Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 25 de abril de 2001 Páx. 5.481

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de marzo de 2001 pola que se autoriza a inclusión da escola de danza municipal A Fábrica, de Oleiros (A Coruña) no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 39.5º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece que poderán cursarse, en escolas específicas, estudios de música ou danza, que en ningún caso poderán conducir á obtención de títulos con validez académica ou profesional. Así mesmo, a Orde do 11 de marzo de 1993 (DOG do 22 de abril), regula as condicións de creación e funcionamento destas escolas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, o Decreto 213/1998, do 10 de xullo (DOG do 23), establece no seu artigo 1 que lle corresponden á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino en toda a súa extensión.

O Concello de Oleiros solicita a inclusión da escola de danza municipal A Fábrica no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña informa do cumprimento efectivo dos requisitos que establece a Orde do 11 de marzo de 1993.

Cumpridos tódolos trámites regulamentarios e tendo en conta o anteriormente exposto, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-la inclusión no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade Autónoma de Galicia da escola de danza municipal A Fábrica, de Oleiros, segundo os datos que figuran no anexo desta orde.

Segundo.-Esta escola queda sometida o réxime de escolas de música e danza, segundo o establecido na Orde do 11 de marzo de 1993 (DOG do 22 de abril), e ós servicios de Inspección correspondentes.

Terceiro.-O centro deberá solicita-la oportuna revisión da inscrición cando teña que modificarse calquera dos datos sinalados nesta orde.

Cuarto.-Contra esta disposición, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999

(BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Concello: Oleiros.

Localidade: Perillo.

Enderezo: rúa do Inglés, nº 11.

Código do centro: 15032182.

Titular: Concello de Oleiros.

Denominación xenérica: escola de danza municipal.

Denominación específica: A Fábrica.