Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 15 de maio de 2001 Páx. 6.482

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 7 de maio de 2001 pola que se establecen axudas para viaxes colectivas de interese agrario.

A realización de viaxes de interese agrario contribúe á innovación empresarial e tecnolóxica e ó coñecemento de técnicas, equipos, instalacións, métodos de traballo e novas experiencias prácticas que poden ser aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia co fin de mellora-la rendibilidade das explotacións agropecuarias e das industrias agroalimentarias galegas. Polo tanto, esta consellería considera necesario apoia-la realización deste tipo de viaxes, por proposta do sector, e sempre que cumpran as expectativas indicadas anteriormente.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.1º e 3º, do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é establecer e regula-la concesión de axudas ás viaxes e visitas técnicas colectivas de interese agrario realizadas no ano 2001.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas:

-Cooperativas agrarias, organizacións profesionais, agrupacións de agricultores e asociacións relacio

nadas co sector agropecuario, sempre que estean legalmente constituídas.

-Asociacións empresariais e outras entidades de carácter representativo relacionadas co sector agroalimentario, sempre que estean legalmente constituídas.

Artigo 3º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Entre os gastos que ocasiona a viaxe poderán subvencionarse os de desprazamento e os de aloxamento e manutención.

2. A subvención poderá chegar ata o 50% dos referidos gastos.

3. Esta consellería, se o considera oportuno e en función das características da viaxe, poderá establecer uns importes máximos auxiliables por persoa e día, para os capítulos de gastos citados anteriormente.

4. En calquera caso, a subvención total non poderá supera-las contías seguintes:

-10.000 pesetas por persoa e día de viaxe.

-60.000 pesetas por persoa que efectivamente realice a viaxe.

-1.200.000 pesetas por viaxe subvencionada.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes, documentación e prazos.

1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo adxunto, debidamente cuberto e asinado polo presidente ou representante legal da organización, agrupación ou asociación solicitante. Ademais, deberá xuntarse a seguinte documentación:

-Copia compulsada do CIF da entidade solicitante.

-Copia dos seus estatutos e da inscrición rexistral.

-Breve memoria que conteña os obxectivos xerais da viaxe.

-Datas e programa da viaxe, incluíndo a relación de visitas, os contactos técnicos que se realizarán, a súa descrición e a xustificación do seu interese. Estes datos deberán estar claros e perfectamente detallados, xa que serán fundamentais para a posible concesión da axuda.

-Nomeamento do coordinador da viaxe e copia do seu DNI.

-Relación de agricultores e/ou outras persoas relacionadas co sector agroalimentario que estea previsto que participen na viaxe. En calquera caso, o seu número non poderá ser superior a 50.

-Orzamento da viaxe desagregado por capítulos e o seu financiamento.

-Certificación bancaria do número de conta.

2. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Pre

sentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería, nas súas delegacións provinciais ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Tramitación, criterios de valoración e concesión.

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación procederá á súa revisión e tramitación. Se as solicitudes non estivesen debidamente cubertas ou non se xuntase a documentación esixida, requirirase os interesados para que nun prazo máximo de dez días emenden os erros ou acheguen os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, teranse por desistidos da súa petición, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Para aproba-las solicitudes de axuda, consideraranse como criterios de preferencia:

-O interese das visitas e dos contactos técnicos programados.

-A relación existente entre o programa de visitas e a actividade productiva desenvolvida polos membros da entidade solicitante.

-O número de participantes, que deberá ser acorde co tipo de viaxe realizada.

-O menor número de solicitudes de subvención para viaxes que se lle concederon a cada entidade solicitante nos últimos 5 anos.

-A asistencia á viaxe dun coordinador que sexa titulado en especialidades agrarias.

3. O conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, unha vez revisadas e valoradas as solicitudes presentadas, resolverá e comunicará ós beneficiarios a concesión da axuda e o seu importe previsto, en función das peticións presentadas e da dotación orzamentaria existente para esta liña de axudas. De tódalas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

4. O prazo para resolver será de seis meses, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse desestimadas unha vez transcorrido o devandito prazo sen recaer resolución expresa.

Artigo 6º.-Financiamento.

As axudas establecidas na presente orde imputaranse á aplicación orzamentaria 09.04.612-A.480.1 Axudas á promoción asociativa e social, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, dotada cun importe inicial de dez millóns de pesetas (10.000.000 de pesetas), así como con outros remanentes que puidesen existir na mesma aplicación.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

1. Para proceder ó pagamento da axuda, os solicitantes previamente deben presentar:

-Memoria-informe da viaxe efectuada, sinalando aquelas incidencias e aspectos técnicos máis relevantes. Debe asinalo o coordinador da viaxe e o presidente da entidade solicitante.

-Relación definitiva de tódolos participantes na viaxe, cos seus datos persoais.

-Xustificación dos gastos efectuados, mediante facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas, numerados e ordenados e perfectamente detallados.

-As facturas presentadas deberán trae-lo IVE especificado correctamente. Virán acompañadas da transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento que acredite que xa están pagas.

-Certificación de non beneficiarse de ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins aquí citados, así como da autenticidade dos datos e da documentación presentada, e do cumprimento dos requisitos establecidos nesta orde de axudas.

-Certificación da entidade, na que se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

2. A realización da viaxe, así como a presentación da documentación e xustificantes, tal e como se requiren neste artigo, deberá facerse antes do 31 de outubro do presente ano. O non cumprimento deste prazo poderá supo-la perda da subvención aprobada.

3. O pagamento da axuda concedida queda condicionado á realización da viaxe de acordo co programa presentado pola entidade solicitante e aprobado pola consellería.

4. O importe definitivo da axuda determinarase en función da documentación presentada. No caso de que os gastos totais xustificados sexan inferiores ós orzados, practicarase a reducción proporcional correspondente. Igualmente se fará se o número de participantes é inferior en máis dun 10% ó previsto inicialmente.

5. A concesión e percepción desta axuda polos beneficiarios é incompatible con calquera outra concedida polas administracións públicas para a mesma finalidade.

Artigo 8º.-Seguimento e control.

1. As entidades beneficiarias deben comunicar obrigatoriamente á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou correcta aplicación da subvención concedida.

2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, deberán permitir que a devandita dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As entidades beneficiarias quedan obrigadas ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

5. No caso de que as entidades beneficiarias destas axudas non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, aplicaráselle-lo establecido no artigo 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 9º.-Réxime de recursos.

A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las normas necesarias para a correcta aplicación e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria