Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 26 de abril de 2001 Páx. 5.567

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO LÁCTEO E GANDEIRO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2001 pola que se fai pública a delegación de determinadas funcións na Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

Ó abeiro do disposto no Decreto 93/1998, do 20 de marzo, que modifica o Decreto 359/1996, do 13 de setembro, polo que se constitúe o organismo pagador dos gastos relacionados co Feoga-Garantía na Comunidade Autónoma de Galicia, o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia é organismo pagador dos anteditos gastos e, polo tanto, segundo o disposto no Regulamento (CE) 1663/1995, da Comisión, do 7 de xullo, correspóndelle o exercicio das tres fases da xestión das axudas, é dicir, a autorización, execución e contabilización dos pagamentos.

Non obstante, segundo o disposto no punto 4º do anexo do devandito regulamento comunitario, modificado polo Regulamento (CE) 2245/1999, as funcións de autorización do pagamento e o servicio técnico, entre outras, poden ser delegadas noutros órganos, sempre que se cumpran os requisitos nel establecidos.

Despois da distribución de competencias producida polo Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, no que se establecen as estructuras orgánicas da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, así como do propio Instituto, modificado por última vez polo Decreto 180/2000, do 22 de xuño, a este organismo autónomo compételle a execución das actuacións derivadas da aplicación da reforma da política agrícola común, incluso das medidas de acompañamento, en consonancia co xa disposto na súa norma de creación, a Lei 7/1994, do 29 de decembro.

Deste xeito, ó director do instituto correspóndelle, entre outras funcións, ó abeiro do disposto no artigo 14 do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, en relación co artigo 4.1º do Decreto 359/1996, na redacción dada a este polo Decreto 93/1998, as de execución orzamentaria e a autorización dos pagamentos, así como o exercicio de tódalas facultades non encomendadas pola normativa reguladora do dito organismo ó Consello de Dirección ou ó seu presidente.

As medidas para a reestructuración e reconversión do viñedo recóllense no Regulamento (CE) 1493/1999, do Consello, do 19 de maio, así como no Regulamento (CE), da Comisión, 1227/2000, do 31 de maio, que desenvolve o anterior. Así mesmo, o Real decreto 1472/2000, do 4 de agosto, regula as anteditas medidas, atribuíndolle a competencia para a súa xestión ás CC. AA., ó seren financiadas con fondos Feoga-Garantía.

Pola súa vez, por orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 5 de setembro de 2000, regúlase o procedemento para a presentación de solicitudes, tramitación e concesión das correspondentes axudas para o devandito programa de reestructuración e reconversión do viñedo, a través da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e dos órganos periféricos da consellería dependentes funcionalmente daquela.

Non obstante, por estaren financiadas con créditos Feoga-Garantía, a competencia para a súa xestión é do Ilgga, na súa calidade de organismo pagador dos

anteditos fondos, sen embargo, este non conta con persoal técnico de seu para xestionalas.

Unha das medidas de acompañamento é a dos programas agroambientais, actualmente reguladas no capítulo VI (artigos 22 a 24) do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio, que derroga, entre outros, o Regulamento (CEE) 2078/1992, no que se establecían as anteditas medidas no período de programación anterior.

Para a aplicación das anteditas medidas agroambientais nesta Comunidade Autónoma, anualmente véñense publicando distintas ordes de convocatoria de axudas: nos exercicios de 1996, 97 e 98 unha para as catro medidas e desde entón, unha para cada unha delas.

Destas catro liñas de axuda tan só unha delas, a de conservación da paisaxe nos sistemas extensivos de pastoreo, a xestiona, na súa integridade, o Ilgga. Nas tres restantes, de acordo co disposto nas respectivas ordes de convocatoria, toda a fase de tramitación, previa ó pagamento e contabilización, correspóndelle á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e ós órganos periféricos dependentes funcionalmente dela, polo que parece máis aconsellable que, en diante, agás a xestionada na súa totalidade polo Ilgga, as tres restantes lles competan ós anteditos órganos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Non obstante, a fase de execución e contabilización do pagamento das anteditas catro liñas, no senso que a estes conceptos lle dá o xa citado Regulamento (CE) 1663/1995, seguiralle correspondendo ó Ilgga, ó que lle competerá, tamén, o exercicio das funcións de auditoría interna sobre os distintos órganos xestores daquelas.

A Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común dispón, no seu artigo 13, que se poderá delega-lo exercicio de competencias, entre outros motivos, cando existan circunstancias de índole técnica ou económica que o fagan conveniente.

En función de todo o anterior, aínda que ó Ilgga lle corresponde, en principio, a autorización dos pagamentos das devanditas axudas, ó non dispor dos medios técnicos de seu para xestionalas, convén delega-la súa autorización, incluída a resolución de concesión, no órgano que conta con medios adecuados para a tramitación da antedita fase de autorización do pagamento.

Con base en todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro.-Obxecto e ámbito.

1. Delegar no director xeral de Producción Agropecuaria, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e nos órganos periféricos dependentes funcionalmente daquel, a execución dos seguintes programas:

-Protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos.

-Conservación do contorno paisaxístico e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra.

-Protección de razas autóctonas en perigo de extinción.

-Reestructuración e reconversión do viñedo.

2. A dita delegación comprenderá as seguintes funcións:

-A tramitación e resolución dos expedientes de solicitude das axudas.

-As inherentes ó servicio técnico, é dicir, efectua-la comprobación e controis que sexan necesarios para a verificación dos feitos que serven de base para o pagamento das citadas axudas.

Segundo.-Autorización do pagamento.

A tramitación previa ó pagamento consistirá na determinación da cantidade que lles deberá ser aboada ós beneficiarios, de acordo coa normativa comunitaria que resulte de aplicación e a estatal e autonómica que a desenvolven, para o que os órganos citados no punto primeiro terán que efectua-las seguintes actividades:

-Redactar e ter permanentemente actualizado o preceptivo manual de procedemento para a xestión de cada unha das ditas axudas.

-Comprobar que as solicitudes se presentaron nos prazos establecidos e coa documentación axeitada, así como que cumpren con tódolos requisitos esixidos.

-Efectua-la tramitación orzamentaria, con cargo ó seu orzamento de gastos, e dicta-las oportunas resolucións, de concesión ou denegatorias.

-Propor, se é o caso, o pagamento das axudas, para o que se instará do organismo pagador a solicitude dos fondos necesarios.

Terceiro.-Control interno.

1. O obxectivo das inspeccións e controis encomendados, tanto administrativos como sobre o terreo, será o de verifica-los feitos que sirvan de base para os pagamentos.

2. Ademais das anteriores, o Ilgga poderá demanda-la realización daquelas inspeccións e controis adicionais que se considere necesario, tanto para comproba-la veracidade dos feitos que serven de base para o aboamento da axuda como para o cumprimento de calquera outro dos requisitos esixidos na normativa comunitaria que resulte de aplicación.

Cuarto.-Deber de información.

1. O órgano delegado deberá facilitarlle ó organismo pagador calquera información que lle sexa requirida sobre a xestión das anteditas medidas agroambientais.

2. En especial, o organismo pagador deberá ser cumpridamente informado, como requisito indispensable para efectua-los pagamentos, do modo establecido no punto 4-V) do anexo do Regulamento (CE) 1663/1995, da Comisión, do 7 de xullo, sobre o resultado dos controis e traballos efectuados, xuntando os certificados e soportes documentais precisos, do xeito especificado no manual de execución dos pagamentos con cargo ó Feoga-Garantía.

3. Así mesmo, deberá achegarlle ó Ilgga, do xeito e nos prazos establecidos no manual de procedemento de execución do pagamento, a pertinente información para a contabilización dos pagamentos e dereitos e

a precisa para a xustificación dos pagamentos executados, así como a requirida, periodicamente, polo órgano de coordinación.

Quinto.-Auditoría e control externo.

En todo o que atinxe á execución destas liñas de axuda, os órganos xestores quedarán sometidos á actividade de control do servicio de auditoría interna do organismo pagador, así como á de calquera outro ente ou órgano, autonómico, estatal ou comunitario, con competencias de inspección e control sobre a materia.

Sexto.-Resolución, revogación e avocación.

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución, farán constar, expresamente, esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que a conferiu.

2. En calquera momento o director do Ilgga poderá revogar ou avoca-lo exercicio da competencia que delega por esta resolución.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2001.

Secundino Grobas Mosquera

Director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia