Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Martes, 29 de maio de 2001 Páx. 7.157

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2001, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural coa categoría de zona arqueolóxica a favor da área de gravados rupestres de Paredes-Praderrei, no concello de Campolameiro (provincia de Pontevedra).

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no exercicio das competencias atribuídas polo Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo (modificado parcialmente polo Decreto 224/1998, do 17 de xullo).

E en virtude do disposto polos títulos I e III da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, así como polo Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Vistos os informes dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e dos órganos consultivos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo en materia de bens de interese

cultural que resultan preceptivos, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar expediente para a declaración de ben de interese cultural en favor da área de gravados rupestres de Paredes-Praderrei, no concello de Campolameiro (Pontevedra) coa categoría de zona arqueolóxica.

Segundo.-Delimita-la zona afectada pola devandita incoación da maneira que se especifica literal e graficamente nos anexos I e II desta resolución.

Terceiro.-Notificarlle esta resolución ó concello, ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e ós demais interesados.

Cuarto.-Por tratarse dun ben inmoble e do conformidade co artigo 35 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, quedan en suspenso as correspondentes licencias municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como os efectos das xa outorgadas. A suspensión dependerá da resolución ou caducidade do expediente incoado.

As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia deberan realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, de autorización dos órganos competentes da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Quinto.-Ordena-la publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2001.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

A zona arqueolóxica de gravados rupestres de Paredes-Praderrei (concello de Campolameiro, Pontevedra) sitúase nunha área elevada (cota mínima de 170 m.s.n.m. e máxima de 331 m), coñecido como o monte Paradela, con desniveis considerables cara ó norte, límite co Rego de Moscallo, e oeste, límite co Rego de Maneses, e moito máis suavizados na parte sur, límite pola estrada PO-230 e o núcleo de Praderrei, e leste, límite coa estrada e o lugar de Paredes.

A zona arqueolóxica comprende unha área configurada para asegura-la conservación e protección da totalidade dos gravados rupestres localizados e

evitar afeccións e impactos visuais que distorsionen a súa posta en valor e interpretación:

1-2 A banda leste e parte da sur adáptanse ó camiño que percorre a aba do monte pola súa parte baixa, en paralelo ó Rego de Maneses e á estrada PO-230, ata o punto 2 na parte norte do lugar de Praderrei á altura do depósito de auga, onde o camiño toma dirección norte.

2-3 A banda sur-leste é unha liña que se adapta á configuración das curvas de nivel entre as cotas de 222-224 metros s.n.m., desde o camiño á altura do depósito de auga ata a estrada.

3-4 A banda leste adáptase ó percorrido da estrada que rodea o monte ata o seu límite noreste no punto 4, no que conflúe un camiño que vai cara ó oeste.

4-5 A banda norte adáptase ó camiño que percorre a aba norte do monte pola súa parte baixa, en paralelo ó Rego de Moscallo, desde a estrada ata o lugar onde este camiño toma dirección sur.

5-1 Desde o punto 5 trázase unha liña que enlaza co punto 1, pechando o contorno da zona arqueolóxica.