) Obter autorización previa por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación para a difusión publicitaria das accións previstas no artigo 2º, así como tamén respecta-las instruccións e utiliza-lo modelo de anuncio ou cartel publicitario que determine a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

f) Manter á disposición do Servicio Galego de Colocación o expediente completo correspondente ó usuario demandante de emprego durante un prazo de 5 anos desde a última modificación efectuada. Este expediente deberá conte-lo currículo asinado polo usuario, a fotocopia do seu DNI, a fotocopia da tarxeta de demanda e os documentos relativos a calquera incidencia que se puidese dar no tratamento da demanda de emprego e as autorizacións necesarias para o efecto do establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e demais normativa que a desenvolva.

g) Manter á disposición do Servicio Galego de Colocación o documento de oferta asinado polo representante legal da empresa ofertante e, se é o caso, pola entidade autorizada para realiza-lo proceso de selección.

h) Introducir na base de datos do Servicio Galego de Colocación tódalas ofertas de traballo que formulasen as empresas, manténdoas debidamente clasificadas por orde de data, así como as anotacións das incidencias e respostas das empresas sobre os candidatos enviados.

i) Informa-lo Servicio Galego de Colocación e, se é o caso, solicita-la autorización, previamente e por escrito, sobre calquera cambio que se puidese producir nos datos expresados polo centro no inicio da súa colaboración.

j) Non percibir ningunha retribución económica dos usuarios pola realización das accións desenvolvidas en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no marco desta disposición.

k) Informar previamente a Dirección Xeral de Formación e Colocación sobre se perciben compensacións económicas doutras administracións por levaren a cabo accións iguais ou análogas ás reguladas nesta orde.

l) Informar previamente os usuarios que faciliten datos persoais do establecido no artigo 5 da Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

m) Obte-lo consentimento do usuario para o tratamento automatizado dos seus datos persoais para os efectos da intermediación no mercado de traballo.

n) Adopta-las medidas técnicas e organizativas necesarias para garanti-la seguridade dos datos de carácter persoal e evita-la súa alteración, perda ou o tratamento non autorizado, de acordo co disposto na Orde do 5 de decembro de 1996, pola que se regulan os ficheiros automatizados de datos de carác

ter persoal de nova creación na Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

o) Garda-lo segredo profesional respecto ós datos contidos nos ficheiros automatizados de titularidade da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou rexistrados en soportes físicos susceptibles de tratamento automatizado. Esta obriga subsistirá incluso no caso de que finalice a súa colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación, de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e demais normativa que a desenvolva.

Os datos de carácter persoal obxecto do tratamento automatizado unicamente poderán ser cedidos para o cumprimento dos fins directamente relacionados coas accións do Servicio Galego de Colocación.

p) Non introducir nas ofertas de traballo datos de carácter persoal confidencial, ou que puidesen dar lugar a calquera tipo de discriminación.

q) Garantir que a utilización do servicio sexa voluntaria por parte do usuario, sen que poida haber ningún tipo de presión ou engano por parte do centro para conseguir usuarios do servicio.

r) Facilitarlle información á persoa demandante de emprego do estado dos seus datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros automatizados, con calquera das formas expresadas no artigo 15.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

s) Proceder á cancelación dos datos contidos no currículo, por instancia da persoa demandante de emprego, no prazo de 10 días hábiles.

t) En caso de cesamento das súas actividades, perda da súa condición de centro asociado ó Servicio Galego de Colocación ou no suposto en que o centro non desexe seguir ofrecendo o servicio no ámbito previsto no artigo 8º ou que a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude lle suprimise este servicio, o centro remitirá os expedientes dos usuarios que estean vixentes ó centro que lle indique a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

u) Establece-las medidas oportunas co fin da garanti-la total dispoñibilidade do aplicativo cliente do Servicio Galego de Colocación no horario de atención do centro asociado.

v) Todas aqueloutras obrigas que se desprendan do articulado desta orde.

TÍTULO III

Compensacións económicas

Artigo 15º.-Compensacións.

1. Os centros asociados recibirán por resolución do director xeral de Formación e Colocación, conforme a delegación da conselleira de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, as cantidades referidas nos artigos 16º, 17º e 18º seguintes como compensación económica ás accións realizadas

no ámbito de intermediación laboral en colaboración co Servicio Galego de Colocación.

2. As ditas compensacións son incompatibles con calquera outra que puidesen recibi-las distintas entidades por parte doutras administracións públicas polos mesmos conceptos ou de natureza análoga.

3. Os centros asociados que reciban as compensacións económicas indicadas nos artigos 16º, 17º e 18º seguintes deberán someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente ou, se é o caso, á colaboradora e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas ou do Consello de Contas.

Artigo 16º.-Polas accións de captación de oferta.

Para a realización das accións de captación de oferta, o centro asociado recibirá unha compensación de 4.500 pesetas (27,05 euros) por oferta captada e tramitada perante a Dirección Xeral de Formación e Colocación, exceptuando as ofertas especiais (tipo E), que en ningún caso serán compensadas. Enténdense por ofertas especiais as ofertas de traballo que non entran no proceso de emparellamento, xa que son resoltas directamente pola entidade oferente.

Artigo 17º.-Polas accións de tratamento da demanda de emprego.

Para a realización das accións de tratamento da demanda de emprego no ámbito establecido no artigo 4º, o centro asociado recibirá as seguintes compensacións:

-2.500 pesetas (15,03 euros) por currículo introducido e validado citado polo Servicio Galego de Colocación.

-2.500 pesetas (15,03 euros) pola acción de completa-lo currículo dos demandantes inscritos nas oficinas do Servicio Público de Emprego, logo de citalos ós centros asociados.

-500 pesetas (3,01 euros) por modificación efectuada naquelas seccións do currículo que se establezan. Para estes efectos non se consideran modificacións as correccións dos erros imputables ó centro.

Artigo 18º.-Polas accións complementarias ó tratamento de demandas de emprego e ofertas de traballo.

-400 pesetas (2,41 euros) por comprobación da dispoñibilidade dos demandantes de emprego para a oferta na que saísen como candidatos.

Artigo 19º.-Do pagamento.

Unicamente serán compensables aqueles currículos introducidos polos centros asociados cando correspondan a demandantes de emprego citados polo Servicio Público de Emprego.

Artigo 20º.-Forma de pagamento.

O pagamento das compensacións económicas ordenarase, con carácter xeral, bimestralmente, logo de

xustificación dos gastos correspondentes ás accións realizadas.

Xa que a Dirección Xeral de Formación e Colocación disporá da xustificación automatizada das accións, remitiralles ós centros asociados unha relación provisional do pagamento cos importes correspondentes. Se o centro asociado non expresa a súa desconformidade por escrito no termo de 15 días, procederase a ordena-lo pagamento polo importe especificado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, conforme a delegación de competencias establecida na disposición adicional cuarta.

Artigo 21º.-Requisitos para o aboamento.

Antes de proceder ó cobramento das compensacións establecidas nesta orde, as entidades terán que acreditar, se é o caso, que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais, e no pagamento das súas obrigas coa Comunidade Autónoma.

Así mesmo, as entidades presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para este mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

TÍTULO IV

Seguimento e control

Artigo 22º.-Seguimento das accións de intermediación.

Coa finalidade de comproba-la execución correcta das actividades de acordo coa normativa reguladora, e de acordo co contido das accións aprobadas, poderanse facer visitas de seguimento que en calquera momento poidan acorda-los servicios competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Toda alteración das condiciones tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 23º.-Acceso ás instalacións.

Os centros asociados que leven a cabo accións de tratamento dos demandantes de emprego e captación de ofertas de traballo facilitarán, no caso de visitas de seguimento, o acceso ás instalacións nas que se realizan as accións así como toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite.

Artigo 24º.-Informes de seguimento.

Nas visitas de seguimento elaborarase un informe que asinarán o responsable da visita e o responsable da entidade. A sinatura do responsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

Artigo 25º.-Extinción ou suspensión da colaboración.

Se se observan anomalías que afecten ó contido básico das accións ou ben se pon de manifesto o posible incumprimento dalgunha das obrigas dos centros asociados, o/a xefe/a do Servicio de Xestión e Coordinación procederá á apertura dun expediente de extinción ou suspensión da colaboración, respectando en todo caso o principio de audiencia do interesado.

Á vista das actuacións realizadas de acordo co disposto no artigo 22º, o subdirector xeral de Colocación emitirá proposta de resolución, que se elevará xuntamente co resto do expediente ó director xeral de Formación e Colocación, para que adopte a resolución pertinente.

Consonte a proposta emitida, e mediante resolución do director xeral de Formación e Colocación, poderase extinguir ou suspender total ou parcialmente a colaboración coa entidade correspondente.

Contra a resolución do director xeral de Formación e Colocación poderase interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 26º.-Revogación das compensacións económicas.

O director xeral de Formación e Colocación poderá revogar total ou parcialmente, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a compensación económica outorgada ou reclama-la devolución das cantidades percibidas indebidamente, con independencia doutras accións legais que, se é o caso, puidesen corresponder, de acordo co previsto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou de forma presunta o recurso de reposición.

Artigo 27º.-Participación instituticional.

A participación dos axentes sociais para os efectos do Servicio Galego de Colocación efectuarase a través do Comité Autonómico de Emprego.

Disposicións adicionais

Primeira.-As cantidades mencionadas nos artigos 16º, 17º e 18º serán susceptibles de actualización mediante orde da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Segunda.-As accións incluídas nesta orde financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias 14.03.241B.471 cun importe de 141.233.000 pesetas (848.827,43 euros), 14.03.241B.481 cun importe de 93.233.000 pesetas (560.341,62 euros) e 14.03.

241B.461 cun importe de 48.000.000 de pesetas

(288.485,81 euros). Estas cantidades considéran-

se como contías estimativas, susceptibles de amplia-

ción en función das dispoñibilidades orzamen-

tarias.

Terceira.-A concesión das compensacións económicas terá como límite global o crédito asignado para este fin nos orzamentos xerais de cada ano, da Comunidade Autónoma.

Cuarta.-A conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude delega no director xeral de Formación e Colocación as competencias para resolve-la concesión ou denegación de subvencións, autoriza-lo gasto e ordena-lo seu pagamento e, se é o caso, a modificación da resolución de concesión, e esixir nos casos en que proceda a devolución das subvencións concedidas.

Disposición transitoria

Tódalas entidades recoñecidas como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación en virtude da Orde do 19 de maio de 1997, pola que se regula o funcionamento do Servicio Galego de Colocación; da Orde do 27 de abril de 1998, da Orde do 15 de febreiro de 1999 e da Orde do 24 de febreiro de 2000, polas que se regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación, manterán, de xeito automático, a dita condición ata o momento da resolución desta convocatoria, sempre e cando formalicen a súa solicitude a través da dita convocatoria. No caso contrario, procederase á baixa como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación no termo dun mes desde o remate do prazo de solicitudes, logo da resolución do director xeral de Formación e Colocación en tal sentido.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Fácultase o director xeral de Formación e Colocación para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude