Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 24 de maio de 2001 Páx. 7.010

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 113/2001, do 26 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Pantón (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de reforma da pavimentación e servicios da rúa entre a Praza do Concello e A Calexa.

O Concello de Pantón, en sesión celebrada o día 17 de novembro de 2000, aprobou o proxecto de reforma da pavimentación e servicios da rúa entre a Praza do Concello e A Calexa e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 11 de abril de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque, segundo sinala o concello, a obra débese executar sen tardanza ó estar incluída no Plan de Cooperación da Deputación Provincial de Lugo para o ano 2000, e sobre todo porque a rúa que comunica a Praza do Concello co resto de Ferreira de Pantón, que é a capital do municipio, soamente ten comunicación por unha rúa moi estreita, só apta para viandantes, coa imposibilidade de que o autobús ou calquera outro vehículo poida chegar á praza, por todo isto a realización da mesma melloraría notablemente o tráfico e as comunicacións da vila.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de abril de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Pantón, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de reforma da pavimentación e servicios da rúa entre a Praza do Concello e A Calexa.

Santiago de Compostela, vinteseis de abril de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais