Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Martes, 29 de maio de 2001 Páx. 7.150

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2001, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa e da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se dictan instruccións sobre o acceso e admisión ós ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica en centros docentes sostidos con fondos públicos.

A Orde do 25 de abril de 2000 regula as probas de acceso ós ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica e de artes plásticas e deseño.

A Orde do 24 de abril de 2000 regula a admisión do alumnado en bacharelato e ciclos formativos de grao medio de formación profesional específica en centros sostidos con fondos públicos.

A Orde do 7 de maio de 2001 regula a admisión do alumnado nos ciclos formativos de grao superior de formación profesional específica en centros docentes sostidos con fondos públicos.

As disposicións derradeiras destas ordes autorizan a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa e a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto nelas.

Na súa virtude, estas direccións xerais

RESOLVEN:

Capítulo I

Ciclos formativos de grao medio

Primeiro.-Acceso ós ciclos formativos de grao medio.

1. Terá acceso directo ós ciclos formativos de grao medio o alumnado que cumpra algún dos requisitos seguintes:

a) Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

b) Estar en posesión do título de técnico auxiliar.

c) Estar en posesión do título de técnico.

d) Ter aprobado o 2º curso do bacharelato unificado polivalente (BUP).

e) Ter superado o segundo curso do primeiro ciclo experimental da reforma das ensinanzas medias.

f) Ter superados, das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos, o terceiro curso do Plan de 1963 (Decreto 2127/1963, do 24 de xullo; BOE do 6 de novembro), ou o segundo de comúns experimental (Decreto 179/1988, do 7 de xullo; DOG do 18 de xullo).

g) Ter superados outros estudios declarados equivalentes para efectos académicos con algún dos anteriores.

2. Así mesmo, poderá acceder ós ciclos formativos de grao medio aquel alumnado que, non reunindo algún dos requisitos especificados no punto anterior, supere a proba de acceso definida na Orde do 25 de abril de 2000 para aquelas persoas que estean nalgunha das condicións indicadas no punto noveno da citada orde.

3. Estas dúas formas de acceso son incompatibles. En todo caso, ó acceso mediante proba unicamente poderán concorre-las persoas que carezan de requisitos académicos que posibiliten o acceso directo.

Segundo.-Distribución de prazas nos centros.

Nos centros sostidos con fondos públicos, a distribución das prazas dispoñibles para cursar cada ciclo formativo realizarase conforme o seguinte:

1. O 20% das prazas reservaranse para aqueles solicitantes que, non reunindo os requisitos académicos para o acceso directo, acrediten que superaron a proba de acceso definida na Orde do 25 de abril de 2000.

2. As prazas restantes reservaranse para aquel alumnado que reúna os requisitos establecidos para o acceso directo.

3. As porcentaxes establecidas nos puntos anteriores son acumulables entre si; se non hai alumnado abondo para cubri-las prazas de acceso directo, as sobrantes acumúlanse ás previstas para acceso mediante proba; así mesmo, se non hai alumnado abondo que acceda mediante proba de acceso, as prazas sobrantes acumúlanse ás previstas para acceso directo. Procederase a efectua-la acumulación das prazas vacantes polas comisións provinciais e, se é o caso, pola comisión autonómica na derradeira fase do proceso de admisión.

Terceiro.-Solicitude e proceso de admisión a ciclos formativos de grao medio.

As solicitudes para cursar ciclos formativos de formación profesional específica de grao medio nos centros sostidos con fondos públicos, así como o procedemento de admisión do alumnado realizarase de acordo coa Orde do 24 de abril de 2000. O modelo de solicitude xúntase como anexo II da referida orde. Os solicitantes de admisión mediante proba presentarán, no prazo establecido ata o día 2 de xullo, ademais da solicitude segundo o modelo indicado anteriormente xunto coa documentación acreditativa correspondente, a certificación de superación da proba de acceso que se indica no punto sexto 7 desta resolución.

1. Cando o número de solicitudes para acceso directo sexa superior ó número de prazas dispoñibles, a selección dos aspirantes realizarase por aplicación dos criterios de baremación indicados no anexo I da citada Orde do 24 de abril de 2000.

2. Cando superen a proba de acceso un número de persoas superior ó de prazas dispoñibles, a súa selección realizarase por aplicación dos criterios de

baremación indicados no anexo I da antedita Orde do 24 de abril de 2000.

Cuarto.-Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio.

A proba de acceso acreditará que o aspirante posúe coñecementos e habilidades abondos para cursar con aproveitamento estas ensinanzas. É común para tódolos ciclos formativos de grao medio e así se fará constar na certificación. O seu contido atenderá ós aspectos sociocultural e científico-tecnolóxico da educación secundaria obrigatoria:

Parte sociocultural:

-Comprensión e expresión de textos escritos con propiedade, autonomía e creatividade en galego e castelán.

-Coñecemento da historia, xeografía e actitudes da nosa tradición e patrimonio cultural, así como análise dos mecanismos e valores que rexen o funcionamento das sociedades.

Parte científico-tecnolóxica:

-Resolución de problemas nos campos das matemáticas e da tecnoloxía, mediante procedementos de razoamento lóxico.

-Realización de exercicios que utilicen códigos científicos e técnicos. Aplicacións do desenvolvemento científico e tecnolóxico e a súa incidencia no medio físico e social.

Quinto.-Exencións das probas de acceso.

Poderán quedar exentas, total ou parcialmente, da proba de acceso ós ciclos de grao medio, nos termos previsto no punto décimo primeiro da Orde do 25 de abril de 2000, as persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

Sexto.-Inscrición e realización das probas de acceso a ciclos de grao medio

1. A inscrición para as probas de acceso ós ciclos formativos de grao medio farase no centro onde se desexe cursa-lo ciclo formativo elixido como primeira opción, no prazo comprendido desde o día seguinte ó da publicación desta resolución ata o 4 de xuño, ámbolos dous inclusive, segundo o modelo do anexo VIII, recollido na Orde do 25 de abril de 2000.

2. As direccións dos centros terán de prazo ata o 6 de xuño para entregarlle á inspección educativa da provincia a relación de persoas inscritas para realiza-las probas, así como, no caso daquelas que solicitaron a exención dalgunha das partes, a documentación relativa a elas.

3. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comunicarán a tódolos centros docentes, antes do día 16 de xuño, a relación de centros públicos nos que se realizarán as probas, para que o fagan público no taboleiro de anuncios.

4. As probas de acceso ós ciclos formativos serán elaboradas pola Consellería de Educación e Orde

nación Universitaria de acordo co establecido na Orde do 25 de abril de 2000.

5. As probas de acceso ós ciclos de grao medio terán lugar o día 21 de xuño de 2001, no horario que se indica a continuación:

-Das 9.30 ás 11.30 horas: parte científico-tecnolóxica.

-Das 12 ás 14 horas: parte sociocultural.

6. O resultado das probas de acceso a ciclos formativos deberá facerse público antes do 26 de xuño nos centros onde se desenvolveron.

7. Ás persoas que superen as referidas probas expediráselle-la acreditación, segundo o modelo que figura nos anexo IV da Orde do 25 de abril de 2000.

Sétimo.-Admisión e matrícula dos solicitantes por acceso directo ou mediante proba.

1. Os centros farán pública, antes do 17 de xullo, a resolución pola que se adxudican as prazas, tanto as de acceso directo como as de acceso por proba, e a relación de solicitantes de cada un dos ciclos formativos de grao medio coa totalidade de puntuación outorgada por epígrafes. Estarán ordenadas de maior a menor puntuación, aplicando os criterios de baremación indicados no anexo I da Orde 24 de abril de 2000.

2. O alumnado que obteña praza poderá formaliza-la matrícula no prazo comprendido entre o 15 e o 30 de xullo. De non matricularse neste período entenderase que renuncia á praza.

3. De acordo co regulado no punto décimo terceiro da Orde do 24 de abril do 2000, está establecido outro período extraordinario de matrícula, do 1 ó 10 de setembro, só para os alumnos ós que, en aplicación da normativa, non lles fose posible matricularse no prazo ordinario.

Oitavo.-Comisións provincial e autonómica.

1. Simultaneamente á publicación da resolución de adxudicación de prazas, é dicir, antes do 17 de xullo, os centros enviarán ó Servicio de Inspección da delegación provincial copia da citada resolución, as solicitudes e documentación das persoas non admitidas e o número de prazas non cubertas, desagregadas por ciclos formativos e especificando se son de acceso directo ou por proba.

2. Así mesmo, rematado o período extraordinario de matrícula de setembro, os centros enviarán á comisión de escolarización provincial o día 11 dese mes a relación de alumnos matriculados en cada ciclo formativo e as prazas que quedan sen cubrir, especificando se son de acceso directo ou por proba.

3. Tendo en conta os datos proporcionados polos centros, as comisións provinciais de escolarización resolverán sobre a admisión ós ciclos formativos con implantación nas catro provincias, adxudicando as prazas vacantes ós solicitantes non admitidos en xullo segundo as relacións ordenadas por puntuación e tendo en conta as segundas opcións. Poderán realiza-la acumulación de prazas de acceso directo e por proba naqueles ciclos que se ofertan en tódalas

provincias. Das ditas resolucións farán as correspondentes publicacións na delegación provincial e nos centros antes do 20 de setembro. Os admitidos segundo esas resolucións terán de prazo para matricularse ata o 25 de setembro.

4. Simultaneamente, e antes do 20 de setembro, as comisións provinciais de escolarización remitirán, se é ocaso, á Comisión Autonómica prevista no punto décimo primeiro 4 da Orde do 24 de abril de 2000, as vacantes dos ciclos que non están implantados en tódalas provincias e as solicitudes que non puideron ser atendidas. As resolucións desta comisión serán comunicadas directamente ós interesados e ós centros afectados.

5. Transcorridos os prazos de matrícula establecidos nos puntos anteriores, entederase que o alumnado admitido que non se matriculase renuncia á praza.

6. Unha vez rematado totalmente o proceso anterior, os centros que aínda teñan prazas vacantes poderán dispoñer libremente delas e matricula-los alumnos que non formalizaron a solicitude dentro do prazo establecido. En todo caso, este proceso rematará antes do 20 de outubro.

Noveno.-Constitución de grupos.

Para cada ciclo formativo de grao medio constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos por centro. A formalización da matrícula nos centros sostidos con fondos públicos, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quedará condicionada a que haxa un número mínimo de 15 alumnos/as admitidos/as para cada un dos ciclos formativos de grao medio. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá autorizar excepcionalmente a impartición de ciclos formativos con menor número de alumnado.

Décimo.-Reclamacións.

De acordo co establecido no punto décimo sexto da Orde do 24 de abril de 2000, o prazo para resolve-las reclamacións presentadas contra as resolucións dos consellos escolares, das comisións de escolarización ou da inspección educativa, será como máximo de tres días.

Capítulo II

Ciclos formativos de grao superior

Décimo primeiro.-Acceso ós ciclos formativos de grao superior.

1. Terá acceso directo ós ciclos formativos de grao superior o alumnado que cumpra algún dos requisitos establecidos no punto quinto da Orde do 7 de maio de 2001.

2. Así mesmo, poderán acceder ós ciclos formativos de grao superior aquelas persoas que, non reunindo os requisitos indicados no punto anterior, superen a proba de acceso definida na Orde do 25 de abril de 2000. Para poder concorrer a esta proba será preciso ter cumpridos 20 anos ou cumprilos no ano 2001. No caso dos que estean en posesión do título

de técnico, o requisito de idade é de 18 anos para poder concorrer á proba de acceso para un ciclo formativo de grao superior da mesma familia profesional.

3. Estas dúas formas de acceso son incompatibles. En todo caso, ó acceso mediante proba unicamente poderán concorre-las persoas que carezan de requisitos académicos que posibiliten o acceso directo.

Décimo segundo.-Probas de acceso.

A proba de acceso consta de dúas partes:

Parte xeral: o aspirante deberá acredita-la madurez en relación cos obxectivos do bacharelato, fundamentalmente en contidos procedementais do campo de:

-Lingua galega e literatura.

-Lingua castelá e literatura.

-Lingua estranxeira (opción inglés ou francés).

-Matemáticas: sobre contidos comúns ás matemáticas e ás matemáticas aplicadas ás ciencias sociais.

Para cualificación desta parte, as áreas lingüísticas suporán un 50% e a área de matemáticas outro 50%.

Parte específica: o aspirante deberá acredita-la súa capacidade referente ó campo profesional de que se trate para os ciclos formativos relacionados na segunda columna do anexo I desta resolución, na que están asociados pola súa afinidade na formación profesional de base. Esta parte avaliará os coñecementos en relación ás materias que se indican na primeira columna do citado anexo. O aspirante elixirá a opción que lle permita o acceso ó ciclo formativo que desexe cursar dentro dos ofertados nesta Comunidade Autónoma.

Décimo terceiro.-Exencións das probas de acceso.

Nos termos previstos na Orde do 25 de abril de 2000, poderán quedar exentas da parte xeral desta proba as persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos; e da parte específica, as persoas que acrediten, polo menos, un ano de experiencia laboral en campos profesionais que se correspondan cos estudios que pretenden cursar.

Décimo cuarto.-Períodos de inscrición e calendario de realización das probas.

1. A inscrición para as probas de acceso ós ciclos formativos de grao superior farase no centro onde se desexe cursa-lo ciclo formativo elixido como primeira opción, no prazo comprendido desde o día seguinte ó da publicación desta resolución ata o 4 de xuño, ámbolos dous inclusive, segundo o modelo do anexo IX recollido na Orde do 25 de abril de 2000.

2. As direccións dos centros terán de prazo ata o día 6 de xuño para entregarlle á inspección educativa da provincia a relación de persoas inscritas para realiza-las probas, así como, no caso daquelas que solicitaron a exención dalgunha das partes, a documentación relativa a elas.

3. Antes do 11 de xuño as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comunicarán a tódolos centros docentes, para que o fagan público no taboleiro de anuncios, a relación de centros públicos nos que se realizarán as probas.

4. As probas de acceso ós ciclos formativos serán elaboradas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de acordo co establecido na Orde do 25 de abril de 2000.

5. As probas de acceso terán lugar o día 13 de xuño de 2001, no horario que se indica a continuación:

a) Parte xeral da proba:

-Das 9.30 ás 11.30 horas: lingua galega e literatura, lingua española e literatura e lingua estranxeira (francés ou inglés).

-Das 12 ás 13.30 horas: matemáticas.

b) Parte específica da proba:

-Iniciarase ás 16 horas; o aspirante realizará os exercicios da opción vinculada ó ciclo formativo para o que solicitou a proba de acceso, segundo o anexo I desta resolución.

-A duración máxima de cada exercicio desta parte será de 2 horas.

6. O resultado das probas de acceso a ciclos formativos deberá facerse público antes do 26 de xuño nos centros onde se desenvolveron. Así mesmo, expedirase a acreditación ó alumnado que superou as referidas probas, segundo o modelo que figura no anexo V da Orde do 25 de abril de 2000.

Décimo quinto.-Validez da certificación de superación da proba.

Para facilita-la mobilidade do alumnado, a certificación que se obteña trala superación da proba de acceso ós ciclos formativos de grao superior de formación profesional específica, regulada na Orde do 25 de abril de 2000, terá validez como requisito de acceso ós ciclos formativos especificados no anexo I desta resolución. A certificación de ter superada a proba terá validez como requisito de acceso en todo o Estado, mantendo a súa vixencia sempre que non se modifique o título e as ensinanzas correspondentes ó ciclo formativo.

Décimo sexto.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes para o acceso ós ciclos formativos de grao superior realizaranse con base na relación de ciclos formativos autorizados para o curso 2001/2002, que estará exposta, co seu correspondente número de prazas, antes do día 16 de xuño, en tódolos centros educativos sostidos con fondos públicos que impartan formación profesional.

1. Acceso directo.

a) Tódolos solicitantes de acceso directo presentarán a solicitude de admisión, segundo o modelo establecido no anexo II, no centro que imparta o ciclo formativo solicitado en primeiro lugar, durante o período que abrangue desde o día 18 ó 28 de xuño, ámbolos dous inclusive.

b) Para aquel alumnado que solicitou acceso directo, estando pendente da convocatoria extraordinaria de setembro para acada-los requisitos académicos, establécese un prazo extraordinario de presentación da certificación acreditativa do cumprimento dos mencionados requisitos desde o 3 ó 12 de setembro, ámbolos dous inclusive.

2. Acceso mediante proba.

a) Os solicitantes de acceso mediante proba presentarán a solicitude de admisión segundo o modelo establecido no anexo II no centro que imparta o ciclo solicitado en primeiro lugar, durante o período que abrangue desde o día 26 de xuño ó 2 de xullo, ámbolos dous inclusive.

b) Os alumnos que reúnan os requisitos de acceso directo ós ciclos formativos de grao superior non poden presenta-la solicitude de acceso mediante proba. De facelo, quedarán excluídos do proceso de admisión.

Décimo sétimo.-Informatización do proceso de admisión.

1. Antes do día 30 de xuño constituirase a Comisión Autonómica de Escolarización establecida no punto noveno da Orde do 7 de maio de 2001.

2. Os centros realizarán a baremación das solicitudes por medio dun programa informático facilitado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Co obxecto de facilita-la realización desta baremación establécese o formulario do anexo III.

Décimo oitavo.-Proceso de admisión e matrícula: fase ordinaria de xullo.

1. Realizada a baremación correspondente, os centros teñen de prazo ata o día 2 de xullo para facer pública a relación provisional de solicitantes, ordenados alfabeticamente con indicación da puntuación acadada e as opcións con prioridade, que debe ser aprobada polo consello escolar.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas ante o presidente do consello escolar, os centros teñen de prazo ata o día 6 de xullo para enviaren os datos informatizados de tódolos solicitantes á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

2. Entre os días 12 e 13 de xullo publicarase a relación de admitidos en cada ciclo formativo de grao superior, na que aparecerán os solicitantes por orde decrecente de puntuación. Estas relacións serán elaboradas a través dun programa informático na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e serán aprobadas pola comisión autonómica de escolarización que as remitirá a cada delegación provincial e a cada centro para a súa aprobación definitiva polo consello escolar.

3. No prazo que abrangue desde o 18 ó 30 de xullo deberá matricularse o alumnado admitido en cada ciclo, tanto os admitidos por acceso directo como mediante proba. Os que non formalicen a matrícula neste prazo perderán o dereito á praza, que será adxudicada na fase seguinte.

4. Rematado este período de matrícula, os centros teñen de prazo ata o día 31 de xullo para remitir á dirección xeral a relación de alumnos matriculados en cada ciclo, certificada polo secretario co visto e prace do director, e a relación de prazas que quedan vacantes, se é o caso.

Décimo noveno.-Proceso de admisión e matrícula: fase extraordinaria de setembro.

1. A Comisión Autonómica de Escolarización, antes do 20 de setembro, proporá a cada centro a relación de alumnos admitidos nesta fase extraordinaria. Estes alumnos teñen de prazo para formaliza-la matrícula ata o día 25 de setembro.

2. Naqueles ciclos nos que, unha vez adxudicadas as prazas anteriores, queden vacantes, os centros poderán dispoñer libremente delas e matricula-los alumnos que non formalizaron a solicitude dentro do prazo establecido. Este proceso rematará, en todo caso, antes do 20 de outubro.

3. No caso de ciclos formativos nos que a demanda exceda o número de prazas, os centros teñen de prazo ata o día 19 de outubro para comunicar á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a relación de prazas dispoñibles, unha vez excluídos os alumnos non incorporados en aplicación do punto décimo cuarto da Orde do 7 de maio de 2001. A Comisión Autonómica de Escolarización proporá ó centro a relación de alumnos para matricular, debendo estes alumnos formaliza-la matrícula antes do 26 de outubro.

4. Rematado este proceso, non se matriculará ningún alumno sen autorización expresa do delegado provincial.

Vixésimo.-Reclamacións.

1. Publicada a relación indicada no punto décimo noveno 1, pódese presentar reclamación durante os días 3 e 4 de xullo ante o presidente do consello escolar. As ditas reclamacións será resoltas antes do día 6 do mesmo mes.

2. Contra a resolución do consello escolar pola que se aproba e publica a relación de solicitantes admitidos a cada ciclo entre os días 12 e 13 de xullo, poderase interpor recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional na forma prevista no artigo 114.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). A resolución deste recurso, que pon fin á vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A presentación de reclamación e a súa resolución non implicará paraliza-lo proceso de admisión e matrícula.

Vixésimo primeiro.- Solicitantes con necesidades educativas especiais.

1. Nos ciclos formativos de grao superior reservarase, cando menos, o 3% das prazas que se oferte en cada ciclo para aqueles alumnos con algún grao de discapacidade física, motora ou sensorial acreditado, que obtivesen dictame favorable da Comisión Autonómica de Escolarización, de acordo co establecido na Orde do 7 de maio de 2001.

2. Os centros que reciban solicitudes de alumnos con necesidades educativas especiais teñen de prazo ata o día 2 de xullo para remiti-la relación e baremación deles, xunto coa documentación correspondente, á Comisión Autonómica de Escolarización.

3. A Comisión Autonómica de Escolarización emitirá dictame de escolarización e remitirálle-lo correspondente comunicado ós centros afectados antes do día 11 de xullo.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación para o curso 2001-2002.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2001.

Severino Somoza GómezMaría Pilar del Mar Pérez Marsó

Director xeral de CentrosDirectora xeral de Ordenación

e Inspección EducativaEducativa e Formación profesional

Delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Relación de ciclos formativos de grao superior

ós que dá acceso a superación da proba segundo

a parte específica realizada

Materia da parte específica da probaCiclos formativos

-Ciencias da terra e do medio ambiente e-Bioloxía-Xestión e organización de empresas agropecuarias-Xestión e organización de recursos naturais e paisaxísticos-Saúde ambiental

-Química e bioloxía-Producción acuícola
-Bioloxía -Estética-Anatomía patolóxica e citoloxía-Dietética-Documentación sanitaria-Hixiene bucodental-Imaxe para o diagnóstico -Radioterapia-Laboratorio de diagnóstico clínico

-Química-Desenvolvemento e fabricación de productos cerámicos-Fabricación e transformación de productos de vidro

-Física-Imaxe-Realización de audiovisuais e espectáculos-Son

Materia da parte específica da probaCiclos formativos

-Debuxo técnico-Ortoprotésica-Próteses dentais-Patronaxe-Deseño e producción editorial-Desenvolvemento de proxectos urbanísticos e operacións topográficas

-Debuxo técnico e-Tecnoloxía industrial-Navegación, pesca e transporte marítimo-Producción en industrias de artes gráficas-Desenvolvemento de proxectos mecánicos-Producción por fundición e pulvimetalurxia-Producción por mecanizado-Desenvolvemento de productos en carpintería e moble-Producción de madeira e moble-Procesos de confección industrial-Procesos téxtiles de fiadura e tecedura de calada-Procesos téxtiles de tecedura de punto

-Debuxo técnico e -Mecánica-Desenvolvemento e aplicación de proxectos de construcción-Realización e planos de obra-Construccións metálicas

-Electrotecnia e-Tecnoloxía industrial-Desenvolvemento de proxectos de instalacións de fluídos, térmicas e de mantenza-Mantemento de equipo industrial-Mantemento e montaxe de instalacións de edificio e proceso

-Electrotecnia e mecánica-supervisión e control de máquinas e instalacións do buque-Automoción-Mantemento aeromecánico

-Electrotecnia-Desenvolvemento de productos electrónicos-Instalacións electrotécnicas-Sistemas de regulación e control automáticos-Sistemas de telecomunicación e informáticos-Mantemento de aviónica

-Química e -Tecnoloxía industrial-Industria alimentaria

-Química e -Tecnoloxía industrial e-Física-Industrias de proceso de pasta e papel-Industrias de proceso químico

-Química e física e -Bioloxía-Análise e control-Fabricación de productos-Farmacéuticos e afíns-Química ambiental

-Debuxo técnico e -Tecnoloxía industrial e -Química-Plásticos e caucho-Procesos de ennobrecemento téxtil-Curtidos

-Economía e organización de empresas -Administración e finanzas-Comercio internacional-Xestión comercial e márketing-Xestión do transporte-Servicios ó consumidor -Restauración-Aloxamento-Producción de audiovisuais, radio e espectáculos

-Economía e organización de empresas e-Segunda lingua estranxeira-Secretariado

-Historia do mundo contemporáneo-Asesoría de imaxe persoal

-Xeografía e -Historia da arte-Información e comercialización turística

-Xeografía e -Economía e organización de empresas-Axencias de viaxes