Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 24 de maio de 2001 Páx. 7.012

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2001 pola que se convoca a selección dunha persoa para a cobertura dunha bolsa de colaboración na catalogación e investigación do patrimonio escénico e musical galego.

A Lei 4/1989, do 21 de abril, pola que se crea o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, modificada pola Lei 2/1991, do 14 de xaneiro, indica no seu artigo 9 que lle corresponderá ó IGAEM exerce-las funcións de actualización do inventario e catalogación do patrimonio escénico e musical galego e informar permanentemente del.

A catalogación do dito patrimonio escénico-abrangue o teatro, a música e a danza-vense realizando no Centro de Ddocumentación das Artes Escénicas de Galicia do IGAEM.

Para a catalogación de material dun xénero tan específico como é o das artes escénicas convócase unha bolsa de colaboración destinada a persoas, que dispoñendo da formación precisa estean interesados en contar cun período de formación complementaria ós seus estudios.

Por isto esta xerencia,

DISPÓN:

Primeira.-Obxecto.

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais convoca proceso para a selección dunha persoa para a cobertura dunha bolsa para a catalogación, informatización, dixitalización e arquivo do material e fondos relacionados coas artes escénico-musicais.

Segunda.-Duración e dotación económica.

O desfrute da bolsa será a partir do mes de xuño ata o mes de decembro de 2001, e poderá ser prorrogada durante os exercicios seguintes, en función do aproveitamento do adxudicatario e das posibilidades orzamentarias do IGAEM. En ningún caso o período de desfrute da bolsa superará os tres anos.

A dotación económica da bolsa será de 100.000 pesetas/mensuais con cargo a aplicación orzamentaria 10.50.354A.480.0 do vixente orzamento de gastos. A esta cantidade aplicaránselle as retencións fiscais que legalmente procedan.

Terceira.-Natureza xurídica da relación

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia, nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Formación e méritos valorables.

Será obligatororio acreditar:

-Ter titulación universitaria mínimo de grao medio.

-Acreditar coñecementos en lingua galega.

E serán valorados preferentemente os seguintes méritos:

-Acreditar coñecementos técnicos na materia: considerarase a formación en documentación, catalogación e dixitalización de documentos.

-Manexo de bases de datos informáticas.

-Coñecementos da internet.

-Coñecementos en linguas extranxeiras.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro do IGAEM, dentro dos dez días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria no DOG, a documentación seguinte:

a) Instancia de admisión segundo o modelo anexo.

b) Acreditación da titulación presentada.

c) Currículum vitae coa documentación acreditativa dos méritos alegados. Os aspirantes seleccionados ou en lista de espera deberán acredita-los devanditos méritos mediante orixinal, fotocopia compulsada ou cotexada. A non acreditación desta do xeito indicado determinará a renuncia ó dereito á bolsa ou á permanencia na lista de espera.

d) Acreditación documental da formación ou coñecemento en lingua galega e/ou en linguas extranxeiras, co mesmo tratamento indicado na alínea c).

e) Fotocopia do DNI.

f) Declaración expresa de non desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta ou, en caso de tela, do compromiso de non seguir desfrutándoa no momento en que se outorgue a bolsa.

No caso de ter desfrutado dalgún período anterior como bolseiro/a do Centro de Documentación do IGAEM, deberá indicarse na solicitude para os efectos de limita-lo período formativo como bolseiro/a a un máximo de tres anos.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán presentarse, así mesmo, por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: Amado Ricón Virulegio, presidente do IGAEM ou persoa en quen delegue.

Vocais:

Mar Nogueira Sánchez, responsable do Centro de Documentación do IGAEM.

Luis Lorenzo Mur, xefe do Departamento de Persoal e Xestión Económico Administrativa do IGAEM.

Rafael Míguez Pazos, xefe de Administración do IGAEM.

Secretario: Braulio González Barros, auxiliar administrativo do IGAEM.

O tribunal quedará validamente constituído coa presencia do secretario e dous dos seus membros.

Sétima.-Criterios para a selección do bolseiro.

A selección levarase a cabo mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Currículum vitae acreditado: ata cinco puntos.

b) Coñecementos da lingua galega: ata un punto.

c) Coñecementos en linguas extranxeiras: ata un punto.

Os aspirantes que acaden unha puntuación de máis de 3,5 puntos, serán convocados a unha entrevista sobre os seus méritos curriculares. Esta entrevista terá unha valoración de ata 3 puntos que será acumulada a puntuación anterior.

Finalmente o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación, non podendo seleccionar máis dun candidato, quedando se é o caso, os restantes en lista de espera.

No caso de que a xuízo do tribunal sexa confeccionada unha lista de espera, esta terá unha vixencia ata o 31 de decembro de 2001 para substitucións de calquera vacante de bolsas no Centro de Documentación, ou se é o caso de ampliación destas.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, o día que se lles comunique na resolución final a partir do mes de xuño de 2001. O horario de desenvolvemento da actividade relacionada coa bolsa será de 8 horas ás 15 horas, de luns a venres.

No caso de que o aspirante seleccionado non poida, por calquera motivo, presta-la súa colaboración, será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación.

O bolseiro prestará a súa colaboración, baixo as indicacións da persoa a que se lle asigne como responsable titorial, e a superior dos órganos da Xerencia do IGAEM. Os traballos realizados quedarán, en todo caso, no Centro de Documentación das Artes Escénicas e Musicais sendo propiedade do IGAEM.

O pagamento da bolsa realizarase con carácter mensual logo de certificación do responsable titorial de cumprir co traballo de formación encomendado.

Novena.-Cláusula xeral.

En caso de incumprimento das tarefas de colaboración, o IGAEM poderá, tralo informe do responsable titorial e logo da correspondente audiencia do bolseiro, anula-la bolsa ou substituí-lo bolseiro.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación destas bases e a lexislación relativa ó IGAEM.

Correspóndelle á Xerencia do IGAEM a aclaración ou interpretación destas bases.

A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir da data da súa notificación efectiva ós interesados.

Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicita-la devolución da documentación presentada. Transcorrido o prazo dun ano poderase proceder á eliminación dos documentos non recollidos.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2001.

Aníbal Otero Fernández

Xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais

ANEXO

Modelo de instancia

D/Dª... con DNI... , de... anos de idade, natural de... , con domicilio habitual na rúa... , localidade... , provincia... , D.P.... , teléfono...

EXPÓN:

Que crendo reuni-los requisitos e condicións que sinala a convocatoria para a concesión da bolsa de catalogación e investigación do patrimonio escénico-musical.

SOLICITA:

Participar na convocatoria da cobertura da bolsa, manifestando que acepta as condicións e mailos compromisos que figuran na convocatoria, achegando á presente solicitude a documentación indicada na cláusula quinta das bases da devandita convocatoria.

... , ... , de... de 2001.

Sinatura

Xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. Santiago de Compostela.