Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Martes, 29 de maio de 2001 Páx. 7.159

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2001, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente de delimitación do contorno de protección das torres de Mens, no concello de Malpica de Bergantiños (provincia da Coruña).

Desde a entrada en vigor da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, teñen a consideración de bens de interese cultural os bens ós que se refire o Decreto do 22 de abril de 1949, sobre protección dos castelos españois, entre os que se atopan as torres de Mens, sitas no concello de Malpica de Bergantiños, provincia da Coruña, incluídas no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural como monumento de arquitectura militar por resolución da Dirección General de Protección del Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura do 17 de outubro de 1994.

En virtude do establecido pola propia Lei do patrimonio histórico español, cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno, consonte o previsto na disposición transitoria primeira da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

En consecuencia, vistos os informes dos servicios técnicos desta dirección xeral, así como dos órganos consultivos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo en materia de patrimonio cultural esixidos pola lexislación vixente, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar expediente para a delimitación do contorno de protección das torres de Mens, no concello de Malpica de Bergantiños.

Segundo.-Delimita-la zona afectada pola devandita incoación de maneira que se especifica literal e graficamente nos anexos I e II desta resolución.

Terceiro.-Notificarlle esta resolución ó concello, ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e ós demais interesados.

Cuarto.-Por tratarse dun ben inmoble e de conformidade co artigo 35 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, quedan en suspenso as correspondentes licencias municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como os efectos das xa outorgadas. A suspensión dependerá da resolución ou caducidade do expediente incoado.

As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, deberan realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, de autorización dos órganos competentes da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Quinto.-Ordena-la publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e no BOE; abrirase un período de información pública dun mes,

contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2001.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Perímetro interior de protección integral:

Comprende as parcelas nº 788-789, 944, 949, 950, 951, 952, 953, 954, 955, 956 e 957-958 do polígono catastral nº 23.

Perímetro exterior:

Comeza no punto A, situado na estrada Malpica-Ponteceso, xunto ó vértice SO da parcela nº 683 do polígono catastral 23, aproximadamente a 400 metros do acceso ás torres.

A-B Tramo de estrada Malpica-Ponteceso, uns 120 metros en dirección ó núcleo de Mens, ata un desvío á esquerda que conduce á igrexa parroquial.

B-C Pista asfaltada que conduce á igrexa parroquial e continúa ata pasa-lo cemiterio.

C-D Liña quebrada coincidente coa estrema SO da parcela nº 1.144 para continuar pola estrema NO da parcela nº 1.654 (polígono catastral 22) e saír á pista asfaltada que conduce á estrada xeral.

D-E Liña quebrada coincidente coas estremas NO da parcela nº 1.137, estremas NE das parcelas nº 1.137 e 1.138, estremas O das parcelas nº 1.782, 1.783, 1.784, 1.786, 1.787, 1.788, 1.789, 1.794, 1.795 e 1.796, estremas N das parcelas nº 1.796, 1.793 e 1.821 (do polígono catastral 22) ata saír á estrada xeral, quedando tódalas parcelas incluídas na delimitación.

E-F Tramo da estrada Malpica-Ponteceso, uns 70 metros en dirección a Malpica ata o vértice N da parcela nº 729 do polígono catastral 23.

F-G Liña quebrada coincidente coa estrema N desta parcela, estremas E das parcelas nº 729, 730, 731 e parte da 732, estremas N das parcelas nº 748 e 388 (do polígono catastral 23) para saír á pista asfaltada que conduce á estrada xeral, quedando tódalas parcelas incluídas na delimitación.

G-H Tramo desta pista, uns 70 metros en dirección contraria ó núcleo de Mens, ata o desvío que leva ó lugar de Casas Novas.

H-I Tramo deste camiño ata chegar ó núcleo, xunto ó vértice E da parcela nº 418 do polígono catastral 23.

I-A Liña quebrada coincidente coas estremas SE das parcelas nº 418, 546, 545, 544, 543, 542, 541, 967 e 539, estrema S da parcela nº 539, estremas E das parcelas nº 830, 829, 828 e 827, estrema S da parcela nº 827, estrema E da parcela nº 810 e estrema S das parcelas 810 e 683 (do polígono catastral 23) ata pecha-la delimitación, quedando tódalas parcelas incluídas.