Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 15 de maio de 2001 Páx. 6.482

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 4 de maio de 2001 pola que se modifica o Regulamento da denominación específica Orujo de Galicia e do seu consello regulador.

Por orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 15 de maio de 1989, recoñeceuse a denominación específica Orujo de Galicia para as augardentes de bagazo producidas en Galicia. Seguidamente, por Orde do 16 de setembro de 1993, aprobouse o primeiro Regulamento da denominación específica Orujo de Galicia e do seu consello regulador.

Con posterioridade, e pola Orde do 15 de febreiro de 1999, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, aprobouse un novo Regulamento da denominación específica Orujo de Galicia e do seu consello regulador co obxecto de dar cabida a novos aspectos, tanto técnicos como legais, que lle afectan directamente.

No texto do devandito regulamento, publicado como anexo da mencionada orde, advertíronse determinadas imprecisións, polo que, tralo preceptivo informe da Secretaría Xeral do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e como parte do necesario proceso de ratificación, se procede a efectua-las modificacións de determinados artigos do anexo da Orde do 15 de febreiro de 1999.

En consecuencia, por mor das facultades que teño conferidas en virtude da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 5, 13.4º e 19 do Regulamento da denominación específica Orujo de Galicia, aprobado por Orde do 15 de febreiro de 1999, que quedan redactados como se expresa a continuación:

Artigo 5º

A obtención dos subproductos procedentes das vinificacións realizarase de acordo coas normas que establece o Regulamento CEE 1576/1989, do 29 de maio, e os seus regulamentos de aplicación.

O almacenamento e a conservación faranse en condicións anaerobias.

Artigo 13.4º

O consello regulador denegará, de xeito motivado, as inscricións que non se axusten ós preceptos deste regulamento ou os que sobre condicións complementarias mínimas de carácter técnico, que deberán reuni-las instalacións, establezan as normas que sexan de aplicación.

Artigo 19º

Nas instalacións inscritas nos distintos rexistros que se recollen no artigo 13º deste regulamento, a manipulación e o almacenamento de bagazos e lías, así como a destilación, a elaboración, ou envellecemento e o embotellado dos productos destinados a ser protexidos pola denominación, deberán efectuarse de xeito claramente separado daqueloutros subproductos ou productos que non sexan protexibles. Tanto os silos ou depósitos de almacenamento de bagazos nos que o seu destino sexa a destilación para a obtención de productos protexibles, como os depósitos que conteñan estes productos protexibles pola denominación, deberán estar perfectamente identificados.

Disposición derradeira

A modificación da Orde do 15 de febreiro de 1999, aprobada por esta orde, entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2001.

Juan Miguel Díz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria