Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 14 de maio de 2001 Páx. 6.419

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 9 de maio de 2001 pola que se establecen as bases reguladoras dos incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1º atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios correspondentes a este ámbito.

Na actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, en virtude do disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 25 de abril, e polo Decreto 202/2000, do 21 de xullo, a convocatoria, xestión e control das axudas á contratación por conta allea, como instrumentos da política activa de emprego, e dentro do ámbito funcional da súa Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convo

cando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea ó abeiro dos sucesivos plans de fomento do emprego, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, incorporados ó Programa Operativo integrado de Galicia para o período 2000-2006.

Nesta liña de actuación, e tendo en conta as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo, e no marco dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, asinado o 13 de xullo de 1998 pola Xunta de Galicia, a CEG, UGT-Galicia e o S.N. CC.OO. de Galicia, articulouse un conxunto de medidas para o fomento da contratación e da estabilidade no emprego, que teñen como finalidade facilita-la creación de emprego estable e de calidade que favoreza a competitividade das empresas e contribuír á diminución da taxa de temporalidade, da rotación no mercado de traballo e a reducción do desemprego; dentro desta área de actuación tamén se teñen en conta incentivos para favorece-la conciliación da vida laboral e familiar.

Neste contexto considerouse necesario reorienta-los instrumentos de apoio á conciliación da vida laboral e familiar e regular nunha orde propia os incentivos dirixidos a este fin.

O programa custo cero, medida nova e pioneira, posta en marcha en Galicia en maio de 1998, consistente no establecemento de incentivos ós contratos de interinidade formalizados para a substitución de persoas traballadoras durante os períodos de descanso por causa de maternidade, adopción ou acollemento, en contía equivalente ás cotas á Seguridade Social da persoa substituída durante o desfrute dos ditos períodos de descanso, que logo foi complementado polas bonificacións ós contratos de interinidade polas ditas causas previstas no Real decreto lei 11/1998, do 4 de setembro, foi absorbido pola nova bonificación do 100% das cotas empresariais das persoas traballadoras substituídas durante os períodos de descanso por maternidade, adopción e acollemento establecida no recente Real decreto lei 5/2001, do 2 de marzo. Deste xeito, as bonificacións estatais actuais cobren o custo cero que antes derivaba da complementariedade da bonificación estatal e do incentivo autonómico.

Ante esta situación, carece de obxecto mante-lo programa autonómico na súa consideración anterior; non obstante, e para seguir avanzando no principio de igualdade de oportunidades no acceso e permanencia no emprego, e co obxecto de continuar incidindo de xeito positivo nos obstáculos que pode produci-la maternidade sobre o emprego feminino e que poden dificulta-lo acceso e permanencia das mulleres no mercado laboral, no ano 2001 ponse en marcha unha nova liña de axudas para as persoas traballadoras que se reincorporen á empresa logo dun proceso de maternidade/paternidade.

Pola súa vez, mantéñense as axudas pola substitución de persoas traballadoras en excedencia para

o coidado de familiares, nos termos e casos previstos no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores, reforzando o incentivo cun significativo incremento na súa contía.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras dos incentivos á contratación, dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar que se establecen nesta orde, axústanse ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en especial o relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas públicas, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e o establecido na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento dos programas regulados nesta orde, entre outros, financiaranse con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 14.04.241A.473.0, cun crédito de 2.303.535.000 pesetas (13.884.524,180 euros) e 14.04.241B.475.0, cun crédito de 4.569.520.000 pesetas (27.463.368,310 euros), que constitúe o importe global das ditas aplicacións para o financiamento desta orde e das demais ordes do programa 241A e 241B.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, todo iso no marco dos acordos para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Coa finalidade de promove-la igualdade de oportunidades no acceso e permanencia no emprego de homes e mulleres e de remove-los obstáculos que sobre o emprego pode produci-la maternidade e outras situacións pertencentes ó ámbito da familia, esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras e a convocatoria dos incentivos dirixidos directamente a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, a través das seguintes axudas:

a) Axudas para as persoas traballadoras que se reincorporen á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade.

b) Axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, e nesta orde.

3. Estes programas financiaranse con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241B.475.0 e 14.04.241A.473.0.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos neste anexo as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten ou reincorporen a traballadores para prestar servicios en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 3º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios establecidos nesta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como os traballadores contratados para prestar servicios noutras empresas a través de contratos de posta á disposición.

Non obstante o anterior, non quedan afectadas por esta exclusión as relacións laborais de carácter especial do persoal de alta dirección que poderán acollerse ós beneficios previstos nesta orde.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou dos que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como os que se produzan con estes últimos.

Artigo 4º.-Axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade-paternidade.

1. Poderán ser obxecto de subvencións as reincorporacións ó posto de traballo na empresa das persoas traballadoras tras períodos de descanso por causa de maternidade, adopción ou acollemento prea-

doptivo ou permanente de menores de 6 anos, en virtude do establecido no artigo 45.1º e no artigo 48.4º e 5º do Estatuto dos traballadores, así como as reincorpacións ó exercicio da actividade profesional dos traballadores autónomos, socios traballadores ou de traballo das sociedades cooperativas, nos mesmos casos e supostos.

2. Só serán subvencionables as reincorporacións ás que se refire o nº 1 deste artigo, cando ademais concorran as seguintes circunstancias:

a) Que o período de descanso desfrutado pola persoa traballadora que se reincorpora tras un proceso de maternidade/paternidade fose igual ou superior á metade do período máximo legal.

b) Que durante os períodos de descanso por maternidade se formalizasen contratos de interinidade para a substitución dos traballadores polos que se solicita a axuda pola súa reincorporación, cunha duración equivalente, como mínimo, ó 80%, do período de descanso do traballador substituído.

c) Que o traballador se reincorpore ó seu posto de traballo en virtude dunha relación laboral de carácter indefinido ou, no caso dos autónomos, para o desempeño dunha actividade profesional, habitual, persoal e directa.

3. A axuda, pagadoira dunha soa vez, consistirá nunha subvención en contía equivalente ó importe das cotas empresariais á Seguridade Social por continxencias comúns, correspondentes á base mínima para o ano 2001 do grupo de cotización ó que pertenza o traballador que se reincorpora; ou, se é o caso, ó importe do 80% das cotas correspondentes á base mínima de cotización do correspondente réxime da Seguridade Social para traballadores autónomos, en ámbolos dous casos calculada sobre 24 mensualidades.

4. Esta axuda só será de aplicación ás reincorporacións que se produzan a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares.

1. Poderán ser obxecto de subvención os contratos de interinidade que se realicen con traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación, para substituír persoas traballadoras en excedencia por coidado de familiares nos supostos e termos previstos no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores-por un período non inferior a catro meses nin superior a tres anos, e sempre que en virtude de disposición legal ou convenio colectivo se trate dunha excedencia con reserva de posto de traballo.

2. Para efectos destas axudas, terán a consideración de desempregados aqueles que estean inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego e que, pola súa vez, carezan

de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

3. Os contratos de interinidade para que poidan ser obxecto de subvención deberán cumpri-los requisitos e formalidades establecidos no artigo 15.1º.c) do Estatuto dos traballadores e normas regulamentarias de aplicación, así como formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

4. Oscontratos de interinidade para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares incentivaranse cunha axuda de ata 400.000 pesetas (2.404,048 euros), que se reducirá proporcionalmente cando a súa duración sexa por un período inferior a un ano.

5. Ó abeiro desta orde poderán ser obxecto de subvención os contratos de interinidade para a substitución de traballadores en excedencia para o coidado de familiares que se celebren no ano 2001.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 6º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, cando a contratación ou a reincorporación se produza para prestar servicios en centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 7º.-Solicitudes e prazos.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ó órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será de dous meses contados desde a data en que se produza a reincorporación ó posto de traballo tras un proceso de maternidade/paternidade ou se inicie a relación laboral en virtude dun contrato de interinidade.

As solicitudes de axudas polas contratacións de interinidade para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares, realizadas no ano 2001 antes da entrada en vigor desta orde, poderán presentarse ata o 30 de xuño de 2001.

3. Con independencia dos prazos establecidos no número 2, que terán que respectarse en todo caso, o prazo xeral para a presentación de solicitudes finaliza o 30 de setembro de 2001, aínda que nesta data non transcorresen dous meses desde a reincorporación ou a celebración do contrato obxecto de subvención.

Artigo 8º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I desta orde e deberán ir xunto coa seguinte documentación por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF; e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

3. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta.

4. Nas axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade:

-DNI do traballador que se reincorpora.

-Documentos acreditativos da baixa por maternidade, adopción ou acollemento, así como da súa reincorporación á empresa logo dos períodos de descanso correspondentes.

-Boletíns de cotización do último mes anterior dispoñible á data na que se produza a baixa e o correspondente ó mes da reincorporación.

-Contratos de interinidade celebrados para substituí-los traballadores que se reincorporan, e documentación acreditativa das datas de alta e baixa na Seguridade Social do traballador substituto.

5. Nas axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares.

-DNI do traballador substituto e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

-Contrato de interinidade e alta na Seguridade Social ou, no seu defecto, compromiso de contratación con traballador determinado.

-Documentación acreditativa da baixa e da situación de excedencia e DNI do traballador substituído.

Artigo 9º.-Instrucción e criterios de valoración.

1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei

de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

2. Para a valoración das solicitudes terase en conta, para a súa prioridade, que os contratos de interinidade se celebrasen con desempregados pertencentes ós seguintes colectivos: mulleres, mozos, maiores de 45 anos ou parados de moi longa duración.

Artigo 10º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano correspondente e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, de concesións ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de seis meses, que se computarán a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que se dictasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Xustificación do pagamento.

1. Unha vez concedidas as axudas, o seu pagamento quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figura-la seguinte:

a) Documentación acreditativa de que se encontran ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no Imposto de Actividades Económicas.

c) No caso de axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade, o boletín de cotización á Seguridade Social do mes correspondente á incorporación, se non o achegou con anterioridade.

d) No caso de axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares, documento de alta na Seguridade Social e contratos de interinidade debidamente formalizados de non os achegar con anterioridade.

e) Declaración complementaria da establecida no número 2 do artigo 8º desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación esixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude segundo a opción do interesado.

3. O pagamento das axudas establecidas nesta orde queda condicionado á aprobación do proxecto, remitido para este efecto á Comisión Europea.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 12º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorga-las administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. Os beneficios establecidos nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas das empresas beneficiarias:

a) Acreditar, previamente ó cobramento, que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Comunicarlle ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

c) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal

de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

d) Nas axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares, a empresa beneficiaria ten, ademais, as seguintes obrigas:

-No suposto de cesamento do traballador interino, a cobertura do posto por un novo traballador desempregado terá que realizarse durante o período da substitución, dentro dos 20 días seguintes ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dentro dos vinte días seguintes ó da cobertura do posto.

-Comunica-la data de incorporación ó seu posto de traballo da persoa substituída dentro do mes seguinte a aquel en que esta se produza.

e) As persoas traballadoras que se reincorporen á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade deberán permanecer nela, como mínimo, durante dous anos, contados desde a data da reincorporación. Se antes de transcorre-lo dito prazo se produce a extinción da relación laboral, por calquera causa, do traballador reincorporado, a empresa deberá proceder a reintegra-la parte proporcional correspondente da subvención concedida nos termos sinalados no artigo 15º desta orde.

Durante os dous anos seguintes ó da reincorporación, e dentro do primeiro trimestre de cada un, deberá presentar documentación acreditativa da situación de alta na empresa do traballador obxecto de subvención.

Artigo 14º.-Modificacións da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 15º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo

que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 16º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Fomento do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, tendo como límite global o crédito asignado nas aplicacións 14.04.241B.475.0 e 14.04.241A.473.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, fixado na exposición de motivos desta disposición.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2001

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude