Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 26 de abril de 2001 Páx. 5.568

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2001 pola que se publica o orzamento da Universidade de Santiago de Compostela para 2001.

Aprobado polo Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela o orzamento da universidade para o ano 2001,

Este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 75 dos estatutos da universidade, resolve publica-lo acordo do Consello Social, así como as súas bases de execución.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2001.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

Orzamento da Universidade de Santiago de Compostela para o ano 2001

En virtude do disposto no artigo 54 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, e no artigo 152 dos estatutos da universidade, por esta norma apróbanse os orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela para o exercicio 2001, que acadan a contía inicial en ingresos e gastos de vinteseis mil seiscentos trinta e cinco millóns setecentas dezasete mil pesetas.

1. Clasificación económica.

Ingresos: 26.635.717.000 pesetas.

Capítulo III.

Prezos públicos e outros ingresos: 6.061.327.000 pesetas.

Capítulo IV.

Transferencias correntes: 16.056.170.000 pesetas.

Capítulo V.

Ingresos patrimoniais: 80.000.000 de pesetas.

Capítulo VI.

Alleamento de investimentos reais: 1.000.000.000 de pesetas.

Capítulo VII.

Transferencias de capital: 3.438.220.000 pesetas.

Gastos: 26.635.717.000 pesetas.

Capítulo I.

Retribucións de persoal: 15.940.670.000 pesetas.

Capítulo II.

Gastos en bens correntes e servicios: 3.114.773.000 pesetas.

Capítulo III.

Gastos financeiros: 53.000.000 de pesetas.

Capítulo IV.

Transferencias correntes: 611.000.000 de pesetas.

Capítulo VI.

Investimentos reais: 6.807.664.000 pesetas.

Capítulo VIII.

Variación de activos financeiros: 76.160.000 pesetas.

Capítulo IX.

Variación de pasivos financeiros: 32.450.000 pesetas.

2. Normas de execución do orzamento.

Dos gastos de persoal

Artigo 1º

1. As retribucións do persoal activo ó servicio da universidade quedan suxeitas ó que, nesta materia, dispón a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma galega. Os incrementos retributivos do persoal laboral deberán ser autorizados pola Comunidade Autónoma, segundo a lei orzamentaria.

2. Os custos do persoal laboral eventual contratado para substituí-lo persoal funcionario ou laboral de administración e servicios serán financiados con cargo ós créditos dos correspondentes cadros de persoal.

3. Cando se produzan baixas definitivas nas escalas a extinguir dos cadros de persoal de administración e servicios funcionario ou laboral, procederase ó reaxuste dos cadros de persoal correspondentes e, no próximo exercicio, dos créditos a eles asignados. O custo de persoal funcionario de administración e servicios minórase polo importe das prazas ocupadas por persoal laboral a extinguir e increméntase na mesma contía o cadro de persoal laboral.

4. Poderase xerar crédito no capítulo I para gastos de persoal con motivo da prestación de servicios financiados con prezos. Os gastos deste persoal, incluídas as cotas sociais, non poderán supera-los ingresos.

5. A xerencia determinará os gastos de persoal que deban ser cofinanciados entre distintas partidas do orzamento e emitirá os cargos internos correspondentes.

6. Constitúese un fondo para ampliación e mellora de 115.000.000 de pesetas na partida orzamentaria 8125 3000 12200 ampliación e mellora, dos que 65 millóns corresponden a persoal docente e 50 millóns a PAS. A dotación deste fondo corresponde ó gasto total da mellora que se aprobe durante o ano 2001.

7. Terán a consideración de créditos ampliables os créditos para o pagamento dos gastos de mérito docente, productividade investigadora, trienios e Seguridade Social.

8. Autorízase a incorporación dos remanentes do capítulo I polo importe das retribucións e demais gastos de persoal con dereito a percepción durante 2001 e que non foran liquidados no exercicio.

9. Autorízase na data de cerramento do exercicio efectua-las xeracións e ampliacións de crédito establecidas nos artigos anteriores.

10. Inclúense no capítulo I os créditos destinados ó financiamento dos plans de formación do persoal de administración e servicios, así como os correspondentes á achega da universidade ó plan de pensións do persoal.

11. O Servicio de Planificación e Programación Docente e Persoal Docente e Investigador e o Servicio de Planificación e Programación de PAS deberán efectuar trimestralmente o control orzamentario das partidas e categorías correspondentes.

Dos créditos e as súas modificacións

Artigo 2º

1. Os créditos autorizados teñen carácter vinculante e limitativo no nivel de concepto. Sen embargo, os créditos destinados a gastos de persoal terán carácter vinculante no nivel de capítulo, agás o artigo 15 (gratificacións e productividade). Os investimentos reais, activos e pasivos financeiros terán carácter vinculante no nivel de artigo. Os gastos en bens correntes e servicios terán carácter vinculante no nivel de capítulo agás o concepto 212 que non poderá ser minorado, aínda que mediante redistribución de créditos do capítulo II dos centros poderá ser incrementado, logo de comunicación ó Servicio de Contabilidade e Orzamentos.

2. Con carácter xeral terán carácter vinculante os créditos con financiamento específico e, no nivel de subconcepto, as subvencións nominativas.

3. Non se poderán adquirir compromisos de gastos por contía superior ó importe dos créditos autorizados no estado de gastos e serán nulos de pleno dereito os actos administrativos e as disposicións xerais que infrinxan esta norma, sen prexuízo das responsabilidades que correspondan.

4. Os créditos asignados pola Xunta de Goberno e o Consello Social ás facultades, escola politécnica superior e escolas universitarias terán por finalidade financia-los gastos da docencia, así como tamén aqueles gastos que son necesarios para o funcionamento ordinario do centro.

5. Os créditos distribuídos ós departamentos teñen como primeiro obxectivo atende-los gastos derivados da investigación que se faga neles e deberán financiar, ademais, outros gastos asociados ó seu funcionamento ordinario.

6. Non se poderá contratar persoal ou nomear bolseiros con cargo ós créditos dos departamentos.

7. As partidas orzamentarias do orzamento para o ano 2001 preséntanse de acordo coas clasificacións económica, funcional e orgánica, sen establecer vinculacións xurídicas dentro da clasificación funcional.

8. Neste exercicio os responsables de Asuntos Económicos deberán, como no exercicio anterior, face-las retencións de crédito e sucesivos axustes dos gastos correspondentes ás nóminas de persoal investigador (investigadores, bolseiros, PAS...) conforme lles sexa comunicado polo CITT e o Vicerrectorado de Investigación. Desta retención deberán enviar copia ó Servicio de Contabilidade e Orzamentos.

9. Os gastos de reparación e mantemento de edificios que sexan inferiores a 200.000 pesetas deberán financiarse con cargo ó crédito descentralizado ós centros para esa finalidade.

10. Autorízase o vicerrector de Asuntos Económicos a executa-los axustes de créditos que procedan como consecuencia das desviacións que se poidan producir entre o orzamento prorrogado e o orzamento que aproba esta resolución.

Artigo 3º

A Xunta de Centro e o Consello do Departamento teñen a obriga de aproba-la distribución anual dos seus créditos así como a súa execución.

Artigo 4º

1. A modificación dos créditos orzamentarios axustarase ó disposto no artigo 55 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, no artigo 156 dos estatutos da Universidade de Santiago e normas que o desenvolven e a estas bases.

2. O Consello Social delega na Xunta de Goberno a aprobación de suplementos de crédito e créditos extraordinarios cando estes correspondan a expedientes con financiamento específico achegado por outros entes públicos ou privados. O rector dará conta ó Consello Social dos expedientes aprobados.

3. O rector poderá autoriza-las transferencias de crédito entre os capítulos de gastos correntes e de gastos correntes a gastos de capital, sempre e cando:

a) O gasto corrente figure orzado no capítulo II, III ou IV.

b) O importe da transferencia non exceda de 5 millóns de pesetas.

4. Poderán xerar crédito nos estados de gastos do orzamento da universidade os ingresos liquidados

que superen a previsión de ingresos orzada, derivados das seguintes operacións:

a) Prestacións de servicios.

b) Achegas de persoas naturais ou xurídicas para financiar gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins ou obxectivos da universidade.

5. Correspóndelle ó rector a aprobación dos expedientes de xeración de crédito.

Artigo 5º

1. O rector poderá determinar, por iniciativa do director do centro de gasto correspondente, a imputación a créditos do exercicio corrente de obrigas xeradas en exercicios anteriores, como consecuencia de compromisos adquiridos, de conformidade co ordenamento, para os que existise crédito dispoñible no exercicio de procedencia.

2. A facturación por cargos internos, os documentos de gasto pagados con cargo á conta de anticipos por xustificar correspondentes a exercicios anteriores, así como as indemnizacións por razón do servicio pendentes no momento do cerramento do exercicio imputaranse ó exercicio corrente sen o trámite establecido no parágrafo anterior ó non existir obriga con terceiros e estar só pendente de contabilización ou tratarse de gastos de persoal.

Artigo 6º

1. Son remanentes específicos os créditos non obrigados a 31 de decembro, correspondentes a infraestructura, proxectos e convenios de investigación, prácticas de campo, cursos e os créditos financiados con achegas específicas.

2. Só poderán ser obxecto de incorporación ó exercicio seguinte os créditos do capítulo IV con financiamento específico.

3. A incorporación destes créditos deberá autorizala o rector, que dará conta á Xunta de Goberno e ó Consello Social dos expedientes aprobados.

4. O financiamento de créditos no estado de gastos con cargo ó remanente xenérico de tesourería será aprobado pola Xunta de Goberno.

5. A incorporación de remanentes de crédito correspondentes a departamentos e outras operacións de capital será autorizada polo rector, logo da remisión dos plans de investimento propostos polos órganos dos centros e departamentos.

6. Os remanentes de crédito de proxectos, convenios, cursos, infraestructuras e congresos e similares existentes a 31-12-2001 e que se correspondan con actividades finalizadas con anterioridade ó 31-12-2000 poderán ser anulados.

Da contratación administrativa

Artigo 7º

1. Serán de aplicación para o exercicio 2001 a Lei de contratos das administracións públicas e as disposicións que a desenvolvan e o Regulamento de contratación da Universidade de Santiago de Compostela aprobado pola Xunta de Goberno e o Consello Social.

2. Procederá poñer en coñecemento do Servicio de Xestión Económica todos aqueles gastos para os que, con independencia da súa contía, se considere procedente a sinatura de contrato.

3. Constitúese un fondo de dotación artística mediante redistribución dos créditos para obras do orzamento da universidade polo importe do 1% do custo de execución material dos proxectos de obras.

Disposición adicional

Autorízase a xerente da universidade a que dicte as instruccións necesarias para a adaptación e o desenvolvemento das normas de execución do orzamento.

Disposición derradeira

Estas normas entrarán en vigor o día seguinte ó da aprobación definitiva do orzamento polo Consello Social, sen prexuízo de que a súa executividade se entenda a partir do 1 de xaneiro de 2001.