Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 04 de maio de 2001 Páx. 6.008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 20 de abril de 2001 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados productos lácteos, así como a súa convocatoria para o ano 2001.

O Regulamento (CE) nº 1255/1999, do Consello, do 17 de maio, establece a organización común de mercados no sector do leite e dos productos lácteos e o seu artigo 14 dispón que se concederá unha axuda comunitaria para a subministración ós alum

nos de centros escolares de determinados productos lácteos transformados, cabendo a posibilidade de que os estados membros concedan unha axuda nacional complementaria da anterior.

Ademais, o Regulamento (CE) 2707/2000, da Comisión, do 11 de decembro, establece as modalidades de aplicación do regulamento anterior, no relativo á concesión da axuda comunitaria para a subministración de leite e de determinados productos lácteos ós alumnos de centros escolares.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), e o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que o desenvolve, correspóndelle a este, entre outras funcións, a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en relación coas accións derivadas da política agrícola común (PAC) e para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados, na Comunidade Autónoma de Galicia como, neste caso, a concesión das axudas comunitarias para a subministración de determinados productos lácteos ós alumnos de centros escolares.

Con base no anterior, a presente orde establece as bases reguladoras do programa de leite escolar nesta Comunidade Autónoma, acompañadas da convocatoria das ditas axudas comunitarias para o ano 2001, de conformidade co previsto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia, redactado segundo a Lei 8/1999, do 30 de decembro, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establecer, na Comunidade Autónoma de Galicia, as bases reguladoras dun programa de leite escolar, consistente na concesión das axudas comunitarias para a subministración ós alumnos de centros escolares dos productos lácteos transformados previstos no anexo I da presente orde, de conformidade co previsto no artigo 14.1º do Regulamento (CE) nº 1255/1999, do Consello, do 17 de maio e no Regulamento (CE) 2707/2000, da Comisión, do 11 de decembro.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

2.1. Serán beneficiarios desta axuda os alumnos que asistan regularmente ós centros escolares recoñecidos oficialmente pola autoridade competente, dos seguintes niveis de ensinanza regulada, segundo a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo:

a) Educación infantil, incluídos os xardíns de infancia ou outros establecementos de educación preescolar, legalmente recoñecidos.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria, comprensiva da educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio.

d) Educación especial, recollida no capítulo V da L.O. 1/1990.

2.2. As axudas outorgaranse para os períodos de desenvolvemento do curso escolar, e non se concederán para estancias dos alumnos en colonias de vacacións organizadas polos centros escolares ou entidade responsable da organización.

Artigo 3º.-Productos lácteos subvencionables e prohibicións.

3.1. A axuda concederase, exclusivamente, para os productos lácteos transformados, previstos no anexo I desta orde, consumidos nas dependencias do establecemento escolar.

3.2. Non se poderá utiliza-los productos obxecto de subvención na confección de comidas, en tanto non se dispoña, polo Estado español, de autorización da Comisión Europea, nos termos previstos no artigo 3.2º do Regulamento 2707/2000.

3.3. Ademais, prohíbese a utilización dos productos obxecto de subvención no servicio de cafetería dos centros escolares, así como a súa subministración nos ditos centros a través de catering, cociñas centrais, comedores colectivos, residencias de estudiantes ou outros establecementos e sistemas semellantes.

3.4. Non obstante o previsto no punto anterior, será posible o servicio dos ditos productos nos comedores de centros escolares, sempre que, para cada curso escolar, se presenten as dúas certificacións previstas nos anexos III (certificación de compromisos do centro escolar) e IV (certificación de datos do centro escolar), debidamente cubertas, cuñadas e asinadas polo responsable do centro escolar.

Artigo 4º.-Contía da axuda.

4.1. O importe da axuda, por cada 100 kg de productos da categoría correspondente, segundo o previsto no anexo I da presente orde, será o seguinte:

CategoríaImporte (en euros)

I23,24

II21,82

III17,58

IV16,17

V13,34

VI69,72

VII177,79

4.2. Non obstante o anterior, no suposto de que a axuda sexa superior ó prezo de venda aplicado polo provedor con anterioridade á deducción da axuda, esta minorarase, de xeito que se garanta que non supere o prezo do producto en cuestión.

4.3. No caso de que as cantidades de productos subministrados se expresen en litros, a súa conversión en quilogramos efectuarase mediante a aplicación dun coeficiente de 1,03.

4.4. Coa finalidade de que a axuda repercuta directamente nos alumnos dos establecementos escolares,

a respectiva orde de convocatoria das axudas fixará, para cada curso escolar, o prezo máximo que deberá paga-lo alumno para os diferentes productos subvencionables, de acordo co custo medio da materia prima e as modificacións que, se é o caso, se produzan na contía da axuda.

Artigo 5º.-Cantidade máxima subvencionable e a súa aplicación.

5.1. A axuda concederase pola cantidade máxima global de 0,25 litros por alumno e día lectivo. Na aplicación da dita cantidade máxima, teranse en conta as cantidades globais de productos lácteos susceptibles de axuda durante o período para o que se solicitara a axuda, así como o número de alumnos matriculados no centro escolar correspondente.

5.2. No caso dos productos das categorías VI e VII, previstas no anexo I, o cálculo sinalado no punto anterior, efectuarase con base nas cantidades seguintes:

a) 100 kg de productos da categoría VI consideraranse equivalentes a 300 kg de leite enteiro.

b) 100 kg de productos da categoría VII consideraranse equivalentes a 765 kg de leite enteiro.

Artigo 6º.-Autorización como provedor dos productos subvencionados.

6.1. Todo novo provedor que queira participar no réxime das axudas previstas na presente orde, deberá estar previamente autorizado polo Ilgga, con excepción do xa autorizado, a nivel estatal, polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) por excede-lo seu ámbito de actuación o territorio desta Comunidade Autónoma.

6.2. A solicitude de autorización efectuarase segundo o modelo que figura no anexo II, asumindo o provedor os compromisos que se indican no devandito modelo, e presentarase na forma prevista no artigo 8º.1 desta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria técnica das instalacións de producción, distribución e/ou almacenamento.

b) Certificación da inscrición no Rexistro sanitario de alimentos.

6.3. O servicio provincial correspondente, á vista da solicitude e documentación presentadas, e logo da constatación de que o solicitante se atopa inscrito no Rexistro de Industrias Agrarias e Alimentarias, elevará, a través da Delegación Provincial do Ilgga, a oportuna proposta ó director do Instituto, para que este resolva sobre a solicitude de autorización, no prazo de tres meses dende que tivo entrada naquel servicio provincial.

6.4. A autorización poderá ser suspendida, por un período dun a doce meses, ou retirada polo director do Ilgga en calquera momento, atendendo á gravidade da infracción, por incumprimento dalgún dos compromisos asumidos polo provedor autorizado ou pola existencia das irregularidades previstas no artigo 10º da presente orde, logo de ponderación das circunstancias que concorran en cada caso. No suposto de retirada, transcorrido un período mínimo de, alomenos, seis meses, poderá concederse unha

nova autorización, por instancia do provedor, logo de valoración dos antecedentes que motivaron a retirada da anterior.

6.5. Respecto das autorizacións concedidas polo FEGA a nivel estatal, o Ilgga, nos casos en que proceda, elevarará ante o dito organismo proposta de suspensión ou retirada da autorización.

Artigo 7º.-Presentación de datos.

7.1. Entre os días un e quince, ámbolos dous incluídos, do mes anterior ó inicio do servicio ó centro escolar, os provedores autorizados presentarán, no respectivo servicio provincial do Ilgga, unha relación na que figuren os datos correspondentes ós centros escolares e os productos que se subministrarán en cada centro, axustada ó modelo do anexo V, acompañada da certificación de compromisos e de datos do centro, de acordo cos modelos dos anexos III e IV.

7.2. Entre o día dezaseis e o último do mes anterior ó inicio do servicio, o respectivo servicio provincial do Instituto autorizará, se procede, o comezo da subministración ós centros escolares.

Artigo 8º.-Solicitude de pagamento da axuda.

8.1. As solicitudes de pagamento da axuda, debidamente asinadas, serán formalizadas polo provedor autorizado, de acordo cos modelos previstos nos anexos VI e VII da presente orde, e presentaranse nos servicios provinciais do Ilgga, ou por calquera dos modos previstos no artículo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

8.2. O prazo de presentación das solicitudes rematará o último día do cuarto mes seguinte ó da subministración dos productos. Non obstante, admitiranse as solicitudes presentadas no quinto e sexto mes seguinte, reducíndose, nestes casos, o seu importe nun 5%, se o retraso é inferior a un mes, e nun 10%, nos demais casos.

8.3. Ás solicitudes de axudas achegaránselle-los xustificantes, orixinal ou copia compulsada, das correspondentes facturas, que reflectirán, por separado, o custo total de cada producto subvencionado (base impoñible máis IVE), e o importe da axuda, así como proba do seu pagamento. Ademais, presentarase un certificado ou recibo do centro escolar das cantidades efectivamente subministradas.

Artigo 9º.-Controis.

9.1. O Ilgga realizará inspeccións periódicas aleatorias, tanto ós provedores como ós centros escolares, co obxectivo de comproba-la correcta aplicación do programa de leite escolar previsto na presente orde. Para tal efecto, serán obxecto de control:

a) A calidade dos productos subministrados.

b) A etiquetaxe individualizada de cada envase.

c) Se é o caso, a non utilización dos productos na confección das comidas.

d) A distribución correcta (lugar, horario, forma, repartidor, producto, etc.) a tódolos alumnos participantes.

e) A observancia dos prezos máximos vixentes.

f) A observancia das cantidades máximas consumidas por cada alumno.

g) A contabilidade específica para o presente programa.

h) A comprobación da facturación en relación coa solicitude de pagamento da axuda.

i) Calquera outro aspecto necesario para determinar que a axuda repercute directamente en beneficio dos alumnos.

j) E en xeral, a utilización dos productos subvencionados de conformidade coas disposicións vixentes.

9.2. Os controis e inspeccións serán realizados por funcionarios do Ilgga debidamente autorizados, que redactarán a correspondente acta de inspección, na que constarán, con claridade e detalle, as posibles irregularidades detectadas.

Artigo 10º.-Irregularidades e consecuencias.

10.1. A existencia de irregularidades na calidade dos productos subministrados, na súa etiquetaxe e/ou envasamento, ou na súa distribución correcta a tódolos alumnos participantes (lugar, horario, forma, distribuidor e producto); ou a utilización dos productos durante a estadía dos alumnos en colonias de vacacións, o incumprimento dos prezos máximos vixentes, a superación das cantidades máximas de consumo por alumno e día lectivo, os erros cometidos na facturación e/ou na contabilidade, a falsidade de datos, a desviación dos productos do seu destino e, en xeral, calquera impedimento, total ou parcial, a que a axuda repercuta directamente en beneficio dos alumnos, poderá implica-la suspensión ou retirada da autorización como provedor, ou, se é o caso, a proposta de suspensión ou retirada, de acordo co previsto nos puntos 4 e 5 do artigo 6º desta orde, sen prexuízo das responsabilidades de calquera orde nas que puideran incorre-los responsables do centro escolar e o provedor.

10.2. Sen prexuízo do anterior, a existencia de calquera irregularidade na execución do programa de leite escolar previsto na presente orde, poderá dar lugar á denegación ou minoración da axuda solicitada polo provedor.

10.3. As medidas previstas nos dous puntos anteriores non se aplicarán nos supostos de forza maior, así como nos casos en que se determine que as irregularidades non se cometeron deliberadamente ou por neglixencia, sen prexuízo dos apercibimentos e inspeccións que correspondan.

Artigo 11º.-Tramitación e resolución das solicitudes de axuda.

11.1. Efectuados os controis pertinentes, os servicios provinciais do Ilgga elevarán a oportuna proposta, a través da delegación provincial do Ilgga, ó director do Instituto sobre as solicitudes presentadas, para que este dicte a correspondente resolución.

11.2. O prazo máximo de resolución e pagamento das axudas será de catro meses desde que a soli

citude de axuda tivo entrada no servicio provincial do Ilgga.

11.3. A falta de resolución expresa no prazo anterior, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

12.1. Toda alteración das condiciones tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

12.2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 12º.2 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º.-Reintegro da axuda.

Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda concedida ou procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda prevista na presente orde, cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14º.-Recursos administrativos.

Contra as resolucións dictadas, en aplicación da presente orde, polo director do Ilgga, poderase interpoñer recurso de alzada ante o presidente do dito Instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificados pola Lei 4/1999, do 13 do xaneiro.

Artigo 15º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos correspondentes do Ilgga, os beneficiarios das axudas do programa de leite escolar teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio da súas funciones de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para a concesión das axudas previstas na presente orde, no presente ano, existe crédito axeitado e de abondo, con cargo ós orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para o ano 2001, na aplicación orzamentaria 09.60.614A.779, do orzamento de gastos do Ilgga, por importe de 120.000.000 de pesetas.

A aplicación orzamentaria e a contía da axuda para ulteriores exercicios determinarase na respectiva convocatoria, de acordo coa lei de orzamentaria da Comunidade Atuónoma de Galicia para o respectivo exercicio.

Segunda.-Sen prexuízo do previsto no artigo 10º da presente orde, seralles de aplicación ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, de acordo co procedemento previsto no capítulo VII do Decreto 287/2000.

Terceira.-Os provedores xa autorizados pola anterior Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, pola actual Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, ou pola Dirección do Ilgga, poderán participar no réxime das axudas previstas na presente orde da mesma forma que os novos provedores autorizados conforme o artigo 6º. En todo caso, a retirada ou proposta de retirada da autorización, á que se refiren os puntos 4 e 5 do devandito artigo, será da competencia do director do Ilgga.

Cuarta.-Para o curso escolar 2000/2001, os prezos máximos, sen IVE, que deberá paga-lo alumno para os diferentes productos subvencionables, en aplicación do previsto no artigo 4º.4 da presente orde, serán os seguintes:

Categoría

(anexo I)

Capacidade/

envases

Prezo

ptas./kg

Capacidade/

envases

Prezo

ptas./kg

I-a1 litro600,20 litros80

I-b1 litro1200,20 litros160

I-c0,125 litros1600,250 litros150

II-a1 litro560,20 litros76

II-b1 litro1200,20 litros160

III-a1 litro560,20 litros76

III-b1 litro1100,20 litros150

III-c0,125 litros1600,250 litros150

IV-a1 litro480,20 litros68

IV-b1 litro1200,20 litros160

V-a1 litro520,20 litros72

V-b1 litro1050,20 litros145

V-c0,125 litros1500,250 litros140

VI290

VII520

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 13 de abril de 2000, pola que se instrumenta na Comunidade Autónoma de Galicia a axuda ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados productos lácteos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia para dicta-las instruccións axeitadas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agrolaiemntaria

ANEXO I

Productos obxecto da axuda comunitaria

1. Os productos que poderán beneficiarse da axuda comunitaria, de acordo co anexo do do Regulamento (CE) 2707/2000, en relación co artigo 14.1º do Regulamento (CE) 1255/1999, serán:

1.1. Categoría I.

a) Leite enteiro tratado termicamente.

b) Leite enteiro achocolatado ou aromatizado, tratado termicamente, que conteña un mínimo do 90% en peso do leite enteiro.

c) Iogur de leite enteiro.

1.2. Categoría II.

a) Leite tratado termicamente cun contido en graxa dun mínimo dun 3%.

b) Leite achocolatado ou aromatizado, tratado termicamente, que conteña un mínimo do 90% en peso do leite previsto no punto anterior II.a).

1.3. Categoría III.

a) Leite semidestonado tratado termicamente.

b) Leite semidestonado achocolatado ou aromatizado tratado termicamente, que conteña un mínimo do 90% en peso de leite semidestonado.

c) Iogur de leite semidestonado.

1.4. Categoría IV.

a) Leite tratado termicamente cun contido en graxa dun mínimo dun 1%.

b) Leite achocolatado ou aromatizado, tratado termicamente, que conteña un mínimo do 90% en peso de leite previsto no punto anterior IV.a).

1.5. Categoría V.

a) Leite destonado tratado termicamente.

b) Leite destonado achocolatado ou aromatizado tratado termicamente, que conteña un mínimo do 90% en peso de leite destonado.

c) Iogur de leite destonado.

1.6. Categoría VI.

Queixos frescos e queixos fundidos cunha porcentaxe de graxa en peso de materia seca igual ou superior ó 40%.

1.7. Categoría VII.

Os demais queixos cunha porcentaxe de graxa en peso de materia seca igual ou superior ó 45%.