Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 04 de maio de 2001 Páx. 6.020

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 25 de abril de 2001 pola que se establece unha liña de axuda para fomenta-lo control integrado dos patóxenos dos cultivos a través de agrupacións para tratamentos integrados en agricultura (Atrias).

As condicións específicas de climatoloxía e diversidade de cultivos e a estructura que os predios presentan, xeralmente de dimensións pequenas, son factores que inciden en gran medida na problemática que a sanidade vexetal acusa dentro da agricultura galega e que dificulta o labor de control dos fitopatóxenos.

A loita eficaz contra os axentes prexudiciais dos cultivos require a coordinación das accións que se realicen nas zonas afectadas, promocionando a formación de asociacións de agricultores que, mediante o establecemento de redes de seguimento de parasitos, efectúen as oportunas estimacións de risco para a determinación do momento adecuado para levar a cabo as actuacións conxuntas da loita.

A presente convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 da Lei de réxime financieiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó establecido na Lei 4/2000, do 27 decembro, de orzamentos previstos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

En consecuencia, de acordo co establecido no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, modificada pola Lei 11/1998, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxectivo e finalidade.

Establécese unha liña de axudas para fomenta-lo control integrado contra as pragas e enfermidades e a loita en común, mediante a constitución de asociacións para tratamentos integrados en agricultura (Atrias) que teñan por finalidade aplicar nun cultivo ou grupo de cultivos asociados, en razón das rotacións anuais da zona, as técnicas de loita integrada.

As actuacións para a aplicación das técnicas de loita integrada oriéntase a estudiar:

-A fenoloxía do cultivo.

-Bioecoloxía das pragas e fauna útil.

-Métodos de tratamento máis rendibles e menos lesivos para o ecosistema.

-Axuste de umbrais económicos de tolerancia das pragas e enfermidades.

Artigo 2º.-Condicións.

Para poder acceder ás axudas previstas nesta orde, as Atrias deberán reuni-los seguintes requisitos:

1. Constituírse dentro do seo de calquera das entidades con personalidade xurídica que poidan ter capacidade de contratación.

2. Deberán ser constituídas por un número mínimo de 10 agricultores, que integren unha superficie

mínima suficiente para a mellor eficacia das técnicas de loita que van aplicar, e para que resulte económico o mantemento do técnico e demais equipamento utilizado pola asociación.

3. Os agricultores subscribirán un regulamento de réxime interno, no que se exprese a aceptación das condicións que se establecen para cada cultivo ou grupo de cultivos asociados, e a decisión de constituír unha Atria. Así mesmo, indicaranse as superficies de cultivo proporcionadas por cada un dos membros, xunto co ámbito de actuación sinalado por escrito e un mapa que delimite as zonas.

4. Constituirase unha xunta xestora que rexerá a devandita Atria, formada, como mínimo, por un presidente un secretario e un tesoureiro.

5. Elaboración dun programa técnico quinquenal, que se desenvolverá anualmente e que conterá como mínimo:

a) Unha memoria na que se recollan os datos xerais da entidade agraria.

b) Un mapa de situación e ámbito de actuación do programa.

c) Cultivos ós que afecta o programa, hectáreas totais, superficie por socio e fitopatóxenos que inciden nos cultivos.

d) Tipo de actuacións que se levaran a cabo para o control dos organismos nocivos, indicando o equipo que se vai empregar para o seguimento e evolución dos fitopatóxenos.

e) Actividades que vai desenvolver, co obxectivo de capacitar e asesora-los asociados participantes no programa:

-Reunións do grupo e cursiños que vai impartir, calendario e número de asistentes.

-Visitas de asesoramento a explotacións: número e calendario.

-Demostracións de novas técnicas e métodos: calendario.

-Programas fitosanitarios experimentais de investigación de interese xeral: obxectivos.

-Publicacións e material divulgativo: títulos e número.

-Actividades que vai desenvolver en colaboración coas estacións de avisos de detección de risco de pragas e enfermidades da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

-Outras actividades de interese: descrición e número.

6. Subscribir un contrato laboral a tempo total co técnico que dirixirá a loita contra as pragas nos cultivos que agrupa a Atria. O técnico deberá estar en posesión do título de enxeñeiro agrónomo ou enxeñeiro técnico agrícola. No caso de programas para cultivos forestais se admitiran as titulacións de enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal.

O técnico seguirá as directrices marcadas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria á que deberá presentar, a través do presidente da agrupación, un informe anual dos traballos efectuados e dos resultados técnicos conseguidos.

Artigo 3º.-Clase e cuantía das axudas.

As subvencións e auxilios ás que poden accede-las Atrias son as seguintes:

a) Subvención que se destinará ó pagamento dos soldos dos técnicos contratados polas agrupacións para elaborar e dirixi-lo programa de control integrado dos cultivos, e que se fixará anualmente como dispón o artigo 7 da Orde do 17 de novembro de 1989, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Esta axuda na actualidade de ata 1.800.000 pesetas por Atria, poderá complementarse ata chegar o 70% do custo do contrato por Atria naqueles casos nos que estea xustificado, xa sexa pola pequena superficie da explotación individual, ou o excesivo número de parcelas dos propietarios, ou ben pola escaseza de recursos das agrupacións consecuencia da estructura productiva do sector.

b) Subvención daquelas técnicas de control que poidan achegar unha innovación e mellora nas técnicas de loita integrada contra os organismos nocivos dos cultivos do programa. Esta axuda poderá alcanzar un máximo de 125.000 pesetas por agrupación.

Artigo 4º.-Prioridades.

1. Dentro das Atrias en funcionamiento ou as entidades solicitantes terán prioridade na aprobación das subvencións aquelas que teñan contratado un técnico que reúna algún dos seguintes requisitos:

a) Maior de 25 anos de idade e que leve máis de 12 meses de paro.

b) Menor de 25 anos de idade.

2. Así mesmo, terán preferencia aquelas asociacións que teñan desenvolvido programas de defensa sanitaria dos cultivos, aprobados pola consellería durante un ano como mínimo.

Artigo 5º.-Presentación.

As solicitudes, segundo modelo do anexo I, e dos documentos que xustifiquen que se cumpren os requisitos esixidos no artigo 2º, e se é o caso, do artigo 4º desta orde, presentaranse, preferentemente nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, podendo, non obstante, presentarse en calquera das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

O programa técnico que se vai desenvolver presentarase en aplicación Microsoft Word, soporte informático (disquetes de 3œ polgadas de alta densidade) e en papel.

As solicitudes deberán renovarse anualmente acompañándoas das incidencias que se producisen, respecto dos requisitos esixidos no artigo 2º desta orde.

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación das solicitudes rematará, ós 30 días hábiles, contados dende o seguinte á publicación desta orde.

Artigo 7º.-Aprobación.

A aprobación da subvención farase seguindo os criterios técnicos e de interese do programa pre

sentado, atendendo á maior repercusión deste e ó número de agricultores integrantes da Atria.

A resolución do expediente correpóndelle ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria, nun prazo de 90 días.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase recorrer potestativamente en reposición perante o mesmo órgano que a dictou nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo establecido no artigo 46 da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Outras obrigas dos beneficiarios.

O beneficiario/s terán a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ó Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

No suposto de incumprimento, por parte do beneficiario, das condicións establecidas para a concesión da axuda prevista nesta orde, procederá o reintegro total ou parcial da cantidade percibida.

Artigo 9º.-Xustificación.

A entidade beneficiaria deberá comunicar á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, antes do 31 de outubro de 2001, a realización do programa xuntando con esta a seguinte documentación:

1. Informe do técnico da agrupación, responsable do seguimento do programa, co visto e prace do seu presidente, no que se cuantificarán tódolos datos de interese: numéricos, datas, lugares, etc. para que por parte da administración poida facerse unha avaliación do programa desenvolvido nas actividades inicialmente previstas.

O informe presentarase en papel e soporte informático en aplicación Microsoft Word en disquetes de 3œ polgadas de alta densidade.

2. Certificación de estar ó día das obrigas fiscais e da Seguridade Social.

3. Certificación do organismo oficial responsable, de que a agrupación non teña pendente de pago ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

4. Facturas orixinais ou fotocopias compulsadas xustificativas dos productos fitosanitarios subvencionables utilizados. Só se admitirán os productos adquiridos en establecementos dados de alta no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas.

5. Fotocopias compulsadas xustificativas das nóminas do técnico, así como o boletín de cotización

á Seguridade Social (TC1) e a relación nominal de traballadores (TC2).

6. Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para este mesmo programa, das distintas administracións públicas.

Artigo 10º.-Compatibilidade.

As agrupacións acollidas a esta liña de axudas poderán acollerse ás previstas na orde para o desenvolvemento de programas de defensa sanitaria dos cultivos do ano 2001, agás a correspondente para a contratación de servicios técnicos y técnicas de control de achega innovadora.

Artigo 11º.-Financiamento.

Esta orde financiarase con cargo ó concepto orzamentario 09-03-613.A-772.0, Axudas Atrias, dos

Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 dotados con 39.660.000 pesetas, para esta finalidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las normas precisas para a aplicación da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria