Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 24 de maio de 2001 Páx. 7.010

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 112/2001, do 26 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Paradela (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de dotación de servicios na rúa Lamacova-Ruxidoira, 2ª fase (modificado).

O Concello de Paradela, en sesión celebrada o día 28 de xuño de 2000, aprobou o proxecto de dotación de servicios na rúa Lamacova-Ruxidoira, 2ª fase (modificado) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 20 de novembro de 2000.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 9 de abril de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque, segundo sinala o concello, as obras proxectadas na 2ª fase son imprescindibles para habilita-la vía de comunicación, iniciada coas obras da 1ª fase, do proxecto modificado número 1 de colectores xerais e E.D.A.R. de Paradela e que foi declarado de urxencia no Decreto 119/1999, do 23 de abril (DOG nº 86, do 6 de maio), dotándoa de servicios que aumenten a seguridade vial nos enlaces da rúa Lamacova-Ruxidoira e o paseo fluvial.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de abril de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Paradela, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de dotación de servicios na rúa Lamacova-Ruxidoira, 2ª fase (modificado).

Santiago de Compostela, vinteseis de abril de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais