Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 22 de maio de 2001 Páx. 6.892

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2001 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso na escala de facultativos de arquivos e bibliotecas (sección arquivos) desta universidade polo sistema de promoción interna.

Existindo prazas de adscrición indistinta ós grupos A e B das escalas de funcionarios da Universidade de Santiago de Compostela, ocupadas por funcionarios pertencentes á escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, co fin de facilita-la promoción do persoal aínda mantendo os seus propios postos de traballo, de acordo co artigo 22 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e de conformidade cos acordos adoptados coa xunta de persoal funcionario, e, en cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 473/1997, do 28 de novembro, da Xunta de Galicia, (DOG do 29 de decembro) e co fin de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios,

Este rectorado, no uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei orgánica de reforma universitaria en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, acorda convocar probas selectivas para o ingreso na escala de facultativos de arquivos e bibliotecas (sección arquivos) da Universidade de Santiago de Compostela, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 1 praza da escala de facultativos de arquivos e bibliotecas (sección arquivos) da Universidade de Santiago de Compostela pola quenda de promoción interna polo sistema de concurso-oposición.

1.2. A presente convocatoria non xerará prazas vacantes no corpo ou escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da que procedan os aspirantes.

1.3. As prazas convocadas terán o seu destino nas localidades de Santiago de Compostela e Lugo.

1.4. Á realización destas probas selectivas seralles de aplicación a Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado, a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas Leis 4/1991, do 8 de marzo, e 3/1995, do 10 de abril, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo; os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e as bases desta convocatoria.

1.5. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoración axustarase ó que se especifica no anexo I.

1.6. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou posuí-la condición de nacional dun estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos os 18 anos.

c) Estar en posesión do título de doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente.

d) Pertence-lo día de remate do prazo de presentación de solicitudes á escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, ter destino definitivo na Universidade de Santiago de Compostela e posuír unha antigüidade de, polo menos, 2 anos na devandita escala. Non poderán participar neste proceso selectivo funcionarios que accederon á devandita escala pola sección de bibliotecas.

e) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública, nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

2.2. Tódolos requisitos enumerados nos epígrafes anteriores deberán posuírse no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata a data da toma de posesión como funcionario de carreira do grupo A.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe tomar parte nestas probas selectivas deberán facelo constar en instancia que se axustará ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria. A instancia deberá ir acompañada do DNI.

A xerencia expedirá, de oficio, certificación que acreditará: a antigüidade recoñecida referida á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, o nivel de complemento de destino do posto que se desempeñe con carácter definitivo na referida data e os cursos de formación recibidos ou impartidos que figuren no expediente persoal. A citada certificación engadirase á solicitude presentada polo aspirante.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Santiago de Compostela, situado no Colexio de San Xerome (praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela); no rexistro do Campus de Lugo, situado no edificio da Biblioteca Intercentros de Lugo (avda. de Bernardino Pardo Ouro, s/n, Fingoi, Lugo); ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3.4. Os dereitos de exame serán de 4.000 pesetas, que se ingresarán en Caixa Galicia na conta «Oposicións» número: 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura no anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.5. Os aspirantes con minusvalidez poderán indicalo na solicitude, utilizando para isto o recadro número 4, así como solicita-la adaptación de tempo e medios para a realización dos exercicios, para o que utilizarán o recadro número 6.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Santiago de Compostela dictará resolución, no prazo dun mes, pola que se aproba a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, na que constará o nome e apelidos dos excluídos, o número de DNI, así como as causas de exclusión e o prazo para reparalas. Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios do rectorado.

Para emenda-los defectos que motivasen a súa exclusión ou omisión da relación de admitidos e excluídos, os aspirantes disporán dun prazo de 10 días, contados a partir do seguinte ó da publicación da citada resolución. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou a omisión, xustificando o dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

4.2. A resolución que aprobe a lista definitiva, publicada no rectorado, esgotará a vía administrativa, podendo interpoñer contra ela recurso perante a xurisdicción contencioso administrativa, no prazo de 2 meses contados desde o día seguinte ó da súa publicación de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso administrativa, ou recurso potestativo de reposición diante do rector no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.3. Procederase á devolución dos dereitos de exame nos seguintes casos: cando no se realicen as probas selectivas ou cando os aspirantes sexan excluídos definitivamente delas, e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer consta-los datos bancarios no recadro correspondente da solicitude. De non figurar estes datos, entenderase que renuncia á devolución dos dereitos de exame.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo (BOE do 19 de marzo) e no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estar incurso nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran algunhas das circunstancias antes reflectidas.

5.3. Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituí-los que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.2.

5.4. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan de acordo co correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.5. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.6. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5.7. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas.

5.8. O tribunal adoptará os medios precisos naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios co resto dos participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con minusvalidez que o soliciten, na forma prevista na base 3.5, as adaptacións posibles en tempo e medios para a realización dos exercicios.

5.9. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes. O tribunal excluirá aqueles opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra «T», de conformidade co establecido na Resolución do 14 de febreiro de 2001 da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluídos da oposición os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal.

6.4. O día, hora e lugar de realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

6.5. A publicación dos sucesivos anuncios de realización do segundo e restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde se efectuase o primeiro, así como na sede do tribunal, e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con vintecatro horas, polo menos, de antelación á sinalada para o seu inicio.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo de audiencia ó interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da universidade, comunicándolle, así mesmo, as inexactitudes ou falsidades formuladas polo aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas, para os efectos procedentes.

Contra a exclusión do aspirante, poderá interpoñerse recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a aquel no que teña lugar a notificación de súa exclusión.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición o tribunal cualificador fará públicos, no lugar ou lugares de realización dos respectivos exercicios e naqueloutros que coide oportunos as relacións de aspirantes que teñan superado cada un deles, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o último exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I da presente convocatoria.

7.4. O tribunal fará pública a lista de aspirantes que, segundo a orde da puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, a cal en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas.

7.5. Finalizado o proceso selectivo, o tribunal elevaralle ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións obtidas en cada unha das fases: oposición e concurso.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no Servicio de Planificación e Programación de PAS (Casa da Balconada, rúa Nova, 6, de Santiago de Compostela) a documentación necesaria para proceder ó nomeamento como funcionario da escala de facultativos de arquivos e bibliotecas, que non se atope suficientemente acreditada no seu expediente.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen, dentro do prazo fixado e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requi

sitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento de funcionarios de carreira.

9.1. Concluído o proceso selectivo, os aspirantes que o superasen serán nomeados funcionarios de carreira, mediante resolución do rector da universidade que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, este exclúese do sistema de adxudicación de destino pola orde obtida no proceso selectivo. Ós aspirantes que superen o concurso-oposición adxudicaráselle-lo mesmo posto que veñan desempeñando como titulares, e terá carácter definitivo se o posto de traballo se atopa adscrito na vixente relación de postos á escala á que aspiran, e carácter provisional no caso de que non estea incluído na relación de postos de traballo nesa escala. Neste último suposto o destino consolidarase como definitivo no caso de que na próxima relación de postos, o citado posto estea adscrito á escala á que ten accedido.

9.3. A toma de posesión destes aspirantes efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da data de publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 10.1º a) da Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, aprobada por Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que o dictou. Neste caso non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ó abeiro dos artigos 116 e ss. da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2001.

P.D. (19-4-2001)

Cástor Méndez Paz

Vicerrector de Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: ESCALA DE FACULTATIVOS DE ARQUIVOS E BIBLIOTECAS (SECCIÓN ARQUIVOS)

Procedimiento de selección.

O sistema de selección será o de concurso-oposición. Constará das seguintes fases:

1. Fase de oposición. Constará dos seguintes exercicios:

Primeiro exercicio. Constará de dúas partes:

Primeira parte: consistirá no desenvolvemento por escrito de dous temas, un do programa de arquivística

e outro de administración, elixidos entre catro sacados ó chou dos correspondentes programas de arquivística e administración.

Os aspirantes disporán dun tempo máximo de 4 horas.

Segunda parte: consistirá no desenvolvemento por escrito de dous temas, un do programa de fontes e outro de historia das institucións, elixidos entre catro sacados ó chou, correspondentes ós ditos programas fontes e historia das institucións.

Os aspirantes disporán dun tempo máximo de 4 horas.

Os temas das dúas partes leranse en sesión pública perante o tribunal.

Cada unha das partes nas que se divide o exercicio terá lugar en días diferentes

Este exercicio valorarase de 0 a 25 puntos, sendo necesario para aprobar ter 6,25 puntos en cada parte.

Segundo exercicio. Consistirá na transcrición, descrición, crítica e valoración de dous documentos comprendidos entre os séculos IX ó XVII, un medieval e outro moderno.

Os aspirantes disporán dun tempo máximo de 4 horas.

A valoración deste exercicio será de 0 a 20 puntos, sendo necesarios 10 puntos para aprobar.

Terceiro exercicio. Consistirá nun suposto de arquivística, elixido polo opositor ó chou, entre 3 propostos polo tribunal, que versará sobre: medidas de conservación documental, plans de organización e descrición de fondos, plans de valoración e selección de documentación contemporánea e tratamento da documentación.

Este terceiro exercicio deberá ser exposto polo opositor durante 15 minutos e o tribunal poderá facer as preguntas que considere oportunas.

O tempo de realización deste suposto será de 3 horas, podendo o opositor utilizar textos, libros, repertorios, apuntamentos, etc. que considere necesarios, ben achegados por el, ben os existentes no centro onde se desenvolva o exercicio.

A valoración será de 0 a 20 puntos sendo necesarios 10 puntos para aprobar.

Cuarto exercicio. Consistirá na traducción ó galego dun texto dunha lingua comunitaria que non sexa o castelán. Os aspirantes poderán facer uso do diccionario.

Os aspirantes deberán facer constar no recadro correspondente da solicitude o idioma elixido.

A duración deste exercicio será dunha hora e media.

Non será eliminatorio. A súa valoración será de 0 a 5 puntos.

2. Fase de concurso. Para os aspirantes que superen a fase de oposición a valoración de méritos farase da seguinte forma:

2.1. Antigüidade: máximo 12,5 puntos.

Valorarase a antigüidade recoñecida, referida á data de remate do prazo de presentación das solicitudes, da seguinte forma:

-Por cada ano completo de servicios: 0,625 puntos.

-Por cada mes completo de servicios que reste: 0,052 puntos.

2.2. Nivel de complemento de destino: máximo 12,5 puntos.

Polo nivel de complemento de destino correspondente ó posto de traballo que se desempeñe con carácter definitivo na data de remate de presentación de solicitudes, de acordo coa seguinte puntuación:

NivelPuntos

2812,5

2711,5

2610,5

259,5

248,5

237,5

226,5

215,5

204,5

No suposto de non ter posto definitivo puntuarase o grao persoal consolidado, e non tendo grao consolidado atenderase ó mínimo da escala á que pertenza o funcionario.

2.3. Formación: os cursos han de ser de formación administrativa ou ter relación coas funcións propias do posto convocado. Ademais, deberán ser impartidos por escolas e centros oficiais da Administración pública e os de galego, estar homologados polo órgano correspondente da Administración autonómica.

A puntuación máxima deste epígrafe será de 5 puntos e a valoración farase do seguinte xeito:

* Cursos de formación recibidos:

-Cursos de aptitude: 0,02 puntos/hora.

-Cursos de asistencia: 0,01 puntos/hora.

-Curso de iniciación á lingua galega: 0,01 puntos/hora.

-Curso de perfeccionamento da lingua galega: 0,02 puntos/hora

No caso de te-los cursos de iniciación e perfeccionamento de galego, só puntuará o de perfeccionamento.

* Cursos de formación impartidos: 0,03 puntos/hora.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

3. Puntuación do proceso selectivo: a puntuación da fase de oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos distintos exercicios. A puntuación do proceso selectivo virá determinada pola suma da fase de oposición, máis os méritos da fase de concurso, sempre que os aspirantes tivesen superada a fase de oposición.

En caso de empate, daráselle preferencia ó aspirante que acadase maior puntuación no segundo exercicio.

ANEXO II

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: ESCALA DE FACULTATIVOS DE ARQUIVOS E BIBLIOTECAS (SECCIÓN ARQUIVOS)

Programa.

Arquivística.

Concepto de arquivo e arquivística. Evolución histórica. A arquivística fronte ás demáis disciplinas docu

mentais. O principio do respecto á procedencia dos fondos e a teoría das idades dos documentos.

2. A arquivística e o tratamento de fondos contemporáneos. Modelos existentes no mundo: Record management, prearchivage, registratur e tradición española.

3. Descrición de fondos. Terminoloxía e normalización. Normas ISO. Normalización na descrición arquivística.

4. A informática aplicada ós arquivos.

5. A producción documental en novos soportes. Repercusión nos arquivos. Bibliografía.

6. Bases de datos. Almacenamento, recuperación e difusión da información. Aspectos éticos, xurídicos e legais das bases de datos.

7. Arquivos do son e da imaxe.

8. O arquivo da Universidade de Santiago de Compostela. O seu regulamento.

9. A dimensión internacional dos arquivos. Organismos internacionais de arquivos.

Administración.

1. Situación actual do ensino universitario en España. O sistema universitario de Galicia.

2. A Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español. Os reais decretos 111/1986, do 10 de xaneiro, de desenvolvemento parcial da Lei de patrimonio histórico español, e 64/1994, do 21 de xaneiro, polo que se modifica o Real decreto 111/1986. Os órganos colexiados. Os instrumentos administrativos. A transmisión e explotación de bens integrantes do patrimonio histórico español.

3. Acordos e tratados internacionais sobre protección do patrimonio histórico.

4. As competencias do Estado en materia de cultura. Estructura organizativa e competencias en materia de arquivos na Administración xeral do Estado, na Administración das Comunidades Autónomas e na Administración local.

5. Accesibilidade ós documentos administrativos e a súa normativa.

Fontes.

1. Fontes documentais para o estudio das chancelerías das coroas de Aragón, Castela e Navarra.

2. Fontes documentais para o estudio da facenda pública e os sistemas fiscais nos séculos XVI ó XX.

3. Fontes documentais para o estudio da acción de España no exterior.

4. Fontes documentais para o estudio do mundo agrario.

5. Fontes documentais para o estudio dos arquivos familiares e persoais.

6. Fontes documentais para o estudio das organizacións políticas e sindicais.

7. Fontes documentais para o estudio da Administración de xustiza e a fe pública.

8. Fontes documentais para o estudio da Administración no antigo réxime.

9. Fontes documentais para o estudio das administracións públicas nos séculos XIX e XX.

Historia das institucións.

1. A chancelería castelán-leonesa. Organización, tipoloxía diplomática e sistemas de escritura.

2. As chancelerías catalano-aragonesa e navarra. Organización, tipoloxía diplomática e sistemas de escritura.

3. Xustiza, facenda e fiscalidade nos reinos cristiáns da España medieval.

4. A Administración territorial nos reinos cristiáns na España da Idade Media e no antigo réxime.

5. O municipio e a Administración municipal nos reinos cristiáns da Idade Media e na España do antigo réxime.

6. A organización da igrexa en España, monacato e clero regular.

7. As ordes militares.

8. Facenda e sistemas fiscais na España do antigo réxime.

9. As institucións de beneficencia en España.

10. As universidades.

11. As reformas político-administrativas do século XVIII.

12. A administración central na idade contemporánea.

13. A Administración territorial e municipal na idade contemporánea.

14. Os procesos desamortizadores do século XIX.

15. A institución notarial e rexistral en España.

16. As organizacións políticas e sindicais na España contemporánea: partidos, sindicatos, patronais, etc.

ANEXO III

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: ESCALA DE FACULTATIVOS DE ARQUIVOS E BIBLIOTECAS (SECCIÓN ARQUIVOS)

Tribunal titular.

Presidente: José Manuel Rivera Otero, vicerrector de Extensión Cultural e Servicios á Comunidade Universitaria da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

Representantes da universidade:

-María José Justo Martín, funcionaria de carreira do corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos.

-María Virtudes Pardo Gómez, funcionaria de carreira do corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos.

-Miguel Pereira Figueroa, director do Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra.

Representantes da xunta de persoal:

-Gabriel Quiroga Barro, funcionario de carreira do corpo facultativo de arquivos da Xunta de Galicia.

-María Dolores Pereira Oliveira, funcionaria de carreira do corpo facultativo de arquiveiros.

Secretaria: Ángeles Valdés Blanco, funcionaria de carreira da escala de axudantes de arquivos e bibliotecas

da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz e voto.

Tribunal suplente.

Presidente: Antonio López Díaz, vicerrector de Xestión de Infraestructuras da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

Representantes da universidade:

-Cristina Usón Finckenzeller, funcionaria de carreira do corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes.

-Pilar González Novoa, funcionaria de carreira da escala de facultativos de bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela.

-Severiano Hernández Vicente, funcionario de carreira do corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos da Universidade de Salamanca.

Representantes da xunta de persoal:

-Mª de la O Suárez Rodríguez, funcionaria de carreira do corpo facultativo de arquivos.

-Mª del Carmen Prieto Ramos, funcionaria de carreira do corpo facultativo de grao medio de arquivos da Xunta de Galicia.

Secretaria: María Araceli García Piñeiro, funcionaria de carreira da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz e voto.

O tribunal poderá dispoñe-la incorporación con carácter temporal doutros funcionarios públicos para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4º do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.