Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 24 de maio de 2001 Páx. 7.011

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 114/2001, do 26 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de alargamento e mellora da estrada provincial PO-4503 (tramo C-550-Aios) (concello de Sanxenxo).

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión celebrada o día 28 de abril de 2000, aprobou o

proxecto de alargamento e mellora da estrada provincial PO-4503 (tramo C-550-Aios) (concello de Sanxenxo) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Pontevedra foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de abril de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 1 de setembro de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala a deputación, se trata de dar unha rápida solución á grave deterioración do piso actual desta estrada, o que, xunto á súa perigosa sinuosidade e volume de tráfico, determina o elevado número de accidentes rexistrados na zona, por iso, o obxectivo principal da obra é a mellora do largo da vía e a ampliación do raio das curvas existentes, coa dotación de beirarrúas nas zonas de edificación consolidada.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de abril de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Pontevedra, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de alargamento e mellora da estrada provincial PO-4503 (tramo C-550-Aios). (Concello de Sanxenxo).

Santiago de Compostela, vinteseis de abril de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais