Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 14 de maio de 2001 Páx. 6.408

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de abril de 2001 pola que se establece o programa de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1º atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios correspondentes a este ámbito.

Na actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, en virtude do disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 25 de abril, e polo Decreto 202/2000, do 21 de xullo, a convocatoria, xestión e control das axudas á contratación por conta allea, como instrumentos da política activa de emprego, e dentro do ámbito funcional da súa Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea ó abeiro dos sucesivos plans de fomento do emprego, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, na actualidade incorporados no programa operativo integrado de Galicia para o período 2000-2006.

Nesta liña de actuación, e tendo en conta a estratexia europea para o emprego derivada do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo, e no marco dos «Acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001», asinado o 13 de xullo de 1998 pola Xunta de Galicia, a CEG, UGT-Galicia e o S.N. CC.OO. de Galicia, articulouse un conxunto de medidas para o fomento da contratación e da estabilidade no emprego que teñen como finalidade facilita-la creación de emprego estable e de calidade que favoreza a competitividade das empresas e contribuír á diminución da taxa de temporalidade, da rotación no mercado de traballo e a reducción do desemprego.

Así, desde o asinamento dos acordos creceu o emprego en Galicia nunha significativa porcentaxe, incrementouse o número de contratacións indefinidas e tamén se reduciu a taxa de temporalidade, que constituía un dos seus obxectivos básicos, a taxa de estabilidade do sector privado, na media do ano 2000, situouse no 61,7%, aínda lonxe do nivel pretendido.

Neste contexto, e no marco do diálogo permanente cos interlocutores sociais na correspondente Comisión de Seguimento dos citados acordos, considerouse necesario reorienta-los incentivos á contratación indefinida para seguir avanzando en medidas de política activa que sirvan para apoiar e impulsar de forma máis decidida a estabilidade laboral dos cadros de persoal das empresas galegas, o crecemento global do emprego, así como a inserción laboral dos colectivos prioritarios.

Nesta orientación, o novo marco para o 2001 recolle unha reordenación dos instrumentos de apoio á contratación estable, mantendo, coas modificacións e os axustes pertinentes, os incentivos xerais á contratación indefinida inicial por colectivos e establece un instrumento específico de apoio á elaboración e execución de plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, coa finalidade de impulsa-la aceleración do incremento da taxa de estabilidade nun enfoque global de cambio estructural do emprego temporal en indefinido, a partir da media acadada a nivel de Galicia e na empresa nos períodos de referencia recollidos na orde, co obxectivo de favo

rece-la consolidación do emprego estable e de calidade no conxunto das empresas galegas.

Recóllese a incentivación das contratacións indefinidas, iniciais ou por transformación de contratos temporais en indefinidos, derivadas da execución de plans empresariais de incremento da estabilidade que prevexan na súa execución un incremento de, polo menos 3 puntos, na taxa de estabilidade na media do ano 2000 no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia, supoñan un incremento do emprego fixo sen minoración da totalidade do cadro de persoal na media do ano 2000, e, sen que, en ningún caso, a taxa de estabilidade resultante poida ser inferior ó 35%.

Os ditos plans, para que poidan acollerse ás axudas recollidas nesta orde, deberán elaborarse antes do 16 de xullo de 2001 e estar executados o 30 de setembro de 2001.

Estas axudas van dirixidas ás empresas xa existentes e ás de nova creación que no período previsto nesta orde para a execución do plan acaden unha taxa de estabilidade que en ningún caso poderá ser inferior ó 35%.

Esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras e a convocatoria do programa de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, e seguindo a técnica de anos anteriores, os outros programas de fomento da contratación e da estabilidade no emprego para o ano 2001 agrúpanse noutra orde.

Esta convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en especial no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e ó establecido na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento do programa regulado nesta orde, entre outros, será con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 14.04.241A.473.0, cun crédito de 2.303.535.000 pesetas (13.844.524,180 euros), e 14.04.241B.475.0, cun crédito 4.569.520.000 de pesetas (27.463.368,310 euros), que constitúe o importe global das ditas aplicacións para o financiamento desta orde e das demais ordes do programa 241A e 241B.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, todo iso no marco dos acordos para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras e a convocatoria dos incentivos á contratación indefinida, inicial ou por transformación de contratos temporais, a tempo completo ou a tempo parcial, incluídos os traballos fixos-descontinuos, que se realicen como consecuencia de plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, coa finalidade de fomenta-la creación e consolidación do emprego fixo e de calidade a través dun programa específico de estímulo e apoio ó cambio estructural cara a un maior nivel de estabilidade dos cadros de persoal das empresas instaladas en Galicia.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 26 de novembro, no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, e nesta orde.

3. Este programa financiarase con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241A.473.0 e 14.04.241B.475.0.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Os plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, para que poidan acollerse a este programa, deberán axustarse ó disposto no artigo 5º desta orde, elaborarse antes do 16 de xullo de 2001 e estar executados o 30 de setembro do mesmo ano.

2. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas, iniciais ou por transformación de contratos temporais, que, reunindo os requisitos e condicións establecidos nela, se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2001, e sempre que se trate de:

a) Contratacións indefinidas realizadas con traballadores desempregados que estean inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

b) Ou, conversións en indefinidos de contratos temporais ou de duración determinada celebrados con anterioridade ó 4 de marzo de 2001, calquera que sexa a modalidade contractual obxecto de transformación. Cando se trate da transformación en indefinidos de contratos formativos, de relevo ou de substitución por anticipación da idade de xubilación, non será de aplicación a limitación temporal anterior. Tampouco será de aplicación a dita limitación temporal cando se trate de contratos de interinidade; en todo caso, a súa transformación en indefinidos

só poderá ser obxecto de subvención cando se manteña o posto do traballador substituído, o que terá que acreditarse.

No caso de transformación de contratos temporais a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido será tamén a tempo completo.

Nos supostos de transformación de contratos temporais a tempo parcial, a xornada do novo contrato indefinido será, como mínimo, igual á do contrato que se transforma.

Para os efectos desta orde, entenderase que se produce a transformación en todos aqueles casos nos que ámbalas dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos nos que o inicio da relación laboral indefinida ten lugar o día seguinte ó do termo da vixencia do contrato temporal, incorporándose á empresa con carácter estable sen ruptura de continuidade na relación laboral.

3. As ditas contratacións e transformacións, para que poidan ser obxecto de subvención, deberán formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos neste programa as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten traballadores para prestar servicios en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia de plans de incremento da estabilidade laboral dos seus cadros de persoal en Galicia, nos termos e de acordo cos requisitos e condicións establecidos nesta orde.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 4º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores para prestar servicios noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou de quen desempeñe cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.

c) Contratacións realizadas con traballadores que, nos 24 meses anteriores á data da contratación, prestasen servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

O disposto no parágrafo precedente será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que o solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

d) Traballadores que finalizasen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención.

Artigo 5º.-Definición, requisitos e contido dos plans empresariais de incremento da estabilidade laboral.

1. Para os efectos desta orde, terán a consideración de plans de incremento da estabilidade laboral aqueles que, tendo ou non a súa orixe en plans ou acordos sectoriais, se elaboren e aproben no nivel de empresa e prevexan a realización dun número de contratacións indefinidas, iniciais ou por transformación de contratos temporais ou de duración determinada, no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2001, coas que, no seu conxunto, se acade, como mínimo, os seguintes resultados:

a) Un incremento, como mínimo, de 3 puntos da taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa en Galicia na media acadada no período comprendido entre os meses de xaneiro a decembro de 2000, ámbolos dous inclusive.

b) Un incremento neto de emprego fixo que non implique unha diminución da media da totalidade dos traballadores no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia no ano 2000.

c) En ningún caso, a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa en Galicia que se acade como consecuencia da execución do dito plan pode resultar inferior ó 35%.

2. Para os efectos do punto anterior entenderase por taxa de estabilidade a porcentaxe de traballadores fixos sobre o total do cadro de persoal no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

Para o seu cálculo, en cómputo anual, terase en conta a media aritmética do cadro de persoal fixo e temporal no período de referencia.

3. Os plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, para os efectos previstos nesta orde, deberán facer referencia expresa, entre outros, ós seguintes extremos:

a) Identificación dos centros de traballo que a empresa posúa en Galicia, con indicación do número de traballadores fixos e temporais empregados no ano 2000.

b) Indicación da media aritmética da totalidade do cadro de persoal da empresa no conxunto dos centros de traballo en Galicia no ano 2000, así como a referida ó cadro de persoal fixo e temporal no mesmo período de referencia.

c) Taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa en Galicia acadada na media do ano 2000.

d) Número de contratacións indefinidas, iniciais ou por transformación de contratos temporais, derivadas da execución do dito plan e calendario de realización das contratacións.

e) Estructura prevista do cadro de persoal da empresa en Galicia no último mes de execución do plan, con indicación do número de traballadores fixos e temporais e con expresión da taxa de estabilidade acadada e do incremento que represente respecto da media do ano 2000.

4. Estes plans deberán constar por escrito no modelo normalizado que figura como anexo desta orde, asinado polo representante da empresa e, de se-lo caso, polos representantes legais dos traballadores, e deberán elaborarse antes do 16 de xullo de 2001 e, para os efectos do previsto nesta orde, estar executados o 30 de setembro de 2001.

Artigo 6º.-Incentivos.

1. Os incentivos ás contratacións indefinidas, iniciais ou por transformación de contratos temporais ou de duración determinada, a tempo completo ou a tempo parcial, incluídos os fixos descontinuos, que supoñan un incremento neto de emprego fixo nos termos establecidos no número 3 deste artigo, determinaranse en atención á taxa de estabilidade laboral que se acade como consecuencia da execución do plan de incremento da estabilidade laboral no que teñan causa, de acordo coa seguinte escala:

-Máis do 35% e ata ó 62%: ata 800.000 pesetas (4.808,096 euros), por cada contratación indefinida.

-Máis do 62% e ata ó 85%: ata 900.000 pesetas (5.409,108 euros), por cada contratación indefinida.

-Máis do 85% do cadro de persoal: ata 1.000.000 de pesetas (6.010,121 euros), por cada contratación indefinida.

2. Cando se trate de contratacións a tempo parcial, a contía da subvención será proporcional ó tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

3. Só poderán ser obxecto de subvención aquelas contratacións que supoñan un incremento neto do emprego fixo de modo que superen a media aritmética do cadro de persoal fixo da empresa en Galicia no ano 2000.

Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, no cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas dos traballadores que se producisen por propia vontade do traballador, ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 7º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Familia

e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, corresponderalles:

1. Ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude cando tódalas contratacións con orixe no plan empresarial de incremento da estabilidade laboral se realicen para prestar servicios en centros de traballo radicados na respectiva provincia, agás nos supostos previstos no punto seguinte.

2. Ó director xeral de Fomento do Emprego, nos seguintes supostos:

a) Cando as contratacións derivadas do dito plan se realicen para prestar servicios en centros de traballo radicados en varias provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cando os ditos plans prevexan a contratación indefinida de 15 ou máis traballadores no ámbito territorial de Galicia.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ó órgano competente e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación de solicitudes finalizará o 16 de xullo de 2001.

Artigo 9º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I desta orde e deberán ir, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, xunto coa seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Plan de incremento da estabilidade laboral do cadro de persoal da totalidade dos centros de traballo da empresa en Galicia, no modelo normalizado (anexo III).

3. Declaración do cadro de persoal de tódolos centros de traballo da empresa en Galicia no ano 2000, no modelo normalizado (anexo IV).

Se é o caso, documentos acreditativos das baixas previstas no artigo 6º.3 desta orde.

4. Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

5. Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo V).

Artigo 10º.-Subsanación da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán do interesado que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición de

conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 11º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano correspondente e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, de concesións ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de seis meses que se computarán a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que se dictasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes de acordo co establecido no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo de un mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das adminstracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Criterios de valoración.

Para a valoración da contía das subvencións terase en conta o tamaño das empresas, a súa localización en zonas especialmente desfavorecidas, así como a contratación de mulleres, mozos menores de 30 anos, maiores de 45 anos e parados de moi longa duración.

Artigo 13º.-Xustificación do pagamento.

1. Unha vez concedidas as axudas ou subvencións, o seu pagamento quedará condicionado á presentación, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figura-la seguinte:

a) Relación nominal dos traballadores contratados.

b) DNI dos traballadores contratados.

c) No caso de contratacións iniciais, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesourería Xeral de Seguridade Social, copias dos contratos de traballo e das súas comunicacións á oficina de emprego e altas na Seguridade Social.

d) No caso de transformacións, o contrato temporal do que trae causa e as súas posibles prórrogas, así como a comunicación da conversión do contrato temporal en indefinido á oficina de emprego e a comunicación de variación de datos á Seguridade Social.

e) Documentos TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión, ou, se é o caso, certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social na que conste o número de traballadores con contrato indefinido, o dos traballadores con contrato de interinidade e dos demais traballadores con contratos temporais en cada unha das ditas mensualidades no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

f) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no Imposto de Actividades Económicas.

g) Declaración da estructura do cadro de persoal da empresa en Galicia no último mes de execución do plan, con indicación do número de traballadores fixos e temporais no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia, con expresión da taxa de estabilidade acadada e o incremento que representa respecto da media do ano 2000.

h) Documentación acreditativa de que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e de que non teñen pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

i) Declaración complementaria da establecida no artigo 9º.4 desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas e subvencións.

2. Agás que na resolución de concesión se estableza outro distinto, os xustificantes para o pagamento deberán presentarse no mes seguinte ó último previsto para a execución do plan de estabilidade da empresa, e, sen prexuízo do anterior, que deberá respectarse en todo caso, o prazo para a presentación dos xustificantes remata con carácter xeral o 30 de setembro de 2001.

3. Non obstante o sinalado nos números anteriores, a documentación esixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude segundo a opción do interesado.

4. O pagamento das axudas establecidas nesta orde queda condicionado á aprobación do proxecto, remitido para este efecto á Comisión Europea.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 14º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As empresas que soliciten incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, durante o período de execución deste, non poderán beneficiarse doutras axudas ou subvencións á contratación indefinida convocados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Non obstante, poderanse acoller ós incentivos previstos no programa de axudas á contratación indefinida das persoas con discapacidade, e no programa de axudas á contratación de traballadores desempregados en perigo de exclusión social. Se é o caso, se as contratacións con estes colectivos puidesen

dar lugar á súa inclusión no programa regulado nesta orde, correspóndelle a opción ó solicitante.

2. As subvencións previstas nesta orde para as contratacións con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorga-las administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

3. Os beneficios establecidos á contratación indefinida nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

4. Os peticionarios das axudas e subvencións previstas nesta orde deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de tódalas axudas e subvencións solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto, ou, de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

Así mesmo, e antes do derradeiro pagamento, deben achegar unha declaración complementaria e actualizada co mesmo contido que a descrita no parágrafo anterior.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas das empresas beneficiarias:

1. Acreditar, previamente ó cobramento, que se encontran ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Comunicarlle ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión de subvencións, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

3. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

4. Manter no seu cadro de persoal fixo os traballadores contratados ó abeiro deste programa durante un período mínimo de 3 anos.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reuni-los requisitos do traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ó órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 10 días seguintes á substitución. Esta

nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda de fomento da contratación indefinida.

Esta obriga manterase durante tres anos desde a data de realización do contrato indefinido obxecto de subvención.

5. Non modifica-la composición da estructura do cadro de persoal da empresa en Galicia, nunha diminución substantiva da taxa de estabilidade acadada, nin minora-la media de traballadores fixos, durante, polo menos, 3 anos desde o último mes de execución do plan.

6. Co fin de garanti-lo cumprimento do anterior, as empresas beneficiarias deberán presentar no último trimestre de cada ano e durante os tres anos seguintes ó de execución do plan, unha declaración da media de traballadores fixos e temporais no conxunto dos centros de traballo en Galicia nun período de 12 meses contados desde o último mes de execución do plan, así como o TC2 correspondente ó mes equivalente ó último mes de execución do plan.

Artigo 16º.-Modificacións da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente a súa revogación.

Artigo 17º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 18º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Fomento do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Terceira.-Ó abeiro desta orde só poderán ser obxecto de subvención as contratacións indefinidas, iniciais ou por transformación de contratos temporais, realizadas entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2001 con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral que o 30 de setembro de 2001 acaden os niveis de estabilidade esixidos nesta orde.

Non obstante o anterior, no suposto de plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, en niveis superiores ós mínimos previstos nesta orde, que prevexan un prazo de execución posterior ó 30 de setembro de 2001, as contratacións indefinidas realizadas despois da dita data poderán ser obxecto de subvención ó abeiro das ordes de convocatoria do exercicio orzamentario seguinte, sempre que se dea continuidade ó programa no marco das políticas activas de emprego.

Cuarta.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, e no director xeral de Fomento do Emprego, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Quinta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global o crédito asignado nas aplicacións 14.04.241B.475.0 e 14.04.241A.473.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 fixado na exposición de motivos desta disposición.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude